TEMA 14 (2ª BACH): a prosa
entre 1936 e 1976. Os renovadores da prosa: Fole, Cunqueiro, Blanco-Amor e
Neira Vilas. A prosa no exilio. A Nova Narrativa galega.
A prosa en galego (narrativa e
ensaio) ocupa un segundo lugar con respecto á poesía: nace cando a poesía é xa
un xénero afianzado e aceptado socialmente, interrómpese coa guerra civil e a
posguerra e recupérase con dificultades na década dos 50.
As circunstancias políticas
provocan que haxa dous focos creativos sen posibilidade de relacionarse entre
si: Galicia e o exilio, especialmente Buenos Aires, onde, como dixemos, se
concentraba un importante grupo de exiliados políticos moi activos
culturalemente arredor da figura de Castelao.
Durante os anos 40 e 50 en Buenos
Aires publícanse importantes obras de narrativa e ensaio en galego: A
esmorga de Eduardo Blanco-Amor, Memorias
dun neno labrego de Xosé Neira Vilas e Sempre
en Galiza de Castelao. É unha literatura
que non se ve constreñida pola censura e que pode abordar temas tabú como a
homosexualidade, o abuso por parte das institucións de xustiza ( A
esmorga ), a inxustiza social (Memorias
dun neno labrego) ou a análise das
políticas da II República e as circunstacias que levaron á Guerra Civil (Sempre
en Galiza).
A narrativa galega en Galicia presenta
características ben diferentes con respecto á narrativa do exilio. Nas
primeiras obras que saen á luz despois da guerra evítase facer alusión á
realidade devastada da posguerra e adóptase unha actitude evasiva que se
concreta en diferentes estratexias:
·
Ricardo Carballo Calero publica en 1951 a súa novela Xente da Barreira na que
aborda o tema da decadencia da fidalguía, que xa tratara Otero Pedrayo
profusamente antes da guerra. A idea é retomar a tradición que se estaba
consolidando na preguerra e proseguir o camiño finxindo que non pasara nada.
·
Anxel Fole é o
seguinte narrador en publicar desde o seu discreto autoexilio nas montañas do
Courel dúas obras, Á lus do candil (1953) e Terra brava (1955), nas que se reprega na Galicia tradicional
rural. Formalmente adopta unha extrema simplicidade dominada polos recursos das
narracións orais populares: lingua coloquial con abundantes formas dialectais.
Tematicamente aproveita tamén a tradición oral en contos que incorporan
elementos fantásticos, de misterio e aventuras.
·
Álvaro Cunqueiro
crea un mundo narrativo utópico mediante o afastamento no tempo e no espacio: o
mundo mítico da materia de Bretaña en Merlín e familia (1955), a
nostalxia polo Antigo Réxime dos personaxes que vagan pola Francia convulsa da
revolución na carruaxe que transporta almas en pena en As crónicas do
sochantre (1956) ou o mundo exótico das Mil
e unha noites en Se o vello
Simbad volvese ás illas(1961). Cunqueiro
mistura elementos míticos e marabillosos de diferentes radicións narrativas con
outros propios da cultura galega tradicional dun xeito que poderiamos definir
como irónico e desmitificador: por exemplo, Merlín e dona Xenebra, totalmente
desprovistos da maxestade e grandiosidade do mito, aparecen en Merlín
e familia avellentados e retirados na casa
herdada por Merlín dunhas tías solteiras. Alí o famoso mago consulta como un
curandeiro tradicional, misturando remedios caseiros e maxia, aos estraños
presonaxes que chegan de terras remotas.
Na triloxía
de semblanzas populares: Escola de menciñeiros (1960),
Xente de aquí e de acolá
(1971) e Os outros feirantes
(1979) Cunqueiro retoma os relatos orais protagonizados por personaxes
arquetípicos do mundo galego rural nos que o humor é o centro do relato.
Os narradores galegos en Buenos
Aires non pretenden afastarse da realidade, senón enfrontarse a ela desde unha
posición crítica. Galicia segue a ser o referente espacial e humano:tanto a
Galicia urbana da narrativa de Blanco-Amor como a miserable Galicia rural de
Neira Vilas. É tamén interesante resaltar que é no exilio onde aparecen as
primeiras narracións que teñen como tema central a experiencia da Guerra Civil
cun forte compoñente autobiográfico: Non agardei por ninguén (Buenos Aires, 1957) de Ramón de Valenzuela, O
silencio redimido (1976) de Silvio
Santiago.
·
Blanco-Amor
publica en Buenos Aires A esmorga (1959) unha obra que incorpora
moitas das innovacións na estrutura narrativa do século XX.
o
Experimenta na narrativa galega novos tipos de discurso
perfectamente adaptados aos personaxes e ás situacións: os personaxes falan
como o que son e de acordo co contexto.
o
Introduce temas e ambientes inéditos (os baixos fondos
dunha cidade frecuentados por personaxes do lumpen proletariado: prostitutas,
delincuentes de pouca monta, desequilibrados).
As seguintes
obras, a colección de relatos Os biosbardos
(1962) e Xente ao lonxe (1972),
foron publicadas en Galicia e teñen en común o protagonista infantil e o mundo
urbano e proletario de Auria (Ourense).
Auria, a cidade das Burgas, universo narrativo de Blanco-Amor
·
Neira Vilas é
un escritor autodidacta que comeza a súa carreira literaria en Buenos Aires,
cidade a onde chegara como emigrante, con obras de ambiente rural e
protagonista infantil-adolescente como Memorias dun neno labrego
(1961), a colección de relatos Xente no rodicio (1965), A muller de ferro (1969),
Cartas a Lelo (1971). O mundo
narrativo de Neira Vilas trata tamén o tema da experiencia da emigración dos
galegos a América como en Historias de emigrantes e Remuíños en sombras, as dúas de 1973.
A Nova Narrativa galega
A etiqueta de “nova narrativa
galega” púxoselle a unha serie de obras que, desde mediados dos 50 ata
principios dos 70 (aproximadamente), comparten o desexo consciente de renovar
totalmente a narrativa feita en galego. Esta renovación implicaria aspectos de
estrutura narrativa: voz narrativa, tratamento do espazo e tempo, personaxes,
así como tamén da temática e do discurso narrativo.
A Nova Narrativa incorpora a
influenza nas artes dos grandes descubrimentos na ciencia, na filosofía e na
psicoloxía do século XX (a teoría da relatividade de Einstein, o
existencialismo de Heidegger, o funcionamento do inconsciente de Freud) xunto
coa experiencia traumática das grandes guerras, da industrialización
globalizada e o impacto da cultura de masas.
A renovación narrativa que
levaran a cabo décadas antes escritores como Kafka, Joyce, Faulkner ou o
movemento francés do Nouveau Roman serán fonte de inspiración dos escritores
máis novos que inician a súa carreira nesta época.
Conscientes de que a literatura
inspirada nunha visión nostálxica do mundo rural pertence definitivamente ao
pasado, centran os seus mundos narrativos no mundo urbano. O espazo social
predominante sitúase nas fronteiras da marxinalidade. Os personaxes, lonxe de
ser heroes dignos de admiración son personaxes cunha identidade traumática e
dispersa que non son capaces de interpretar dun xeito coherente o mundo que os
rodea. Os personaxes da nova narrativa deambulan polo espazo narrativo sen un
obxectivo claro: a súa existencia é absurda e o mundo que os rodea caótico e hostil.
Eles mesmos a penas se diferencian dos obxectos que os rodean. O real e o
irreal confúndense e a liña temporal clásica esnaquízase en anacos desconexos.
A lectura esixe a colaboración do lector, aínda que axiña un se dacata de que
non sempre se pode aspirar a crear orde no caos: despois de todo enfrontámonos
a unha narrativa que intenta
precisamente transmitir a angustia e desorientación que a sociedade
moderna, mediante sofisticados mecanismos de poder, crea no ser humano.
Sintetizaremos, a continuación algunhas características e novidades desta
narrativa:
- Rexeitamento dunha trama argumental lóxica e do heroe clásico: no mundo moderno o individuo dilúese e xa non ten importancia.
- Multiples voces narrativas: ruptura do suxeito único e integrado, seguro de si mesmo. O individuo non é xa unha unidadee coherente.
- Mistúrase o real e o irreal, moitas veces a través dos soños ou de estados psicolóxicos alterados (ou patolóxicos) que facilitan a confusión.
- Utilización narrativa do monólogo interior e a corrente de conciencia. Exploración dos camiños do inconsciente.
- Perda da progresión temporal e, como consecuencia, perda da lóxica argumental.
- Concepción obxectalista do ser humano: os personaxes vense sometidos a procesos de animalización que poñen en dúbida a súa humanidade e dimensión trascendente.
- Gusto polos ambientes violentos: ruptura do tabú no tratamento do sexo, da morte e da enfermidade.
- Preferencia polos ambientes urbanos.
- Rexeitamento polo compromiso ideolóxico explícito.
- Regreso á infancia.
Escritores e obras fundamentais
da Nova Narrativa:
- Xosé Luís Méndez Ferrín: Crea espazos narrativos onde se mistura a fantasía e a realidade e que poden funcionar como alegorías da realidade galega. Utilización de antropónimos e topónimos exóticos. É autor dunha importante obra entre a que imos destacar só os títulos que se adscriben á NNG: Percival e outras historias (1958), O crepúsculo e as formigas (1961), Arrabaldo do norte (1964) e Retorno a Tagen Ata (1971).
A araña ficou inmóbil, seducida. A barbantesa entón, lanzou os seus brazos, coma cables, e prendeuna, deixándoa inmóbil. Non houbo case loita. Despois, coa boquiña de pitís, devoroulle os ganglios cerebráse a araña ficou inerte. "Mantis religiosa" en Percival e outras historias (1958).
- Camilo Gonsar: Lonxe de nós e dentro (1961), Como calquera outro día (1962), Cara a Times Square (1980).
- Mª Xosé Queizán: a súa primeira novela, A orella no buraco (1965) encádrase perfectamente dentro do que se denominou obxectalismo: técnica narrativa que procura a neutralidade mediante unha narración como de cámara cinematográfica inmóbil que narra todo aquilo que recolle. O protagonista é un mendigo que deambula por unha gran cidade sen obxecto ningún.
- Carlos Casares: dentro desta corrente publicou un libro de relatos Vento ferido (1967) e dúas novelas: Cambio en tres (1969) ( o protagonista é un emigrante que volve para o enterro dun amigo) e Xoguetes pra un tempo prohibido (pódese considerar unha novela de formación na que os protagonistas van experimentando vivencias que os levarán á perda das ilusións xuvenís e acabarán nun final tráxico, (1975). Casares experimenta con éxito a técnica narrativa do monólogo interior.
- Xohana Torres: a súa única novela publicada Adiós María (1971) presenta a novidade dunha protagonista feminina que realiza unha profunda exploración do seu interior psíquico e unha aguda crítica da realidade social a partir do trauma da separación dos seus pais que teñen que buscar traballo na emigración e deixan á familia en precario.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.