TEMA 15: O TEATRO GALEGO ENTRE 1936 E 1976: A XERACIÓN DOS
50 E O GRUPO DE RIBADAVIA. O TEATRO NO EXILIO.
O RENACEMENTO
DO ENSAIO EN GALEGO
O xénero dramático acusou dun xeito moi especial a expulsión
do galego do ámbito público polo réxime franquista. O teatro implica non só a
produción dun texto literario, senón a súa posta en escena nun espazo público:
un escenario, actores, director... e, por suposto público. É dicir, que ás
condicións adversas que condicionaron unha década de silencio para o xénero poético
e narrativo, hai que engadir a inexistencia dos outros condicionantes para
facer posible o feito teatral. Esta situación contrasta vivamente coa situación
antes da guerra, en que se estaban dando pasos para unha dedicación
profesionalizada da actividade teatral.
No exilio, pola
contra, si foi posible manter unha actividade teatral en galego grazas á
numerosa colectividade galega formada tanto por emigrantes como por exiliados.
Fixéronse pezas teatrais porque era posible representalas e había demanda. Isto
explica a existencia dunha compañía de teatro (a Compañía de Teatro Maruja Villanueva)
dedicada profesionalemente á posta en escena de obras en galego. En 1941
estreouse con gran éxito en Buenos Aires a obra de Castelao Os vellos non
deben de namorarse. Imos citar algúns dos principais autores e obras
dramáticas no exilio:
- Manuel Varela Buxán: era un escritor de pezas dramáticas costumistas con elementos cómicos que gozaba de gran éxito entre a comunidade galega de Buenos Aires. Obras súas como Pola nosa culpa e Taberna sen dono alternaban representación a principios dos 40 con Os vellos non deben de namorarse, aínda que non se editarían ata os anos 70 en Galicia.
- Eduardo Blanco-Amor: sabe misturar a tradición do teatro popular con elementos vangardistas (ao estilo dalgunhas pezas teatrais de Lorca) en Farsas para títeres. O seu Teatro prá xente é un conxunto de pezas breves de ambiente popularizante, intención crítica e trama sinxela dirixidas ao público galego de Buenos Aires. Aínda que foron escritas nos anos 50 non se publicaron ata 1974.
- Luís Seoane: na súa obra A soldadeira fai unha evocación reivindicativa do pasado histórico de Galicia (a época das loitas irmandiñas).
En Galicia, as dificultades materiais e os impedimentos
políticos para representar obras en galego fixo que a aparición de textos
dramáticos fose máis tardía, menos abundante e con maior desfase entre o
momento da súa produción da súa edición ou poosta en escena. En xeral
caracterízanse por un afastamento do realismo que permiten establecer unha
certa distancia de seguridade coa actualidade do momento.
- Ricardo Carballo Calero: inspiración popular en A farsa das zocas 81948), teatro alegórico en A sombra de Orfeu (1958)
- Xenaro Mariñas del Valle: en Acurrucados (1961) fai un teatro social pero cun enfoque abstracto. A revolta (1965) trata o tema da emigración desde unha perspectiva atemporal e universal.
- Álvaro Cunqueiro: Afástase do costumismo e achégase aos mitos e aos grandes personaxes clásicos como en O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1959) no que consegue dar unha visión particular do personaxe de Shakespeare. En A noite vai coma un río (publicada completa en 1974) o tema é o amor e as súas implicacións na dialéctica corpo/espírito.
- Xohana Torres: Obras de marcado carácter alegórico con mensaxe política e social. Importancia dos peersonaxes femininos: A outra banda do Iberr (1965) e Un hotel de primeira sobre o río (1968).
- Daniel Cortezón: Teatro histórico político. Prisciliano (1970).
SIGNOS DE CAMBIO: A XERACIÓN ABRENTE
En 1973 a Asociación Cultural Abrente pon en marcha unha
Mostra Teatral na vila de Ribadavia. Este acontecemento terá continuidade no
tempo e será de gran importancia para articular o teatro galego independente.
Logran establecer unha interesante dinámica arredor do feito teatra:l
representacións, debates, concurso de textos dramáticos... A partir de 1984
amplíanse os horizontes desta iniciativa e convértese en Festival Internacional
de Teatro, que aínda se celebra hoxe en día. Arredor desta cita vanse consolidando
proxectos teatrais galegos, autores, compañías, etc. ata o punto de que na
historia da literatura galega fálase dunha Xeración Abrente.
Tamén na cidade da Coruña xurdirán importantes iniciativas
que darán lugar á Escola Dramática Galega. Ao final da década dos 70 xa hai
compañías e autores dedicados de maneira profesional ao teatro (Troula e Teatro
do Estaribel) e que desenvolven unha intensa actividade teatral nos primeiros
anos da Transición. Imos só a citar algúns autores e obras:
- Manuel Lourenzo: é actor, autor de textos teatrais, director de escena, estudoso... En 1967 funda o Teatro Circo, unha compañía independente de teatro itinerante. En 1978, xunto con Francisco Pillado Mayor a Escola Dramática Galega e, pouco despois, ven a luz os Cadernos da Escola Dramática Galega, que publican textos teatrais. Ten unha obra extensa e continúa en activo. Nas súas primeiras obras reinterpreta os mitos clásicos poñéndoos en relación coa actualidade política daquel momento: Traxicomedia do vento de Tebas namorado dunha forca, Premio Abrente 1978.
- Euloxio R. Ruibal: combina experimentación e tradición. Na súa obra Zardigot, Premio Abrente 1974, aborda o conflito da Guerra Civil.
- Roberto Vidal Bolaño: fundou en 1975 o Grupo Antroido, a cooperativa teatral Estaribel e, por último, o Teatro do Aquí. Ten recoñecido moitas veces a súa admiración e débeda con dramaturgos como Valle Inclán e Otero Pedrayo (do cal dirixiu unha obra: Rosalía). O seu é un teatro que aproveita as raíces populares pero sen renunciar á experimentación. Utilización dunha lingua simbólica e crítica ao poder:
Ledaíñas pola morte do Meco (1977)
Laudamuco, señor de ningures (1977), Premio Abrente
Agasallo de sombras (1984)
Cochos (1992)
Días sen gloria (1992)
Saxo tenor (1993)
O RENACEMENTO DO ENSAIO EN GALEGO
O ensaio foi o xénero que máis tardou en aparecer e
consolidarse en galego. A razón é doada de entender: trátase dunha lingua que
foi durante moito tempo afastada do sistema educativo e académico e do ámbito
técnico-científico. O ensaio en galego vén da man da articulación do pensamento
nacionalista galego do 1º terzo do século XX e, relacionado con el, do interese
das elites involucradas no galeguismo de estudar e reflexionar sobre diversos
aspectos da historia, xeografía, e cultura galegas. É a Xeración Nós a creadora
do ensaio en galego. A Guerra Civil e o réxime franquista acaban co entramado
cultural que sustentaba a creación de ensaio en galego: pechan e saquean a
Editorial Nós e asimesmo o Seminario de Estudos Galegos.
En 1944 publícase en Buenos Aires Sempre en Galiza, un conxunto de diversos textos ensaísticos que
conteñen as memorias e o pensamento político do seu autor, Castelao.
Tamén en Buenos Aires apareceron publicadas obras de autores
que quedaran en Galicia: Cos ollos no noso espírito (1949) de Francisco Fernández del Riego e O
libro dos amigos (1953) de Otero Pedrayo.
En Galicia o ensaio renace arredor do círculo fundador da
editorial Galaxia (Ramón Piñeiro, Domingo García Sabell, Francisco Fernández
del Riego...). O intento de recuperar o espírito da revista Nós a través dunha nova revista é frustrado pola
censura. Terán que agardar a 1963 para levar a cabo a publicación dunha revista
cultural en galego: Grial.
O ensaio do grupo Galaxia ten tres núcleos temáticos:
- Reflexión sobre a identidade galega, que para eles xira arredor da vivencia da paisaxe, a experiencia da saudade e o humor.
- Reflexión sobre a lingua galega como principal soporte identitario cultural.
- Intento de re-conectar a cultura galega coa europea (como a xeración Nós). Neste sentido, cómpre indicar que eles foron os responsables de que a famosa obra do filósofo alemán Martin Heidegger, Da esencia da verdade, aparecese antes en galego ca en castelán.
Algunhas obras e autores:
Significado
metafísico da saudade (1951) de Ramón
Piñeiro
Sete
ensaios sobre Rosalía (1952) de Domingo
García Sabell
Mito
e realidade da terra nai (1957) Xoán Rof
Carballo
O
segredo do humor (1963) de Celestino
Fernández de la Vega
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.