TEMA 20 (2º BAC): A LITERATURA A FINAIS DO S. XX E
PRINCIPIOS DO S. XXI.
A PROSA: TEMAS E AUTORES DOS 80 E DOS 90. PROSISTAS E
TENDENCIAS ACTUAIS MÁIS RELEVANTES
A literatura galega inicia un
proceso de institucionalización: recoñécese o seu papel simbólico e aplícanse
políticas de axuda e estímulo á súa creación: subvencións, premios
literarios... deixa de converterse nun traballo de “militancia galeguista”
(inicia un proceso de desideoloxización) para desenvolver unha industria
cultural suxeita ás leis do mercado. A literatura en galego empeza a ser
rentable para abastecer un mercado editorial crecente orientado
fundamentalmente ao ensino.
Prodúcese un boom na literatura infantil e xuvenil (LIX). A narrativa
explora xéneros populares ata entón inéditos na tradición galega: a renovación
e ampliación temática contrasta coa volta aos esquemas clásicos no que se
refire á estrutura narrativa. A razón é que se busca ampliar o número de
posibles lectores: a experimentación e o espírito vangardista son arrinconados
pola maioría de autores nesta estratexia.
A finais dos anos 70 e
principios dos 80 van morrendo os grandes
narradores da posguerra: Otero Pedrayo en 1976, Blanco Amor e Álvaro Cunqueiro
en 1979, Ánxel Fole en 1986. Moitos dos autores que empezaron dentro da
corrrente da Nova Narrativa Galega entre finais dos 50 e principios dos 60
estarán nesta década e nas seguintes en plena madurez creativa: Méndez Ferrín,
Carlos Casares, Mª Xosé Queizán, Xosé Neira Vilas. Outros, que logo terán
importancia no desenvolvemento do xénero, iniciarán a súa carreira como
narradores nos 70: Xosé Fernández Ferreiro (A morte de Frank González
1975, Agosto do 36 1991), Paco Martín (No
cadeixo 1976, Das cousas de Ramón
Lamote 1986), Anxo Rei Ballesteros (Dos
anxos e dos mortos 1972).
Nos anos 80 a narrativa consolídase como un xénero en auxe,
promocionado por numerosos premios e estimulado por un crecente mercado de
novos lectores (ademais da demanda escolar, numerosos cursos de formación en
lingua galega favorecen e extenden unha variedade culta e formal cada vez
mellor aceptada pola poboación.
Moitos adultos cun nivel cultural medio e alto que foran alfabetizados
en castelán asisten a cursos de formación en lingua galega e logran superaras
barreiras que os afastaban do galego escrito.
Promoción dos premios:
Víctor F. Freixanes: O
triángulo inscrito na circunferencia
(1981), Premio Blanco Amor
Xavier Alcalá: A nosa cinza (1980), Fábula (1980), Premio da Crítica Española
Úrsula Heinze: Importante autora
de literatura infantil e xuvenil. O soño perdido e Elvira M. (1982), finalista do Premio Chitón; Anaiansi (1989), Culpable de asasinato (1993), Premio Blanco Amor.
Alfredo Conde: Breixo (1981), Memoria de Noa (1982), Xa vai o griffon no vento (1984), Premio da Crítica Española.
X.M. Martínez Oca: Beiramar
(1983), Premio Blanco Amor
A narrativa de xénero
Desde mediados dos 80 e durante a
década seguinte predomina unha literatura sen grandes ambicións intelectuais
nin artísticas que busca entreter ao lector e acadar éxito no mercado
editorial. Como se di no libro de texto “escapa aos asuntos da identidade
comunitaria ou calquera intento de renovación discursiva”. O feito de que unha
novela de xénero policial ou negro como
Crime en Compostela (1984) de Carlos G. Reigosa resultase
premiada co Premio Xerais, un dos máis importantes e prestixiosos, mostra que o
mundo editorial apostaba por esta liña de narrativa popular e accesible, máis
que por obras de verdadeiro interese artístico. A esta novela seguirían outras
moitas: Seis cordas e un corazón (1986)
de Xelís de Toro, O misterio do barco perdido (1988) tamén de Carlos G. Reigosa, Ambulancia (1990) de Suso de Toro, Miss Ourense (1994) de Bieito Iglesias, Panificadora (1994) Xosé Cid Cabido.
Outra tendencia que se
experimenta é a de ciencia ficción en Soños
eléctricos (1992) de Ramén Caride Ogando, Premio Blanco Amor. A de terror deu excelentes resultados na obra do escritor
lugués Xosé Miranda : A biblioteca da iguana (1994), A neve e
a cadeira (1994) e Vestio (1995).
A novela histórica fora xa cultivada desde os mesmos pasos do xénero
narrativo en galego (López Ferreiro: A tecedeira de Bonaval,
1894) e continuou na obra de Otero Pedrayo (A romeiría de Xelmírez, 1934). Os
escritores de fianis de século recuperan o xénero con diversa intencionalidad,
desde a de reivindicación dunha historia propiamente galega como fai Darío
Xohán Cabana en Morte de rei (1996), de
revisión dunha parte escurecida da historia recente, como acontece en moitas
novelas que abordan o tema da Guerra Civil Española do 36 como O
lapis do carpinteiro (1998) de Manuel Rivas
ou Amor de tango (1992) de Mª
Xosé Queizán ata a o mero entretemento como acontece en Morning Star (1998) de Xosé Miranda, onde se mistura unha
auténtica novela de aventuras con importantes acontecementos das revoltas
políticas do século XIX galego.
Outra liña, que poderiamos chamar
continuísta dentro da tradición galega, é a narrativa fantástica e
marabillosa, seguindo os pasos do mestre
Cunqueiro. Quen mellores resultados acadou neste xénero foi Darío Xohán Cabana:
Galván en Saor (1989), Fortunato de Trasmundi (1990).
Narrativa experimental: Xabier Queipo (Ártico, 1990) e Xurxo Borrazás (Cabeza
de chorlito, 1991; Criminal,
1994, Premio da Crítica Española; Eu é, 1996).
Narrativa infantil e xuvenil: Agustín Fernández Paz, As flores radioactivas (1989);
Contos por palabras (1990), Cartas
de inverno (1995), O único que
queda é o amor (2007). Fina Casalderrey, Mutacións
xenéticas (1991), Dúas bágoas por
Máquina (1992), Un cabalo de lume
(2007).
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.