TEMA 19 (2º BAC): A LITERATURA
A FINAIS DO S. XX E PRINCIPIOS DO S. XXI.
A POESÍA: TEMAS E AUTORES DOS
80 E DOS 90. TENDENCIAS E POETAS ACTUAIS MÁIS RELEVANTES
Introdución
O Estatuto de Autonomía de
Galicia de 1980 abre un novo marco de posibilidades para a literatura galega. A
lingua galega inicia un prometedor proceso de normalización e a literatura
convertirase nunha importante institución cultural de gran valor simbólico
nesta etapa. En poucas palabras, o estado, a través da administración local e autonómica,
pasa de vixiar e perseguir á literatura galega, como acontecía no franquismo, a
protexela e estimulala: concedendo axudas á creación, organizando certames e
premios literarios, organizando actos públicos con presenza literaria, etc.
A integración do galego no
sistema de ensino vai propiciar tamén unha auténtica revolución dentro da
literatura galega: xorden novas editoriais, hai un novo mercado de lectores moi
novos ao que hai que abastecer de materiais axeitados, os escritores
profesionalízanse e dan pasos para a súa internacionalización: crean as súas
propias asociacións como a Asociación de Escritores en Lingua Galega ou entran
a formar parte das internacionais como o Pen Club.
Nesta nova etapa a poesía vai ir
perdendo o seu papel de xénero por excelencia da literatura galega en favor da
narrativa. Porén a poesía seguirá a ter unha extraordinaria vitalidade neste
anos en que aparecerán novos autores, colectivos poéticos, revistas e premios.
Ao mesmo tempo, as novas condicións políticas favorecerán que a poesía, e en
xeral a literatura, se vaia liberando das súas obrigas de asumir o proxecto
político nacionalista, unha vez que xa era posible facelo por medio das
institucións políticas.
Signos de cambio con respecto
á etapa anterior
Os anos 70 estiveron dominados
por unha poesía socialrealista xa moi esgotada. A partir de mediados da década
van aparecer tres obras que marcan un cambio de rumbo de cara a unha poesía de
gran preocupación formal: Con pólvora e magnolias (1976), Seraogna (1976)
de Alfonso Pexegueiro e Herba aquí e acolá (1980) de Álvaro Cunqueiro. Ao mesmo tempo xorden colectivos poéticos
que fan propostas moi novidosas de diferente signo:
- O colectivo Rompente explora a poesía máis vangardista ligada a correntes como o pop e o rock. Mistura poesía con outros formatos como o video ou o espectáculo musical. Desde as súa primeiras obras, Fóra as vosas suxas mans de Manuel Antonio (1979) reivindican a poesía como arte rupturista coa tradición e experimental sen esquecer o compromiso radical coa lingua. Na serie Tres tristes tigres conectan a poesía galega coa cultura pop para transmitir o desacougo da sociedade urbana e posindustrial.
- A poesía do colectivo Cravo Fondo ou do Colectivo Alén son exemplos da viraxe que se está producindo desde a poesía de temática social realista a unha poesía centrada na preocupación intimista.
- Colectivo Loia, creado en Madrid arredor da revista do mesmo nome por un grupo de estudantes galegos, Lois Pereiro, Manuel Rivas e o artista plástico Antón Patiño Patiño) que apostan pola mistura experimental entre a creación literaria e a plástica conseguindo unha estética underground.
A poesía dos 80
Aparecen un gran número de
escritores novos estimulados pola vitalidade cultural en galego que se produce
co cambio de rexime. Levan a cabo unha importante posta ao día da poesía
galega, tanto polo seu rigor formal, como pola súa capacidade de diálogo coa
literatura universal. En xeral responden a unha nova actitude poética que
podemos resumir nas seguintes características:
- Tendencia ao culturalismo: citas de autores da tradición galega e universal, referencias a obras de arte de diferentes ámbitos culturais.
- Coidado formal. Gusto polas formas máis clásicas como o soneto.
- Abandono da temática social por temas existenciais clásicos (amor sensual, amor trascendente, paso do tempo, morte... A reflexión sobre a poesía e a arte literaria convértese nunha preocupación recorrente.
- O suxeito lírico externalízase: abandónase o “nós” colectivo propio da poesía social, pero tamén se apreza unha tendencia a evitar o “eu” que implica unha poesía centrada no autobiografismo.
- Algúns autores e obras:
- Xabier Rodríguez Baixeras: Fentos no mar (1981)
- Xosé Mª álvarez Cáccamo: A praia das furnas (1983)
- Pilar Pallarés: Sétima soidade (1984)
- Miguel Anxo Fernán-Vello: Seivas de amor e tránsito (1984)
- Lois Pereiro: Poesía (1981/1991), Poesía última de amor e enfermidade (1994)
A poesía a partir dos 90
En xeral abandónase a liña
culturalista e clasicista da década anterior e inténtase devolver á poesía a
frescura da experiencia e dunha linguaxe máis próxima que busca a comunicación
efectiva e mesmo interactiva co receptor. Os poetas que se dan a coñecer nesta
época buscan novas canles de expresión a través de editoriais, pero, cada vez
máis, dos medios de comunicación dixitais (páxinas web, blogs poéticos, etc.) e
da posta en escena da poesía en lugares públicos no que se misturan elementos
musicais e plásticos. Os numerosísimos creadores e creadoras de poesía que
xorden nestas últimas décadas comparten algunhas carácterísticas:
- Temática relacionada coa experiencia vital cotiá: o discurso poético tradicional enriquécese con elementos doutros discursos presentes na cotidianeidade (Rafa Villar, Carlos Negro)
- Abandono da tendencia ao culturalismo e ao manierismo formal imperante na poesía dos 80. Fronte ás formas estróficas clásicas apóstase polo verso libre.
- Creación de espazos propios, ben rurais (Lupe Gómez) ou pertencentes á memoria íntima (Helena de Carlos).
- Reaparición da poesía social e política cun discurso totalmente renovado (Chus Pato). Aparición dunha potente poesía que trata o xénero desde unha nova perspectiva: a experiencia subxectiva do corpo feminino aparece como tema político en moitas das autoras destes anos, moi lonxe do tratamento como obxecto que sempre tivo na tradición poética occidental (Chus Pato, Olga Novo, Lupe Gómez...).
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.