TEMA 9 : O TEXTO EXPOSITIVO
Os textos expositivos teñen como finalidade informar. Para
que a información se transmita adecuadamente os textos expositivos deben ser
claros, ordenados e precisos.
A función lingüística predominante é a referencial.
Os textos expositivos caracterízanse pola súa obxectividade,
a utilización dun vocabulario preciso, onde prima o significado denotativo. Evitan
a ambigüidade e buscan a claridade para o que é útil o respecto pola orde
lóxica e a linearidade na exposición. É frecuente o uso de vocabulario
específico e mesmo de tecnicismos propios do tema da exposición.
Segundo o contexto para o que é construído e o tipo de
receptor ao que se destina, o texto descritivo terá unha maior ou menor
complexidade:
- Textos divulgativos: están concebidos para un público xeral, non especialista no tema que se trata, polo que a súa intención é máis facer un achegamento a un tema que profundizar moito sobre el. Exposicións de tipo divulgativo serán as que podemos atopar en libros de texto, enciclopedias, documentais, etc.
- Textos especializados: están dirixidos a un receptor que ten un grao de coñecemento previo alto do tema que se trata. O seu obxectivo é profundizar no tema achegando información inédita a partir de novas investigacións. Un exemplo pode ser unha conferencia dun equipo de investigación científica nun congreso de microbioloxía.
PASOS PARA FACER UNHA EXPOSICIÓN
- En primeiro lugar cómpre ter clara a perspectiva desde a que realizaremos o texto, tendo en conta o receptor/receptores aos que vai dirixida e o grao de coñecemento previo que poidan ter do tema e tamén o contexto en que será difundido o texto.
- É imprescindible partir dun bo coñecemento do tema sobre o que se vai escribir, para o que necesitaremos un traballo de documentación.
- O terceiro paso consiste na disposición do material obtido do paso anterior, selecionándo o que consideremos útil e organizándoo de maneira que se estableza entre as distintas ideas relacións lóxicas.
- Por último, procederemos a redactar, escollendo un vocabulario axeitado e procurando que a sintaxe sexa clara. É o que se chama tamén elocución. Para isto teremos en conta os procedementos lingüísticos habituais neste tipo de textos.
CARACTERÍSTICAS LINGÜÍSTICAS
A linguaxe do texto expositivo é clara (función referencial,
punto de vista obxectivo) e directa (significado denotativo). Predomina o
vocabulario específico e mesmo técnico que garantiza a máxima precisión.
Evítanse os adxectivos innecesarios (explicativos) e as construcións
sintácticas (oracións coordinadas ou subordinadas) utilizadas procuran a
transmisión doada da información. Os verbos adoitan estar en presente de
indicativo cun valor intemporal.
Que procedementos e recursos lingüísticos se adoitan
utilizar na exposicións?
- A definición/descrición: é o punto de partida de moitos textos expositivos: describir é ofrecer ordenadamente información e definir supón, ademais, intentar poñer esta información en relación cunha orde establecida.
- A clasificación: consiste nunha serie de definicións relacionadas entre si.
- A comparación: comparar un obxecto, ou un suposto, con outro parecido mais non semellante pode ser un punto de partida para sinalar puntos de semellanza e diferenza sobre os que ir artellando unha descrición.
- Exemplificación: os exemplos concretos supoñen un bo apoio para a comprensión do que se explica.
ESTRUTURA DOS TEXTOS EXPOSITIVOS
O máis aconsellable é intentar partir sempre dalgún
coñecemento compartido polo emisor e o receptor/receptores ao que se lle vai ir
engadindo información nova gradualmente, de xeito que se siga o fío con
facilidade. Desta maneira é habitual que os textos expositivos sigan este
esquema.
- Introdución: nela enúnciase o tema, a perspectiva desde o que se vai tratar e establécese a base da información compartida.
- Desenvolvemento: á información de partida vanse engadindo novos datos e ampliando con novos conceptos relacionados. É importante ir encadeando dun xeito asequible, ordenado e lóxico a nova información.
- Conclusión: consiste nun breve resumo do exposto anteriormente, retomando as ideas que se consideran fundamentais.
Anxos, o exame do mércores 9, é so do tema seis ao nove?
ResponderEliminarPerdoa, o exame do xoves 14
ResponderEliminar