viernes, 5 de abril de 2013

TEMA 16 (2º Bac): Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións da norma


TEMA 16 (2º Bac): Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións da norma

A variedade estándar, tamén chamada lingua padrón, é aquela que se acepta como modelo de lingua común e correcta, válida para usos formais e niveis medios e cultos. É a lingua que se utiliza na escola, nos medios de comunicación, nas institucións que organizan a vida política e administrativa. É a variedade que representa (e unifica) as outras posibles variedades dunha lingua (dialectais, contextuais e socioculturais).

A variedade estándar é imprescindible para unha lingua que queira desempeñar todos os papeis comunicativos dunha sociedade complexa como a actual: desde os usos íntimos e informais ata os usos cunha dimensión pública, que esixen un nivel culto e un rexistro formal. A necesidade dunha variedade estándar para o galego faise notar a mediados do século XIX cando os escritores do Rexurdimento lle devolven o seu uso escrito e literario.

A tradición escrita do galego moderno arrinca de mediados do século XIX e desde ese momento xa se poden aprezar dúas tendencias acerca do que debe ser o galego estádar:
·      Unha tendencia que poderiamos chamar etimolóxica ou cultista caracterizada por tomar como referencia para a ortografía do galego e a adaptación de cultismos a etimoloxía latina. Algúns escritores que practicaron esta tendencia foron Eduardo Pondal e Xoán Vicente Viqueira.
·      Outra tendencia que poderiamos chamar popularizante, caracterizada por intentar tomar como referencia o galego oral popular, moitas veces vacilante en canto ás solucións ortográficas, léxicas e sintácticas e con moitas interferencias do castelán. Algúns escritores que seguen esta liña son Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez.

Porén, o que axiña queda claro é que para escribir en galego non é suficiente a ortografía do castelán: os escritores son conscientes de que hai sons que non existen en galego, encontros vocálicos, diferenza entre sílabas tónicas e átonas, etc. Estas dificultades son superadas coa utilización profusa de apóstrofos, acentos graves, agudos e circunflexos, guións...

En definitiva, nesta primeira etapa non se chega a facer ningún acordo para a escrita do galego. Cada escritor vai consolidando un modelo de lingua máis ou menos fiel á súa variedade local e sen criterios establecidos para a adaptación de cultismos ou a representación de particularidades fónicas do galego. Con todo algunhas solucións acaban impoñéndose: o grafema x tanto para /∫/ (peixe) como para /ks/ (excelente), o dígrafo nh para /h/ (algunha), a utilización de apóstrofes para representar os encontros vocálicos (Lugar máis hermoso/ no mundo n´achara/ qu´aquel de Galicia/ ¡Galicia encantada!).

A primeira tentativa de establecer unhas bases para a estandarización da lingua parte do Seminario de Estudos Galegos en 1933: Algunhas normas pra a unificazón do idioma galego. Entre os seus acertos, esta proposta logra poñer orde na adaptación de cultismos, que na época era bastante caótica, pois moitos escritores utilizaban adaptacións extravagantes (pseudoevolucións, hiperenxebrismos) sen base etimolóxica nin de uso, por afán diferencialista. A guerra e a ditadura impediron que esta proposta chegara a popularizarse, pois o galego foi varrido por moitos anos da vida pública.

A partir dos anos cincuenta vanse xeralizando as normas de estilo ortográfico vixentes na Editorial Galaxia que podemos caracterizar por unha tendencia á eliminación dos signos ortográficos utilizados para representar os encontros vocálicos (apóstrofos e guións) e pola adopción dunha acentuación semellante á da ortografía do castelán (elimínanse os outros tipos de acentos).

Nos anos 70 xorden novas propostas, froito dun mellor coñecemento da lingua galega viva, o que permite depurar o modelo de lingua estándar de castelanismos e hiperenxebrismos, ademais de adoptar un criterio científico para a adaptación de cultismos. Estas propostas cristalizan nas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego de 1982, presentadas conxuntamente polo Instituto da Lingua Galega e a Real Academia Galega. Foi a primeira normativa oficial e nace nun momento clave: o nacemento da Autonomía de Galicia. É o galego estándar que se vén utilizando na administración pública de Galicia e no sistema educativo. Trátase dun modelo de lingua fortemente enraizado no galego falado. Adapta solucións ortográficas xa consolidadas na tradición escrita galega contemporánea que vén desenvolvéndose desde o século XIX e, ao mesmo tempo, depúraa de elementos alleos e proporciónalle os mecanismos para a súa adaptación ás novas necesidades que lle abre o camiño da normalización.

Non todos os sectores da cultura galega aceptaron as Normas oficializadas de 1982. Algúns defenderon posturas favorables a unha normativa de achegamento ao portugués: reintegracionismo. O argumento do que parten é que o galego e o portugués son variantes da mesma lingua, dotada de gran unidade ata finais da Idade Media, e polo tanto, o galego oral xa ten unha variante culta. O máis práctico, para eles, mesmo desde o punto de vista da supervivencia da nosa lingua, é adaptarse á norma culta do portugués e integrarse nunha gran comunidade de falantes que é a lusofonía.

En 2003 prodúcese unha revisión das Normas oficiais de 1982, favorecendo o acordo cos sectores máis moderados do reintegracionismo. Con todo, non existe, aínda, unha reconciliación total.

INTERFERENCIAS E DESVIACIÓNS DA NORMA

En primeiro lugar imos definir ámbolos dous conceptos:
Interferencia é a influencia dunha lingua sobre outra, incorporando elementos que desprazan e substitúen os propios da lingua receptora. A interferencia pode darse en calquera dos niveis dunha lingua: fonético, morfosintáctico e léxico-semántico. A lingua coa que máis interferencias ten o galego é a lingua coa que vive en permanente contacto desde hai séculos: o castelán. As interferencias do castelán chámanse castelanismos. A continuación imos sinalar castelanismos frecuentes en cada un dos niveis lingüísticos:
·      Castelanismos fonéticos: a non distinción de 7 vogais en posición tónica, a imitación da entoación propia do castelán, a mala pronunciación de fonemas característicos do galego coma o /∫/ ou /h/.
·      Castelanismos morfosintácticos: afectan ás formas verbais: conduzco por conduzo, soupen por souben, leer por ler, reír por rir… á utilización de tempos compostos: había feito, hei feito por fixera e fixen;  á colocación do pronome átono: Me dixo que viría por Díxome que viría; á utilización do pronome reflexivo en contextos en que o galego nunca o utiliza: Lavouse a cara  por Lavou a cara.
·      Castelanismos léxicos e semánticos: substituír palabras galegas por palabras castelás: cuchara por culler, sartén por tixola ou tixela, Dios por Deus; ás veces cunha pequeña adaptación ao galego: conexo por coello, cuchilo por coitelo, carreteira por estrada, axuntamento por concello. Os castelanismos semánticos van máis alá de substituír unha palabra por outra; modifican a estrutura profunda de oposición de significado que existen en galego: ex. non é o mesmo “escada” ca “escaleira”, pero un uso do galego interferido ignora esta distinción e adopta sempre o termo idéntico ao castelán: “escaleira”; “rubio” ou “roibo” ou “ruibo” en galego ten o significado de “rojo” en castelán, pero nun uso interferido polo castelán “rubio” pasa a significar “de pelo claro”, concepto para o que o galego ten a palabra “roxo” (na fala tradicional “unha vaca roxa” non é o mesmo ca “unha vaca rubia”). Neste nivel tamén poderiamos incluír a substitución da fraseoloxía tradicional galega (frases feitas, refráns) por unha tradución literal de frases e refráns casteláns: ex. En galego a frase castelá No está el horno para bollos diríase “Non está o alcacer para gaitas”; No me mires con esa cara diríase “Non espetes o corno na braña” ou “Non me poñas cara de ferreiro”.

Desviacións son aqueles usos da lingua que se afastan da lingua estándar, aínda que sexan formas plenamente galegas: dialectalismos (ghato por gato, corazón por corazón, iste por este, “deulle o millo ás galiñas” por “deulles o millo ás galiñas”, muito por moito, cimos por grelos, vulgarismos (probe por pobre, direito por dereito, bailare  por bailar), hiperenxebrismos (calqueira por calquera), pseudoevolucións (cadeirádego por catedrático)… que xa foron descritos nun tema anterior.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.