martes, 19 de febrero de 2013

TEMA 12 (2º BACH): A LITERATURA ENTRE 1936 E 1976 (I)

 
TEMA 12 (2º BACH): A LITERATURA ENTRE 1936 E 1976 (I)

  1. Introdución: a rearticulación do entramado cultural galego na posguerra

Nos anos posteriores ao golpe de estado que provocou a Guerra Civil Española (1936-1939) e durante a 1ª década da posguerra, a brillante actividade literaria e cultural desenvolvida en lingua galega paralizouse case totalmente. O primeiro libro de importancia que se edita en galego é de poesía: Cómaros verdes (1947) de Aquilino Iglesia Alvariño.



A partir de 1949 van ir aparecendo unha serie de pequenas editoriais, revistas e suplementos que recuperan a publicación de literatura en galego:
·      A colección de poesía Benito Soto en Pontevedra que publicou importantes títulos como Dona do corpo delgado (1950) de A. Cunqueiro ou Triscos (1950) de Luís Pimentel.
·      A editorial Bibliófilos Gallegos en Santiago e Xistral en Mondoñedo
·      A editorial Monterrey e Galaxia en Vigo
·      O suplemento cultural do diario La Noche de Santiago onde se se publican artigos en galegos e se dá espazo aos novos escritores.
·      As revistas de poesía bilingües Mensajes de poesía e Alba (1948)

Arredor da editorial Galaxia vanse agrupar algúns intelectuais da época anterior que deseñarán unha estratexia de resistencia do galeguismo cultural nunha situación adversa como o era a ditadura franquista. Parte desa estratexia é atraer aos posibles novos escritores integrándoos na tradición cultural do galeguismo e dándoos a coñecer a través da súa colección Illa Nova.
Galaxia pretende  retomar o espírito culto e cosmopolita da Xeración Nós con iniciativas como a revista Grial (1951) dedicada ao cultivo do ensaio filosófico. O proxecto sufriu a censura das autoridades por considerar intelerable unha revista que tratase temas de filosofía en galego. Grial rexorde na década dos 60 transformada nunha “revista de cultura”.

Durante a década dos 60 xorden nas cidades galegas asociacións culturais (O Galo en Santiago, O Facho na Coruña, Asociación Cultural de Vigo) que favorecen a presencia do galego na vida pública. É evidente que pouco a pouco vaise formando unha élite cultural interesada en coñecer e difundir a lingua galega na súas diferentes manifestacións sociais e artísticas, se ben acotada a ámbitos de acción moi reducida, .

2. A literatura no exilio


Castelao en Buenos Aires, preparando as máscaras para a estrea de Os vellos non deben de namorarse



Por outra parte, cómpre ter en conta o feito de que, desde o principio da Guerra Civil, a conexión entre a literatura feita en Galicia e a literatura feita na emigración/exilio quedara practicamente interrompida, polo menos polas canles normais. Deste xeito, os autores que se agrupan en Buenos Aires escriben obras que non chegan a ler os autores que quedaran en Galicia.
Buenos Aires mantén aceso o facho da cultura galega durante a época de maior escuridade da ditadura de Franco, cando en Galicia a penas se escribía nada en galego. Esta situación fai que a literatura feita no exilio acabe desenvolvendo temas e adoptando perspectivas ideolóxicas e mesmo formais que no interior non eran posibles: A esmorga (1959), non foi publicada en Galicia ata 1970 e, aínda así, censurada; Sempre en Galiza (1944), un ensaio que recolle as memorias e o pensamento político de Castelao, foi durante toda a ditadura un libro prohibido que circulaba clandestinamente en pequenos círculos políticos.
O labor incansable dos exiliados máis comprometidos creou canles (editoriais, revistas, programas radiofónicos, ciclos de conferencias) polas que foi posible facer cultura en galego a miles de quilómetros de distancia de Galicia: publicando obras tan emblemáticas como Memorias dun neno labrego (1961) ou representando Os vellos non deben de namorarse (1941).
A literatura do exilio será tratada seguindo a división de xéneros (poesía, prosa e teatro) proposta polo programa oficial nos seguintes temas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.