jueves, 30 de mayo de 2013

TEMA 15 (1º BACH): MANUEL CURROS ENRÍQUEZ

TEMA 15 (1º BACH): MANUEL CURROS ENRÍQUEZ

Curros pasou á historia da literatura galega como o poeta cívico, cuxa obra (e vida) está fondamente comprometida coas súas conviccións ideolóxicas e políticas. Naceu en Celanova en 1851 e desde moi novo deu mostras dunha vontade propia para rebelarse contra as inxustizas e así deixa a casa dos pais aos 15 anos e marcha a Madrid onde estuda o bacharelato e inicia a carreira de Dereito. Desta época é o primeiro poema en galego que se conserva: a “Cántiga” (1869). Entre 1870 e 1871 vive en Londres, exiliado por causas políticas, e gaña a vida ensinando castelán. De volta a Madrid casa e traballa para un xornal ao tempo que participa no movemento político que levará á proclamación da I República en 1873.
En 1877 preséntase a un certame literario convocado en Ourense con tres composicións costumistas: “Unha boda en Einibó”, “A Virxe do Cristal” e “O gueiteiro”. Gaña o premio e fama como poeta en galego e decide instalarse en Ourense cun posto na Facenda que compaxina coa dirección  do periódico El Trabajo e colaboracións xornalísticas en El Heraldo Gallego. Este período de estabilidade remata a raíz da publicación do seu primeiro libro: Aires da miña terra (1880), pois é denunciado polo mesmo bispo de Ourense, quen pedía ao gobernador que impedise a venda e circulación dun libro que atacaba á Igrexa e aos seus dogmas. Houbo xuízo e Curros recibiu unha dura condena que incluía o cárcere e unha cuantiosa multa. O caso foi recorrido á Audiencia Territorial e seguido con gran interese. Finalmente o poeta foi absolto e o proceso converteu a Curros nun personaxe público moi famoso, asociado para sempre a un feroz anticlericalismo. En 1888 publica O divino sainete. En 1894 emigra a Cuba onde desenvolverá traballos xornalísticos e levará adiante, xunto co ferrolán Xosé Fontenla Leal, as xestións necesarias para a creación da Real Academia Galega. Morreu na Habana en 1908 e os seus restos foron trasladados á Coruña onde se celebrou un enterro multitudinario.

A poesía de Curros está fondamente implicada nos problemas sociais e cívicos do seu tempo: no poema “Mirando ó chau” expresa o seu rexeitamento pola pena de morte, que se debatía nas Cortes durante 1869; as nefastas consecuencias do sistema de servizo militar, “as quintas”, que inxustamente recaía sobre as familias máis pobres aparece tratado en “O maio”; o problema da miseria do campesiñado galego, gravado con rendas de foro e demais impostos civís e eclesiásticos, está presente en moitos poemas como “Nouturnio”; a emigración masiva fuxindo da miseria está presente desde os inicios da súa traxectoria poética na “Cántiga” ou “As dúas pragas”; o entusiasmo polo progreso e os avances tecnolóxicos quedan patentes en “Na chegada a Ourense da primeira locomotora”. Curros cre a utilidade da poesía para loitar contra a inxustiza (“a tiranía”) e reclamar o ben común como defende en “Crebar as liras”.

Outra liña da poesía do autor é a costumista, representada nas tres composicións coas que en 1877 gañou o Certame de Ourense: “Unha voda en Einibó”, “A Virxe do Cristal” e “O gueiteiro”. Pero mesmo neste tipo de composicións podemos atopar referencias críticas ao problemas sociais do momento, como acontece en “O gueiteiro” onde se di que  “Tocaba..., e cando tocaba, o vento que do roncón polo canuto fungaba, dixeran que se queixaba da gallega emigración”, ou “No maio”.

Os poemas líricos chaman a atención no conxunto da obra de Curros pola súa aparente sinxeleza e a sinceridade con que transmiten os sentimentos máis íntimos do poeta, en ocasións relacionados con episodios tráxicos da súa vida: “Na morte da miña nai”, ¡Ai!. Especial mención polo seu simbolismo merece “A Rosalía”.

Por último, O divino sainete recupera a liña burlesca que fora profusamente cultivada na lírica trobadoresca nas cantigas de escarnio e maldicir. Curros ataca aos seus enemigos mediante unha parodia moderna da famosa obra do S. XIII A divina comedia de Dante. Así, mentres Dante se fai acompañar do poeta Virxilio nun percorrido polo inferno, o purgatorio e o paraíso, Curros déixase guiar polo poeta galego Francisco Añón polos vagóns do tren dos sete pecados capitais nunha viaxe delirante que mostra cruamente os vicios da sociedade e sinala aos seus adeptos. 

martes, 28 de mayo de 2013

TEMA 14 (1º DE BACH): EDUARDO PONDAL


TEMA 14 (1º DE BACH): EDUARDO PONDAL


Eduardo Pondal naceu en Ponteceso en 1835 no seo dunha familia fidalga acomodada. A súa orixe permitiulle acceder a unha educación formal completa: aprendizaxe das linguas e as culturas clásicas desde a súa infancia e estudos universitarios en Santiago na súa mocidade. A folgada situación económica da que gozou permitiulle vivir case toda a súa vida dedicado ao seu traballo literario. A súa etapa en Santiago serviulle para entrar en contacto co movemento Provincialista no círculo intelectual do Liceo de la Juventud e a participar nalgúns actos con simpatizantes de ideoloxías socialistas, como o Banquete de Conxo (1854) (acto de confraternización entre obreiros e estudantes) no que Pondal pronunciou un discurso no que arremete contra as distincións de clase social.


Foi moi amigo de Rosalía de Castro e Manuel Murguía e, xunto con este, foi un asiduo participante nunha famosa tertulia intelectual na Coruña coñecida como “A Cova Céltica”. Cos seus amigos historiadores, como Murguía, comparte a idea de que Galicia é unha nación de orixe celta con fortes vínculos históricos e culturais con outras nacións da Europa atlántica (celtismo). Baséanse tanto nos restos arqueolóxicos das antigas culturas que aínda quedaban no territorio galego como en vellos textos como o Lebor Gabala Erenn (ou Libro das invasións de Irlanda do s. XII) onde se atopa a lenda da conquista de Irlanda por parte do fillo do caudillo galego Breogán. Neste ambiente cultural Pondal asume o papel de “bardo” e imponse a tarefa de crear un mundo poético onde recrea unha mitoloxía desa antiga Galicia de raíces celtas (bardismo). Para facelo inspírase na poesía dun poeta escocés do século XVIII, James Macpherson, quen publicou uns supostos vellos poemas dun suposto bardo gaélico do S. III: Poemas de Ossian (ossianismo). Só queda por comentar outro dos ingredientes básicos da poesía de Pondal: o seu gusto pola poesía épica grega, a súa exaltación da ética guerreira dos pobos antigos (clasicismo) e mesmo a reprodución dunha estética machista onde a fortaleza, a dureza e os valores asociados ao mundo masculino son exaltados e contrapostos á molicie e debilidade feminina.


Debemos entender a poesía de Pondal como unha rama singular do Rexurdimento: comparte o obxectivo de defender os intereses de Galicia e de denunciar a situación de marxinación en que se atopa, pero a diferenza de Rosalía, non o fai mediante a análise crítica da realidade, senón afastádose dela e creando un mundo poético á marxe (fóra do seu tempo histórico) onde a voz do bardo vai lanzando as súas mensaxes sentenciosas ao pobo desde un plano de superioridade ética (nada que ver coa proximidade e solidariedade compasiva de Rosalía ou Curros).


Segundo un dos seus estudosos, X.L.Méndez Ferrín, a poesía de Pondal caracterízase fronte aos seus contemporáneos polo seu idealismo (creación dun mundo poético afastado da realidade da que foxe poor considerala vulgar) e formalismo (a preocupación pola lingua literaria á que el intenta elevar e dignificar seguindo o modelo dos poetas clásicos (violentos hipérbatons, abundancia de epítetos, introdución masiva de termos cultos) e o seu particular estilismo que evita a referencia directa e busca fórmulas que tenden á inconcreción, á vaguidade: ex. substituír un substantivo por un adxectivo ao que se une mediante unha relación non demasiado evidente como os rumorosos polos pinos, as vagamundas polas andoriñas.

Para Méndez Ferrín, de Pondal parte a poesía galega do S. XX e a súa achega á creación dunha lingua literaria foi decisiva.


Obras:

A campana de Anllóns (1862)

Rumores de los pinos (1877), 21 poemas bilingües

Queixumes dos pinos (1886), reelaboración do poemario anterior

Os Eoas (póstumo): trátase dun longo poema épico onde se canta a conquista de América. Traballou nel ao longo de moitos anos, pero nunca se decidiu a publicalo.

lunes, 27 de mayo de 2013

TEMA 13 (1º DE BACH): ROSALÍA DE CASTRO


TEMA 13 (1º DE BACH): ROSALÍA DE CASTRO



Rosalía de Castro naceu en 1837 dunha muller solteira pertencente a unha familia fidalga de Padrón. Esta orixe “ilexítima” fixo que as circunstancias do seu nacemento e os primeiros anos da súa vida quedasen envoltos na confusión e o misterio. O certo é que Rosalía tivo unha estreita relación coa súa nai e coa familia materna, polo que as lendas acerca do seu abandono quedan, cando menos, en dúbida. Sendo unha adolescente trasládase a vivir coa nai a Santiago, onde recibe a educación propia dunha señorita da época: leccións de música, debuxo. Frecuenta o Liceo de la Juventud onde coñece xoves con inquietudes literarias como Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre e participa en actividades teatrais. A vocación literaria de Rosalía maniféstase moi axiña en diversos xéneros (narrativa, ensaio, poesía) e nas dúas linguas que dominaba: o galego e o castelán. Velaquí as obras publicadas da autora ordenadas cronoloxicamente:

  • La flor (1857) poesía
  • “Lieders” (1858) ensaio
  • La hija del mar (1859) novela
  • Flavio (1861) novela
  • Varios poemas, entre eles, “Adiós ríos, adiós fontes” publicados en Album de la Caridad (1861)
  • Cantares gallegos (1863) poesía
  • A mi madre (1863) poesía
  • “Conto gallego” (1864) publicado postumamente en 1924
  • “Las literatas” (1865) ensaio
  • Ruinas (1866) novela
  • El caballero de las botas azules (1867)
  • “Elexía a John Moore” (1877) poema
  • Follas novas (1880) poesía
  • El primer loco (1881) novela
  • En las orillas del Sar (1884) poesía

A simple enumeración dunha obra tan ampla,variada e complexa serve para desmontar a idea de que Rosalía era unha escritora con pouca formación intelectual e artística ou intuitiva e descoidada. Só a lectura atenta da súa obra pode mostrar ata que punto é unha obra complexa, profunda, innovadora e cada vez máis valorada. Nós imos fixar a nosa atención nas súas dúas obras poéticas en galego: Cantares gallegos e Follas novas.

Cantares gallegos (1863) é un libro que resume perfectamente o espírito do Rexurdimento:
  • Defensa de Galicia como unha entidade política fronte á hexemonía de Castela.
  • Dignificación do pobo galego, obxecto de burlas e estereotipos negativos na cultura española. Denuncia da situación de miseria e das súas causas.
  • Defensa da cultura galega popular e da lingua galega como vehículo de expresión axeitado, tanto para a expresión desa cultura popular como para usos cultos e formais.
A maneira escollida para levar a cabo este programa non puido ser máis acertado: Rosalía cede a súa voz a diversos personaxes populares, fundamentalmente mulleres, que expoñen en monólogos e diálogos diversos aspectos da súa vida cotiá, as súas precarias condicións materiais e as dolorosas consecuencias do subdesenvolvemento económico e da inxustiza social: a emigración e separación forzosa, a marxinación, etc.
Só nuns cantos poemas a autora recupera a súa propia voz, como acontece na resposta ao poema de Ruíz Aguilera “La gaita gallega” ou o poema 32 “Como chove miudiño...”
A descrición, que se anuncia no prólogo desta obra, de “algunhas das nosa poéticas costumes [que] aínda conservan certa frescura patriarcal e primitiva” Rosalía faina desde un punto de vista crítico e non dubida botar man do humor e do sarcasmo: pensemos na costureiriña do poema nº 5 que lle pide á Santa que lle aprenda a bailar e, despois de soportar de mal xorne a negativa desta acompañada de moralina, lonxe de mostrarse resignada e submisa, retira as promesas anteriores e atrévese a insultar á Santa.
Cantares gallegos é unha obra cunha estrutura ben pensada: o primeiro poema “Has de cantar...” e o último “Eu cantar cantar cantei...” supoñen o principio e o final dun círculo perfectamente coherente. Do mesmo xeito, ao longo do libro vanse alternando poemas máis descritivos con poemas máis líricos, poemas de intención política con poemas festivos, poemas cunha forma máis popular con poemas cun estilo máis clásico. Todos eles responden ao programa inicial exposto no prólogo de claras intencións renovadoras no ámbito político e cultural.

Follas novas (1880) é un libro máis heteroxéneo que recolle poemas feitos en épocas moi diferentes da vida da autora. Está formado por cinco partes: I Vaguedás, II ¡Do íntimo!, III Varia, IV Da terra, V As viúdas do vivos e as viúdas dos mortos. A 1ª e a 2ª parte están compostas por poemas que tratan temas intimistas e reflexións acerca da propia creación poética. A 3ª parte contén poemas intimistas e poemas sociais, ben de ton humorístico, ben de ton grave. A 4ª 5ª parte desenvolven, por unha parte poesía costumista, moi na liña de Cantares gallegos, e por outra poesía social que presenta diversas circunstancias dramáticas frecuentes na vida das clases traballadoras galegas, especialmente as que afectan ás mulleres, tal e como indica o título da última parte.

Un dos acertos deste libro é misturar a perspectiva obxectiva (costumista, social) coa subxectiva (intimista, existencial, metaliteraria). A poesía galega enriquécese con novos temas e e perspectivas. A poesía subxectiva explora na propia alma da escritora e reflexiona acerca do sentido da vida, da relación coa morte, da experiencia da soedade, do desengano, do excepticismo relixioso e, tamén, sobre o sentido da creación literaria.
A poesía obxectiva mostra o compromiso da autora coa súa terra e o momento histórico que lle tocou vivir, tal e como expresa no prólogo: “menos pode o poeta prescindir do medio en que vive, e da natureza que o rodea; ser alleo ao seu tempo e deixar de reproducir, hastra sin pensalo, a eterna e laiada queixa que hoxe eisalan tódolos labios”. Se este compromiso xa era explícito en Cantares gallegos, neste libro adquire dimensións épicas como no longo poema “Prá Habana” ou en “A xusticia pola man”, poema no que se defende o uso da violencia para defender a propia dignidade humana e defender a xustiza nunha estrutura social que ignora aos máis débiles.

Por último quero resaltar a importancia da irrupción das voces femininas na literatura galega e con elas unha particular visión das relacións sociais e íntimas que rexen o mundo. As mulleres son o sector máis marxinal dentro dos sectores marxinais, pois ademais de sufrir a marxinación de clase, a marxinación de pertencer a unha cultura subalterna, sofren a constante marxinación por causa do seu sexo. Isto é o que nos mostra Rosalía nos dous libros que estudamos a través das múltiples voces das mulleres populares ás que ela abre as súas páxinas, pero tamén a través da súa propia voz de muller culta e solidaria, dedicada á difícil tarefa de crear unha obra literaria nun mundo dominado polos homes. 

jueves, 23 de mayo de 2013

TEMA 12 (1º DE BACH): O REXURDIMENTO II. A LITERATURA DO REXURDIMENTO


TEMA 12 (1º DE BACH): O REXURDIMENTO II

A literatura do Rexurdimento
O Rexurdimento é un movemento intelectual, cultural e político que ten como centro da súa preocupación a reivindicación de Galicia como unha entidade cultural e política posuidora dunha identidade propia e diferenciada dentro do estado español. O Rexurdimento literario non pode entenderse sen o previo desenvolvemento dun movemento político coñecido como Provincialismo. O Provincialismo reivindica a Galicia como unha entidade política e cultural diferenciada desde unha ideoloxía de carácter liberal progresista. Nel participaron activamente moitos dos escritores en galego anteriores a Rosalía de Castro como Xoán Manuel Pintos, Francisco Añón ou Alberto Camino. O Provincialismo rematou co fracaso do levantamento militar de Solís (1846) e o fusilamento de moitos dos participantes. A partir dese momento a reivindicación e a defensa de Galicia convertirase nun movemento literario: o Rexurdimento. Na década dos 50 o Rexurdimento cultural articúlase arredor do Liceo de la Juventud de Santiago e os xornais da época. É no Liceo onde Rosalía entra en contacto con ese ambiente intelectual que promove a cultura e a lingua galegas.

En 1861 organízase na Coruña un certame poético coñecido como os Xogos Florais a instancias dun rico indiano chamado José Pascual López Cortón. Nas bases do certame establécense premios para composicións en galego e en castelán. As composicións presentadas foron recollidas nun volume chamado o Album de la caridad (1862) que foi completado cun “Mosaico de nuestros vates gallegos contemporáneos”. No “Mosaico” atopamos unha nutrida representación de poemas en galego, algúns deles firmadas por escritores que protagonizarán o Rexurdimento anos despois, como Rosalía e Pondal. O trascendente deste episodio é que mostra como a lingua galega empeza a estar presente nos ambientes cultos por medio da literatura. Podemos afirmar que inicia así a loita polo prestixio, imprescindible para chegar a ser recoñecida como o principal sinal de identidade dos galegos. A literatura convértese, pois, nun instrumento fundamental, e moi eficaz, para recoller o imaxinario galego (as imaxes, crenzas e experiencias colectivas dos galegos) e ir construíndo a idea de Galicia.

Os temas que dominan a literatura galega do Rexurdimento xiran arredor de dous asuntos fundamentais:
  • O problema da identidade cultural diferenciada: aquí entraría tanto a descrición e defensa da cultura tradicional galega na que ocupa un lugar moi importante a lingua (Rosalía e Curros) como a recreación dunha mitoloxía galega (Pondal).
  • Os problemas sociais que afectaban ás clases populares: entre eles o problema da posesión da terra, as inxustas relacións económicas e de poder entre as clases dirixentes e as clases populares que son a causa da emigración masiva a América.

Adóitase dicir que a 1ª obra en galego de Rosalía de Castro, Cantares gallegos (1863), inaugura o Rexurdimento. A obra é moi importante no desenvolvemento do Rexurdimento, sen dúbida ningunha, pero Rosalía non partiu da nada, senón que se inscribe nunha tradición que daba os seus primeiros pasos. O éxito e as expectativas que abre esta obra son realmente extraordinarias e converten á súa autora na referencia inexcusable dos que veñan despois. Porén cada un dos poetas que imos estudar teñen unha personalidade vital e literaria moi acusada, como imos ver a continuación, e por iso lles dedicaremos un capítulo á parte. Meréceno.

jueves, 16 de mayo de 2013

TEMA 12 (1º BAC): A LINGUA GALEGA NO S. XIX: CONTEXTO HISTÓRICOE SITUACIÓN SOCIOLINGÜÍSTICA. CARACTERÍSTICAS LINGÜÍSTICAS FUNDAMENTAIS

 
TEMA 12 (1º BAC): O REXURDIMENTO I

  • A lingua galega no século XIX: contexto histórico e situación sociolingüística. Características lingüísticas fundamentais.

Podemos deducir dos testemuños da época acerca dos usos e hábitos lingüísticos en Galicia que a inmensa maioría da poboación desenvolvía a súa vida en galego. O castelán era a lingua do mundo oficial, das clases altas e instruídas que habitaban maiormente nas cidades e nas vilas. Cómpre ter en conta que existiría unha porcentaxe de persoas bilingües con capacidade para desenvolverse total ou parcialmente na outra lingua (castelán ou galego) pero este bilingüismo sempre estaba condicionado polo contexto, clase social e hábitat. É dicir, o uso dunha ou outra lingua aparecía ligado ás relacións de poder que rexían a sociedade, de maneira que falar galego estaba valorado negativamente e falar castelán estaba valorado positivamente.

Con todo, como vimos no tema anterior, o galego chegou ao século XIX como a lingua maioritaria de Galicia, gozando dunha gran vitalidade a nivel popular. No contexto político, social e cultural da Europa desa época a cultura popular vai experimentar unha constante revalorización e en Galicia a lingua galega será pouco a pouco recuperada para o seu uso no ámbito público e nos usos cultos e formais, entre eles a literatura.

Os primeiros textos en galego deste século son narracións de intención propagandística: antinapoleónica, xurdidas no contexto da Guerra da Independencia: Proezas de Galicia (1810) de José Fernández y Neyra; antiabsolutista e moi crítico coa Inquisición: Rogos dun gallego (1813) de Manuel Pardo de Andrade, chegou a ter unha difusión extraordinaria no seu tempo. O carácter de “lingua do pobo” do galego é tamén aproveitado pragmaticamente nos “diálogos e coloquios” de tendencia liberal que foron moi populares nos anos 20 durante o Trienio Liberal e na restauración constitucional do 1936: Diálogo entre dos labradores gallegos (1823) ou Tertulia de Picaños (1836).

Nas décadas seguintes é frecuente que aparezan textos nos que se reflexione sobre a marxinación do galego no seu propio territorio e se argumente a favor da súa recuperación pública e rehabilitación na súa valoración social: así o fai Xoán Manuel Pintos en A gaita gallega (1853) e Rosalía de Castro no prólogo de Cantares gallegos (1863). O Rexurdimento reivindica o galego como lingua propia de Galicia e fai un esforzo importante por volverlle a dar o brillo e o prestixio necesario, a través da literatura, para que se convirta nun dos elementos simbólicos máis importantes da nación.

O uso literario dunha lingua popular axiña evidenciou a necesidade de ter un modelo de lingua culto polo que guiarse: que formas son xenuinamente galegas e cales non? cal das diferentes variedades de galego utilizar? Como representar as particularidades fonéticas do galego coa ortografía habitual no español? Rosalía declara no prólogo de Cantares gallegos que se deixa guiar polo seu oído e tenta representar o galego que escoitou desde a cuna; Pondal somete o galego da súa terra de Bergantiños a un intenso labor de depuración e enriquecemento por medio de cultismos latinos e gregos; Curros baséase tamén no seu galego de Celanova, non renuncia á expresividade popular pero depurándoo de castelanismos.
  • É frecuente o uso de apóstrofes e guións: Tal com´as nubes qu´impele o vento; nun-ha
  • Atopamos vacilacións do vocalismo átono propias da lingua oral popular: delor, préstemos, miniña, sintindo, afertunada...
  • Ás veces palabras galegas, pero que teñen unha forma moi semellante á castelá, son deformadas para conseguir un aspecto máis galego. A estas alteracións chámanselles hiperenxebrismos: primadeira, brilan, estranas.
  • Uso de castelanismos: hermosa, dichoso, soledad.

Cara a 1860 aparecen os primeiros dicionarios e gramáticas de lingua galega e a Historia de Galicia (1865-66) de Manuel Murguía adícalle un capítulo ao galego. Algunhas destas gramáticas do XIX, ademais do interese pola lingua, preséntansse a si mesmas como guías útiles para que os forasteiros que viñesen a Galicia solventasen os problemas de comprensión cunha poboación maioritariamente monolingüe en galego.

En definitiva, a lingua galega ocupa un lugar importante dentro das reivindicacións do galeguismo, como símbolo fundamental da identidade nacional. Paralelamente vaise consolidando como lingua literaria, primeiro poética e máis tarde na prosa narrativa e o teatro, aínda que os prólogos escritos por Rosalía de Castro para as súas obras en galego, Cantares gallegos e Follas novas son un magnífico exemplo de ensaio en galego. A literatura galega contemporánea estaba ao final do século XIX plenamente asentada e o seu cultivo será de gran importancia para a recuperación do prestixio perdido pola lingua galega ao longo dos Séculos Escuros.

martes, 30 de abril de 2013

TEMA 17 (2º BACH): AS VARIEDADES DIALECTAIS. BLOQUES E ÁREAS DIALECTAIS. PRINCIPAIS TRAZOS FONÉTICOS, MORFOLÓXICOS E SINTÁCTICOS. O TEXTO DIALECTAL

A variación xeográfica (ou dialectal) é unha das posibles variacións que se dan na maneira de falar unha lingua. En realidade é moi difícil (ou imposible) establecer límites precisos entre os distintos dialectos, xa que as linguas forman un continuum no que van aparecendo uns fenómenos lingüísticos e morrendo outros. Así nos mapas dialectais vemos como se entrecruzan as liñas –isoglosas– que indican os límites dos fenómenos lingüísticos (poñamos por exemplo a gheada) pero non indican fronteiras ben definidas entre diferentes modos de falar unha lingua. No caso do galego podemos dicir que a unidade entre as diferentes variedades é moi grande e sempre é posible unha perfecta intercomunicación entre falantes de variedades diferentes e mesmo existe a conciencia de que a lingua que falan é a mesma. Por iso máis que falar de dialectos en galego debemos falar de bloques que agrupan falas con certas características similares:

    O bloque occidental: caracterizado polo seu carácter innovador.
    O bloque central: é o que menos características propias posúe e vén sendo unha gran área de transición onde morren as innovaciónns do bloque occidental e dan paso aos trazos máis conservadores do bloque oriental. É o que máis se asemella á lingua estándar.
   O bloque oriental: caracterizado por conservar trazos lingüísticos (conservadores) máis próximos ao latín vulgar.


MapaLinguisticoGalego

Aquí podes ver un mapa máis completo:

http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/3/3e/Galician_linguistic_areas.PNG


Estes tres bloques posúen trazos fonéticos, morfolóxicos e léxicos comúns, pero a isoglosa considerada determinante para esta distinción é a que marca a diferente maneira de facer os plurais das palabras rematadas en -n : cans/cas/cais. Dentro deles distínguense ademais varias áreas que á súa vez comparten características semellantes, como se pode ver nos cadros que seguen:


Áreas Lingüísticas Bloque occidental Áreas Lingüísticas Bloque central
As áreas Lingüísticas Bloque oriental 

A continuación tedes un enlace onde atoparedes exemplos de textos dialectais galegos de cada un dos bloques e áreas coa súa correspondente gravación sonora e transcrición escrita.




Todos os materiais gráficos utilizados neste post saqueinos de aquí: 


Grazas wikipedia!!

sábado, 20 de abril de 2013

TEMA 21 (2º BAC): A LITERATURA A FINAIS DO S. XX E PRINCIPIOS DO S. XXI. O TEATRO: O TEATRO DOS 80 E DOS 90. DRAMATURGOS, TENDENCIAS E COMPAÑÍAS ACTUAIS MÁIS RELEVANTES

 
TEMA 21 (2º BAC): A LITERATURA A FINAIS DO S. XX E PRINCIPIOS DO S. XXI.
O TEATRO: O TEATRO DOS 80 E DOS 90. DRAMATURGOS, TENDENCIAS E COMPAÑÍAS ACTUAIS MÁIS RELEVANTES

O proceso de normalización da cultura galega auspiciada polas institucións públicas que arrinca do Estatuto de Autonomía vai beneficiar dunha maneira moi especial ao teatro, o xénero que precisa dunha infraestrutura cultural máis complexa para a súa existencia.

O camiño cara á profesionalización do sector parte dalgúns dos protagonistas do Grupo Abrente, como dixemos nun tema anterior, que apostan pola formación necesaria para a posta en escena e pola creación de textos drámaticos: Manuel Lourenzo xunto con Francisco Pillado Mayor crean en 1978 na Coruña a Escola Dramática Galega e, pouco despois, ven a luz os Cadernos da Escola Dramática Galega, que publican textos teatrais, tanto traducións de autores internacionais como de novos dramaturgos galegos. Dous anos máis tarde, 1980, na mesma cidade fundan a Compañía Luís Seoane que contou cunha sala de representacións propia e estable: a Sala Luís Seoane.

En 1984 créase desde as institucións culturais do Goberno Galego o Centro Dramático Galego (CDG) que ten como finalidade promover a normalización e profesionalización do teatro en galego: representando obras de autores galegos e internacionais en galego e favorecendo a publicación de textos dramáticos mediante convenio con editoriais.

Nestes anos, da mesma maneira que aconteceu para a poesía e para a narrativa, é importante o impulso á creación dos premios: Premio Álvaro Cunqueiro mantido polo IGEM desde 1988 ou Premio Rafael Dieste creado pola Deputación da Coruña en 1991, entre outros.

Ademais dos dramaturgos da xeración anterior (entre os que destacabamos a Roberto Vidal Bolaño, Manuel Lourenzo e Euloxio Ruibal), xorde nos anos 80 unha importante xeración de novos autores arredor da Escola Dramática Galega da Coruña e do Premio de Teatro Breve da Escola Dramática Galega: Miguel Anxo Fernán Vello, Inma Souto, Luísa Villalta, Xoán Guisán, Gustavo Pernas... Todos eles caracterízanse por facer un teatro de fondo lirismo e simbolismo, evitar o realismo chegando a unha certa tendencia á abstracción (os personaxes son máis máscaras ca individuos). A este grupo pertence tamén Xesús Pisón quen posúe unha personalidade propia ben diferenciada afastada do gusto cultista e do simbolismo predominante dos anteriores. Pisón fai en O pauto un teatro que entronca coa tradición popular, esperpéntica e carnavalesca para realizar unha crítica social ácida.
A profesionalización conseguida durante esta época fixo posible a aparición de compañías estables, moitas delas aínda moi activas: Sarabela Teatro, Teatro do Morcego, Matarile Teatro, Teatro do Atlántico, etc.

Nos anos noventa consolídase o teatro en galego como unha opción viable economicamente o cal dá como resultado a continuidade creativa e a asociación de autores a determinadas compañías: os textos dramáticos son creados en función da representación e adaptados ás posibilidades dunha compañía. Moitas veces os autores son ao mesmo tempo directores ou actores das compañías nas que traballan. Aparecen tamén os textos dramáticos de autoría compartida e tamén unha certa secundarización do textos a prol da escenificación, de maneira que en ocasións nin sequera se trata dun texto fixado nin pensado para a súa edición (sucede así coas producións da compañía Artello ou Chévere, por exemplo). Aínda así, nos últimos anos e grazas ao papel dos premios á literatura dramática, xurdiron autores moi interesantes que prestan unha gran atención á elaboración de textos dramáticos de coidada estrutura e linguaxe ben traballada:
Miguel Anxo Murado: A grande noite de Fiz (1994)
Xabier Lama: O peregrino errante que cansou ao demo (1993)
Raúl Dans: Matalobos (1993), Lugar (1994)
Cándido Pazó: Raíñas de pedra (1994)
Rubén Ruibal: Limpeza de sangue (2005) Premio Cunqueiro e Nacional de Arte Dramática.

En definitiva, hoxe en día temos numerosas compañías profesionais de teatro en galego, existe un circuito estable de teatros dependente das axudas públicase prodúcense textos de calidade e espectáculos que logran suscitar o interese do público. A actual crise económica e a paralización de certas políticas públicas de apoio a manifestacións culturais tan complexas e custosas como esta poden provocar de novo, como xa sucedera na posguerra, a perda desta rica e, a estas alturas xa consolidada, tradición teatral.