martes, 30 de abril de 2013

TEMA 17 (2º BACH): AS VARIEDADES DIALECTAIS. BLOQUES E ÁREAS DIALECTAIS. PRINCIPAIS TRAZOS FONÉTICOS, MORFOLÓXICOS E SINTÁCTICOS. O TEXTO DIALECTAL

A variación xeográfica (ou dialectal) é unha das posibles variacións que se dan na maneira de falar unha lingua. En realidade é moi difícil (ou imposible) establecer límites precisos entre os distintos dialectos, xa que as linguas forman un continuum no que van aparecendo uns fenómenos lingüísticos e morrendo outros. Así nos mapas dialectais vemos como se entrecruzan as liñas –isoglosas– que indican os límites dos fenómenos lingüísticos (poñamos por exemplo a gheada) pero non indican fronteiras ben definidas entre diferentes modos de falar unha lingua. No caso do galego podemos dicir que a unidade entre as diferentes variedades é moi grande e sempre é posible unha perfecta intercomunicación entre falantes de variedades diferentes e mesmo existe a conciencia de que a lingua que falan é a mesma. Por iso máis que falar de dialectos en galego debemos falar de bloques que agrupan falas con certas características similares:

    O bloque occidental: caracterizado polo seu carácter innovador.
    O bloque central: é o que menos características propias posúe e vén sendo unha gran área de transición onde morren as innovaciónns do bloque occidental e dan paso aos trazos máis conservadores do bloque oriental. É o que máis se asemella á lingua estándar.
   O bloque oriental: caracterizado por conservar trazos lingüísticos (conservadores) máis próximos ao latín vulgar.


MapaLinguisticoGalego

Aquí podes ver un mapa máis completo:

http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/3/3e/Galician_linguistic_areas.PNG


Estes tres bloques posúen trazos fonéticos, morfolóxicos e léxicos comúns, pero a isoglosa considerada determinante para esta distinción é a que marca a diferente maneira de facer os plurais das palabras rematadas en -n : cans/cas/cais. Dentro deles distínguense ademais varias áreas que á súa vez comparten características semellantes, como se pode ver nos cadros que seguen:


Áreas Lingüísticas Bloque occidental Áreas Lingüísticas Bloque central
As áreas Lingüísticas Bloque oriental 

A continuación tedes un enlace onde atoparedes exemplos de textos dialectais galegos de cada un dos bloques e áreas coa súa correspondente gravación sonora e transcrición escrita.




Todos os materiais gráficos utilizados neste post saqueinos de aquí: 


Grazas wikipedia!!

sábado, 20 de abril de 2013

TEMA 21 (2º BAC): A LITERATURA A FINAIS DO S. XX E PRINCIPIOS DO S. XXI. O TEATRO: O TEATRO DOS 80 E DOS 90. DRAMATURGOS, TENDENCIAS E COMPAÑÍAS ACTUAIS MÁIS RELEVANTES

 
TEMA 21 (2º BAC): A LITERATURA A FINAIS DO S. XX E PRINCIPIOS DO S. XXI.
O TEATRO: O TEATRO DOS 80 E DOS 90. DRAMATURGOS, TENDENCIAS E COMPAÑÍAS ACTUAIS MÁIS RELEVANTES

O proceso de normalización da cultura galega auspiciada polas institucións públicas que arrinca do Estatuto de Autonomía vai beneficiar dunha maneira moi especial ao teatro, o xénero que precisa dunha infraestrutura cultural máis complexa para a súa existencia.

O camiño cara á profesionalización do sector parte dalgúns dos protagonistas do Grupo Abrente, como dixemos nun tema anterior, que apostan pola formación necesaria para a posta en escena e pola creación de textos drámaticos: Manuel Lourenzo xunto con Francisco Pillado Mayor crean en 1978 na Coruña a Escola Dramática Galega e, pouco despois, ven a luz os Cadernos da Escola Dramática Galega, que publican textos teatrais, tanto traducións de autores internacionais como de novos dramaturgos galegos. Dous anos máis tarde, 1980, na mesma cidade fundan a Compañía Luís Seoane que contou cunha sala de representacións propia e estable: a Sala Luís Seoane.

En 1984 créase desde as institucións culturais do Goberno Galego o Centro Dramático Galego (CDG) que ten como finalidade promover a normalización e profesionalización do teatro en galego: representando obras de autores galegos e internacionais en galego e favorecendo a publicación de textos dramáticos mediante convenio con editoriais.

Nestes anos, da mesma maneira que aconteceu para a poesía e para a narrativa, é importante o impulso á creación dos premios: Premio Álvaro Cunqueiro mantido polo IGEM desde 1988 ou Premio Rafael Dieste creado pola Deputación da Coruña en 1991, entre outros.

Ademais dos dramaturgos da xeración anterior (entre os que destacabamos a Roberto Vidal Bolaño, Manuel Lourenzo e Euloxio Ruibal), xorde nos anos 80 unha importante xeración de novos autores arredor da Escola Dramática Galega da Coruña e do Premio de Teatro Breve da Escola Dramática Galega: Miguel Anxo Fernán Vello, Inma Souto, Luísa Villalta, Xoán Guisán, Gustavo Pernas... Todos eles caracterízanse por facer un teatro de fondo lirismo e simbolismo, evitar o realismo chegando a unha certa tendencia á abstracción (os personaxes son máis máscaras ca individuos). A este grupo pertence tamén Xesús Pisón quen posúe unha personalidade propia ben diferenciada afastada do gusto cultista e do simbolismo predominante dos anteriores. Pisón fai en O pauto un teatro que entronca coa tradición popular, esperpéntica e carnavalesca para realizar unha crítica social ácida.
A profesionalización conseguida durante esta época fixo posible a aparición de compañías estables, moitas delas aínda moi activas: Sarabela Teatro, Teatro do Morcego, Matarile Teatro, Teatro do Atlántico, etc.

Nos anos noventa consolídase o teatro en galego como unha opción viable economicamente o cal dá como resultado a continuidade creativa e a asociación de autores a determinadas compañías: os textos dramáticos son creados en función da representación e adaptados ás posibilidades dunha compañía. Moitas veces os autores son ao mesmo tempo directores ou actores das compañías nas que traballan. Aparecen tamén os textos dramáticos de autoría compartida e tamén unha certa secundarización do textos a prol da escenificación, de maneira que en ocasións nin sequera se trata dun texto fixado nin pensado para a súa edición (sucede así coas producións da compañía Artello ou Chévere, por exemplo). Aínda así, nos últimos anos e grazas ao papel dos premios á literatura dramática, xurdiron autores moi interesantes que prestan unha gran atención á elaboración de textos dramáticos de coidada estrutura e linguaxe ben traballada:
Miguel Anxo Murado: A grande noite de Fiz (1994)
Xabier Lama: O peregrino errante que cansou ao demo (1993)
Raúl Dans: Matalobos (1993), Lugar (1994)
Cándido Pazó: Raíñas de pedra (1994)
Rubén Ruibal: Limpeza de sangue (2005) Premio Cunqueiro e Nacional de Arte Dramática.

En definitiva, hoxe en día temos numerosas compañías profesionais de teatro en galego, existe un circuito estable de teatros dependente das axudas públicase prodúcense textos de calidade e espectáculos que logran suscitar o interese do público. A actual crise económica e a paralización de certas políticas públicas de apoio a manifestacións culturais tan complexas e custosas como esta poden provocar de novo, como xa sucedera na posguerra, a perda desta rica e, a estas alturas xa consolidada, tradición teatral.






TEMA 20 (2º BAC): A LITERATURA A FINAIS DO S. XX E PRINCIPIOS DO S. XXI. A PROSA: TEMAS E AUTORES DOS 80 E DOS 90. PROSISTAS E TENDENCIAS ACTUAIS MÁIS RELEVANTES

 
TEMA 20 (2º BAC): A LITERATURA A FINAIS DO S. XX E PRINCIPIOS DO S. XXI.
A PROSA: TEMAS E AUTORES DOS 80 E DOS 90. PROSISTAS E TENDENCIAS ACTUAIS MÁIS RELEVANTES


A literatura galega inicia un proceso de institucionalización: recoñécese o seu papel simbólico e aplícanse políticas de axuda e estímulo á súa creación: subvencións, premios literarios... deixa de converterse nun traballo de “militancia galeguista” (inicia un proceso de desideoloxización) para desenvolver unha industria cultural suxeita ás leis do mercado. A literatura en galego empeza a ser rentable para abastecer un mercado editorial crecente orientado fundamentalmente ao ensino.

Prodúcese un boom na literatura infantil e xuvenil (LIX). A narrativa explora xéneros populares ata entón inéditos na tradición galega: a renovación e ampliación temática contrasta coa volta aos esquemas clásicos no que se refire á estrutura narrativa. A razón é que se busca ampliar o número de posibles lectores: a experimentación e o espírito vangardista son arrinconados pola maioría de autores nesta estratexia.
A finais dos anos 70 e principios dos 80 van morrendo os grandes narradores da posguerra: Otero Pedrayo en 1976, Blanco Amor e Álvaro Cunqueiro en 1979, Ánxel Fole en 1986. Moitos dos autores que empezaron dentro da corrrente da Nova Narrativa Galega entre finais dos 50 e principios dos 60 estarán nesta década e nas seguintes en plena madurez creativa: Méndez Ferrín, Carlos Casares, Mª Xosé Queizán, Xosé Neira Vilas. Outros, que logo terán importancia no desenvolvemento do xénero, iniciarán a súa carreira como narradores nos 70: Xosé Fernández Ferreiro (A morte de Frank González 1975, Agosto do 36 1991), Paco Martín (No cadeixo 1976, Das cousas de Ramón Lamote 1986), Anxo Rei Ballesteros (Dos anxos e dos mortos 1972).

Nos anos 80 a narrativa consolídase como un xénero en auxe, promocionado por numerosos premios e estimulado por un crecente mercado de novos lectores (ademais da demanda escolar, numerosos cursos de formación en lingua galega favorecen e extenden unha variedade culta e formal cada vez mellor aceptada pola poboación.  Moitos adultos cun nivel cultural medio e alto que foran alfabetizados en castelán asisten a cursos de formación en lingua galega e logran superaras barreiras que os afastaban do galego escrito.

Promoción dos premios:
Víctor F. Freixanes: O triángulo inscrito na circunferencia (1981), Premio Blanco Amor
Xavier Alcalá: A nosa cinza (1980), Fábula (1980), Premio da Crítica Española
Úrsula Heinze: Importante autora de literatura infantil e xuvenil. O soño perdido e Elvira M. (1982), finalista do Premio Chitón; Anaiansi (1989), Culpable de asasinato (1993), Premio Blanco Amor.
Alfredo Conde: Breixo (1981), Memoria de Noa (1982), Xa vai o griffon no vento (1984), Premio da Crítica Española.
X.M. Martínez Oca: Beiramar (1983), Premio Blanco Amor

A narrativa de xénero
Desde mediados dos 80 e durante a década seguinte predomina unha literatura sen grandes ambicións intelectuais nin artísticas que busca entreter ao lector e acadar éxito no mercado editorial. Como se di no libro de texto “escapa aos asuntos da identidade comunitaria ou calquera intento de renovación discursiva”. O feito de que unha novela de xénero policial ou negro como Crime en Compostela (1984) de Carlos G. Reigosa resultase premiada co Premio Xerais, un dos máis importantes e prestixiosos, mostra que o mundo editorial apostaba por esta liña de narrativa popular e accesible, máis que por obras de verdadeiro interese artístico. A esta novela seguirían outras moitas: Seis cordas e un corazón (1986) de Xelís de Toro, O misterio do barco perdido (1988) tamén de Carlos G. Reigosa, Ambulancia (1990) de Suso de Toro, Miss Ourense (1994) de Bieito Iglesias, Panificadora (1994) Xosé Cid Cabido.
Outra tendencia que se experimenta é a de ciencia ficción en Soños eléctricos (1992) de Ramén Caride Ogando, Premio Blanco Amor. A de terror deu excelentes resultados na obra do escritor lugués Xosé Miranda : A biblioteca da iguana (1994), A neve e a cadeira (1994) e Vestio (1995).
A novela histórica fora xa cultivada desde os mesmos pasos do xénero narrativo en galego (López Ferreiro: A tecedeira de Bonaval, 1894) e continuou na obra de Otero Pedrayo (A romeiría de Xelmírez, 1934). Os escritores de fianis de século recuperan o xénero con diversa intencionalidad, desde a de reivindicación dunha historia propiamente galega como fai Darío Xohán Cabana en Morte de rei (1996), de revisión dunha parte escurecida da historia recente, como acontece en moitas novelas que abordan o tema da Guerra Civil Española do 36 como O lapis do carpinteiro (1998) de Manuel Rivas ou Amor de tango (1992) de Mª Xosé Queizán ata a o mero entretemento como acontece en Morning Star (1998) de Xosé Miranda, onde se mistura unha auténtica novela de aventuras con importantes acontecementos das revoltas políticas do século XIX galego.
Outra liña, que poderiamos chamar continuísta dentro da tradición galega, é a narrativa fantástica e marabillosa, seguindo os pasos do mestre Cunqueiro. Quen mellores resultados acadou neste xénero foi Darío Xohán Cabana: Galván en Saor (1989), Fortunato de Trasmundi (1990).
Narrativa experimental: Xabier Queipo (Ártico, 1990) e Xurxo Borrazás (Cabeza de chorlito, 1991; Criminal, 1994, Premio da Crítica Española; Eu é, 1996).
Narrativa infantil e xuvenil: Agustín Fernández Paz, As flores radioactivas (1989); Contos por palabras (1990), Cartas de inverno (1995), O único que queda é o amor (2007). Fina Casalderrey, Mutacións xenéticas (1991), Dúas bágoas por Máquina (1992), Un cabalo de lume (2007).

TEMA 19 (2º BAC): A LITERATURA A FINAIS DO S. XX E PRINCIPIOS DO S. XXI. A POESÍA: TEMAS E AUTORES DOS 80 E DOS 90. TENDENCIAS E POETAS ACTUAIS MÁIS RELEVANTES

TEMA 19 (2º BAC): A LITERATURA A FINAIS DO S. XX E PRINCIPIOS DO S. XXI.
A POESÍA: TEMAS E AUTORES DOS 80 E DOS 90. TENDENCIAS E POETAS ACTUAIS MÁIS RELEVANTES

Introdución
O Estatuto de Autonomía de Galicia de 1980 abre un novo marco de posibilidades para a literatura galega. A lingua galega inicia un prometedor proceso de normalización e a literatura convertirase nunha importante institución cultural de gran valor simbólico nesta etapa. En poucas palabras, o estado, a través da administración local e autonómica, pasa de vixiar e perseguir á literatura galega, como acontecía no franquismo, a protexela e estimulala: concedendo axudas á creación, organizando certames e premios literarios, organizando actos públicos con presenza literaria, etc.

A integración do galego no sistema de ensino vai propiciar tamén unha auténtica revolución dentro da literatura galega: xorden novas editoriais, hai un novo mercado de lectores moi novos ao que hai que abastecer de materiais axeitados, os escritores profesionalízanse e dan pasos para a súa internacionalización: crean as súas propias asociacións como a Asociación de Escritores en Lingua Galega ou entran a formar parte das internacionais como o Pen Club.

Nesta nova etapa a poesía vai ir perdendo o seu papel de xénero por excelencia da literatura galega en favor da narrativa. Porén a poesía seguirá a ter unha extraordinaria vitalidade neste anos en que aparecerán novos autores, colectivos poéticos, revistas e premios. Ao mesmo tempo, as novas condicións políticas favorecerán que a poesía, e en xeral a literatura, se vaia liberando das súas obrigas de asumir o proxecto político nacionalista, unha vez que xa era posible facelo por medio das institucións políticas.

Signos de cambio con respecto á etapa anterior
Os anos 70 estiveron dominados por unha poesía socialrealista xa moi esgotada. A partir de mediados da década van aparecer tres obras que marcan un cambio de rumbo de cara a unha poesía de gran preocupación formal: Con pólvora e magnolias (1976), Seraogna (1976) de Alfonso Pexegueiro e Herba aquí e acolá (1980) de Álvaro Cunqueiro. Ao mesmo tempo xorden colectivos poéticos que fan propostas moi novidosas de diferente signo:
  • O colectivo Rompente explora a poesía máis vangardista ligada a correntes como o pop e o rock. Mistura poesía con outros formatos como o video ou o espectáculo musical. Desde as súa primeiras obras, Fóra as vosas suxas mans de Manuel Antonio (1979) reivindican a poesía como arte rupturista coa tradición e experimental sen esquecer o compromiso radical coa lingua. Na serie Tres tristes tigres conectan a poesía galega coa cultura pop para transmitir o desacougo da sociedade urbana e posindustrial.
  • A poesía do colectivo Cravo Fondo ou do Colectivo Alén son exemplos da viraxe que se está producindo desde a poesía de temática social realista a unha poesía centrada na preocupación intimista.
  • Colectivo Loia, creado en Madrid arredor da revista do mesmo nome por un grupo de estudantes galegos, Lois Pereiro, Manuel Rivas e o artista plástico Antón Patiño Patiño) que apostan pola mistura experimental entre a creación literaria e a plástica conseguindo unha estética underground.

A poesía dos 80
Aparecen un gran número de escritores novos estimulados pola vitalidade cultural en galego que se produce co cambio de rexime. Levan a cabo unha importante posta ao día da poesía galega, tanto polo seu rigor formal, como pola súa capacidade de diálogo coa literatura universal. En xeral responden a unha nova actitude poética que podemos resumir nas seguintes características:
  • Tendencia ao culturalismo: citas de autores da tradición galega e universal, referencias a obras de arte de diferentes ámbitos culturais.
  • Coidado formal. Gusto polas formas máis clásicas como o soneto.
  • Abandono da temática social por temas existenciais clásicos (amor sensual, amor trascendente, paso do tempo, morte... A reflexión sobre a poesía e a arte literaria convértese nunha preocupación recorrente.
  • O suxeito lírico externalízase: abandónase o “nós” colectivo propio da poesía social, pero tamén se apreza unha tendencia a evitar o “eu” que implica unha poesía centrada no autobiografismo.
  • Algúns autores e obras:
    • Xabier Rodríguez Baixeras: Fentos no mar (1981)
    • Xosé Mª álvarez Cáccamo: A praia das furnas (1983)
    • Pilar Pallarés: Sétima soidade (1984)
    • Miguel Anxo Fernán-Vello: Seivas de amor e tránsito (1984)
    • Lois Pereiro: Poesía (1981/1991), Poesía última de amor e enfermidade (1994)

A poesía a partir dos 90
En xeral abandónase a liña culturalista e clasicista da década anterior e inténtase devolver á poesía a frescura da experiencia e dunha linguaxe máis próxima que busca a comunicación efectiva e mesmo interactiva co receptor. Os poetas que se dan a coñecer nesta época buscan novas canles de expresión a través de editoriais, pero, cada vez máis, dos medios de comunicación dixitais (páxinas web, blogs poéticos, etc.) e da posta en escena da poesía en lugares públicos no que se misturan elementos musicais e plásticos. Os numerosísimos creadores e creadoras de poesía que xorden nestas últimas décadas comparten algunhas carácterísticas:
  • Temática relacionada coa experiencia vital cotiá: o discurso poético tradicional enriquécese con elementos doutros discursos presentes na cotidianeidade (Rafa Villar, Carlos Negro)
  • Abandono da tendencia ao culturalismo e ao manierismo formal imperante na poesía dos 80. Fronte ás formas estróficas clásicas apóstase polo verso libre.
  • Creación de espazos propios, ben rurais (Lupe Gómez) ou pertencentes á memoria íntima (Helena de Carlos).
  • Reaparición da poesía social e política cun discurso totalmente renovado (Chus Pato). Aparición dunha potente poesía que trata o xénero desde unha nova perspectiva: a experiencia subxectiva do corpo feminino aparece como tema político en moitas das autoras destes anos, moi lonxe do tratamento como obxecto que sempre tivo na tradición poética occidental (Chus Pato, Olga Novo, Lupe Gómez...).

lunes, 15 de abril de 2013

TEMA 18 (2º BAC): O GALEGO A FINAIS DO S. XX E PRINCIPIOS DO S. XXI: CARACTERÍSTICAS FUNDAMENTAIS, CONTEXTO HISTÓRICO E SITUACIÓN SOCIOLINGÜÍSTICA

 
TEMA 18 (2º BAC): O GALEGO A FINAIS DO S. XX E PRINCIPIOS DO S. XXI: CARACTERÍSTICAS FUNDAMENTAIS, CONTEXTO HISTÓRICO E SITUACIÓN SOCIOLINGÜÍSTICA

Resumo do marco lexislativo
Transición democrática española: 1975 morre Franco
Constitución de 1978
Desenvolvemento do Estado das Autonomías:
Estatuto de Autonomía de Galicia (1980)
Co-oficialización das linguas periféricas do estado nos seus respectivos territorios.
Lei de Normalización Lingüística (1983)
Regúlase e planifícase a introdución do galego na administración pública e no ensino.
Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004)
Decreto de Plurilingüismo (2009)

Este período coincide co final da ditadura de Franco e o inicio da transición a un réxime democrático que vai abrir unha perspectiva de cambio no papel das linguas das nacionalidades históricas: galego, vasco e catalán.

En 1978 apróbase a Constitución Española que recoñece a cooficialidade, xunto co castelán, das outras linguas españolas nos seus respectivos territorios e de acordo cos seus Estatutos. O Estatuto de Autonomía de Galicia apróbase en 1980 e nel recóllese que o galego é a lingua propia de Galicia e, de acordo coa Constitución, será cooficial co castelán. Os poderes públicos de Galicia, ademais de velar polo uso normal das dúas linguas, teñen a obriga de potenciar o emprego do galego na vida pública e facilitarán o seu coñecemento. A partir deste compromiso recollido no Estatuto, desenvólvese a Lei de Normalización Lingüística, aprobada no Parlamento Galego en 1983. Nesta importantísima lei regúlase a promoción e o uso da lingua galega na administración pública (Parlamento, Xunta de Galicia, concellos, xustiza, centros de ensino, toponimia, medios de comunicación públicos...). En xeral, pomos dicir que nos últimos 30 anos foise conseguindo un grao de normalización para o galego na vida pública bastante aceptable:

·       O galego está presente na documentación escrita e mesmo nas interaccións orais dos cidadáns coa administración local e autonómica.
·      Está máis ou menos aceptado como lingua do sistema de ensino (tanto como materia de estudo ou como lingua vehicular).
·      Existe unha radio e unha televisión pública que emiten integramente en galego.
·      Existe unha rica actividade cultural (literaria, artística) en galego.
·      Pouco a pouco, van cedendo os prexuízos que asociaban a lingua galega á ignorancia e á rusticidade, aínda que se reforzan outros como a súa inutilidade no mundo de hoxe ou a asociación a determinadas posturas políticas.
·      Aumentaron os comportamentos bilingües, tanto entre galego falantes como entre castelán falantes.

Porén, todos os implicados no proceso de normalización do galego admiten que estes indicios positivos conviven con moitas sombras que ameazan o éxito da recuperación total do galego na nosa sociedade:

·      Algúns sectores da vida pública móstranse aínda moi reticentes a aceptar con normalidade o uso do galego nas súas interaccións cos cidadáns: o mundo da xustiza, as forzas de orde pública (exército, garda civil), a igrexa (igrexas).

·      Os medios de comunicación privados (malia recibir cuantiosas axudas públicas) fan un uso case testemuñal da lingua galega e ademais asociado determinados estereotipos negativos.

·      O medio urbano continúa mostrándose refractario á lingua galega.

·      Dáse unha perda da transmisión interxeneracional da lingua: moitos pais galego falantes renuncian a ensinar aos fillos a súa lingua.

En 2004 o Parlamento de Galicia aproba por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que pretendía dar un novo impulso á lingua galega no seo da sociedade galega. Cinco anos despois da súa aprobación por parte de todos os grupos políticos con representación parlamentaria, en 2009 rompeuse o consenso desde o Goberno galego para impulsar o actual Decreto de Plurilingüismo que pretende blindar os dereitos dos que non queren un avance significativo do galego na sociedade. Hai pouco máis dun mes, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarou nulos algúns artigos do Decreto de Plurilingüismo e aínda está pendente un recurso perante o Tribunal Constitucional interposto pola Real Academia Galega. A conclusión á que podemos chegar é que o consenso arredor do tema da lingua que imperou nos últimos 30 anos rompeuse e agora asistimos a un radicalización das posturas tanto por parte dos partidarios dunhas medidas máis radicais que fagan efectiva a normalización como por parte dos que sempre foron reacios e mesmo belixerantemente contrarios a calquera cambio de estatus para a lingua galega: a polémica segue moi viva.

martes, 9 de abril de 2013

TEMA 11 (1º BAC): A LINGUA GALEGA NOS SÉCULOS ESCUROS: CARACTERÍSTICAS LINGÜÍSTICAS FUNDAMENTAIS. CONTEXTO HISTÓRICO E SITUACIÓN SOCIOLINGÜÍSTICA


TEMA 11 (1º BAC): A LINGUA GALEGA E A LITERATURA NOS SÉCULOS ESCUROS: CARACTERÍSTICAS LINGÜÍSTICAS FUNDAMENTAIS. CONTEXTO HISTÓRICO E SITUACIÓN SOCIOLINGÜÍSTICA

O galego é a lingua de uso normal en Galicia, tanto no ámbito oral como no escrito, ata remate do século XV. Consérvanse moitos documentos tanto de carácter público como privado que así o demostran. Que aconteceu para que se deixase de escribir galego e fose substituído polo castelán en Galicia?

En primeiro lugar teriamos que falar da perda de influencia de Galicia e a súa aristocracia na corte de Castela e León. En segundo lugar o triunfo dunha política centralizadora e uniformizadora culturalmente da monarquía castelá, que culmina no reinado dos Reis Católicos. A nobreza galega non vía apoiados os seus intereses neste tipo de política e viuse envolta e guerras dinásticas das que saiu moi prexudicada. O resultado foi a drástica perda de poder e a súa substitución por unha nova nobreza fiel á monarquía en moitas ocasións vida de fóra.

É importante que entendades que o galego nunca deixou de falarse e mesmo que non estivo prohibido. O que ocorreu foi moito máis complexo e prolongouse como un conflito latente durante centos de anos (séculos escuros) que sentou as bases da profunda desigualdade entre o galego e o castelán en Galicia que chega ata hoxe. Vaiamos apuntando algúns datos que nos axuden a comprendelo:
  • Os historiadores falan dunha auténtica substitución das clases dirixentes en Galicia entre os séculos XIV e XV: a monarquía outorga os postos importantes a persoas do seu círculo que veñen de fóra e non coñecen a lingua do país. O proceso de castelanización comeza nas elites sociais e, durante moito tempo, restrínxese ás clases altas. Axiña será imprescindible falar en castelán para ascender socialmente.
  • A partir de 1480 non se permite realizar tarefas de escribán sen un exame previo e a licenza do Real Consello. Deste xeito, a partir desta época contrólase con efectividade a lingua en que se escriben os documentos oficiais: o castelán.
  • A perda escrita do galego, xunto co seu prestixio como lingua con tradición cultural e literaria, prodúcese nun momento crucial para o desenvolvemento das linguas vulgares: o momento en que a imprenta favorece a extensión da cultura escrita.
  • O galego entre principios do século XVI e principios do XIX, repregado ás clases populares e reducido a lingua oral, segue a presentar unha gran vitalidade en todas as manifestacións da cultura tradicional popular. A estas clases tardou moito en chegar, porque non tiñan acceso á educación oficial e era practicamente imposible que deran o salto á clase dirixente. O seu uso ocasional nos ámbitos cultos aparece, así, ligado á vida rural e humilde das clases baixas e será sempre asociado á idea de “auténtico, puro, tradicional e entrañablemente galego”. Esta asociación de ideas, como lembraredes, está claramente expresado no prólogo que escribiu Rosalía de Castro para o seu libro Cantares gallegos en 1863.



Na clase iremos lendo e comentando algúns textos que se conservan de literatura en galego entre os séculos XVI e fianais do XVIII a partir dunha antoloxía de textos: por unha parte poesía culta renacentista, barroca, neoclásica, e por outra parte literatura poopular de tradición oral, coplas, romances, contos, etc.
A literatura popular desenvólvese con absoluta normalidade entre as capas menos favorecidas da sociedade, transmitida de forma oral, tanto en reunións de grandes grupos como no seo da intimidade familiar. Podemos dicir que a literatura era a escola dos pobres, pois por medio dela transmitíanse coñecementos, valores e sentido de pertenza a unha comunidade.
Podemos dividir o conxunto da literatura popular en dous grandes bloques:
o     O cancioneiro popular: composto por unha gran variedade de composicións de diferentes ritmos e temática: muiñeiras, alalás, cantigas de maio, cantigas de reis, vilancicos, cantigas de sega, de arrieiros, de recollida do liño, satíricas, regueifas, cantigas de berce... Moitas delas vímolas xa encabezando os cantares gallegos de Rosalía de Castro.
As formas estróficas máis frecuentes son:
–a copla ou cantiga: catro versos de 8 ou 6 sílabas con rima asoante nos versos pares.
–o terceto de octosílabos con rima asoante nos versos impares.
–a muiñeira de hendecasílabos con acentos fixos na 1ª, 4ª, 7ª e 10ª sílabas (hendecasílabos de gaita galega).
–os romances: series de versos octosílabos con rima asoante nos versos pares.

o     A narrativa oral: composta por contos (poden ser marabillosos, exemplares con finalidade didáctica ou humorísticos) e lendas (poden narrar a orixe dun lugar, feitos históricos ou milagres de santos). 

As mulleres tiñan un papel moi importante na transmisión dos diferentes xéneros da literatura popular
 
Características lingüísticas fundamentais

Neste periodo danse cambios importantes a nivel fonético, morfolóxico, sintáctico e léxico que configuran a lingua que chegará aos nosos días.

  • Por unha parte debemos de ter en conta que se consolidan as diferenzas co portugués. A falta de intercambios culturais con Portugal e a situación de diglosia co castelán fai que se incorporen moitos castelanismos en todos os niveis da lingua e que se tome como modelo de lingua culta o castelán (e non o portugués, por exemplo, que sería máis lóxico polo seu estreito parentesco).
  • A redución a lingua oral e a súa expulsión dos ambientes cultos provocará que o galego non modernice e actualice o léxico culto e formal. A lingua galega perde os seus rexistros formalizados e queda convertida na práctica nunha lingua vulgar ligada á vida das clases populares, ao mundo do traballo e ao medio rural, desprazada dos usos elevados e dos ambientes cortesáns.
  • Aparece entre o século XVI e XVII un forte sentimento de desprezo ligado á situación de desigualdade social e funcional (diglosia) en que convivía co castelán. Este sentimento afecta en xeral a todo o que ten que ver con Galicia.

Cambios que se produciron con respecto ao galego medieval:
  • Fonoloxía:
    • Perda das vogais nasais: irmão pasa a  irmao, irmán ou irmá
    • Perda das sibilantes sonoras: o sistema de fonemas sibilantes queda reducido a: /s/ casa, /0/ zapato, e // xeito
    • Conservación do fonema /ts/ chave
    • Aparición de fenómenos propios como a gheada: o ghato neghro
  • Morfosintaxe:
    • Distinción te/che: Vinte na festa pero Vinche o coche na festa
    • Distinción llo/llelo: Deillo a el pero Deillelo a eles
    • xeneralización da desinencia verbal –ches para a 2ª persoa sing. do pret. perf.: Dixeches que virías axiña
    • Xeneralización da desinencia verbal –o para a 3ª persoa sing. do pret. perf.: Fixo o que debía
    • Conservación da desinencia verbal  –des para a 2ª persoa plural do pres. indic.: Cantades moi ben!
  • Léxico:
    • Incorporación de moitos castelanismos na lingua cotiá: Dios, pueblo, jueves, iglesia...





viernes, 5 de abril de 2013

TEMA 16 (2º Bac): Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións da norma


TEMA 16 (2º Bac): Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións da norma

A variedade estándar, tamén chamada lingua padrón, é aquela que se acepta como modelo de lingua común e correcta, válida para usos formais e niveis medios e cultos. É a lingua que se utiliza na escola, nos medios de comunicación, nas institucións que organizan a vida política e administrativa. É a variedade que representa (e unifica) as outras posibles variedades dunha lingua (dialectais, contextuais e socioculturais).

A variedade estándar é imprescindible para unha lingua que queira desempeñar todos os papeis comunicativos dunha sociedade complexa como a actual: desde os usos íntimos e informais ata os usos cunha dimensión pública, que esixen un nivel culto e un rexistro formal. A necesidade dunha variedade estándar para o galego faise notar a mediados do século XIX cando os escritores do Rexurdimento lle devolven o seu uso escrito e literario.

A tradición escrita do galego moderno arrinca de mediados do século XIX e desde ese momento xa se poden aprezar dúas tendencias acerca do que debe ser o galego estádar:
·      Unha tendencia que poderiamos chamar etimolóxica ou cultista caracterizada por tomar como referencia para a ortografía do galego e a adaptación de cultismos a etimoloxía latina. Algúns escritores que practicaron esta tendencia foron Eduardo Pondal e Xoán Vicente Viqueira.
·      Outra tendencia que poderiamos chamar popularizante, caracterizada por intentar tomar como referencia o galego oral popular, moitas veces vacilante en canto ás solucións ortográficas, léxicas e sintácticas e con moitas interferencias do castelán. Algúns escritores que seguen esta liña son Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez.

Porén, o que axiña queda claro é que para escribir en galego non é suficiente a ortografía do castelán: os escritores son conscientes de que hai sons que non existen en galego, encontros vocálicos, diferenza entre sílabas tónicas e átonas, etc. Estas dificultades son superadas coa utilización profusa de apóstrofos, acentos graves, agudos e circunflexos, guións...

En definitiva, nesta primeira etapa non se chega a facer ningún acordo para a escrita do galego. Cada escritor vai consolidando un modelo de lingua máis ou menos fiel á súa variedade local e sen criterios establecidos para a adaptación de cultismos ou a representación de particularidades fónicas do galego. Con todo algunhas solucións acaban impoñéndose: o grafema x tanto para /∫/ (peixe) como para /ks/ (excelente), o dígrafo nh para /h/ (algunha), a utilización de apóstrofes para representar os encontros vocálicos (Lugar máis hermoso/ no mundo n´achara/ qu´aquel de Galicia/ ¡Galicia encantada!).

A primeira tentativa de establecer unhas bases para a estandarización da lingua parte do Seminario de Estudos Galegos en 1933: Algunhas normas pra a unificazón do idioma galego. Entre os seus acertos, esta proposta logra poñer orde na adaptación de cultismos, que na época era bastante caótica, pois moitos escritores utilizaban adaptacións extravagantes (pseudoevolucións, hiperenxebrismos) sen base etimolóxica nin de uso, por afán diferencialista. A guerra e a ditadura impediron que esta proposta chegara a popularizarse, pois o galego foi varrido por moitos anos da vida pública.

A partir dos anos cincuenta vanse xeralizando as normas de estilo ortográfico vixentes na Editorial Galaxia que podemos caracterizar por unha tendencia á eliminación dos signos ortográficos utilizados para representar os encontros vocálicos (apóstrofos e guións) e pola adopción dunha acentuación semellante á da ortografía do castelán (elimínanse os outros tipos de acentos).

Nos anos 70 xorden novas propostas, froito dun mellor coñecemento da lingua galega viva, o que permite depurar o modelo de lingua estándar de castelanismos e hiperenxebrismos, ademais de adoptar un criterio científico para a adaptación de cultismos. Estas propostas cristalizan nas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego de 1982, presentadas conxuntamente polo Instituto da Lingua Galega e a Real Academia Galega. Foi a primeira normativa oficial e nace nun momento clave: o nacemento da Autonomía de Galicia. É o galego estándar que se vén utilizando na administración pública de Galicia e no sistema educativo. Trátase dun modelo de lingua fortemente enraizado no galego falado. Adapta solucións ortográficas xa consolidadas na tradición escrita galega contemporánea que vén desenvolvéndose desde o século XIX e, ao mesmo tempo, depúraa de elementos alleos e proporciónalle os mecanismos para a súa adaptación ás novas necesidades que lle abre o camiño da normalización.

Non todos os sectores da cultura galega aceptaron as Normas oficializadas de 1982. Algúns defenderon posturas favorables a unha normativa de achegamento ao portugués: reintegracionismo. O argumento do que parten é que o galego e o portugués son variantes da mesma lingua, dotada de gran unidade ata finais da Idade Media, e polo tanto, o galego oral xa ten unha variante culta. O máis práctico, para eles, mesmo desde o punto de vista da supervivencia da nosa lingua, é adaptarse á norma culta do portugués e integrarse nunha gran comunidade de falantes que é a lusofonía.

En 2003 prodúcese unha revisión das Normas oficiais de 1982, favorecendo o acordo cos sectores máis moderados do reintegracionismo. Con todo, non existe, aínda, unha reconciliación total.

INTERFERENCIAS E DESVIACIÓNS DA NORMA

En primeiro lugar imos definir ámbolos dous conceptos:
Interferencia é a influencia dunha lingua sobre outra, incorporando elementos que desprazan e substitúen os propios da lingua receptora. A interferencia pode darse en calquera dos niveis dunha lingua: fonético, morfosintáctico e léxico-semántico. A lingua coa que máis interferencias ten o galego é a lingua coa que vive en permanente contacto desde hai séculos: o castelán. As interferencias do castelán chámanse castelanismos. A continuación imos sinalar castelanismos frecuentes en cada un dos niveis lingüísticos:
·      Castelanismos fonéticos: a non distinción de 7 vogais en posición tónica, a imitación da entoación propia do castelán, a mala pronunciación de fonemas característicos do galego coma o /∫/ ou /h/.
·      Castelanismos morfosintácticos: afectan ás formas verbais: conduzco por conduzo, soupen por souben, leer por ler, reír por rir… á utilización de tempos compostos: había feito, hei feito por fixera e fixen;  á colocación do pronome átono: Me dixo que viría por Díxome que viría; á utilización do pronome reflexivo en contextos en que o galego nunca o utiliza: Lavouse a cara  por Lavou a cara.
·      Castelanismos léxicos e semánticos: substituír palabras galegas por palabras castelás: cuchara por culler, sartén por tixola ou tixela, Dios por Deus; ás veces cunha pequeña adaptación ao galego: conexo por coello, cuchilo por coitelo, carreteira por estrada, axuntamento por concello. Os castelanismos semánticos van máis alá de substituír unha palabra por outra; modifican a estrutura profunda de oposición de significado que existen en galego: ex. non é o mesmo “escada” ca “escaleira”, pero un uso do galego interferido ignora esta distinción e adopta sempre o termo idéntico ao castelán: “escaleira”; “rubio” ou “roibo” ou “ruibo” en galego ten o significado de “rojo” en castelán, pero nun uso interferido polo castelán “rubio” pasa a significar “de pelo claro”, concepto para o que o galego ten a palabra “roxo” (na fala tradicional “unha vaca roxa” non é o mesmo ca “unha vaca rubia”). Neste nivel tamén poderiamos incluír a substitución da fraseoloxía tradicional galega (frases feitas, refráns) por unha tradución literal de frases e refráns casteláns: ex. En galego a frase castelá No está el horno para bollos diríase “Non está o alcacer para gaitas”; No me mires con esa cara diríase “Non espetes o corno na braña” ou “Non me poñas cara de ferreiro”.

Desviacións son aqueles usos da lingua que se afastan da lingua estándar, aínda que sexan formas plenamente galegas: dialectalismos (ghato por gato, corazón por corazón, iste por este, “deulle o millo ás galiñas” por “deulles o millo ás galiñas”, muito por moito, cimos por grelos, vulgarismos (probe por pobre, direito por dereito, bailare  por bailar), hiperenxebrismos (calqueira por calquera), pseudoevolucións (cadeirádego por catedrático)… que xa foron descritos nun tema anterior.

TEMA 15: O TEATRO GALEGO ENTRE 1936 E 1976: A XERACIÓN DOS 50 E O GRUPO DE RIBADAVIA. O TEATRO NO EXILIO. O RENACEMENTO DO ENSAIO EN GALEGO

 
TEMA 15: O TEATRO GALEGO ENTRE 1936 E 1976: A XERACIÓN DOS 50 E O GRUPO DE RIBADAVIA. O TEATRO NO EXILIO.
 O RENACEMENTO DO ENSAIO EN GALEGO

O xénero dramático acusou dun xeito moi especial a expulsión do galego do ámbito público polo réxime franquista. O teatro implica non só a produción dun texto literario, senón a súa posta en escena nun espazo público: un escenario, actores, director... e, por suposto público. É dicir, que ás condicións adversas que condicionaron unha década de silencio para o xénero poético e narrativo, hai que engadir a inexistencia dos outros condicionantes para facer posible o feito teatral. Esta situación contrasta vivamente coa situación antes da guerra, en que se estaban dando pasos para unha dedicación profesionalizada da actividade teatral.

No exilio, pola contra, si foi posible manter unha actividade teatral en galego grazas á numerosa colectividade galega formada tanto por emigrantes como por exiliados. Fixéronse pezas teatrais porque era posible representalas e había demanda. Isto explica a existencia dunha compañía de teatro (a Compañía de Teatro Maruja Villanueva) dedicada profesionalemente á posta en escena de obras en galego. En 1941 estreouse con gran éxito en Buenos Aires a obra de Castelao Os vellos non deben de namorarse. Imos citar algúns dos principais autores e obras dramáticas no exilio:

  • Manuel Varela Buxán: era un escritor de pezas dramáticas costumistas con elementos cómicos que gozaba de gran éxito entre a comunidade galega de Buenos Aires. Obras súas como Pola nosa culpa  e Taberna sen dono alternaban representación a principios dos 40 con Os vellos non deben de namorarse, aínda que non se editarían ata os anos 70 en Galicia.
  • Eduardo Blanco-Amor: sabe misturar a tradición do teatro popular con elementos vangardistas (ao estilo dalgunhas pezas teatrais de Lorca) en Farsas para títeres. O seu Teatro prá xente é un conxunto de pezas breves de ambiente popularizante, intención crítica e trama sinxela dirixidas ao público galego de Buenos Aires. Aínda que foron escritas nos anos 50 non se publicaron ata 1974.
  • Luís Seoane: na súa obra A soldadeira fai unha evocación reivindicativa do pasado histórico de Galicia (a época das loitas irmandiñas).
En Galicia, as dificultades materiais e os impedimentos políticos para representar obras en galego fixo que a aparición de textos dramáticos fose máis tardía, menos abundante e con maior desfase entre o momento da súa produción da súa edición ou poosta en escena. En xeral caracterízanse por un afastamento do realismo que permiten establecer unha certa distancia de seguridade coa actualidade do momento.

  • Ricardo Carballo Calero: inspiración popular en A farsa das zocas 81948), teatro alegórico en A sombra de Orfeu (1958)
  • Xenaro Mariñas del Valle: en Acurrucados (1961) fai un teatro social pero cun enfoque abstracto. A revolta (1965) trata o tema da emigración desde unha perspectiva atemporal e universal.
  • Álvaro Cunqueiro: Afástase do costumismo e achégase aos mitos e aos grandes personaxes clásicos como en O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1959) no que consegue dar unha visión particular do personaxe de Shakespeare. En A noite vai coma un río (publicada completa en 1974) o tema é o amor e as súas implicacións na dialéctica corpo/espírito.
  • Xohana Torres: Obras de marcado carácter alegórico con mensaxe política e social. Importancia dos peersonaxes femininos: A outra banda do Iberr (1965) e Un hotel de primeira sobre o río (1968).
  • Daniel Cortezón: Teatro histórico político. Prisciliano (1970).

SIGNOS DE CAMBIO: A XERACIÓN ABRENTE
En 1973 a Asociación Cultural Abrente pon en marcha unha Mostra Teatral na vila de Ribadavia. Este acontecemento terá continuidade no tempo e será de gran importancia para articular o teatro galego independente. Logran establecer unha interesante dinámica arredor do feito teatra:l representacións, debates, concurso de textos dramáticos... A partir de 1984 amplíanse os horizontes desta iniciativa e convértese en Festival Internacional de Teatro, que aínda se celebra hoxe en día. Arredor desta cita vanse consolidando proxectos teatrais galegos, autores, compañías, etc. ata o punto de que na historia da literatura galega fálase dunha Xeración Abrente.

Tamén na cidade da Coruña xurdirán importantes iniciativas que darán lugar á Escola Dramática Galega. Ao final da década dos 70 xa hai compañías e autores dedicados de maneira profesional ao teatro (Troula e Teatro do Estaribel) e que desenvolven unha intensa actividade teatral nos primeiros anos da Transición. Imos só a citar algúns autores e obras:

  • Manuel Lourenzo: é actor, autor de textos teatrais, director de escena, estudoso... En 1967 funda o Teatro Circo, unha compañía independente de teatro itinerante. En 1978, xunto con Francisco Pillado Mayor a Escola Dramática Galega e, pouco despois, ven a luz os Cadernos da Escola Dramática Galega, que publican textos teatrais. Ten unha obra extensa e continúa en activo. Nas súas primeiras obras reinterpreta os mitos clásicos poñéndoos en relación coa actualidade política daquel momento: Traxicomedia do vento de Tebas namorado dunha forca, Premio Abrente 1978.
  • Euloxio R. Ruibal: combina experimentación e tradición. Na súa obra Zardigot, Premio Abrente 1974, aborda o conflito da Guerra Civil.
  • Roberto Vidal Bolaño: fundou en 1975 o Grupo Antroido, a cooperativa teatral Estaribel e, por último, o Teatro do Aquí. Ten recoñecido moitas veces a súa admiración e débeda con dramaturgos como Valle Inclán e Otero Pedrayo (do cal dirixiu unha obra: Rosalía). O seu é un teatro que aproveita as raíces populares pero sen renunciar á experimentación. Utilización dunha lingua simbólica e crítica ao poder:
Ledaíñas pola morte do Meco (1977)
                       Laudamuco, señor de ningures (1977), Premio Abrente
Agasallo de sombras (1984)
Cochos (1992)
Días sen gloria (1992)
Saxo tenor (1993)

O RENACEMENTO DO ENSAIO EN GALEGO
O ensaio foi o xénero que máis tardou en aparecer e consolidarse en galego. A razón é doada de entender: trátase dunha lingua que foi durante moito tempo afastada do sistema educativo e académico e do ámbito técnico-científico. O ensaio en galego vén da man da articulación do pensamento nacionalista galego do 1º terzo do século XX e, relacionado con el, do interese das elites involucradas no galeguismo de estudar e reflexionar sobre diversos aspectos da historia, xeografía, e cultura galegas. É a Xeración Nós a creadora do ensaio en galego. A Guerra Civil e o réxime franquista acaban co entramado cultural que sustentaba a creación de ensaio en galego: pechan e saquean a Editorial Nós e asimesmo o Seminario de Estudos Galegos.

En 1944 publícase en Buenos Aires Sempre en Galiza, un conxunto de diversos textos ensaísticos que conteñen as memorias e o pensamento político do seu autor, Castelao.
Tamén en Buenos Aires apareceron publicadas obras de autores que quedaran en Galicia: Cos ollos no noso espírito (1949) de Francisco Fernández del Riego e O libro dos amigos (1953) de Otero Pedrayo.

En Galicia o ensaio renace arredor do círculo fundador da editorial Galaxia (Ramón Piñeiro, Domingo García Sabell, Francisco Fernández del Riego...). O intento de recuperar o espírito da revista Nós a través dunha nova revista é frustrado pola censura. Terán que agardar a 1963 para levar a cabo a publicación dunha revista cultural en galego: Grial.
O ensaio do grupo Galaxia ten tres núcleos temáticos:
  • Reflexión sobre a identidade galega, que para eles xira arredor da vivencia da paisaxe, a experiencia da saudade e o humor.
  • Reflexión sobre a lingua galega como principal soporte identitario cultural.
  • Intento de re-conectar a cultura galega coa europea (como a xeración Nós). Neste sentido, cómpre indicar que eles foron os responsables de que a famosa obra do filósofo alemán Martin Heidegger, Da esencia da verdade, aparecese antes en galego ca en castelán.
Algunhas obras e autores:
            Significado metafísico da saudade (1951) de Ramón Piñeiro

            Sete ensaios sobre Rosalía (1952) de Domingo García Sabell

            Mito e realidade da terra nai (1957) Xoán Rof Carballo

            O segredo do humor (1963) de Celestino Fernández de la Vega