TEMA 21 (2º BAC): A LITERATURA A FINAIS DO S. XX E
PRINCIPIOS DO S. XXI.
O TEATRO: O TEATRO DOS 80 E DOS 90. DRAMATURGOS,
TENDENCIAS E COMPAÑÍAS ACTUAIS MÁIS RELEVANTES
O proceso de normalización da
cultura galega auspiciada polas institucións públicas que arrinca do Estatuto
de Autonomía vai beneficiar dunha maneira moi especial ao teatro, o xénero que
precisa dunha infraestrutura cultural máis complexa para a súa existencia.
O camiño cara á
profesionalización do sector parte dalgúns dos protagonistas do Grupo Abrente,
como dixemos nun tema anterior, que apostan pola formación necesaria para a
posta en escena e pola creación de textos drámaticos: Manuel Lourenzo xunto con
Francisco Pillado Mayor crean en 1978 na Coruña a Escola Dramática Galega e,
pouco despois, ven a luz os Cadernos da Escola Dramática Galega, que publican
textos teatrais, tanto traducións de autores internacionais como de novos
dramaturgos galegos. Dous anos máis tarde, 1980, na mesma cidade fundan a
Compañía Luís Seoane que contou cunha sala de representacións propia e estable:
a Sala Luís Seoane.
En 1984 créase desde as
institucións culturais do Goberno Galego o Centro Dramático Galego (CDG) que
ten como finalidade promover a normalización e profesionalización do teatro en
galego: representando obras de autores galegos e internacionais en galego e
favorecendo a publicación de textos dramáticos mediante convenio con
editoriais.
Nestes anos, da mesma maneira que
aconteceu para a poesía e para a narrativa, é importante o impulso á creación
dos premios: Premio Álvaro Cunqueiro mantido polo IGEM desde 1988 ou Premio
Rafael Dieste creado pola Deputación da Coruña en 1991, entre outros.
Ademais dos dramaturgos da
xeración anterior (entre os que destacabamos a Roberto Vidal Bolaño, Manuel Lourenzo
e Euloxio Ruibal), xorde nos anos 80
unha importante xeración de novos autores arredor da Escola Dramática Galega da
Coruña e do Premio de Teatro Breve da Escola Dramática Galega: Miguel Anxo
Fernán Vello, Inma Souto, Luísa Villalta, Xoán Guisán, Gustavo Pernas... Todos
eles caracterízanse por facer un teatro de fondo lirismo e simbolismo, evitar o
realismo chegando a unha certa tendencia á abstracción (os personaxes son máis
máscaras ca individuos). A este grupo pertence tamén Xesús Pisón quen posúe
unha personalidade propia ben diferenciada afastada do gusto cultista e do
simbolismo predominante dos anteriores. Pisón fai en O pauto un
teatro que entronca coa tradición popular, esperpéntica e carnavalesca para
realizar unha crítica social ácida.
A profesionalización conseguida
durante esta época fixo posible a aparición de compañías estables, moitas delas
aínda moi activas: Sarabela Teatro, Teatro do Morcego, Matarile Teatro, Teatro
do Atlántico, etc.
Nos anos noventa consolídase o teatro en galego como unha opción
viable economicamente o cal dá como resultado a continuidade creativa e a
asociación de autores a determinadas compañías: os textos dramáticos son
creados en función da representación e adaptados ás posibilidades dunha
compañía. Moitas veces os autores son ao mesmo tempo directores ou actores das
compañías nas que traballan. Aparecen tamén os textos dramáticos de autoría
compartida e tamén unha certa secundarización do textos a prol da
escenificación, de maneira que en ocasións nin sequera se trata dun texto
fixado nin pensado para a súa edición (sucede así coas producións da compañía
Artello ou Chévere, por exemplo). Aínda así, nos últimos anos e grazas ao papel
dos premios á literatura dramática, xurdiron autores moi interesantes que prestan
unha gran atención á elaboración de textos dramáticos de coidada estrutura e
linguaxe ben traballada:
Miguel Anxo Murado: A grande
noite de Fiz (1994)
Xabier Lama: O peregrino
errante que cansou ao demo (1993)
Raúl Dans: Matalobos (1993), Lugar (1994)
Cándido Pazó: Raíñas de pedra (1994)
Rubén Ruibal: Limpeza de
sangue (2005) Premio Cunqueiro e Nacional
de Arte Dramática.
En definitiva, hoxe en día temos
numerosas compañías profesionais de teatro en galego, existe un circuito
estable de teatros dependente das axudas públicase prodúcense textos de
calidade e espectáculos que logran suscitar o interese do público. A actual
crise económica e a paralización de certas políticas públicas de apoio a
manifestacións culturais tan complexas e custosas como esta poden provocar de
novo, como xa sucedera na posguerra, a perda desta rica e, a estas alturas xa
consolidada, tradición teatral.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.