lunes, 12 de noviembre de 2012

TEMA 5 (1º Bac): A POESÍA TROBADORESCA (I)



TEMA 5 (1º Bac): A POESÍA TROBADORESCA GALEGO-PORTUGUESA (I)

Introdución

Entendemos por poesía trabadoresca galego-portuguesa a produción poética medieval feita en lingua galega (ou galego-portuguesa) entre finais do século XII e mediados do século XIV. Consta dun conxunto de 1680 cantigas de tema profano transmitidos por tres cancioneiros manuscritos e 427 cantigas de tema relixioso, as Cantigas de Santa María, recollidas en catro códices.



5. 1. A poesía profana
A poesía trobadoresca nace no sur da actual Francia, a Occitania, como o produto cultural máis requintado das ricas cortes feudais. É unha arte laica, á marxe do control eclesiástico, que exalta o amor heterosexual e o servizo ás damas como un camiño de perfección do ser humano. Esta cultura aristocrática cortesá, literaria e musical, axiña se estendeu por toda Europa. Nalgúns lugares prendeu e chegou a ter un desenvolvemento propio, como é o caso das cortes reais e aristocráticas do occidente da Península Ibérica: a escola trobadoresca galego-portuguesa.

A nosa lírica medieval, polo tanto, é de carácter trobadoresco. Nace entre finais do século XII e principios do século XIII, inspirada na literatura que estaba de moda en Europa: a lírica trobadoresca occitana.  Dela toma o tema fundamental, o amor cortés, así como as formas poéticas e musicais.

Porén, a escola trobadoresca galego-portuguesa axiña adquirirá personalidade propia, tanto na súa interpretación do amor cortés a través do xénero da Cantiga de amor, como na adaptación ao estilo trobadoresco da tradición autóctona da canción de muller a través das Cantigas de amigo. Polo que respecta ás Cantigas de escarnio e maldicir, se ben ten relación co xénero occitano do sirventés, presenta temas e tratamentos formais característicos.

Dos tres xéneros que acabamos de mencionar, dous teñen como tema fundamental a expresión do amor entre un home e unha muller: as cantigas de amor e as cantigas de amigo. O terceiro, as cantigas de escarnio e maldicir, teñen como obxecto a crítica burlesca dunha gran variedade de temas: sociais, políticos, literarios, etc. A maioría das cantigas que se conservaron pertencen a un destes tres xéneros, pero tamén hai exemplos doutros xéneros como a alba, a pastorela ou o pranto.

 

A cantiga de amor traspón as relacións sociais xerárquicas que ordenaban o mundo feudal ás relacións amorosas. Deste xeito o poeta, na cantiga de amor a voz poética é sempre a do poeta namorado, considérase un vasalo ao servizo da dama á que nomea como senhor. A senhor aparece como un ser idealizado, inalcanzable na súa perfección e o poeta sabe que non é merecedor dela, polo que o servizo amoroso é unha fonte de sufrimento que chama coita de amor. Porén, a súa perseveranza é considerada como un camiño de perfección que o achega a Deus. A coita de amor é o tópico fundamental sobre o que xiran estas cantigas. O único que queda por saber é como afronta con resignación ou se rebela contra el o poeta. Outros aspectos complementarios que se adoitan tratar son: a descrición da amada, o amor (forzado) a primeira vista, o amor non correspondido e a perseveranza do poeta perante o desdén da dama, a necesidade de manter en segredo o amor, o pesar da señor polo amor do poeta e a obsesión amorosa do poeta.



A cantiga de amigo presenta a relación amorosa desde o punto de vista feminino. A voz poética, polo tanto, é a dunha muller (raramente é unha voz en 3ª persoa que narra o que sucede entre os namorados) que nos fala, a nós ou a outro interlocutor, da súa experiencia amorosa. Trátase dun amor correspondido, ou con moitas probabiblidades de selo, non só espiritual senón tamén físicamente. En moitos casos a cantiga de amigo é o reverso da cantiga de amor pero humanizada: aparecen todos os tópicos do amor cortés, pero a dama que agora fala xa non é aquel ser frío e inaccesible, moitas veces cruel, da cantiga de amor, senón unha muller que padece tamén o sufrimento do amor.
Noutro tipo de cantigas de amigo, chamadas popularizantes, a amiga ten un papel moi activo na relación amorosa, preséntase rodeada da natureza, disposta para un encontro amoroso que pode producirse, colmando aos amantes de felicidade, ou non, causando unha gran frustración. Tanto nun caso coma no outro, os elementos da natureza escollidos na ambientación cobran un importante valor simbólico, dándonos información acerca do que pasou ou vai pasar. Temas frecuentes nas cantigas de amigo son: a concordia amorosa, o amor prohibido, a indiscreción do amigo, a ruptura, a separación e a coita da amiga.



As cantigas de escarnio e maldicir teñen unha finalidade lúdica, pois buscan facer rir ao público utilizando a burla e a ironía para criticar variados aspectos da sociedade e dos acontecementos políticos e literarios contemporáneos. A sátira política foi utilizada en ocasións para intervir en conflitos que tiveron moita importancia histórica intentando influír na opinión pública. Un exemplo disto serían as cantigas onde Alfonso X critica a covardía dos seus cabaleiros na guerra de Granada das que temos un exemplo en O genete. A sátira social, persoal e de costumes critica as faltas e excesos de personaxes e grupos sociais, moitas veces a partir de personaxes arquetípicos: Ex. as sátiras contra os infanzóns e cabaleiros da baixa nobreza, os cabaleiros que non gardan o decoro, etc. Un grupo importante de cantigas utiliza unha temática abertamente obscena na súa crítica contra as soldadeiras, os clérigos viciosos, os homosexuais, pedófilos, onanistas, etc. A sátira literaria mostra a estreita relación e interacción que existía entre os trobadores e xograis: críticas ás composicións dos outros, sátiras sobre certos tópicos do amor cortés, debates dialogados, acusacións de plaxio ou incompetencia, etc. Máis escasos son os exemplos de sátira moral con intención de queixarse da perda xeral de valores no mundo e a defensa polos bos costumes e a virtude dos tempos pasados, un subxénero que se remonta á antigüidade clásica.

Recursos formais
Dous apuntamentos sobre a métrica: os versos adoitan se de igual medida, se o número de sílabas é diferente entre os versos dunha estrofa esa diferenza debe repetirse nas seguintes. Entre estrofas pode haber variación métrica. A variación tamén pode darse na rima nas diferentes estrofas.
A maioría dos recursos formais da poesía galego-portuguesa teñen que ver coa repetición, algúns deles son específicos desta escola:
Dobre: repetición dunha palabra dúas ou máis veces na mesma estrofa, en todas as estrofas e no mesmo lugar.
Mordobre: é un artificio similar ao dobre pero no canto da mesma palabra usa palabras da mesma familia léxica.
Palabra rima: unha palabra ou secuencia de palabras repetida en posición de rima no mesmo verso de todas as estrofas.
Rima derivada: o mesmo cá palabra rima pero en vez de tratarse dunha palabra trátase de palabras da mesma familia léxica.
O paralelismo: o paralelismo literal dáse entre versos que se repiten case idénticos cunha pequena variación como o cambio dunha palabra por un sinónimo. O leixa-pren  consiste en repetir o 2º verso da 1ª estrofa como 1º verso da 3ª estrofa, o 2º verso da 2ª estrofa como 1º verso da 4ª estrofa e asísucesivamente.
Procedementos de ligazón entre estrofas: Ademais do leixa-pren, utilízanse outros procedementos que facilitarían a memorización das cantigas para os intérpretes.
-Cobras capcaudadas: O primeiro verso dunha estrofa retoma a rima do último verso da anterior.
-Cobras capfinidas: o 1º verso da 2ª estrofa retoma un lexema, palabra ou frase do último verso da estrofa anterior.
-Cobras capdenals: son as que teñen versos que comezan pola mesma palabra ou grupo de palabras.

Cantigas atehudas: son aquelas nas que o sentido dunha estrofa non se completa ata a estrofa seguinte e así sucesicamente vanse encadeando as estrofas. Ao final poden ter uns versos finais, a fiinda, onde remataría o sentido a última estrofa e chegariamos á conclusión. Esta posibilidade chámase cantiga de ata fiinda.

Polo que respecta ás figuras literarias de pensamento, as máis frecuentes son:
O paradoxo: é unha figura que se basea en atentar contra a lóxica, por exemplo, na afirmación de dúas sentencias que se contradín: ex. Ora non moiro, nen vivo, nen sei(...)
A perífrase: consiste en empregar unha frase ou oración alusiva no canto de usar a palabra directamente: ex. a que me sempre desamou no canto de a minha senhor.
A comparación: moitas veces funcionan como simples estereotipos (son sempre as mesmas): ex. a mais fremosa de quantas Deus fez.
A hipérbole: É unha figura moi importante na poética trobadoresca, tanto para os xéneros amorosos como os burlescos: ex. acusar a Deus de pecar por permitir que os seus vasalos se namoren sen esperanza. Hiperbólica é toda a narración que fai Eanes Coton sobre a ansia de quedar ben sen gastar de Don Fagundo.
A metáfora: o xénero que máis utiliza este recurso é o de escarnio: ex. na cantiga de Pero da Ponte, a maeta ferrada que perdeu o cadeado é unha clara metáfora dos órganos sexuais de María Balteira, accesibles a calquera.
O símbolo: presente nun pequeno pero importante grupo de cantigas de amigo. Son elementos da natureza (fonte, auga, auga avolta, cervo, lavar cabelos, mar, ondas, flores, aves cantoras) ou obxectos (anel, cinta, rachar a tea do vestido, brial, camisa).
A ironía: consiste en afirmar o contrario do que se pensa con intención de burlarse desa afirmación. O xénero que máis a utiliza é o de escarnio, ex: a 1ª cantiga de Pero da Ponte, Quen a sesta quiser dormir, baséase nesta figura.
O equívoco: é unha figura que xoga cos dobres sentidos das palabras, provocando ambigüidade e un sentido oculto (ás veces difícil de descubrir) que agacha unha crítica feroz. é o caso da 2º cantiga de Pero da Ponte, María Pérez, nossa cruzada.

BIBLIOGRAFÍA: Arias Freixedo, X.B. (2003). Antoloxía da lírica galego-portuguesa, Vigo, Ed. Xerais

lunes, 5 de noviembre de 2012

TEMA 6 (2º BACH): A LITERATURA DO 1º TERZO DO S. XX: A XERACIÓN DO 25. AS VANGARDAS NA LITERATURA GALEGA: POESÍA


TEMA 6 (2º BACH): A LITERATURA DO 1º TERZO DO S. XX: A XERACIÓN DO 25. AS VANGARDAS NA LITERATURA GALEGA: POESÍA



6. 1. A Xeración do 25: o cambio dentro da tradición
 Diciamos nos temas anteriores que o 1º terzo do século XX gravita arredor da Xeración Nós, que ocupa o centro indiscutible en todo o traballo cultural e político de signo galeguista. Para os escritores máis novos, os membros da Xeración Nós son unha especie de mestres que teñen un coñecemento moi valioso dos camiños de renovación que eles queren transitar: posúen unha formación cultural profunda e ampla, coñecen ben a literatura europea e están ao día das últimas novidades. Os escritores da Xeración do 25 pídenlles información, aprenden deles, e, finalmente, buscan os seus propios camiños, pero non chega a haber unha ruptura xeracional senón un espírito de colaboración. Un bo exemplo do que acabamos de dicir atopámolo na correspondencia de Manuel Antonio, onde o xove poeta de Rianxo escribe a Vicente Risco para pedirlle información sobre as novidades da literatura europea das vangardas:

Sr. Risco:
Eu sei que é vostede conecente d´os fundamentos teóricos das máis novas tendenzas literarias. Teño intrés en poder xuzgar por min mesmo os derradeiros –ismos. E sendo isto case imposible nunha aldea, a trasmán de todo movemento cultural, coidei axeitado molestal-o, e perdoe, pra lle facer istas perguntas:
Onde poderei adiquirir o Manifesto futurista catalán, pubrigado fai pouco, y-o seu libro Preludio a toda Estética Futura?
Cales obras, e de quen, poderanme informar sinteticamente do que sexa futurismo, cubismo, dadaísmo, ultraísmo, unanimismo, imaxinismo etc.?
Que revistas dan producións d´isa clas?
Que libros e de quen fan literatura d´isa?
E se a todo isto quixera engadir algún dato que coide comenente, medrará o intenso agradecemento a que ficarei obrigado pol-a sua resposta.

Seu e ás suas ordes

Manoel-Antonio



O primeiro poema vangardista da literatura galega é de Vicente Risco e foi publicado en A Nosa Terra en xaneiro de 1920. Para Risco este poema debeu ser máis ou menos un divertimento que non tivo continuación na súa obra, pero a súa publicación ofrece no panorama literario galego algo radicalmente novo que non vai pasar desapercibido entre os máis novos. Vemos que uns meses despois Manuel Antonio pídelle información a Risco e este respóndelle amablemente cunha longa carta onde, como un paciente profesor, lle ofrece unha sintética exposición sobre as vangardas e promete enviarlle material relacionado. Manuel Antonio será o poeta que mellor conecte co espírito das vangardas, como veremos máis adiante.
A Xeración do 25 está formada por escritores nados arredor de 1900 que se incorporan á literatura galega moi novos nos anos 20. Son fundamentalmente poetas, aínda que atopamos tamén narradores e dramaturgos como Rafael Dieste. Caracterízanse por buscar unha expresión literaria nova, máis ou menos rupturista coa tradición, que pretende incorporar á literatura galega os experimentos na arte literaria dos ismos.

6.2. A literatura de vangarda
 É o momento de definir que entendemos por vangarda e cales son os cambios que promovían na creación artística e na literaria.
O termo vangarda tén a súa orixe na terminoloxía militar: a avant garde eran as tropas que marchaban nunha posición avanzada, dispostos a asumir os riscos e entrar na batalla antes ca ninguén. Na Europa da 1ª e 2ª década do século XX que se prepara para a guerra (1ª Guerra Mundial 1914-1918) os artistas de vangarda asumen nas súas disciplinas esa posición avanzada e chea de riscos, dispostos á experimentación e á ruptura violenta con calquera tipo de conformismo. Son os creadores rebeldes que provocan á sociedade coas súas propostas radicalmente innovadoras. O 1º terzo do século XX foi en toda Europa unha época de gran efervescencia artística onde esta actitude rupturista das vangardas se propaga con rapidez en diferentes propostas (ismos) que se suceden ou conviven entre si: futurismo, cubismo, dadaísmo, creacionismo, surrealismo... Aquí tes unha caracterización da arte de vangarda e información sobre todos estes -ismos.


Os ismos son movementos artísticos de vangarda que se opoñen á arte convencional e expoñen os seus ideais estéticos en manifestos. Os únicos textos que podemos considerar manifestos na literatura galega saíron da pluma de Manuel Antonio: Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribiu e Manifesto Máis Alá (este último firmado tamén polo debuxante Álvaro Cebreiro).


6. 2. As vangardas na literatura galega
Na literatura galega, como vimos a penas se produciu unha ruptura, como era preceptivo nos movementos vangardistas europeos que antes que nada desexaban romper coa tradición. Mais a tradición, no que respecta á literatura galega era demasiado recente e aínda non estaba totalmente consolidada: romper coa tradición podía ser unha especie de suicidio. O único que adopta esta posición iconoclasta é Manuel Antonio, pero, como veremos, esta actitude non tivo no seu momento moitos seguidores. A maioría dos poetas opta por unha renovación desde a tradición.
O afán de apertura ás novas correntes artísticas europeas aprézase no nacemento de novas revistas literarias en Galicia, ademais de Nós e A Nosa Terra, onde publicarán os seus textos autores galegos e estranxeiros como Alfar na Coruña, Ronsel e Yunque en Lugo, Resol en Santiago, Cristal en Pontevedra e Galiza e Papel de color en Mondoñedo.

6. 2. 1. Poesía
6. 2. 1. 1. A vangarda matizada
É a opción maioritaria e consiste en misturar aspectos formais (rima, metrica popularizante, mecanismos de repetición) e temáticos (atención á paisaxe, costumismo) consolidados na tradición con outros de raíz vangardista (utilización de imaxes audaces, ruptura da linearidade e da lóxica) .
Hilozoísmo: poesía paisaxística que mistura imaxes creacionistas con recursos da lírica popular (versos octosílabos, rima asoante). O poeta máis destacado desta corrente é Luís Amado Carballo: Proel (1927) e O galo (1928).
Neotrobadorismo: concilia temas e técnicas formais da lírica medieval (especialmente das cantigas de amigo) con imaxes e metáforas creacionistas. Dentro desta liña escribiron Fermín Bouza Brey: Nao senlleira (1933) e Álvaro Cunqueiro: Cantiga nova que se chama riveira (1933). Foi unha tendencia que naceu ao son da divulgación nos medios académicos galegos da lírica trobadoresca galego-portuguesa medieval. Tivo un grande éxito e desenvolveuse durante varias décadas desde os anos 30 ata ben avanzada a posguerra.

6. 2. 1. A vangarda plena
As obras encadradas nesta tendencia pretenden romper coa tradición, creando universos poéticos singulares, diferentes e cun alto grao de abstracción. O poeta procura distanciarse do mundo concreto que o rodea, da súa propia experiencia vital ofrecéndonos un produto artístico deshumanizado. O poema é unha serie de imaxes que se xustapoñen sen un fío condutor, sen unha liña sucesiva lóxica, despegado do mundo real. A cuestión é se, mesmo desde esta postura radical, os poetas galegos conseguen romper efectivamente co sentimentalismo e rachar coa representación da vivencia persoal. Isto decidirédelo cando leades os seus poemas.
Creacionismo: para os creacionistas o poeta é un deus capaz de crear un mundo autosuficiente nas súas creacións artísticas. Foxen da arte como imitación da realidade, da arte como medio para calquera outro fin que non sexa a propia arte. Os poemas constrúense con imaxes que non necesitan a lóxica do mundo real. O máximo representante galego é Manuel Antonio que só publicou unha obra en vida: De catro a catro (1928).
Cubismo e Surrealismo: Cunqueiro é o outro representante da vangarda plena en dous poemarios onde introduce con gran mestría o cubismo: Mar ao norde (1932) imaxes xustapostas, abstracción, sintetismo; e o surrealismo Poemas do si e non (1933) onde, influído por Paul Éluard utiliza versos libres longos con rupturas sintácticas que quebran a orde lóxica do discurso e imaxes irracionais. 

O espírito desta vangarda plena podemos atopalo neste texto de Manuel Antonio:

 
PRÓLOGO DE UN LIBRO DE POEMAS QUE NINGUÉN ESCRIBIU

Quero no prólogo desprestixiar o autor deste libro. Inda que as miñas verbas limiares lle concedan creto diante de alguén –ese alguén que sempre atopa razóns pra se arredar do senso común– polo menos diante de outros, que serán os mais, desmerecerá d'abondo coa miña presentación.

O autor deste libro, a diferenza dos poetas da súa terra, tan humildosos devotos da Santa, do Bardo e do Rebelde, non por asomellarse a ninguén, e moito menos ó consabido trío, fixo da súa independencia un sagro fanatismo, e velaquí o tendes só, ergueito e orgulloso.

Ten, ademais, a súa arte resonancias futuristas, creacionistas, dadaístas e non sei que máis, todas elas anarquicamente escolmadas e autocraticamente peneiradas. El di, a pesar disto, que a súa arte é máis racial que moitos dos que campan a rentes do noso chan, polo temor de ver na estética do pobo o espírito e non a letra (onde non marrará algún moderno impio que lle chame retardado por ir de acordo co vello aforismo bíblico).

Botouse ó traballo de facer un molde propio para o seu lirismo, sen reparar no celeiro de moldes feitos que nos deixaron os inesquecentes Precursores. Esta renuncia ó valioso herdo das frases consabidas non deixa de o por ás vegadas en camiños de apreto: ben veredes nas follas deste volume os seus poemas latexantes, indecisos, incorrectos. Mais el aínda ten o arroallo de gabarse disto cando di:  Poeta de intencións propias, pero non de realizacións alleas.

Parodiando a Xulio Camba, xa lle chamou alguén arredista de acción literaria: nunca foi a Madrid nin escribiu en castelán. Nin quere "triunfar" (na conxugación madrileña do verbo) nin claudicar nun idioma mais fácil e mercadeiro, pero alleo. Encol disto, pensa que someter a arte ás necesidades da vida, en troques de someter a vida ás necesidades da arte, é a forma mais engullosa de filisteísmo.

O ritmo dos seus versos non se pode levar cos pés no piso nin cos cotelos encol da táboa; e el quixera facelos decote de tal xeito que non puideran ser declamados nin aprendidos de memoria. Isto somentes, xa o leva dereito a perder a admiranza das amables mociñas románticas e dos amenos diletantes de segunda man.

Teñen en troques estes poemas unha antiburguesa incomodidade. Inútiles como pasatempo, requiren certa colaboración auditiva, inda que non pertenzan esclusivamente a "aristocratie nevropathique" do profesor Babinski. 

Esquenceu a gramática lóxica e a lóxica gramatical; os temas consagrados, as formas invioladas. A sua única páxina romántica e o suicidio do seu sentimentalismo.

Entende a honradeza literaria escribindo somentes para sí. E tería pola máis alta razón do seu aristocratismo que ninguén fose quen a recoller por enteiro a sua espontánea expresión.

Recoméndovos entre os seus poemas o "Madrigal á Lúa preñada", onde o poeta oferta o seu amor seisual a Lúa, pobre nena burguesa a quen volveron histérica todos os castos poetas do mundo; a "Balada imprevista dos pinos solteiros", "O sorriso dos (o)llos axionllados", e o "Poema para ler pasado mañán".

Comencei decindo que desexaba desprestixiar o autor deste libro; non sei se o conseguín, mais contando co gusto das nosas xentes, coido que si.

Trato de desprestixialo por que coido que as persoas para quen ten prestixo o prestixo non deben ler este libro. Aínda así e todo, os tres centos por cen dos que o lean non o deberan ler. Isto derradeiro dío o autor; el saberá por qué. Mais, ó paso que levamos, poida que teña razón en coidar que o seu libro está máis alá de tres xeneracións.

Santiago do 1924.


Publicado no xornal Galicia, Vigo, 25 de xullo de 1924
 


6. 2. 2. Prosa (continuaremos no seguinte post)

sábado, 3 de noviembre de 2012

O mapa de Fontán e Otero Pedrayo


Este señor de ademán serio que vedes no retrato é o matemático e xeógrafo Domingo Fontán autor da famosa Carta Xeométrica de Galicia que podes ver e descargar aquí.

A Carta Xeométrica de Galicia é un exemplo de sabiduría, audacia e tesón por parte do seu autor en condicións pouco propicias. De sabiduría porque é unha representación que aínda hoxe sorprende pola súa extraordinaria precisión, lograda grazas á aplicación dun método científico: establecemento de puntos xeodéxicos desde os que se realizou unha triangulación da totalidade do territorio galego, o que favoreceu a medición e representación precisa dos accidentes xeográficos. Audaz porque utiliza ferramentas que aínda non estaban plenamente aceptadas naquela época como o sistema métrico decimal (en España non se adoptou oficialmente ata 1849). Tamén se sitúa na avangarda científica europea ao utilizar a escala  (1 : 1000 000). E tesón porque o fixo malia os moitos impedimentos de todo tipo que atopou, mesmo de deconfianza política, pero que lonxe de desanimalo fixérono perseverar ata culminar a súa obra 17 anos despois de tela comezada (desde 1817 ata 1834). O certo é que Galicia tivo un mapa feito desde os estándares científicos máis esixentes antes ca ningunha outra parte de España e antes ca moitas outras nacións europeas, e isto é toda unha proeza, tendo en conta o contexto en que se fixo. A obra imprimiuse en París en 1845, despois de moitos problemas e dilacións en España.
Otero, catedrático de xeografía, era un gran admirador da Carta Xeométrica de Domingo Fontán como proba o feito de que apareza varias veces na súa obra dotada dun alto valor simbólico: o mapa  dálle unha imaxe fiel a Galicia e, polo tanto, outórgalle unha existencia que trascende o concreto e conecta co imaxinario. Lede este emocionado artigo de Otero Pedrayo onde o mapa é o auténtico protagonista:


 
O FONTÁN EN BUENOS AIRES

Algunha elocuencia era precisa nas Aduanas para xustificar aquel longo paquete de bodega, moi fraco para tapiz de luxo, sospeitoso como os tipos asubiados topados nos camiños, mapa sentimental que non desperta os receos das Chancelerías nin dos Estados Maiores. Cando o miramos subir ao barco no peirao de Alcántara de Lisboa, puidemos subir nós tamén todos, como dicíndolle á nao aquilo do fermoso himno:

Toda Galicia vai nela

De boa gana houbéramos desenrolado na cuberta a ilustre lección de Fontán. Baixamos a miralo no seu cadaleito de ripias. Que saudade levaría de luz e nubes e ceos docemente matizados! Moitas veces na inqueda larganza do mar imaxinaba vales galegos e costas verdecentes a infinda caridade das ondas para os contemplativos. Entón sufriamos polo mapa ás escuras.

Xurdiu á luz do outro hemisferio, trocadas as sazóns no inverno (cando en Moraña son novos os millos) nunha sala de connferencias. Palpabrexou un pouco sorprendido do novo ceo, pero de seguida a luz de moitas miradas galegas devolveulle a confianza. E luciron as feituras das serras, os encaixes das costas, a graza dos vales, en lume as cruces do arcebispado e dos bispados, ofrecéndose xentís as pontes, brillando as torrres e os vidros como nas mañás outonizas cun esculcante e gasalleiro sol..

Centos de olladas galegas o consideraban. En moitas houbo bágoas, en todas a ledicia dunha revelación, lembranza feita de súpeto corpo e claridade diante dos ollos. Naquela conferencia deuse un caso marabilloso e quizais único na historia das conferencias: era o mapa quen guiaba e falaba polas palabras do conferenciante, que repetía como un “altoparlante” o que baixiño dicían o vento nas carballeiras, o devalar das ondas nos areais, o madurecer dos pomareiros, e aquel devalar maino e potente da lingua galega no seu ámbito, berce e altar. Era o mapa quen falaba operando taumaturxicamente coa graza e a beleza dos nomes na lembranza. Algúns pequeniños de lugares arreconchegados espallaban potente luz. E na imaxinación dos emigrados a campá do seu lugar, o acento da súa comarca, subían das néboas mestas a unha nova e consoladora verdade. E coa derradeira frase ritual das conferencias comezou a interna lección do mapa. Agora falaba baixiño ao ouvido e ao corazón de cada un. Tiña para todos amores e lembranzas. Dedos murchos de vellos que temen ser enterrados en “Chacarita” procuraban polo Salnés, por Lemos, tocar un nome, seguir un camiño de rapaces e primavera. Mans de nais guiaban aos seus fillos, mostrándolles no mapa términos e e paisaxes amados como nun Nacemento se mostran os vieiros dos Magos e dos Pastores. Homes de traballos e azares tiñan expresións graves e conmovidas. E cando no balbordo das conversacións e lembranzas puido franquear un camiño, unha señora velliña, co seu sombreiro e abrigo doutro tempo, chegándose guiada por un instinto de amor, bicou longamente un nome no mapa. Toda a grandeza da Carta Xeográfica de Fontán viuse aloumiñada por unha divina claridade de consolo.

RAMÓN OTERO PEDRAYO, (2/XII/1947) xornal La Noche, Santiago.


lunes, 29 de octubre de 2012

TEMA 5 (2º BAC): A LITERATURA DO 1º TERZO DO S. XX. A XERACIÓN NÓS


TEMA 5 (2º BAC): A LITERATURA DO 1º TERZO DO S. XX 



5.1. A Xeración Nós

Por Xeración Nós enténdese normalmente o grupo fundador da revista Nós en 1920: Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Antón Losada Diéguez e Alfonso Castelao. A este grupo ourensán-pontevedrés pode engadirse un grupo coruñés no que estarían Villar Ponte e Xohán Vicente Viqueira. Funcionan como un grupo coherente que comparte uns ideais políticos e culturais e non dubidan en poñer en marcha, ou participar activamente, en diversos proxectos para levalos a cabo. Aínda que esta inicial unidade de acción acabará rachando, pois non todos se integran no nacionalismo político, si podemos afirmar que consiguen dotar ao nacionalismo dun entramado organizativo cultural e que, malia a ruptura, tamén conseguen articular un proxecto político, que culminará na fundación do Partido Galeguista (1931) e a aprobación do Estatuto de Autonomía.
Desde o punto de vista literario o seu papel é fundamental: son os creadores da prosa moderna en galego, tanto narrativa como ensaística. Son capaces de crear cada un deles un estilo persoal inconfundible e cunha vontade clara de contemporaneidade, deixando atrás as formas decimonónicas. Asemade, desde a súa rigorosa formación intelectual, poñen en contacto a literatura galega coas diferentes culturas europeas, os movementos artísticos e abren debates moi interesantes acerca do que debe ser unha “arte nacional galega”, que resultan moi estimulantes para a nova xeración de escritores. Centrarémonos en repasar as principais contribucións desta xeración na prosa narrativa e no teatro dun xeito sintético.



Prosa narrativa:
Vicente Risco: autor dunha prosa nerviosa, aparentemente casual, acumulativa. Baséase na esaxeración e a ironía para conseguir un efecto humorístico nas súas acedas críticas da sociedade burguesa e mercantil que predominaba nas vilas e cidades galegas da súa época. Outra liña temática importante nos relatos é o recreación de mitos tradicionais galegos.
Relatos breves: Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919)
  O lobo da xente (1925)
Novela: O porco de pé (1928)

Ramón Otero Pedrayo: autor dunha gran obra narrativa tanto en forma de relatos como de novelas longas. Os temas fundamentais que trata son, por unha parte, a explicación da evolución histórica de Galicia, desde os momentos de esplendor aos de decadencia, e, por outra parte, a exploración do proceso psicolóxico de descubrir Galicia e chegar a un compromiso profundo coa súa terra que fai cambiar o sentido da vida dos protagonistas. El mesmo e os seus compañeiros de xeración experimentaron esta “conversión” aos ideais do nacionalismo. A súa maneira de escribir prosa poderiamos comparala á dun gran río que avanza lentamente recollendo a cada paso diferentes regatos de diferente importancia que se van engadindo ao seu abundante caudal. Oracións longas que se ramifican en ramas subordinadas, ricas en adxectivación e recursos que xogan cos nosos sentidos.
Os camiños da vida, triloxía de 1928
Arredor de si (1930)
Castelao: a obra narrativa de Castelao é un exemplo de contención e aparente sinxeleza. Unha lingua elegante sen perder a súa raíz popular nos diálogos vivos, nas frases feitas, na lingua marcada dialectalmente nalgunhas secuencias. Explora con éxito os xéneros narrativos máis breves, moitas veces combinados con debuxos seus, chegando ás veces a construír pequenas obras de arte de intensa beleza. En Castelao temos unha narrativa que busca conmover ao lector cos agudos problemas sociais da Galicia da súa época.
Un ollo de vidro, memorias dun esquelete (1922)
Cousas (1926)
Retrincos (1934)
Os dous de sempre (1934), a súa única novela.

–Teatro: Conciben o teatro como un espectáculo artístico, non só como un diálogo literario. Trátase dunha concepción que busca retomar a tradición do “teatro da arte” onde se aproveitan recursos plásticos de luz, cor, máscaras, música e personaxes arquetípicos.
Vicente Risco
O bufón d´El rei (1928)
Otero Pedrayo
A lagarada (1929)
Teatro de máscaras (1934)
Castelao
Os vellos non deben de namorarse, aínda que foi escrita nos anos 30, non foi publicada e representada ata 1941 en Buenos Aires.

En definitiva, a partir da Xeración Nós quedou perfectamente claro que o galego non só era unha lingua apta para a poesía ou para tratar temas costumistas relacionados coa Galicia rural, senón unha lingua adaptable a calquera tipo de tema e no rexistro adecuado tanto no uso escrito (correspondencia persoal, artigos de xornais, ensaios sobre temas académicos, novelas e relatos...) como oral (conferencias e discursos...) e isto foi posible grazas a unha planificación completa do seu traballo cultural e ao seu esforzo por dignificar e darlle presenza na vida pública ao galego.





TEMA 4 (2º BAC): A LITERATURA DO 1º TERZO DO S. XX. A XERACIÓN ANTRE DOUS SÉCULOS


TEMA 4 (2º BAC): A LITERATURA DO 1º TERZO DO S. XX 





4.1. Un 2º Rexurdimento literario

Ao longo do 1º tramo do s. XX o Rexurdimento literario iniciado no s. XIX vai experimentar un importante impulso. Convocados pola potente mensaxe das Irmandades da Fala, varias xeracións de escritores con moi diferentes concepcións literarias conflúen nesta época gravitando, como di o estudoso Méndez Ferrín, arredor da Xeración Nós.

Cómpre insistir na eficacia organizativa das Irmandades da Fala: creación de filiales da organización en moitas vilas e cidades galegas, a capacidade para entusiasmar a un importante sector da intelectualidade galega co seu proxecto cultural e político (reivindicar a lingua galega implicaba tamén articular un modelo de sociedade galega en que estas reivindicacións tivesen sentido), crear canles culturais para difundir os seus ideais: xornais, revistas, editoriais, seminarios... e, tamén, no deseño coherente dun plan de actualización da cultura galega. Nada disto sería posible sen o compromiso absoluto co proxecto dos membros da Xeración Nós, un grupo de homes cunha boa formación cultural, ben informados das últimas tendencias artísticas europeas e con vocación para asumir o liderato que se precisaba para que funcionase esta inxente tarefa de construción cultural e política.

4. 2. A Xeración “Antre dous séculos” e os escritores ligados ás Irmandades

Deste xeito teriamos a Xeración “Antre dous séculos” formada polos escritores máis vellos, sen vencellos de grupo, virados cara á estética do século XIX, dominada polo costumismo e un intimismo imitador do iniciado por Rosalía. A organización do nacionalismo a través das Irmandades e o contacto coa Xeración Nós proporcionoulles o coñecemento dos poetas saudosistas portugueses que han de influír moito na obras dos principais poetas desta xeración: Ramón Cabanillas e Antonio Noriega Varela.
–Poesía:
Ramón Cabanillas: considerado o mellor poeta da xeración, recoñecido como o “sucesor de Curros Enríquez”. Pasa dunha etapa de poesía cívica e combativa a outra onde predomina a creación de universos poéticos impregnados de idealismo, simbolismo e saudosismo que deixan ver un coñecemento profundo destas correntes da poesía europea finisecular.
No desterro (1913)
Vento mareiro (1915)
Da terra asoballada (1917)
Na noite estrelecida (1926)
A rosa de cen follas (1927)

Noriega Varela: o costumismo descritivo do 1º libro vai evolucionando no seu 2º libro (e en sucesivas edicións) a unha poesía influída pola filosofía franciscana (culto polo pequeno e a humilde beleza das cousas sinxelas) e formalmente debedora da poesía saudosista portuguesa con pretensións de facer unha poesía cultista.
Montañesas (1904) revisado e reeditado (1910)
Do ermo (1920)                                    (1929), (1946)

–Prosa:
Francisca Herrera Garrido: É a 1º muller que publicou unha novela escrita en galego. Gran admiradora de Rosalía, a súa obra está dominada polo costumismo decimonónico. Foi a 1ª escritora membro da Real Academia Galega, pero unha especie de boicot interno impediu que chegase a ler o discurso de entrada.
Néveda (1920)
Xosé Lesta Meis: É un escritor ligado ás Irmandades da Fala, máis novo ca os anteriores, coetáneo da Xeración Nós, pero cunha traxectoria vital e uns intereses literarios diferentes. De formación autodidacta, súa narrativa é testemuñal e de feitura sinxela: a emigración que el experimentou, as lembranzas da aldea son os temas que trata:
Estebo (1927)

–Teatro: O teatro era un dos entretemento favoritos das clases burguesas urbanas e, como tal, podía ser un medio excelente de recuperación para a o galego. Xa os escritores rexionalistas intentaran crear unha Escola Rexional de Declamación en 1903 que formase actores para poñer en escena as obras escritas por eles.
Lugrís Freire:
A ponte (1903)
San Luís Romero:
O fidalgo (1918)

As Irmandades da Fala reavivan este interese teatral e dan un paso adiante coa creación do Conservatorio Nazonal de Arte Gallego en 1919 e estimulan entre os escritores  membros da organización a creación de obras de calidade e carácter “pedagóxico” que axudasen a romper con certos tópicos asociados ao galego (lingua de clase baixas e ambiente rurais, etc) e a difundir a historia de Galicia.
Ramón Cabanillas:
A man da santiña (1921)
Antón Villar Ponte e R. Cabanillas:
O mariscal (1926)




sábado, 27 de octubre de 2012

A literatura: a tradición escrita e a tradición oral. Introdución á literatura galega


TEMA 4 (1º Bac): A LITERATURA: A LITERATURA CULTA DE TRADICIÓN ESCRITA E A LITERATURA POPULAR DE TRADICIÓN ORAL. CRONOLOXÍA XERAL DA HISTORIA DA LITERATURA GALEGA

4.1. A literatura: as diferentes tradicións literarias
Se buscamos no dicionario o significado da palabra literatura atoparemos definicións semellantes a esta: “1. Arte que utiliza a palabra escrita ou oral como medio de expresión. 2. Conxunto de producións literarias dun país, época, autor. 3. Conxunto de obras escritas con finalidade estética por un pobo, durante unha época, nunha lingua. 4. Ciencia que estuda esa arte e as súas producións. 5. Conxunto de obras escritas que tratan sobre unha materia determinada, mesmo con finalidade didáctica e non estética.”

A palabra literatura vén do étimo latino LITTERATURAM que, á súa vez, vén da palabra LITTERA, que significa letra. A literatura era o que se representaba con letras, é dicir, o que se escribía, nun sentido que ía máis alá da mera finalidade estética. Así, para un latino, a exposición escrita dos feitos históricos, o que hoxe para nós é a historia, era literatura. Algo deste uso consérvase na 5ª das acepcións que demos arriba para literatura.

No mundo antigo só se escribía o que se consideraba que pagaba a pena ser conservado para a memoria. Así, escribíronse leis, narracións que recollían as crenzas colectivas (mitos), narracións de feitos importantes (historia), xenealoxías... pero tamén aquilo que emocionaba esteticamente como poesía, textos teatrais...

Non todas as culturas desenvolveron unha maneira de escribir. Porén, as culturas ágrafas tamén tiñan gusto por crear e gozar da literatura. Esta transmitíase oralmente xeración tras xeración e gardábase na memoria. Os individuos con boa memoria capaces de transmitir este legado eran moi aprezados nas culturas tradicionais. Preme aquí e atoparás un bo exemplo.

Tanto nun caso (culturas con tradición escrita) coma noutro (culturas ágrafas) a literatura cumpría unha importante función social axudando a crear vínculos entre o colectivo que compartía un territorio, unha experiencia común de adaptación a ese territorio, unha organización do tempo e un conxunto de crenzas e afinidades estéticas. Todo isto, escribírase ou non, será o material imaxinario que está na base de calquera literatura e que lle dá personalidade con respecto a outras. Por iso, aínda que durante moito tempo só se lle chamou literatura á que acadaba forma escrita, paralelamente sempre existiu unha literatura oral fóra dos libros, dos pazos e mosteiros. En Europa esta rica tradición cultural non escrita empezou a tomarse en serio a finais do século XVIII co Romanticismo.

Dicíavos o outro día na clase que cando a literatura culta de tradición escrita se achegaba á fonte fresca da literatura popular de tradición oral producía obras de arte marabillosas que semellan eternas, pois non deixan de emocionarnos na súa perfecta e simple beleza xeración tras xeración. Un bo exemplo son as cantigas de amigo, que aínda serven de inspiración a artistas como Amancio Prada, que as interpretan cunha sensibilidade contemporánea.


A literatura galega responde perfectamente a isto que acabamos de dicir: desde moi pronto tivo unha literatura culta de carácter escrito, feita de acordo coas modas literarias que rexían naquela época en Europa. Pero esta tradición culta axiña se achegou á fonte da literatura oral autóctona e introduciu no mundo cortesán e nos ambientes cultos as cantigas de amigo, unha particular maneira de facer poesía que lle dá moita personalidade á Escola Trobadoresca Galego-Portuguesa.

A literatura escrita en galego decaeu desde finais do século XV ata o século XIX, pero a literatura popular de carácter oral seguiu viva e vizosa, polo que vai servir de punto de partida para que Rosalía de Castro inicie o Rexurdimento na Idade Contemporánea co seu libro Cantares gallegos. Non hai dúbida, a poesía popular é unha arma poderosa que conmove a propios e estraños. Escoitade, se non, á famosa cantante estadounidense Joan Báez.

A literatura galega actual arrinca do Rexurdimento do s. XIX. Nos primeiros tempos despois do seu renacemento na época contemporánea tivo un importante cultivo na poesía. Os xéneros en prosa (narrativa e ensaio) e mais o xénero dramático tardaron un pouco máis en consolidarse: no 1º terzo do século XX. Hoxe en día escríbese en galego en todos os xéneros e a narrativa está a ter un auxe extraordinario.

O programa deste curso, que abrangue desde a Idade Media ata finais do s. XIX, vainos centrar, sobre todo, na poesía.

4.2. Cronoloxía xeral da Historia da Literatura Galega

  • Idade Media (s. XIII – XV)

  • Séculos Escuros (s. XVI-XVIII)

  • Rexurdimento (mediados XIX)

  • 2º Rexurdimento: 1º Terzo do s. XX (ata 1936)

  • Posguerra
    • Desde 1939 ata finais de 50
    • Décadas de 60 e 70

  • Transición e Autonomía: anos 80 ata a actualidade


A literatura galega, intimamente ligada as vicisitudes do pobo que co seu alento lle deu forma, tivo momentos de esplendor e momentos de escuridade. Quero que vaiades descubrindo todo o que hai arredor de que unha muller ou un home se sente e empece a escribir desde unha tradición, dándolle unha determinada forma literaria ao que ten na cabeza coa esperanza de que alguén o lea. Empezamos o noso percorrido pola literatura galega coa esperanza de chegar a saber máis de nós mesmos, mentres gozamos xuntos das súas belezas.


jueves, 18 de octubre de 2012

Lecturas 2º Bac: Os señores da terra


O vivir de don Xosé María foi o dun señorote vaganceiro e burlista. Erguíase tardeiro e despois de xantar saía de a paseo polos soutos e lameiros cun caxato na man. Tiña un criado vellote, borrachón e nugallán coma as cabras, mais dono dun temperamento sentencioso que facía a ledicia do amo. Chamábanlle o Clemente Zaparín e tiña unha escopeta remendada, regalo do señorito, que atinaba os tiros máis dificultosos. Moitas veces estaba na arada nas herdades das Laxiñas; de súpeto chegaba polos sendeiros a figura xentil de don Xosé María. "Vamos, Zaparín do demo, deixa os regos, vamos un pouco de farra". Deixaba os bois ó rapaz e, na compaña dun can tamén farreante que lle chamaban Napoleón, tomaban o camiño dun lugar. Por moito tempo foi o da Lama de Agrelo, escondido entre petoutos e castiñeiros: alí pasaban moi boas tardes e noitiñas. A viúva do Virulé habitaba unha casiña baixa, terrea, comunicada coa cociña polo curro, onde se inzaba unha figueira. A vella, endexamais cansa de louvar a calidade dos figos do seu curro e de contar rosarios de contos, ben sabía a caste de figos que procuraba o señorote. A filla maior, co seu ar de freira boba, tiña uns ollos meigos, o peíño pequeno e unha gracia modosiña no falar que engaiolaba os corazóns. A penas traballaba as terras, todas suxeitas á renda para a casa da Pedreira. Moitas veces o don Xosé María determinaba levar unha boa merenda. De seguida lle cheiraba a toda a cuchumilla de irmáns e sobriños da vella; a viúva lagarteira puña cátedra de sabencia e deixábase cortexar polo Zaparín entre as disformes risadas da asemblea. Nas festas os primeiros dengues e mantelos eran os da filla do Virulé, e na casa non faltaba chocolate, pantrigo nin augardente. Non era a primeira que se deixaba levar pola verba do fidalgote. O demo do home gustaba de todas. Ata un empardecer correu trala afillada do Rechas das Samas, un maroutallo mal afeixado. Nas festas e feiras non podía faltar aquel señor tan liso, coa bolsa sempre aberta.

Xa o dicía don Xacobe do Castro, o abade: "Temos unha xugada de morgados que gurran ben cada un para o seu lado". Mais o vello Doncos era polo calado, mentres a fachendía do Puga non admitía disimuladelas. Un inverno, xa na guerra civil, fixo unha viaxata longa para mercar uns bois. Foi co Zaparín e mais outro lacazán. Demoráronse no Carballiño polo repentino da noite. Pois en lugar de andar polo feiral, pasou don Xosé María todo o tempo cos señores da Martinga nunha taberna de señorío onde se xuntaba tripulación de toda clase. Había unha muller que lle chamaban a Padronesa por ser de alá; viña vendendo lenzos da súa terra. Gustou dela o fidalgo da Pedreira. Xa se falaran noutras feiras. Agora os compañeiros agardaron por el toda a noite. Amañeceu contento e novo como cando andaba na reconquista de Vigo. Aquela muller traíalle o recender salgado das rías! Don Xosé María ordenou voltar a Trasouto: ata mediado o camiño non falou o Zaparín de cousas serias. Díxolle con moita sornamorna o criado: "Non me diga nada, que xa lle entendo o mundo; vostede non perdeu a viaxe; de fixo encargou dous becerros en troques dos bois". Aquel serán, despois de xantar con moita demora e latricada na rectoral de Listanco, subindo a costa para Trasouto ouviron o batelar doente da igrexa. Morría a muller de don Xosé María ó tempo de dar vida á segunda filla.

A dor do fidalgo foi longa e aceda. Non quería saír do seu cuarto. Nel, cunha xerra de viño, sen lume, sen se deitar, cavilou no seu pasado. Todos os mortos da súa xente lle pasaban pola lembranza esperta, no isolamento. Ós oito días rasurouse e saiu a tomar a raxeira na solaina. A filla mor, a Ramoniña, xa tiña preto dos vinte anos, mais, criada no mimo pola nai, non tiña forzas para guiar a casa. Todo estaba revolto; reinaban na cociña o Zaparín e mais a criada. Ós dez días de viuvez do amo entrou tamén de criada a filla do Virulé, e a nai recibiu en foro un gran anaco de monte e pan, preto da súa casa. "Encétanse as terras dos da Pedreira", ría o abade.

Otero Pedrayo, Ramón, (1992 [1928]). Os señores da terra (primeira das novelas da triloxía Os camiños da vida), Vigo, Ed. Galaxia


As palabras que subliñei no texto remítennos a unha sociedade e un rexime económico que xa desapareceu, pero que perviviu en Galicia ata ben entrado o s. XX. O problema da propiedade da terra, por unha banda, e o liderato da sociedade galega, polo outro, serán temas omnipresentes na literatura galega da época. Para comprendérdelo ben,  recoméndovos que vexades estes videos:

Historias de Galicia-Nobres, fidalgos e caciques 1/3

Historias de Galicia-Nobres, fidalgos e caciques 2/3

Historias de Galicia-Nobres, fidalgos e caciques 3/3






martes, 16 de octubre de 2012

O GALEGO NO 1º TERZO DO S. XX


TEMA 3 (2º BAC): O GALEGO NO 1º TERZO DO S. XX

3. 1. Contexto histórico
A comezos do século XX España estaba sumida nunha profunda depresión política, económica e social cuxa data simbólica é 1898, ano no que perde as derradeiras posesións do seu antigo e inmenso imperio: Cuba.
O período que agora estudamos abarca tres etapas ben diferenciadas:

  • A Restauración borbónica (1874-1931): trátase dun réxime de monarquía parlamentaria no que se van sucedendo no goberno de maneira pactada liberais conservadores e progresistas nun sistema que acusa un importante déficit democrático. A estrutura do estado centralista vese cada vez máis cuestionada desde as zonas periféricas industrializadas e prósperas como Cataluña e o País Vasco, pero tamén Galicia.

  • A II República (1931-1936): Os anos 30 caracterízanse por un clima xeral en toda Europa de gran violencia e malestar social que favorece a extensión e a aparición de movementos políticos totalitarios: comunismo, fascismo, nacismo... A II República española foi unha época de grandes avances democráticos e intentos de reformas sociais profundas que non acabaron de ser asumidas por sectores sociais de moito peso que acabaron apoiando o golpe de estado militar que rematou nunha longa ditadura fascista.

  • A Guerra Civil (1936-1939): Adóitase dicir que a Guerra Civil española foi o ensaio da II Guerra Mundial. Aquí, díxose, librouse a batalla contra o comunismo e outras ideoloxías de extrema esquerda que poñían en perigo os intereses económicos e ideolóxicos da burguesía. Iso, polo menos, foi o que viron as potencias europeas que deixaron que a República española se fundise, sen decatarse da ameaza totalitaria do fascismo e do nacismo que pouco despois provocaría unha guerra de dimensións descoñecidas.

Galicia era unha rexión atrasada con respecto a outras zonas industrializadas de España e cuns medios de comunicación escasos e deficitarios. Porén había algunhas zonas cunha industrialización importante como Vigo, Ferrol ou A Coruña. A maioría da poboación dedicábase á agricultura e á pesca artesanal e grandes masas excedentes destas ocupacións víronse obrigadas a emigrar a América desde mediados do s. XIX. O trauma da emigración será un dos temas constantes da literatura galega  desde o Rexurdimento. A emigración será, tamén, como veremos, un fenómeno moi importante para a institucionalización da lingua e da literatura galega, pois as comunidades de emigrantes darán o impulso necesario para a creación da Real Academia Galega na Habana en 1906 e, máis tarde, serán o soporte da literatura galega no exilio cando, despois da guerra, sexa imposible escribir en galego en Galicia.
Os videos que a continuación enlazo axudarán a comprender o contexto:





3. 2. Situación sociolingüística
A nivel cultural Galicia continúa o camiño emprendido polo Rexurdimento de mediados do século XIX que producira un florecemento literario e cultural, pero que non chegou a callar nun proxecto político importante como aconteceu en Cataluña, por exemplo. Será nas primeiras décadas do s. XX cando aparezan movementos sociais como o agrarismo e asociacións culturais como as Irmandades da Fala que vaian abrindo o camiño para a constitución dun proxecto galeguista, tanto político como cultural, coherente.
O agrarismo nace como un movemento de reivindicación de mellora das condicións de vida dos campesiños. O agrarismo organiza protestas virulentas que serán reprimidas con dureza en 1909 e 1922. O seu principal logro foi a Lei de redención de foros en 1926, que lles permitiu acceder á compra das terras que traballaban.
As Irmandades da Fala son asociacións fundadas en 1916 que teñen como obxectivo principal a recuperación e promoción do idioma galego na sociedade galega. A 1ª Irmandade foi a da Coruña, pero axiña foron fundadas en diversas vilas e cidades de Galicia en pouco tempo grazas ao esforzo divulgador de Antón Villar Ponte. Pódese dicir que son o xermolo do nacionalismo galego actual, pois é a través das súas redes por toda Galicia polas que se organizan xuntanzas e congresos onde acabará tomando forma un proxecto político e cultural que reivindica a Galicia como entidade  nacional diferenciada e con ansias de autogoberno.
A partir de 1922 prodúcese a 1ª división entre os partidarios da acción política e os partidarios da acción cultural. Esta última tendencia, politicamente moi conservadora, artéllase arredor de Vicente Risco e o a revista Nós.
En 1931 fúndase o Partido Galeguista, que terá un importante papel político durante a II República na elaboración e defensa do 1º Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado en plebiscito maioritariamente uns días antes do golpe de estado de 1936. Non cabe dúbida de que a idea que temos hoxe de Galicia é herdeira do inmenso traballo multidisciplinar do galeguismo desta época para definila e darlle unha categoría instituciona. Os seguintes videos axudaranvos a comprendelo:





Hai moitos textos da época que nos mostran, desde unha visión crítica, a tremenda situación de desigualdade social e cultural que existía entre as distintas clases sociais galegas: as clases altas e medias urbanas renegaban da cultura tradicional expresada en lingua galega, mentres as clases baixas, a inmensa maioría da poboación, vivía en condicións económicas de precariedade, a penas tiña acceso á educación e expresábase en galego. A lingua era unha marca de clase e expoñente de discriminación social.



Os membros das Irmandades da Fala esforzaranse por rachar cos estereotipos negativos contra o galego, promovendo o seu uso oral e escrito en ámbitos nos que estaba condenada a súa utilización e esixindo a súa presenza na vida pública oficial e no ensino.
A partir das Irmandades da Fala organízanse publicacións periódicas en galego como A Nosa Terra, voceiro da asociación, ou a revista Nós, dirixida en Ourense por Vicente Risco, fúndanse editoriais como Céltiga, Lar e Nós e impúlsase a creación en galego de xéneros literarios como a narrativa e o teatro. A xeración Nós, formada por Vicente Risco, Florentino Cuevillas, Ramón Otero Pedrayo e Afonso Castelao asumirá en boa medida o proxecto de poñer ao día a literatura e a cultura galegas tanto coas súas obras literarias como cos seus ensaios e artigos xornalísticos. A esta xeración súmaselle outra máis nova, a xeración do 25, que empeza a publicar nos anos 20 e 30.
O Seminario de Estudos Galegos fúndase en 1923 co obxecto de crear grupos de traballo que investiguen e divulguen diferentes aspectos da realidade galega, desde a historia, a xeografía, a arte, a antropoloxía... Aspira a atraer a estudosos do ámbito universitario que sexan capaces de crear dinámicas de traballo científico que teñan como tema central Galicia. O resultado das súas pesquisas foron publicados nos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos.
En definitiva: a cultura galega aséntase, incrementa notablemente a súa produción, modernízase diversifícándose en diferentes xéneros, temas e formas nun intento de chegar á maior parte da sociedade galega. Os galeguistas desta época son conscientes de que é necesario dar o salto da anécdota folclorista a unha presenza social constante e regulada legalmente que faga do galego unha lingua digna de respecto e motivo de orgullo.


3.3. Características lingüísticas fundamentais dos textos da época
O galego escrito desta época presenta unha vontade de diferencialismo con respecto ao castelán que moitas veces o fan difícil para un lector actual. Querer diferenciar o galego do castelán leva aos escritores a preferir termos dialectais de escasa extensión ou mesmo a deformar moitas palabras para darlle unha aparencia “máis galega”. O resultado é a creación de formas que nunca existiron en galego feitas de acordo cunha interpretación moi pouco científica das regras de evolución da lingua. Estas deformacións chámanse hiperenxebrismos (aitual, primaveira, crase por actual, primavera, clase) ou pseudoevolucións (cadeirádego, outamente, mourado por catedrático, altamente, morado) , ás que con frecuencia se engaden arcaísmos (nascer, cibdade, tiduo por nacer, cidade, título) e lusismos (proprio por propio) que desprazan a formas galegas perfectamente tradicionais e en uso.

En xeral, o galego desta época pretende non identificarse con ningnha variedade dialectal concreta, é, polo tanto, supradialectal. Desexa evitar o castelán, aínda que ás veces cometendo o exceso de identificar calquera palabra culta cun castelanismo e deformándoa para darlle unha forma “máis galega” mediante hiperenxebrismos e pseudoevolucións. Volve os ollos ao portugués, lingua irmá, na  que atopa un modelo de lingua culta cunha importante e prestixiosa tradición literaria o que, en ocasións, leva aos escritores a abusar dos lusismos.

A lingua galega na Idade Media


TEMA 3 (1º Bac): A LINGUA GALEGA NA IDADE MEDIA

3.1. Contexto histórico e situación sociolingüística
Como dixemos no tema anterior, a partir da decadencia do Imperio romano e das invansións xermánicas, pérdese a unidade do latín e as diferentes variantes territoriais do latín vulgar evolucionan rapidamente cara ás novas linguas románicas. 

O galego é unha destas novas linguas románicas de uso común entre toda a poboación, sen distinción de clases sociais, dun territorio algo máis extenso cá actual Galicia. É unha lingua oral, pois para os usos escritos aínda se utiliza o latín. Pouco a pouco os textos en latín empezan a incluír as formas romances, ben para facilitar a comprensión ou ben porque o coñecemento do latín entre os escribáns era xa deficitario. Entre finais do s. XII e principios do s. XIII aparecen os primeiros textos escritos en romance galego tanto ao sur coma ao norte do río Miño. Galicia e o novo reino de Portugal comparten a mesma lingua que, nos séculos seguintes e ata o remate da Idade Media, será a lingua lírica por excelencia da Península Ibérica.


Este é un dos primeiros textos que se conservan escritos na nova lingua romance, o galego, ou se preferides o galego-portugués. Trátase dun documento xudicial, unha especie de denuncia contra un delicto. Coñecese como Noticia de torto, pois é así como comeza o texto, e está datado contra 1112. Consérvase no Arquivo da Torre do Tombo de Lisboa.


É importante ter en conta que, tanto politica como culturalmente, Galicia é na baixa Idade Media un territorio moi importante entre os reinos cristiáns: Santiago de Compostela é unha das tres cidades santas da cristiandade e atrae a moitos peregrinos; a sé compostelá será o lugar onde se coroen varios reis de Galicia e León e, aínda que Galicia deixou de ser un reino independente a principios do s. XII, a nobreza galega conserva o seu poder e influencia.

Santiago é tamén un importante núcleo educativo e cultural e a elección do galego como lingua da nova expresión poética cortés (a lírica trobadoresca) importada de Francia ten moito que ver co enorme prestixio cultural que na época tiña Galicia. Temos que pensar, polo tanto, nunha situación ben diferente á actual en que o galego era a lingua de expresión normal para todos os estratos sociais en calquera circunstancia, vehículo de expresión dunha importante tradición literaria que se exporta alén das súas fonteiras lingüísticas e que é capaz de atraer a poetas estranxeiros que se suman a esta corrente.


 Códice rico das Cantigas de Santa María

Durante a Idade Media escribíanse en galego textos de todo tipo, tanto de índole práctica (documentos de compra-venta, doazóns, sentenzas xudiciais, regulamentos gremiais, tratados de veterinaria, textos didácticos, de historia) como de índole literaria (lírica trobadoresca, narrativa).

A finais da Idade Media pouco a pouco foise introducindo o uso do castelán nos documentos escritos, alternando co galego, pero desde mediados do s. XV unha serie de circunstancias políticas acelera a substitución do galego polo castelán como lingua escrita ao tempo que se vai introducindo unha nova clase dirixente vida de fóra que non coñece o galego. É o primeiro paso para o establecemento dunha diglosia social entre galego e castelán. O proceso culmina coa política uniformadora e centralizadora dos Reis Católicos.
Se che interesa esta película podes vela aquí: Lingua do pobo 1, aquí: Lingua do pobo 2 e aquí: Lingua do pobo 3.

3. 2. Características lingüísticas fundamentais
A lingua galega  medieval presenta unhas características que a diferencian bastante da lingua actual. As principais dificultades radican en que o galego medieval tiña algúns fonemas (sibilantes, vogais nasais) que desapareceron no galego moderno, as grafías utilizadas tamén varían, así como a representación dos encontros vocálicos entre dúas palabras. Imos facer un pequeno resume das diferenzas que podemos atopar que nos axude na lectura dos textos medievais.

  • Abundancia de hiatos resultado da desaparición de consoantes intervocálicas latinas: veer, seer, leer. O galego moderno simplificou estes hiatos nunha soa vogal: ver, ser, ler.
  • Un sistema de seis sibilantes: vejo, peixe, vossa, casa, lança, lazerar que no galego moderno quedou reducido a tres: vexo, peixe, vosa, casa, lanza, lacerar.
  • Uso de diferentes grafías para representar o ñ e o ll: nh, lh, ni, li,ny, ly, nn, ll.
  • Vacilación ortográfica entre b/v.
  • O substantivos rematados en –or, -ol, -és e –ante non tiñan unha forma específica para o feminino: a mia senhor, ua pastor.
  • Moitos verbos que hoxe son da 3ª conxugación eran na Idade Media da 2ª conxugación: viver, sofrer.
  • Utilizábanse tempos compostos: avia feito.
  • O verbo haber (aver) tiña tamén o significado de “ter”: “non ey barqueiro nen remador”.
  • Léxico que xa non se usa: vegada (vez), solaz (prazer), garcetas (trenzas), assaz (bastante), guisa (maneira), fossado  (guerra), toller (quitar)...