TEMA 11 (2º BACH): O GALEGO DE 1936 A 1975: CARACTERÍSTICAS
LINGÜÍSTICAS FUNDAMENTAIS. CONTEXTO HISTÓRICO E SITUACIÓN SOCIOLINGÜÍSTICA
1. Características lingüísticas fundamentais
Os escritores en galego desde o Rexudimento enfrontáronse ao
problema de como representar por escrito unha lingua oral da que non coñecían
tradición escrita. Contra mediados do século XX xa se contaba cunha recente
tradición escrita, a que se fora conformando cos escritores do século XIX e do
1º terzo do século XX.
Nesta época pode falarse dunha tendencia á simplificación
da normas ortográficas, especialmente no
que respecta ao uso de acentos diacríticos con diversas funcións
diferenciadoras: acentos graves (à), agudos (é) e circunflexos (pôr), apóstrofos (n´outras) e guións (d-este, co-a). A partir de agora usaranse só os acentos graves
(´) e desaparecerán paulatinamente o uso de apóstrofes e guións para indicar
encontros vocálicos.
Tamén hai que sinalar unha moderación da tendencia ao
diferencialismo característico do galego
escrito do 1º terzo do XX, de maneira que diminúe o uso de hiperenxebrismos,
pseudoevolucións, arcaísmos e dialectalismos. A este proceso de depuración que supón delimitar o que é galego do
que non é galego (depurar a lingua de castelanismos pero tamén de solucións
inventadas e inexistentes na fala para evitar os castelanismos) contribuíu de
maneira definitiva o estudo científico da lingua galega. A partir de mediados
dos anos 60 na Universidade de Santiago de Compostela e arredor da cátedra de
Lingua e literatura galega e dos estudos de Filoloxía Románica realízanse
diversos estudos sobre o galego falado.A partir destes traballos, que supoñen
unha base sólida de coñecemento da lingua, iníciase a elaboración dun modelo de
lingua estándar na década dos 70.
Con todo, e dependendo dos autores, o galego das obras
literarias clásicas desta época –iso que vós chamades de maneira inexacta galego
antigo– presentará diferencias chamativas
con respecto ao galego estandarizado dos vosos textos ecolares ao que estades
afeitos: unhas normas de acentuación diferentes, dialectalismos, cultismos
adaptados de maneira diferente, vulgarismos (n´A esmorga tedes moreas de exemplos), arcaísmos (moi queridos
por Álvaro Cunqueiro e de gran rendemento estilístico na súa poesía)... que
iremos identificando a medida que leamos os textos na clase.
2. Contexto histórico e situación sociolingüística
O golpe de estado militar de 1936 contra o réxime
democrático da II República Española significa unha ruptura radical con todos
os logros da cultura galega do 1º terzo do século XX.
A terrible represión política que se levou a cabo
sistematicamente nos territorios que quedan baixo o poder dos sublevados obriga
a que cesen repentinamente a súa actividade asociacións culturais, xornais,
revistas e editoriais comprometidas coa recuperación da lingua e a cultura
galega. A pluralidade política queda suspendida e os membros e simpatizantes de
partidos de esquerdas, nacionalistas ou simplemente defensores da república e
da democracia son perseguidos. O asasinato, o exilio e o ostracismo cébanse en
todos aqueles que non apoien o golpe de estado.
A victoria do réxime fascista de Franco supuxo:
·
A perda das liberdades democráticas.
·
A instauración dunha política de uniformización
ideolóxica, lingüística-cultural e relixiosa (o nacional-catolicismo).
·
A entrada nunha forte recesión económica causada polos
efectos da guerra e por unha política autárquica que restrinxe as relacións
comerciais co exterior. O resultado foi un retroceso brutal do nivel de vida da
maioría da poboación, condenada á escasez e ao racionamento de produtos de
primeira necesidade durante máis dunha década, mentres florecía o mercado negro
(estraperlo) coa complicidade das
autoridades.
A situación non mellorou ata a década dos 50, en que a ONU
revocou o acordo na que instaba aos seus membros a retirar os seus embaixadores
dee Madrid. Neste momento EEUU e o Reino Unido deciden retomar as relacións
diplomáticas con España. O réxime empeza a ter recoñecemento internacional e,
en contrapartida, vese obrigado a ofrecer algúns signos de apertura que van
favorecer un tímido repunte cultural.
Octavilla propagandística difundia na Coruña en 1942
Neste periodo a lingua galega, que antes da guerra estaba
gañando espazos na vida pública (prensa, radio, discursos políticos,
introdución no sistema de ensino), quedou totalmente prohibido no ámbito
público e a nivel oficial. Desde a propaganda do réxime volve a insistirse nos
vellos estereotipos de rusticidade e incultura asociados ao uso do galego pero,
ademais, agora engádese un novo estigma negativo: o carácter antipatriótico de
quen o utilizaba. Só se admitía o seu uso entre xente de moi baixa formación
educativa, en ámbitos familiares ou asociado a unha visión folclórica e
embrutecida da cultura galega (pensemos no éxito de personaxes como Xan das Bólas
nas películas da época).
Hai varios aspectos que teñen unha gran influencia na
importante desgaleguización da sociedade galega durante esta época:
- A escola: a escolarización obrigatoria funciona como un elemento moi eficaz de desgaleguización. O galego, que era a lingua da maioría dos escolantes, non só estaba ausente dos plans educativos, senón que era motivo de castigo e ridiculización para aqueles nenos que o usaban na escola.
- Os medios de comunicación de masas: a partir dos anos 60 en que boa parte das clases baixas accede á sociedade de consumo, tanto a radio como a televisión e o cine difunden modelos de conduta “modernos” sempre identificados co uso do castelán (pensade que en moi poucos países se dobran absolutamente todos os produtos audiovisuais que chegan de fóra e que isto só cabe interpretalo como parte dunha política lingüística de uniformización).
- A emigración: as penosas condicións económicas que perduraron durante décadas despois da guerra e o desenvolvemento industrial a partir dos anos 60 en zonas moi localizadas (Madrid, País Vasco, Barcelona) impulsaron a moita xente a emigrar (ao estranxeiro, a cidades industriais do estado, a cidades galegas). O cambio de hábitat tamén é un factor importante para que as persoas cambien os seus hábitos lingüísticos e, sobre todo, un factor que dificulta a transmisión xeracional.
Polo tanto, durante o franquismo acelérase a
desgaleguización da sociedade galega e chega a afectar a sectores que foran
tradicionalmente os garantes da súa transmisión: clases baixas traballadoras,
habitantes do medio rural emigrados...
Ao mesmo tempo, o galego empeza a ser de novo obxecto de
interese e reivindicación entre a oposición antifranquista que ve na represión
da lingua un instrumento máis de suxugación do poder totalitario que queren
combater. O galego será a lingua vehicular do sindicalismo, do feminismo e de
boa parte partidos clandestinos que loitan para debilitar o réxime franquista:
é, como ben dixo Celso Emilio Ferreiro, a lingua proletaria do meu pobo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.