lunes, 25 de febrero de 2013

TEMA 13 (2º BACH). A POESÍA DA POSGUERRA: A XERACIÓN DE 1936, A PROMOCIÓN DE ENLACE E A XERACIÓN DAS FESTAS MINERVALES. A POESÍA DO EXILIO


TEMA 13 (2º BACH). A POESÍA DA POSGUERRA: A XERACIÓN DE 1936, A PROMOCIÓN DE ENLACE E A XERACIÓN DAS FESTAS MINERVALES. A POESÍA DO EXILIO

A guerra e os anos de durísima posguerra supoñen unha paréntese e en certos aspectos unha ruptura co normal desenvolvemento da literatura galega. Unha paréntese porque as condicións políticas silencian durante máis de dez anos a expresión literaria en galego: péchanse editoriais e revistas, perséguense editores e intelectuais galeguistas. Unha ruptura porque a represión provocou a morte dalgús axentes literarios e o exilio doutros moi valiosos, pero tamén porque impuxo a imposibilidade de intercambio e diálogo con outras culturas. Deste xeito o panorama literario de posguerra queda empobrecido, pechado sobre si mesmo e sometido a unha feroz censura.

A poesía do interior recupera o seu pulo na década dos 50, aproveitando unha certa apertura do réxime para favorecer o seu recoñecemento internacional. Recupéranse as tendencias poéticas máis conservadoras da preguerra (neotrobadorismo, imaxinismo, ruralismo) ás que se sobrepoñen outras como o culturalismo clasicista, o intimismo radical e o socialrealismo. Algunha destas tendencias son revisións de liñas xa presentes na literatura galega: así o intimismo radical xa o podemos atopar en Rosalía de Castro, pero nesta época renóvase e enriquécese con novas achegas surrealistas (Luís Pimentel e Luz Pozo) e existencialistas (Manuel Cuña Novás e a Escola da Tebra); o socialrealismo ten moito que ver coa poesía cívica presente desde Rosalía e Curros, sen esquecer Cabanillas, pero nesta época adquire unha preocupación universalista que trascende o ámbito galego. Trátase dunha poesía onde o primeiro é o compromiso social desde unha perspectiva crítica próxima ao marxismo expresada nunha linguaxe poética prosaica e coloquial.
Na década dos 50 agroman simultaneamente en Galicia poetas pertencentes a diferentes xeracións:

  • Xeración do 36: nacidos entre 1910 e 1920, é unha xeración que ve truncada a súa traxectoria polo trauma da Guerra Civil. Algúns deles xa publicara antes da guerra como Aquilino Iglesia Alvariño ou Álvaro Cunqueiro, outros ven retrasada a súa incorporación ás letras galegas polas inexistentes condicións para publicar en galego despois da guerra. Fórmanse na II República ao abeiro dos escritores da Xeración Nós e do galeguismo de preguerra e participan nos seus proxectos culturais: revistas, editoriais, seminarios... Por esta razón algúns membros destacados desta xeración exercen a función de ponte na tradición literaria galega entre os máis vellos e os máis novos.

    • Aquilino Iglesia Alvariño: fórmase no Seminario de Mondoñedo e seguirá na Universidade de Santiago estudos de Filosofía e Letras. Dedicouse ao ensino e, desde 1948, foi catedrático de latín. Despois da guerra mantense afastado das actividades culturais da súa xeración. Morreu en 1961. Publicou dous libros en galego antes da guerra: Señardá (1930) e Corazón ao vento (1933). A guerra decántao polo bando fascista e cambia a súa lingua poética, do galego ao castelán. O seu libro fundamental é Comaros verdes (1947) que resume o mellor da súa poesía: un tratamento clasicista do mundo rural onde a paisaxe serve para tratar temas íntimos (a saudade do paraíso perdido da infancia, a harmonía do movemento temporal cíclico da natureza, a vivencia amorosa). O ruralismo de Iglesia Alvariño dialoga cos poetas clásicos como Virxilio e empápase do saudosimo dos poetas portugueses.

    • Álvaro Cunqueiro: a guerra faino escoller e comprometerse co fascismo, colaborando en xornais que apoiaban o golpe de estado. Un problema nunca ben aclarado lévao ao pouco tempo a abandonar Madrid e a desterrarse a Mondoñedo, a súa vila natal, onde vive varios anos e retoma a actividade literaria en galego, tanto en poesía ,Dona do corpo delgado (1950), como en narrativa e teatro. A partir dos anos 60 entra a traballar como redactor no xornal Faro de Vigo. Foi durante toda a súa vida escritor en galego e castelán. O seu último libro de poesía Herba aquí e acolá (1979) recolle a súa produción ao longo de varias décadas. En Dona do corpo delgado convive o neotrobadorismo cunha poesía de gran intensidade lírica onde se manexan diferentes influencias de figuras excepcionais da poesía universal. En Herba aquí e acolá esta última tendencia que podemos definir como culturalismo é a predominante. Cunqueiro demostra ser un poeta maduro que sabe utilizar sabiamente imaxes sorprendentes e xogar coa lingua para crear universos literarios envolventes, pero, ao mesmo tempo, non queda no simple xogo poético, senón que logra unha voz lírica profunda para falar do amor, da morte e da mesma esencia da poesía. É un dos poetas que máis influirá nas xeracións da fin de século.

    • Celso Emilio Ferreiro: antes da guerra participa en actividades políticas galeguistas e literarias. Despois da guerra participa na creación de revistas literarias e editoriais que van publicar textos en galego como Finisterre, Alba e a colección de poesía Benito Soto. Participa na fundación do nacionalismo marxista nos anos 60 e emigra a Venezuela, onde ten unha experiencia amarga coa emigración galega establecida alí. Os seus poemarios máis importantes son O soño sulagado (1954) e Longa noite de pedra (1962). No primeiro distínguense dúas tendencias: unha lírica centrada na súa experiencia existencial próxima á confesión (reflexións sobre o paso do tempo, o paraíso da infacia perdido, a dor de vivir) e outra social centrada nos problemas da colectividade (a emigración, a guerra). Unha novidade que achega Ferreiro neste libro son os poemas satíricos nos que se ridiculiza usando o sarcasmo a sociedade técnica e burocrática. En Longa noite de pedra predomina a denuncia social e política que acada unha dimensión internacional (non se limita a criticar a situación concreta da ditadura franquista). O punto de vista crítico é o marxismo: aparece o proletariado, xunto con outros moitos termos da filosofía marxista como plusvalía, como suxeito poético na poesía galega. Formalmente, este libro supón unha renovación na linguaxe poética que se fai máis coloquial, rico en recursos que apelan directamente ao lector con repeticións, enumeracións, onomatopeias que lembran a linguaxe efectiva das narracións orais ou das conversas.

    • Xosé María Díaz Castro: Foi un poeta senlleiro, que non cultivou a relación con outros poetas, e de escasa produción. O seu único libro, Nimbos (1961), ofrécenos poesía de temática relixiosa, un delicado ruralismo moi ligado á saudosa lembranza da infancia (o vello tema do paraíso perdido), á vivencia do paso do tempo cíclico (lembrade o poema Penélope) fronte ao tempo histórico.

  • Promoción de Enlace: nacidos entre 1920 e 1930, edúcanse xa nun clima cultural e social empobrecido e na represión política. A súa formación cultural verase limitada por estas condicións ambientais (e económicas) e algúns deles son autodidactas. Carecen de mestres e de referentes culturais galeguistas, polo que a súa incorporación ao galego faise de maneira dubidosa e insegura. Por outra parte, a penas podemos afirmar que se trate dun grupo homoxéneo, posto que non participan en proxectos de grupo e non teñen relación entre si. Trátase dunha suma de individualidades que comparte as condicións adversas para a creación literaria. Contra os anos 60 a súa produción virará de xeito decidido cara ao galego.

    • Luz Pozo Garza: o seu primeiro libro en galego O paxaro na boca (1952) ten moito que ver co intimismo de Luís Pimentel e o surrealismo. A poesía de Luz Pozo é, por riba de todo, unha creación estética de alta calidade: toque o tema que toque, a forma poética vén sendo un medio para achegarse á beleza.

    • Manuel Cuña Novás: o seu libro máis influínte é Fabulario novo (1951), onde atopamos unha poesía surrealista plagada de imaxes oníricas escuras que queren expresar unha angustia existencial radical, moi de moda na literatura europea da época. Inicia así unha corrente que se chamaría Escola da Tebra que tería continuadores nos poetas da xeración das Festas Minervales.

  • Xeración da Festas Minervales: os escritores nacidos entre 1930 e 1940 non viviron a Guerra Civil ou eran moi pequenos e a súa experiencia vital e educativa transcorre integramente no réxime franquista. A súa conexión co galeguismo cultural faise a través da Xeración do 36 cando inician os seus estudos universitarios na USC. Moi novos participan en proxectos de recuperación da cultura galega deseñados pola Xeración do 36: a recuperación das Festas Minervales, o suplemento cultural do diario La Noche e a publicación na colección Illa Nova da editorial Galaxia. Levan adiante tamén iniciativas propias como o grupo e a editorial Brais Pinto. Recuperan o espírito cosmopolita da Xeración Nós: viaxan a Europa, coñecen a literatura e as tendencias vangardistas da arte da súa época e intentan integralas na literatura galega. Parte desta xeración protagonizará unha ruptura co galeguismo cultural do grupo Galaxia e participará na fundación de partidos nacionalista revolucionarios na década dos 60.

    • Manuel María: Ten unha obra extensa que vai tocando, sempre un pasiño por diante dos demais, as diferentes tendencias da época en que é escrita: Muiñeiro de brétemas (1950) é unha das primeiras obras poéticas da posguerra en galego e nela xa aparece o surrealismo onírico e existencialista da Escola da Tebra. En Documentos persoaes (1958) adiántase tamén ao socialrrealismo formalmente coloquial que vai campar, a partir do enorme éxito de Longa noite de pedra de Celso Emilio, durante toda a década seguinte. En Terra Cha (1954) anticipa o paisaxismo renovador de Uxío Novoneyra. A partir de Libro de pregos (1962) volve ao socialrrealismo e nel demórase por moito tempo.

    • Uxío Novoneyra: Os Eidos (1955), Elexías do Caurel e outros poemas (1966), Os Eidos 2 (1974), a poesía de Novoneyra expresa a experiencia da relación do home e a natureza. Máis alá do paisaxismo é unha poesía que nos achega a unha especie de sentimento místico de unión do home e da natureza que nos sobrecolle: a inmensidade das serras, a soedade e o silencio, a existencia e a ética da nosa relación co que nos rodea (tanto do ámbito natural como social). Formalmente é unha poesía concentrada (conténtanse con nomear e mesmo enumerar os elementos da paisaxe se necesidade de adxectivación) que foxe do ton coloquial e ama o ton declamativo, coma para dirixirse a unha asemblea. Experimenta co fonosimbolismo e o simbolismo visual das letras (Poemas caligráficos (1979)).

    • Xohana Torres: É unha escritora de poucos libros pero moi influíntes. O primeiro é o poemario de xuventude Do sulco (1959) onde ofrece unha poesía intimista de acusada personalidade. Estacións ao mar (1980) é un libro de madurez onde se trata o amor á súa terra, a nostalxia do pasado, e a íntima vivencia do mar.

    • Xosé Luís Méndez Ferrín: É un escritor cunha longa traxectoria e unha obra importante en poesía e narrativa, fundamentalmente. Como poeta iníciase con Voce na néboa (1957) que se adscribe á Escola da Tebra. Nas seguintes obras Antoloxía Poética (1972) e Poesía enteira de Herriberto Bens (1980) predomina o poeta de compromiso cívico e social, pero cunha poesía de gran preocupación formal que nunca chega a caer no coloquialismo predominante. Con pólvora e magnolias (1976) reivindica a poesía formal e culta sen renunciar ao compromiso político e social. Esta obra marca un antes e un despois na evolución da poesía galega. 

A POESÍA NO EXILIO
En varias cidades americanas, pero sobre todo en Buenos Aires, desenvólvese unha rica actividade cultural en galego durante os anos 40 cando en Galicia non era posible. Ao remate da guerra os intelectuais comprometidos coa II República vense obrigados a exiliarse e, xunto cos escritores que xa estaban instalados en América, fundan revistas como Galicia Emigrante e  editoriais como Citania. Os poetas máis destacados no exilio adiántanse aos do interior na creación dunha poesía socialrrealista, que en Lorenzo Varela e Luís Seoane adquire unha perspectiva épica na recreación de episodios da historia de Galicia (as loitas irmandiñas) que se relacionan co presente opresivo (a guerra, o fascismo e as súas consecuencias). O tema da emigración e o desexo por recuperar a terra e os amigos perdidos é outra constante nestes autores.
Lorenzo Varela: Catro poemas para catro gravados (1954), Lonxe (1954), Homaxes (1979).
Luís Seoane: Fardel e eisilado (1952), Na brétema, Sant Iago (1956), As cicatrices (1959).
Emilio Pita: Jacobusland (1942).

miércoles, 20 de febrero de 2013

Non todo vai ser estudar!


A cultura é moito máis que libros, exposicións académicas e museos. A cultura é unha maneira de relacionarse socialmente. As festas son cultura. Os camiños e corredoiras son cultura. Toda cultura garda nas súas entrañas unha espesa corrente de contracultura. O antroido reforza os valores culturais poñendo o mundo patas arriba e rindose de todo o máis sagrado da nosa cultura. Franco tívolle medo ao antroido e prohibiuno, pero o vello antroido tradicional galego segue vivo e orgulloso.
Podedes descubrir o antroido galego neste blog:


http://polopaisadiante.wordpress.com/




Seique é dun rapaz de lonxe que chegou a Galicia un día e por aquí anda. Polo que conta, parece que vai integrándose admirablemente ben.

martes, 19 de febrero de 2013

TEMA 12 (2º BACH): A LITERATURA ENTRE 1936 E 1976 (I)

 
TEMA 12 (2º BACH): A LITERATURA ENTRE 1936 E 1976 (I)

  1. Introdución: a rearticulación do entramado cultural galego na posguerra

Nos anos posteriores ao golpe de estado que provocou a Guerra Civil Española (1936-1939) e durante a 1ª década da posguerra, a brillante actividade literaria e cultural desenvolvida en lingua galega paralizouse case totalmente. O primeiro libro de importancia que se edita en galego é de poesía: Cómaros verdes (1947) de Aquilino Iglesia Alvariño.



A partir de 1949 van ir aparecendo unha serie de pequenas editoriais, revistas e suplementos que recuperan a publicación de literatura en galego:
·      A colección de poesía Benito Soto en Pontevedra que publicou importantes títulos como Dona do corpo delgado (1950) de A. Cunqueiro ou Triscos (1950) de Luís Pimentel.
·      A editorial Bibliófilos Gallegos en Santiago e Xistral en Mondoñedo
·      A editorial Monterrey e Galaxia en Vigo
·      O suplemento cultural do diario La Noche de Santiago onde se se publican artigos en galegos e se dá espazo aos novos escritores.
·      As revistas de poesía bilingües Mensajes de poesía e Alba (1948)

Arredor da editorial Galaxia vanse agrupar algúns intelectuais da época anterior que deseñarán unha estratexia de resistencia do galeguismo cultural nunha situación adversa como o era a ditadura franquista. Parte desa estratexia é atraer aos posibles novos escritores integrándoos na tradición cultural do galeguismo e dándoos a coñecer a través da súa colección Illa Nova.
Galaxia pretende  retomar o espírito culto e cosmopolita da Xeración Nós con iniciativas como a revista Grial (1951) dedicada ao cultivo do ensaio filosófico. O proxecto sufriu a censura das autoridades por considerar intelerable unha revista que tratase temas de filosofía en galego. Grial rexorde na década dos 60 transformada nunha “revista de cultura”.

Durante a década dos 60 xorden nas cidades galegas asociacións culturais (O Galo en Santiago, O Facho na Coruña, Asociación Cultural de Vigo) que favorecen a presencia do galego na vida pública. É evidente que pouco a pouco vaise formando unha élite cultural interesada en coñecer e difundir a lingua galega na súas diferentes manifestacións sociais e artísticas, se ben acotada a ámbitos de acción moi reducida, .

2. A literatura no exilio


Castelao en Buenos Aires, preparando as máscaras para a estrea de Os vellos non deben de namorarse



Por outra parte, cómpre ter en conta o feito de que, desde o principio da Guerra Civil, a conexión entre a literatura feita en Galicia e a literatura feita na emigración/exilio quedara practicamente interrompida, polo menos polas canles normais. Deste xeito, os autores que se agrupan en Buenos Aires escriben obras que non chegan a ler os autores que quedaran en Galicia.
Buenos Aires mantén aceso o facho da cultura galega durante a época de maior escuridade da ditadura de Franco, cando en Galicia a penas se escribía nada en galego. Esta situación fai que a literatura feita no exilio acabe desenvolvendo temas e adoptando perspectivas ideolóxicas e mesmo formais que no interior non eran posibles: A esmorga (1959), non foi publicada en Galicia ata 1970 e, aínda así, censurada; Sempre en Galiza (1944), un ensaio que recolle as memorias e o pensamento político de Castelao, foi durante toda a ditadura un libro prohibido que circulaba clandestinamente en pequenos círculos políticos.
O labor incansable dos exiliados máis comprometidos creou canles (editoriais, revistas, programas radiofónicos, ciclos de conferencias) polas que foi posible facer cultura en galego a miles de quilómetros de distancia de Galicia: publicando obras tan emblemáticas como Memorias dun neno labrego (1961) ou representando Os vellos non deben de namorarse (1941).
A literatura do exilio será tratada seguindo a división de xéneros (poesía, prosa e teatro) proposta polo programa oficial nos seguintes temas.


lunes, 18 de febrero de 2013

TEMA 11 (2º BACH): O GALEGO DE 1936 A 1975: CARACTERÍSTICAS LINGÜÍSTICAS FUNDAMENTAIS. CONTEXTO HISTÓRICO E SITUACIÓN SOCIOLINGÜÍSTICA


TEMA 11 (2º BACH): O GALEGO DE 1936 A 1975: CARACTERÍSTICAS LINGÜÍSTICAS FUNDAMENTAIS. CONTEXTO HISTÓRICO E SITUACIÓN SOCIOLINGÜÍSTICA

1. Características lingüísticas fundamentais
Os escritores en galego desde o Rexudimento enfrontáronse ao problema de como representar por escrito unha lingua oral da que non coñecían tradición escrita. Contra mediados do século XX xa se contaba cunha recente tradición escrita, a que se fora conformando cos escritores do século XIX e do 1º terzo do século XX.

Nesta época pode falarse dunha tendencia á simplificación da normas ortográficas, especialmente no que respecta ao uso de acentos diacríticos con diversas funcións diferenciadoras: acentos graves (à), agudos (é) e circunflexos (pôr), apóstrofos (n´outras) e guións (d-este, co-a). A partir de agora usaranse só os acentos graves (´) e desaparecerán paulatinamente o uso de apóstrofes e guións para indicar encontros vocálicos.
Tamén hai que sinalar unha moderación da tendencia ao diferencialismo característico do galego escrito do 1º terzo do XX, de maneira que diminúe o uso de hiperenxebrismos, pseudoevolucións, arcaísmos e dialectalismos. A este proceso de depuración  que supón delimitar o que é galego do que non é galego (depurar a lingua de castelanismos pero tamén de solucións inventadas e inexistentes na fala para evitar os castelanismos) contribuíu de maneira definitiva o estudo científico da lingua galega. A partir de mediados dos anos 60 na Universidade de Santiago de Compostela e arredor da cátedra de Lingua e literatura galega e dos estudos de Filoloxía Románica realízanse diversos estudos sobre o galego falado.A partir destes traballos, que supoñen unha base sólida de coñecemento da lingua, iníciase a elaboración dun modelo de lingua estándar na década dos 70.

Con todo, e dependendo dos autores, o galego das obras literarias clásicas desta época –iso que vós chamades de maneira inexacta galego antigo– presentará diferencias chamativas con respecto ao galego estandarizado dos vosos textos ecolares ao que estades afeitos: unhas normas de acentuación diferentes, dialectalismos, cultismos adaptados de maneira diferente, vulgarismos (n´A esmorga tedes moreas de exemplos), arcaísmos (moi queridos por Álvaro Cunqueiro e de gran rendemento estilístico na súa poesía)... que iremos identificando a medida que leamos os textos na clase.

2. Contexto histórico e situación sociolingüística

O golpe de estado militar de 1936 contra o réxime democrático da II República Española significa unha ruptura radical con todos os logros da cultura galega do 1º terzo do século XX.
A terrible represión política que se levou a cabo sistematicamente nos territorios que quedan baixo o poder dos sublevados obriga a que cesen repentinamente a súa actividade asociacións culturais, xornais, revistas e editoriais comprometidas coa recuperación da lingua e a cultura galega. A pluralidade política queda suspendida e os membros e simpatizantes de partidos de esquerdas, nacionalistas ou simplemente defensores da república e da democracia son perseguidos. O asasinato, o exilio e o ostracismo cébanse en todos aqueles que non apoien o golpe de estado.
A victoria do réxime fascista de Franco supuxo:

·    A perda das liberdades democráticas.
·    A instauración dunha política de uniformización ideolóxica, lingüística-cultural e relixiosa (o nacional-catolicismo).
·    A entrada nunha forte recesión económica causada polos efectos da guerra e por unha política autárquica que restrinxe as relacións comerciais co exterior. O resultado foi un retroceso brutal do nivel de vida da maioría da poboación, condenada á escasez e ao racionamento de produtos de primeira necesidade durante máis dunha década, mentres florecía o mercado negro (estraperlo) coa complicidade das autoridades.

A situación non mellorou ata a década dos 50, en que a ONU revocou o acordo na que instaba aos seus membros a retirar os seus embaixadores dee Madrid. Neste momento EEUU e o Reino Unido deciden retomar as relacións diplomáticas con España. O réxime empeza a ter recoñecemento internacional e, en contrapartida, vese obrigado a ofrecer algúns signos de apertura que van favorecer un tímido repunte cultural.


Octavilla propagandística difundia na Coruña en 1942



Neste periodo a lingua galega, que antes da guerra estaba gañando espazos na vida pública (prensa, radio, discursos políticos, introdución no sistema de ensino), quedou totalmente prohibido no ámbito público e a nivel oficial. Desde a propaganda do réxime volve a insistirse nos vellos estereotipos de rusticidade e incultura asociados ao uso do galego pero, ademais, agora engádese un novo estigma negativo: o carácter antipatriótico de quen o utilizaba. Só se admitía o seu uso entre xente de moi baixa formación educativa, en ámbitos familiares ou asociado a unha visión folclórica e embrutecida da cultura galega (pensemos no éxito de personaxes como Xan das Bólas nas películas da época).

Hai varios aspectos que teñen unha gran influencia na importante desgaleguización da sociedade galega durante esta época:
  • A escola: a escolarización obrigatoria funciona como un elemento moi eficaz de desgaleguización. O galego, que era a lingua da maioría dos escolantes, non só estaba ausente dos plans educativos, senón que era motivo de castigo e ridiculización para aqueles nenos que o usaban na escola.
  • Os medios de comunicación de masas: a partir dos anos 60 en que boa parte das clases baixas accede á sociedade de consumo, tanto a radio como a televisión e o cine difunden modelos de conduta “modernos” sempre identificados co uso do castelán (pensade que en moi poucos países se dobran absolutamente todos os produtos audiovisuais que chegan de fóra e que isto só cabe interpretalo como parte dunha política lingüística de uniformización).
  • A emigración: as penosas condicións económicas que perduraron durante décadas despois da guerra e o desenvolvemento industrial a partir dos anos 60 en zonas moi localizadas (Madrid, País Vasco, Barcelona) impulsaron a moita xente a emigrar (ao estranxeiro, a cidades industriais do estado, a cidades galegas). O cambio de hábitat tamén é un factor importante para que as persoas cambien os seus hábitos lingüísticos e, sobre todo, un factor que dificulta a transmisión xeracional.
Polo tanto, durante o franquismo acelérase a desgaleguización da sociedade galega e chega a afectar a sectores que foran tradicionalmente os garantes da súa transmisión: clases baixas traballadoras, habitantes do medio rural emigrados...

Ao mesmo tempo, o galego empeza a ser de novo obxecto de interese e reivindicación entre a oposición antifranquista que ve na represión da lingua un instrumento máis de suxugación do poder totalitario que queren combater. O galego será a lingua vehicular do sindicalismo, do feminismo e de boa parte partidos clandestinos que loitan para debilitar o réxime franquista: é, como ben dixo Celso Emilio Ferreiro, a lingua proletaria do meu pobo.


martes, 12 de febrero de 2013

TEMA 10 (1º Bach): O TEXTO ARGUMENTATIVO

 
TEMA 10 (1º Bach): O TEXTO ARGUMENTATIVO

O texto argumentativo ten como finalidade convencer, ben demostrando unha opinión ou ben rebatíndoa. A función lingüística predominante é a apelativa, posto que o discurso está encamiñado en producir no receptor unha determinada reacción. A esta función debemos engadir a representativa, pois os argumentos utilizados para convencer usan variantes de textos expositivos, como definicións, ou descritivos, de maneira que as opinións subxectivas que defendemos se vexan reforzadas por razóns obxectivas.

Textos argumentativos son os ensaios científicos, filosóficos, os discursos políticos, os artigos de opinión xornalísticos, as intervencións en debates e mesas redondas e, en xeral, tamén as discusións espontáneas do noso día a día. Mais non todas as discusións chegan á categoría de argumentacións, como podedes comprobar no seguinte exemplo:


Argumentar non é simplemente contradicir, nin berrar nin descualificar ao adversario. Argumentar é opoñer mellores razóns que apoien as nosas opinións fronte ás dos adversarios e tamén artellar unha estratexia intelixente na súa exposición. Sempre é mellor considerar que, por moito que non esteamos de acordo, os demais tamén terán as súas boas razóns e, por suposto, o respecto por eles e as súas opinións debe quedar claro, tanto nos nosos argumentos como na súa posta en escena no texto oral ou no escrito. 


Castelao foi un gran orador e deixou excelentes mostras de textos argumentativos escritos en lingua galega como o famoso discurso Alba de groria



ESTRUTURA DO TEXTO ARGUMENTATIVO

Todo texto argumentativo parte dunha idea básica, a tese, que terá que ser explicada e reforzada ao longo do seu desenvolvemento.
A estrutura habitual consta de introdución, desenvolvemento e conclusión. Sempre é aconsellable facer antes un esquema no que se enuncie claramente a tese, se apunten todas as ideas que se nos ocurran que poidan reforzala e se lles dea unha orde. Cada unha destas ideas poderá converterse logo nun parágrafo:

  • Introdución: Comézase por presentar o tema que se vai tratar dunha maneira xeral para ir achegándose a un aspecto concreto sobre o que ao final deste apartado se enunciará claramente unha opinión: a tese.
  • Desenvolvemento: Trátase de ampliar a idea central, a tese, e reforzala mediante a ilustración por medio de exemplos, citas, descricións, datos, opinións de autoridade ... Cada unha das ideas apuntadas no esquema convertirase nun parágrafo que debe relacionarse coherentemente co anterior e co seguinte. Nestes parágrafos, a idea principal da que se parte pode ampliarse con varias ideas relacionadas (ideas secundarias) que a completen e ilustrala con exemplos.
  • Conclusión: pódese facer unha recapitulación dos principais argumentos e reafirmarse na tese inicial ou tamén pódese rematar con algunha frase que resuma a idea defendida ou que apunte unha nova idea que se poida inferir do que se leva dito e mesmo unha invitación a sumarse á opinión defendida e actuar en consecuencia. 

Segundo a orde lóxica que se escolla podemos falar de dous tipos de argumentacións:

·      Argumentación dedutiva ou estrutura analítica: que parte da tese, segue co corpo de argumentos e remata na conclusión.
·      Argumentación indutiva ou estrutura sintética: que parte dos argumentos para chegar ao final, a modo de conclusión, á tese.

Un bo esquema sobre o que practicar sería un texto argumentativo formado polo menos por cinco parágrafos: 1º a introdución, 2º argumento a favor, 3º argumento a favor, 4º argumento en contra e refutación, 5º conclusión.

PROCEDEMENTOS DISCURSIVOS E LINGÜÍSTICOS

  • A definición: explica o significado de conceptos clave no texto.
  • A comparación: serve para poñer en relación ideas, poñer exemplos con casos semellantes ou diferentes que axudan a comprender conceptos.
  • A exemplificación: achega exemplos concretos que facilitan a comprensión de razoamentos abstractos.
  • A enumeración de exemplos ou argumentos proporciona unha base sólida para apoiar a tese.
  • A interrogación: pode usarse para poñer en dúbida un argumento contrario e reforzar así o propio ou mesmo para enunciar as reticencias que un razoamento propio poida suscitar para, a continuación, rebatelos.

Un texto argumentativo, como calquera outro tipo de texto, debe presentar adecuación entre a expresión lingüística (tanto no plano morfosintáctico como no plano léxico) ao receptor, ao contexto e á intención coa que é feito.
É moi importante que o texto argumentativo dea unha impresión de coherencia lóxica, para o cal é imprescindible que as partes (parágrafos) estean ben ordenadas e sigan unha progresión que conduza á conclusión. Para isto é imprescindible elixir ben os conectores ou marcadores discursivos: conxuncións, locucións conxuntivas, adverbios que organizan o texto.
No entramado textual existen mecanismos de cohesión léxica (repetición de palabras clave ou conceptos sinónimos sobre o tema), cohesión gramatical (uso de pronomes e adverbios que fagan referencia a algo que xa se dixo ou que se vai dicir) que vaian establecendo vínculos entre si a medida que o texto avanza, de maneira que se aprecie que son partes dun todo.


Algunhas páxinas que me foron útiles:



lunes, 11 de febrero de 2013

TEMA 9 : O TEXTO EXPOSITIVO


TEMA 9 : O TEXTO EXPOSITIVO



Os textos expositivos teñen como finalidade informar. Para que a información se transmita adecuadamente os textos expositivos deben ser claros, ordenados e precisos.
A función lingüística predominante é a referencial.

Os textos expositivos caracterízanse pola súa obxectividade, a utilización dun vocabulario preciso, onde prima o significado denotativo. Evitan a ambigüidade e buscan a claridade para o que é útil o respecto pola orde lóxica e a linearidade na exposición. É frecuente o uso de vocabulario específico e mesmo de tecnicismos propios do tema da exposición.

Segundo o contexto para o que é construído e o tipo de receptor ao que se destina, o texto descritivo terá unha maior ou menor complexidade:
  • Textos divulgativos: están concebidos para un público xeral, non especialista no tema que se trata, polo que a súa intención é máis facer un achegamento a un tema que profundizar moito sobre el. Exposicións de tipo divulgativo serán as que podemos atopar en libros de texto, enciclopedias, documentais, etc.
  • Textos especializados: están dirixidos a un receptor que ten un grao de coñecemento previo alto do tema que se trata. O seu obxectivo é profundizar no tema achegando información inédita a partir de novas investigacións. Un exemplo pode ser unha conferencia dun equipo de investigación científica nun congreso de microbioloxía.

PASOS PARA FACER UNHA EXPOSICIÓN

    1. En primeiro lugar cómpre ter clara a perspectiva desde a que realizaremos o texto, tendo en conta o receptor/receptores aos que vai dirixida e o grao de coñecemento previo que poidan ter do tema e tamén o contexto en que será difundido o texto.
    2. É imprescindible partir dun bo coñecemento do tema sobre o que se vai escribir, para o que necesitaremos un traballo de documentación.
    3. O terceiro paso consiste na disposición do material obtido do paso anterior, selecionándo o que consideremos útil e organizándoo de maneira que se estableza entre as distintas ideas relacións lóxicas.
    4. Por último, procederemos a redactar, escollendo un vocabulario axeitado e procurando que a sintaxe sexa clara. É o que se chama tamén elocución. Para isto teremos en conta os procedementos lingüísticos habituais neste tipo de textos.

CARACTERÍSTICAS LINGÜÍSTICAS

A linguaxe do texto expositivo é clara (función referencial, punto de vista obxectivo) e directa (significado denotativo). Predomina o vocabulario específico e mesmo técnico que garantiza a máxima precisión. Evítanse os adxectivos innecesarios (explicativos) e as construcións sintácticas (oracións coordinadas ou subordinadas) utilizadas procuran a transmisión doada da información. Os verbos adoitan estar en presente de indicativo cun valor intemporal.

Que procedementos e recursos lingüísticos se adoitan utilizar na exposicións?
  • A definición/descrición: é o punto de partida de moitos textos expositivos: describir é ofrecer ordenadamente información e definir supón, ademais, intentar poñer esta información en relación cunha orde establecida.
  • A clasificación: consiste nunha serie de definicións relacionadas entre si.
  • A comparación: comparar un obxecto, ou un suposto, con outro parecido mais non semellante pode ser un punto de partida para sinalar puntos de semellanza e diferenza sobre os que ir artellando unha descrición.
  • Exemplificación: os exemplos concretos supoñen un bo apoio para a comprensión do que se explica.

ESTRUTURA DOS TEXTOS EXPOSITIVOS

O máis aconsellable é intentar partir sempre dalgún coñecemento compartido polo emisor e o receptor/receptores ao que se lle vai ir engadindo información nova gradualmente, de xeito que se siga o fío con facilidade. Desta maneira é habitual que os textos expositivos sigan este esquema.

  • Introdución: nela enúnciase o tema, a perspectiva desde o que se vai tratar e establécese a base da información compartida.
  • Desenvolvemento: á información de partida vanse engadindo novos datos e ampliando con novos conceptos relacionados. É importante ir encadeando dun xeito asequible, ordenado e lóxico a nova información.
  • Conclusión: consiste nun breve resumo do exposto anteriormente, retomando as ideas que se consideran fundamentais.


TEMA 8 (1º Bach): O TEXTO DESCRITIVO


TEMA 8 (1º Bach): O TEXTO DESCRITIVO

INTENCIÓN COMUNICATIVA

Describir é explicar como é o mundo que nos rodea –o espazo, o ambiente, os seres e obxectos que o ocupan, os sentimentos e sensacións que nos provocan– representándoo mediante palabras.
A intención comunicativa da descrición ten que ver coa postura que adopte o emisor da descrición:
  • Emisor obxectivo: dá prioridade aos datos obxectivos (todas aquelas circunstancias e características que poden ser comprobadas) e á exhaustividade (intentando que a descrición sexa completa e precisa). As descricións obxectivas son propias dos textos académicos, técnicos e científicos. Predominan a función referencial e o significado denotativo.

  • Emisor subxectivo: pon por diante a súa propia visión persoal influída polos sentimentos, gustos, inclinacións, prexuízos... Aquí fidelidade á realidade, a exhaustividade e a orde lóxica son substituídas pola interpretación persoal e a elección arbitraria dos aspectos que se consideran relevantes. A descrición subxectiva é propia de textos literarios e publicitarios. Predomina a función emotiva, conativa e poética. Faise un uso intensivo do significado connotativo.

PASOS PARA FACER UNHA DESCRICIÓN

  • Elixir un punto de vista: O primeiro que debemos de considerar é que tipo de descrición queremos facer e que pretendemos con ela. O punto de vista determina dúas maneiras diferentes de observar o mundo que nos rodea: obxectiva ou subxectiva.
  • Seleccionar o que imos describir: A decisión do punto de vista vai determinar que elementos debemos escoller para a descrición. A selección debe ser exhaustiva de acordo con criterios de claridade nos textos obxectivos, mentres que nos subxectivos tende a ser caprichosa, primando uns elementos por riba doutros para conseguir unha determinada expresividade.
  • Ordenar os elementos seleccionados: a orde determina a importancia que van ter no conxunto os elementos escollidos. Nos textos obxectivos procurarase unha orde lóxica. Nos textos subxectivos a lóxica racional é substituída pola lóxica intuitiva.
  • Redactar: supón escoller os recursos lingüísticos adecuados ao punto de vista escollido e á intención do texto. Se a descrición é obxectiva a linguaxe terá un significado denotativo, usaremos termos precisos (sen posibles dobres significados), optaremos pola concisión eliminando todo o superfluo (adxectivos especificativos). Se a descrición é subxectiva potenciaremos a expresividade buscando as posibilidades do significado connotativo das palabras, os dobres sentidos, a ambigüidade, a esaxeración, a capacidade da linguaxe para espertar sensacións emocionais e sensuais no oínte/lector.

CARACTERÍSTICAS LINGÜÍSTICAS

Neste proceso de representación con palabras en primeiro lugar debemos nomear os elementos que forman parte da realidade que queremos describir (para iso utilizamos os substantivos), indicar as súas cualidades (para o que utilizamos os adxectivos) e situalos no espazo (valéndonos dos adverbios ou demostrativos).
Substantivos, adxectivos (e outras unidades equivalentes como frases preposicionais e oracións de relativo), adverbios e demostrativos son os elementos lingüísticos centrais na descrición. Os verbos teñen un papel máis secundario: o tempo –a acción– na descrición pasa a un segundo plano e, unha vez situada nun plano temporal a descrición (presente ou pasado) apenas ten máis relevancia. Cómpre sinalar a importancia dos verbos copulativos (ser, estar, parecer) neste tipo de textos.
Nos textos obxectivos é frecuente o uso de enumeracións e comparacións. Nos textos subxectivos abundan todo tipo de figuras retóricas que xogan coas desviacións de significado: comparacións, metáforas, metonimia, hipérbole, sinestesia.

 Este é o polémico retrato que Lucien Freud realizou da raíña Elizabeth II. Cal cres que foi o punto de vista escollido polo autor do retrato para a súa representación? Cal é a primeira reacción que che produce a visión desta pintura? Intenta expresalo con palabras. 
Por que cres que á raíña non lle gustou o cadro?

TIPOS DE DESCRICIÓN

  • Prosopografía: Descrición física de seres vivos.
  • Etopea: Descrición psíquica de seres vivos.
  • Retrato: Descrición física e psíquica de seres vivos.
  • Caricatura: Descrición deformante con intención crítica ou humorística.
  • Topografía: Descrición de espazos, paisaxes ou ambientes.



jueves, 7 de febrero de 2013

TEMA 10 (2º BACH): SEMÁNTICA: CAMPOS SEMÁNTICOS. AS RELACIÓNS E OS CAMBIOS SEMÁNTICOS. DEFINICIÓNS DE PALABRAS

 
TEMA 10 (2º BACH): SEMÁNTICA: CAMPOS SEMÁNTICOS. AS RELACIÓNS E OS CAMBIOS SEMÁNTICOS. DEFINICIÓNS DE PALABRAS

A semántica é unha disciplina lingüística que ten como obxecto de estudo o significado dos signos lingüísticos. No código lingüístico ponse en relación un significante (a maneira de expresar ) cun significado (o concepto que se quere expresar) e estes cun referente extralingüístico (os obxectos, accións, características, ideas ...). A semántica explica a particular maneira que ten cada lingua de expresar (representar simbolicamente) a realidade extralingüística a partir da descrición das relacións de significado entre os signos lingüísticos.

O léxico dunha lingua non é un conxunto caótico, senón que aparece estruturado polas relacións de afinidades e oposicións que manteñen entre si as unidades que o compoñen. Faremos unha primeira distinción de dúas maneiras de organización do léxico: a primeira aparece intimamente emparentada coa morfoloxía (baséase nos xogos combinatorios dos morfemas léxicos: lexemas, sufixos e prefixos) e a segunda entra plenamente no campo, máis abstracto, da semántica.

Familia léxica: é o conxunto de palabras que comparten un mesmo lexema, e polo tanto a parte substancial do seu significado, grazas ao funcionamento dos procedementos habituais de formación de palabras: derivación e composición: seguir, seguimento, perseguir, perseguidor, perseguido... Foron xa obxecto de atención no tema anterior de Formación de palabras.

Campo semántico: é unha estrutura na que participan todas aquelas palabras que comparten unha zona común de significación e que, á súa vez, manteñen entre si relacións de oposición. Así, luns, martes, mércores, xoves, venres, sábado e domingo son palabras que comparten o significado de “días da semana” e á vez opóñense entre si polo número de orde que ocupan dentro do conxunto. Trátase dunha estrutura xerárquica: “días da semana” ocupa un lugar máis alto (hiperonimia) ca “luns, martes, mércores...” que se manteñen subordinados (hiponimia). Ao mesmo tempo cada un dos termos subordinados, hipónimo, oponse por algún trazo aos demais hipónimos, nunha relación entre iguais chamada cohiponimia. Á súa vez, “días da semana” entraría a formar parte como hipónimo doutro campo semántico xunto a, por exemplo, “meses do ano” e “festividades do ano”, “partes do día”, etc. cos que mantería relacións de cohiponimia dentro do campo semántico de “denominacións da organización do  tempo”.


A continuación imos facer unha breve clasificación das principais relacións semánticas, é dicir, relacións de afinidade e oposición que se establecen entre as palabras polo seu significado.

Antonimia: É a relación que se establece entre palabras de significado oposto. Podemos distinguir entre diferentes tipos de antonimia:
  • antónimos graduais: permiten unha graduación, de tal maneira que cada un dos termos considerados antónimos ocupan o polo oposto da graduación: quente/(morno)/frío, grande/(mediano)/pequeno, ancho/(axustado)/estreito.
  • antónimos complementarios: a afirmación dun elemento implica necesariamente a negación do outro: vivo/morto, par/impar, coñecido/descoñecido.
  • antónimos recíprocos ou inversos: a afirmación dun implica a existencia do outro: dar/recibir; tío/sobriño, anfitrión/convidado, comprar/vender.

Sinonimia: é a relación que se dá entre aquelas palabras (sempre da mesma clase, ex. subs., adx. vbos...) que teñen o mesmo significado: felgo/fieito/fento; cachola/cacheira/cachucha. A sinonimia total dáse, sobre todo, entre palabras pertencentes a diferentes variedades lingüísticas. Os dous exemplos que acabamos de poñer, por exemplo, son tres palabras que se refiren exactamente ao mesmo concepto pero pertencen a variedades xeográficas distintas: nos lugares onde se di felgo non se di fieito nin fento, aínda que no contexto os falantes comprendan o significado. Se no canto de variedades xeográficas temos en conta variedades sociais ou contextuais veremos que, aínda que as palabras sinónimas fagan alusión ao mesmo concepto, o seu significado adquire matices expresivos moi acusados, o que fai que non se nos ocurra utilizar estes termos indistintamente. Poñeremos un exemplo moi claro: pito/carallo/pene son sinónimos, pero de ningún xeito intercambiables en calquera contexto, ou correremos o risco de dar unha impresión non desexada de ridiculez, brutalidade ou pedantería.
Cómpre ter en conta, tamén, que en ocasións poden funcionar como sinónimos o termo xeral (hiperónimo) e calquera dos termos específicos (hipónimos) dun campo semántico: ex. Por favor, colle un asento / Por favor, colle unha cadeira.
O uso da sinonimia con habilidade pode dotar á nosa fala ou á nosa escrita diso que se coñece como estilo, multiplicando a capacidade expresiva da mensaxe. O uso tosco de sinónimos pode facer dos nosos textos (orais ou escritos) un instrumento para molestar, ou aburrir aos demais, o que, evidentemente, diminúe moito o seu potencial comunicativo.

Polisemia: é a relación semántica en que unha mesma palabra pode adquirir diferentes significados, parcialmente coincidentes ou relacionados entre si. En realidade a polisemia é a mesma palabra que foi adquirindo novos significados por extensión da súa significación inicial. No dicionario cada un destes significados que pode ter a palabra aparecerá como acepción: ex: ollo: 1. órgano da vista; 2. burato dunha agulla;  3. apertura dunha ponte para que pase a auga; 4. xermolo das patacas.

Homonimia: en principio, poderiamos definir a homonimia de maneira semellante á polisemia: unha palabra con varios significados, pero sabemos que no caso da homonimia non se trata da mesma palabra, senón de dúas palabras diferentes que por razóns de evolución fonética hoxe en día presentan o mesmo significante. No dicionario aparecerán como entradas diferentes: ex. 1queixo: (do latín CASEU) alimento lácteo, 2 queixo: (do latín CAPSU) parte da mandíbula.

Cambios semánticos
As palabras poden adquirir novos significados mediante certos procedementos de asociación de ideas por semellanza ou contigüidade. Estes cambios semánticos son a orixe de moitos dos casos de sinonimia e de polisemia que se dan na lingua cotiá.

Metáfora: baséase nunha asociación por semellanza entre dous termos A=B; ex. Grazas pola túa axuda, es un sol!; Os ollos da ponte; Para de chorar, brétema!
Metonimia: é una relación baseada na contigüidade que pode ser de diversos tipos: causa/efecto ou viceversa (gañar algo con suor = gañar algo con traballo), continente/contido (tomar dous pratos de caldo = tomar a cantidade de caldo que conteñen dous pratos),  instrumento/profesión (É una das plumas máis recoñecidas = É un dos escritores máis recoñecidos ).
Elipse: dáse en palabras que forman parte de expresións que, por ser repetidas con frecuencia, acaban por simplificarse nunha soa palabra que adquire o significado do conxunto: ex. móbil = teléfono móbil.
Eufemismo: os eufemismos son palabras que pasan a adquirir un novo significado para evitar utilizar outras que se considera que fan referencia demasiado directamente a realidades que entran dentro das fronteiras do tabú. En todas as sociedades a prohibición do tabú está relacionado con aqueles aspectos da vida social considerados ou demasiado elevados por sagrados (a relixión, a morte) ou demasiado baixos por vergonzantes e desagradables (o sexo, os excrementos).  Ex. as diferentes maneiras (todas elas eufemísticas) de referirse ao lugar onde realizamos as nosas función excretoras; as diferentes maneiras que utilizamos para referirnos ao exceso de peso dunha persoa sen dicir gordo ou gorda. Lembrade o efecto cómico (e incómodo) que produce ler calquera das cantigas obscenas da lírica galego-portuguesa medieval na aula polo feito de que os órganos e actividades sexuais son nomeadas polo seu termo directo, non eufemístico.
Definición de palabras
En primeiro lugar deberemos ter en conta o tipo de palabras que queremos definir, pois non é o mesmo definir un substantivo, un adxectivo, un adverbio ou un verbo: os substantivos designan entidades concretas ou abstractas, os adxectivos características, os adverbios circunstancias e os verbos accións ou procesos.
En segundo lugar deberemos procurar que a definición que fagamos poida ser intercambiable coa palabra que definamos: ex. unha rapaza baixa = una rapaza de pequeña estatura.
A definición lóxica parte do xénero de cousas ou conceptos ao que pertence a palabra para logo facer una especificación: ex. pantalón: prenda de vestir que cobre o corpo de cintura para abaixo e separadamente cada una das pernas.
Na definición nocional o significado constrúese con respecto a outra palabra coa que pode gardar una relación de contigüidade tipo parte/todo: ex. pé: parte terminal das pernas do ser humano; exército: conxunto de persoas armadas para combater.






sábado, 2 de febrero de 2013

TEMA 9 (2º BACH): ESTRUTURA E FORMACIÓN DE PALABRAS. TIPOS DE MORFEMAS E ANÁLISE MORFOLÓXICA

 
TEMA 9 (2º BACH): ESTRUTURA E FORMACIÓN DE PALABRAS. TIPOS DE MORFEMAS E ANÁLISE MORFOLÓXICA

Como sabedes a lingua é un código dobremente articulado: a primeira articulación corresponde a unidades dotadas de significante e significado (monemas ou morfemas, palabras, frases, oracións...) e a segunda articulación a unidades con significante pero sen significado (fonemas). Dos fonemas, unidades da segunda articulación, xa falamos o trimestre pasado no tema 2; agora é o momento de repasar como se comportan as unidades da primeira articulación da linguaxe e cales son os mecanismos de combinación das unidades máis pequenas (morfemas) para a formación de unidades maiores (palabras), un campo que estuda a morfoloxía.

O morfema é a unidade lingüística mínima con significante e significado. Máis alá desta unidade, se seguimos descompoñendo en unidades menores obteremos fonemas, que, como dixemos, teñen significante pero non significado.
Os morfemas poden ser léxicos, se o significado que achegan ten que ver co mundo extralingüístico (cant-a-ba-mos), e morfemas flexivos ou gramaticais (cant-a-ba-mos), se o significado que achegan ten que ver con nocións e relacións lingüísticas.
Os morfemas léxicos á súa vez poden ser lexemas (libr-ería), que conteñen o significado básico da palabra, e morfemas derivativos ou afixos (prefixos, infixos e sufixos): cafe-t-ería , des-cafe-in-ado-o, que se unen a unha raíz completando e modificando parte do seu significado inicial.
Os morfemas gramaticais expresan categorías morfolóxicas tales como xénero e número nos substantivos e adxectivos ( rapaz-a-s) e vogal temática, tempo, modo, número e persoa nos verbos (fal-a-che-s).

Como acontece cos fonemas, pódense atopar variantes combinatorias do mesmo morfema, alomorfos: o morfema de plural persenta os seguintes alomorfos: casa-s, pape-is, rapac-es, lapis- Ø .



A palabra é a unidade lingüística libre máis pequena con significante e significado. Unha palabra pode estar constituída por un morfema (can) ou máis dun morfema (can-s, can-in-o). Na escrita represéntase precedida e seguida de espazos, de maneira que se percibe a simple vista a súa singularidade no texto.

Os procedementos principais para a creación de novas palabras son a derivación e a composición
As palabras derivadas son aquelas que engaden a un lexema un prefixo (prefixación: des-facer), un sufixo (sufixación: actu-a-ción), ou ámbolos dous funcionando conxuntamente, de maneira que se eliminamos un dos afixos (o prefixo ou o sufixo) o resultado é unha palabra inexistente (parasíntese: des-camp-ado). É mesmo posible que a derivación se faga de maneira regresiva: escoita a partir de escoitar, corte a partir de cortar.
As palabras compostas están formadas pola adición de dous lexemas que poden estár unidos ou non: vagalume, lucecú, pero tamén: verme da luz e vella facendo papas.


vagalume, lucecú, verme da luz e vella facendo papas son palabras compostas



Outros procedementos bastante produtivos actualmente de creación de plabras serían a redución (bici por bicicleta, tele por televisión, moto por motocicleta), as siglas (DVD “deuvedé”, TDT “tedeté”) e os acrónimos (SIDA, OVNI, DOG “doga”).

O conxunto de palabras relacionadas entre si por teren o mesmo lexema chámase familia léxica: negro, negrura, ennegrecer.

Análise morfolóxica
Unha vez determinados os tipos de morfemas e os precedementos de formación de palabras, falaremos da mecánica da análise mediante a segmentación en unidades máis pequenas e da conmutación, comprobando que esas unidades son reutilizables noutras palabras: a palabra podrecer podemos segmentala asi: podr-ec-er e logo comprobar que ao lexema podr- poden engadírselle outros morfemas: podre, podremia, podricallo e o morfema –ecer pode aparecer tamén noutras palabras: florecer, escurecer, a partir de que do que podemos deducir que o sufixo –ec-er serve para facer verbos a partir de adxectivos (ou substantivos no caso de florecer), indicando o desenvolvemento dun proceso de adquisición da característica expresada no lexema que constitúe a raíz.

Sufixos derivativos máis usuais

  • Colectivos: goleada, ramaxe, amenedo, carballeira
  • Locativos: lavadoiro, panadaría, carballal, outeiro
  • Xentilicios: ferrolán, limiao, galego, betanceiro,
  • Temporais: tempada, quincena, mandato, sementeira
  • De acción: patada, alancada, laído, atadura
  • Caracterizadores: barbudo, areosa, lerchán
  • Profesionais: adegueiro, cantante, agricultor
  • Abstractos: abundancia, puxanza, fermosura, tolemia
  • Outros: análise, clorídrico, hepatite