TEMA 9 (2º BACH): ESTRUTURA E FORMACIÓN DE PALABRAS. TIPOS
DE MORFEMAS E ANÁLISE MORFOLÓXICA
Como sabedes a lingua é un código dobremente articulado: a
primeira articulación corresponde a unidades dotadas de significante e
significado (monemas ou morfemas, palabras, frases, oracións...) e a segunda
articulación a unidades con significante pero sen significado (fonemas). Dos
fonemas, unidades da segunda articulación, xa falamos o trimestre pasado no
tema 2; agora é o momento de repasar como se comportan as unidades da primeira
articulación da linguaxe e cales son os mecanismos de combinación das unidades
máis pequenas (morfemas) para a formación de unidades maiores (palabras), un
campo que estuda a morfoloxía.
O morfema é a
unidade lingüística mínima con significante e significado. Máis alá desta
unidade, se seguimos descompoñendo en unidades menores obteremos fonemas, que,
como dixemos, teñen significante pero non significado.
Os morfemas poden ser léxicos, se o significado que achegan ten que ver co mundo extralingüístico (cant-a-ba-mos),
e morfemas flexivos ou gramaticais (cant-a-ba-mos),
se o significado que achegan ten que ver con nocións e relacións lingüísticas.
Os morfemas léxicos á súa vez poden ser lexemas (libr-ería), que conteñen o significado básico
da palabra, e morfemas derivativos ou afixos (prefixos, infixos e sufixos): cafe-t-ería
, des-cafe-in-ado-o, que
se unen a unha raíz completando e modificando parte do seu significado inicial.
Os morfemas gramaticais expresan categorías morfolóxicas tales
como xénero e número nos substantivos e adxectivos ( rapaz-a-s) e vogal
temática, tempo, modo, número e persoa nos verbos (fal-a-che-s).
Como acontece cos fonemas, pódense atopar variantes
combinatorias do mesmo morfema, alomorfos:
o morfema de plural persenta os seguintes alomorfos: casa-s,
pape-is, rapac-es, lapis- Ø .
A palabra é a
unidade lingüística libre máis pequena con significante e significado. Unha
palabra pode estar constituída por un morfema (can) ou máis dun
morfema (can-s, can-in-o). Na escrita
represéntase precedida e seguida de espazos, de maneira que se percibe a simple
vista a súa singularidade no texto.
Os procedementos principais para a creación de novas
palabras son a derivación e a composición
As palabras derivadas
son aquelas que engaden a un lexema un prefixo (prefixación: des-facer),
un sufixo (sufixación: actu-a-ción),
ou ámbolos dous funcionando conxuntamente, de maneira que se eliminamos un dos afixos (o prefixo ou o sufixo) o resultado é unha palabra inexistente (parasíntese: des-camp-ado). É mesmo posible que a derivación se faga de
maneira regresiva: escoita a
partir de escoitar, corte a
partir de cortar.
As palabras compostas
están formadas pola adición de dous lexemas que poden estár unidos ou non: vagalume,
lucecú, pero tamén: verme da luz e vella facendo papas.
vagalume, lucecú, verme da luz e vella facendo papas son palabras compostas
Outros procedementos bastante produtivos actualmente de
creación de plabras serían a redución (bici
por bicicleta, tele por televisión, moto por motocicleta), as siglas (DVD “deuvedé”, TDT “tedeté”) e os acrónimos (SIDA, OVNI, DOG “doga”).
O conxunto de palabras relacionadas entre si por teren o
mesmo lexema chámase familia léxica:
negro, negrura, ennegrecer.
Análise morfolóxica
Unha vez determinados os tipos de morfemas e os
precedementos de formación de palabras, falaremos da mecánica da análise
mediante a segmentación en unidades
máis pequenas e da conmutación,
comprobando que esas unidades son reutilizables noutras palabras: a palabra podrecer
podemos segmentala asi: podr-ec-er e logo comprobar que ao lexema podr- poden engadírselle outros morfemas: podre, podremia, podricallo e o morfema –ecer pode aparecer tamén noutras palabras: florecer,
escurecer, a partir de que do que podemos
deducir que o sufixo –ec-er serve para facer verbos a partir de adxectivos (ou substantivos no caso de florecer), indicando o desenvolvemento dun proceso de adquisición da característica expresada no lexema que constitúe a raíz.
Sufixos derivativos máis usuais
- Colectivos: goleada, ramaxe, amenedo, carballeira
- Locativos: lavadoiro, panadaría, carballal, outeiro
- Xentilicios: ferrolán, limiao, galego, betanceiro,
- Temporais: tempada, quincena, mandato, sementeira
- De acción: patada, alancada, laído, atadura
- Caracterizadores: barbudo, areosa, lerchán
- Profesionais: adegueiro, cantante, agricultor
- Abstractos: abundancia, puxanza, fermosura, tolemia
- Outros: análise, clorídrico, hepatite
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.