TEMA 16 (2º
Bac): Historia da normativización: a construción da variedade estándar.
Interferencias e desviacións da norma
A variedade
estándar, tamén chamada lingua padrón, é aquela que se acepta como modelo de
lingua común e correcta, válida para usos formais e niveis medios e cultos. É a
lingua que se utiliza na escola, nos medios de comunicación, nas institucións
que organizan a vida política e administrativa. É a variedade que representa (e
unifica) as outras posibles variedades dunha lingua (dialectais, contextuais e
socioculturais).
A variedade
estándar é imprescindible para unha lingua que queira desempeñar todos os
papeis comunicativos dunha sociedade complexa como a actual: desde os usos
íntimos e informais ata os usos cunha dimensión pública, que esixen un nivel
culto e un rexistro formal. A necesidade dunha variedade estándar para o galego
faise notar a mediados do século XIX cando os escritores do Rexurdimento lle
devolven o seu uso escrito e literario.
A tradición
escrita do galego moderno arrinca de mediados do século XIX e desde ese momento
xa se poden aprezar dúas tendencias acerca do que debe ser o galego estádar:
·
Unha tendencia que poderiamos chamar etimolóxica ou cultista caracterizada por tomar como referencia para a ortografía do galego e
a adaptación de cultismos a etimoloxía latina. Algúns escritores que
practicaron esta tendencia foron Eduardo Pondal e Xoán Vicente Viqueira.
·
Outra tendencia que poderiamos chamar popularizante, caracterizada por intentar tomar como referencia o
galego oral popular, moitas veces vacilante en canto ás solucións ortográficas,
léxicas e sintácticas e con moitas interferencias do castelán. Algúns
escritores que seguen esta liña son Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez.
Porén, o que axiña queda claro é
que para escribir en galego non é suficiente a ortografía do castelán: os
escritores son conscientes de que hai sons que non existen en galego, encontros
vocálicos, diferenza entre sílabas tónicas e átonas, etc. Estas dificultades
son superadas coa utilización profusa de apóstrofos, acentos graves, agudos e
circunflexos, guións...
En definitiva, nesta primeira
etapa non se chega a facer ningún acordo para a escrita do galego. Cada
escritor vai consolidando un modelo de lingua máis ou menos fiel á súa variedade
local e sen criterios establecidos para a adaptación de cultismos ou a
representación de particularidades fónicas do galego. Con todo algunhas
solucións acaban impoñéndose: o grafema x tanto para /∫/ (peixe) como para /ks/
(excelente), o dígrafo nh para /h/ (algunha), a utilización de
apóstrofes para representar os encontros vocálicos (Lugar máis hermoso/ no
mundo n´achara/ qu´aquel de Galicia/ ¡Galicia encantada!).
A primeira tentativa de establecer
unhas bases para a estandarización da lingua parte do Seminario de Estudos
Galegos en 1933: Algunhas normas pra a unificazón do idioma galego. Entre os seus acertos, esta
proposta logra poñer orde na adaptación de cultismos, que na época era bastante
caótica, pois moitos escritores utilizaban adaptacións extravagantes
(pseudoevolucións, hiperenxebrismos) sen base etimolóxica nin de uso, por afán
diferencialista. A guerra e a ditadura impediron que esta proposta chegara a
popularizarse, pois o galego foi varrido por moitos anos da vida pública.
A partir dos anos cincuenta vanse
xeralizando as normas de estilo ortográfico vixentes na Editorial Galaxia que
podemos caracterizar por unha tendencia á eliminación dos signos ortográficos
utilizados para representar os encontros vocálicos (apóstrofos e guións) e pola
adopción dunha acentuación semellante á da ortografía do castelán (elimínanse
os outros tipos de acentos).
Nos anos 70 xorden novas
propostas, froito dun mellor coñecemento da lingua galega viva, o que permite
depurar o modelo de lingua estándar de castelanismos e hiperenxebrismos,
ademais de adoptar un criterio científico para a adaptación de cultismos. Estas
propostas cristalizan nas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma
galego de 1982, presentadas
conxuntamente polo Instituto da Lingua Galega e a Real Academia
Galega. Foi a primeira normativa oficial e
nace nun momento clave: o nacemento da Autonomía de Galicia. É o galego
estándar que se vén utilizando na administración pública de Galicia e no
sistema educativo. Trátase dun modelo de lingua fortemente enraizado no galego
falado. Adapta solucións ortográficas xa consolidadas na tradición escrita
galega contemporánea que vén desenvolvéndose desde o século XIX e, ao mesmo
tempo, depúraa de elementos alleos e proporciónalle os mecanismos para a súa
adaptación ás novas necesidades que lle abre o camiño da normalización.
Non todos os sectores da cultura
galega aceptaron as Normas oficializadas de 1982. Algúns defenderon posturas
favorables a unha normativa de achegamento ao portugués: reintegracionismo. O argumento do que parten é que o galego e o
portugués son variantes da mesma lingua, dotada de gran unidade ata finais da
Idade Media, e polo tanto, o galego oral xa ten unha variante culta. O máis
práctico, para eles, mesmo desde o punto de vista da supervivencia da nosa
lingua, é adaptarse á norma culta do portugués e integrarse nunha gran
comunidade de falantes que é a lusofonía.
En 2003 prodúcese unha revisión
das Normas oficiais de 1982, favorecendo o acordo cos sectores máis moderados
do reintegracionismo. Con todo, non existe, aínda, unha reconciliación total.
INTERFERENCIAS E DESVIACIÓNS
DA NORMA
En primeiro lugar imos definir
ámbolos dous conceptos:
Interferencia é a influencia dunha lingua sobre outra,
incorporando elementos que desprazan e substitúen os propios da lingua
receptora. A interferencia pode darse en calquera dos niveis dunha lingua:
fonético, morfosintáctico e léxico-semántico. A lingua coa que máis
interferencias ten o galego é a lingua coa que vive en permanente contacto
desde hai séculos: o castelán. As interferencias do castelán chámanse
castelanismos. A continuación imos sinalar castelanismos frecuentes en cada un
dos niveis lingüísticos:
·
Castelanismos fonéticos: a non distinción de 7 vogais
en posición tónica, a imitación da entoación propia do castelán, a mala
pronunciación de fonemas característicos do galego coma o /∫/ ou /h/.
·
Castelanismos morfosintácticos: afectan ás formas
verbais: conduzco por conduzo, soupen
por souben, leer por ler, reír por rir… á utilización de tempos compostos: había feito, hei
feito por fixera e fixen; á colocación do pronome átono: Me
dixo que viría por Díxome que viría; á
utilización do pronome reflexivo en contextos en que o galego nunca o utiliza: Lavouse
a cara por Lavou a cara.
·
Castelanismos léxicos e semánticos: substituír palabras
galegas por palabras castelás: cuchara
por culler, sartén por tixola
ou tixela, Dios por Deus; ás
veces cunha pequeña adaptación ao galego: conexo por coello, cuchilo por coitelo, carreteira por estrada, axuntamento por concello. Os castelanismos semánticos van máis
alá de substituír unha palabra por outra; modifican a estrutura profunda de
oposición de significado que existen en galego: ex. non é o mesmo “escada” ca
“escaleira”, pero un uso do galego interferido ignora esta distinción e adopta
sempre o termo idéntico ao castelán: “escaleira”; “rubio” ou “roibo” ou “ruibo”
en galego ten o significado de “rojo” en castelán, pero nun uso interferido
polo castelán “rubio” pasa a significar “de pelo claro”, concepto para o que o
galego ten a palabra “roxo” (na fala tradicional “unha vaca roxa” non é o mesmo
ca “unha vaca rubia”). Neste nivel tamén poderiamos incluír a substitución da
fraseoloxía tradicional galega (frases feitas, refráns) por unha tradución
literal de frases e refráns casteláns: ex. En galego a frase castelá No
está el horno para bollos diríase “Non está
o alcacer para gaitas”; No me mires con esa cara diríase “Non espetes o corno na braña” ou “Non me
poñas cara de ferreiro”.
Desviacións son aqueles usos da lingua que se afastan da lingua
estándar, aínda que sexan formas plenamente galegas: dialectalismos (ghato
por gato, corazón por corazón, iste
por este, “deulle o millo ás
galiñas” por “deulles o millo ás galiñas”, muito por moito, cimos por grelos, vulgarismos
(probe por pobre, direito por dereito, bailare por
bailar), hiperenxebrismos (calqueira
por calquera), pseudoevolucións (cadeirádego por catedrático)… que xa foron descritos nun tema
anterior.