TEMA 18 (2º BAC): O GALEGO A
FINAIS DO S. XX E PRINCIPIOS DO S. XXI: CARACTERÍSTICAS FUNDAMENTAIS, CONTEXTO
HISTÓRICO E SITUACIÓN SOCIOLINGÜÍSTICA
Resumo do marco lexislativo
Transición
democrática española: 1975 morre Franco
Constitución
de 1978
Desenvolvemento do Estado das Autonomías:
Estatuto de Autonomía de Galicia (1980)
Co-oficialización das linguas periféricas do estado nos seus
respectivos territorios.
Lei de Normalización Lingüística (1983)
Regúlase e
planifícase a introdución do galego na administración pública e no ensino.
Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004)
Decreto de Plurilingüismo (2009)
Este período coincide co final da
ditadura de Franco e o inicio da transición a un réxime democrático que vai
abrir unha perspectiva de cambio no papel das linguas das nacionalidades
históricas: galego, vasco e catalán.
En 1978 apróbase a Constitución Española que recoñece a cooficialidade, xunto co castelán,
das outras linguas españolas nos seus respectivos territorios e de acordo cos
seus Estatutos. O Estatuto de Autonomía de Galicia apróbase en 1980 e nel recóllese que o galego é a lingua propia de
Galicia e, de acordo coa Constitución, será cooficial co castelán. Os poderes
públicos de Galicia, ademais de velar polo uso normal das dúas linguas, teñen a
obriga de potenciar o emprego do galego na vida pública e facilitarán o seu
coñecemento. A partir deste compromiso recollido no Estatuto, desenvólvese a Lei
de Normalización Lingüística, aprobada no
Parlamento Galego en 1983. Nesta
importantísima lei regúlase a promoción e o uso da lingua galega na
administración pública (Parlamento, Xunta de Galicia, concellos, xustiza,
centros de ensino, toponimia, medios de comunicación públicos...). En xeral,
pomos dicir que nos últimos 30 anos foise conseguindo un grao de normalización
para o galego na vida pública bastante aceptable:
·
O galego
está presente na documentación escrita e mesmo nas interaccións orais dos
cidadáns coa administración local e autonómica.
·
Está máis ou menos aceptado como lingua do sistema de
ensino (tanto como materia de estudo ou como lingua vehicular).
·
Existe unha radio e unha televisión pública que emiten
integramente en galego.
·
Existe unha rica actividade cultural (literaria,
artística) en galego.
·
Pouco a pouco, van cedendo os prexuízos que asociaban a
lingua galega á ignorancia e á rusticidade, aínda que se reforzan outros como a
súa inutilidade no mundo de hoxe ou a asociación a determinadas posturas
políticas.
·
Aumentaron os comportamentos bilingües, tanto entre
galego falantes como entre castelán falantes.
Porén, todos os implicados no
proceso de normalización do galego admiten que estes indicios positivos
conviven con moitas sombras que ameazan o éxito da recuperación total do galego
na nosa sociedade:
·
Algúns sectores da vida pública móstranse aínda moi
reticentes a aceptar con normalidade o uso do galego nas súas interaccións cos
cidadáns: o mundo da xustiza, as forzas de orde pública (exército, garda
civil), a igrexa (igrexas).
·
Os medios de comunicación privados (malia recibir
cuantiosas axudas públicas) fan un uso case testemuñal da lingua galega e
ademais asociado determinados estereotipos negativos.
·
O medio urbano continúa mostrándose refractario á
lingua galega.
·
Dáse unha perda da transmisión interxeneracional da
lingua: moitos pais galego falantes renuncian a ensinar aos fillos a súa
lingua.
En 2004 o Parlamento de Galicia aproba por unanimidade o Plan
Xeral de Normalización da Lingua Galega
que pretendía dar un novo impulso á lingua galega no seo da sociedade galega.
Cinco anos despois da súa aprobación por parte de todos os grupos políticos con
representación parlamentaria, en 2009 rompeuse o consenso desde o Goberno galego para impulsar o actual Decreto
de Plurilingüismo que pretende blindar os
dereitos dos que non queren un avance significativo do galego na sociedade. Hai
pouco máis dun mes, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarou nulos
algúns artigos do Decreto de Plurilingüismo e aínda está pendente un recurso
perante o Tribunal Constitucional interposto pola Real Academia Galega. A
conclusión á que podemos chegar é que o consenso arredor do tema da lingua que imperou nos últimos 30
anos rompeuse e agora asistimos a un radicalización das posturas tanto por
parte dos partidarios dunhas medidas máis radicais que fagan efectiva a
normalización como por parte dos que sempre foron reacios e mesmo
belixerantemente contrarios a calquera cambio de estatus para a lingua galega:
a polémica segue moi viva.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.