lunes, 25 de febrero de 2013

TEMA 13 (2º BACH). A POESÍA DA POSGUERRA: A XERACIÓN DE 1936, A PROMOCIÓN DE ENLACE E A XERACIÓN DAS FESTAS MINERVALES. A POESÍA DO EXILIO


TEMA 13 (2º BACH). A POESÍA DA POSGUERRA: A XERACIÓN DE 1936, A PROMOCIÓN DE ENLACE E A XERACIÓN DAS FESTAS MINERVALES. A POESÍA DO EXILIO

A guerra e os anos de durísima posguerra supoñen unha paréntese e en certos aspectos unha ruptura co normal desenvolvemento da literatura galega. Unha paréntese porque as condicións políticas silencian durante máis de dez anos a expresión literaria en galego: péchanse editoriais e revistas, perséguense editores e intelectuais galeguistas. Unha ruptura porque a represión provocou a morte dalgús axentes literarios e o exilio doutros moi valiosos, pero tamén porque impuxo a imposibilidade de intercambio e diálogo con outras culturas. Deste xeito o panorama literario de posguerra queda empobrecido, pechado sobre si mesmo e sometido a unha feroz censura.

A poesía do interior recupera o seu pulo na década dos 50, aproveitando unha certa apertura do réxime para favorecer o seu recoñecemento internacional. Recupéranse as tendencias poéticas máis conservadoras da preguerra (neotrobadorismo, imaxinismo, ruralismo) ás que se sobrepoñen outras como o culturalismo clasicista, o intimismo radical e o socialrealismo. Algunha destas tendencias son revisións de liñas xa presentes na literatura galega: así o intimismo radical xa o podemos atopar en Rosalía de Castro, pero nesta época renóvase e enriquécese con novas achegas surrealistas (Luís Pimentel e Luz Pozo) e existencialistas (Manuel Cuña Novás e a Escola da Tebra); o socialrealismo ten moito que ver coa poesía cívica presente desde Rosalía e Curros, sen esquecer Cabanillas, pero nesta época adquire unha preocupación universalista que trascende o ámbito galego. Trátase dunha poesía onde o primeiro é o compromiso social desde unha perspectiva crítica próxima ao marxismo expresada nunha linguaxe poética prosaica e coloquial.
Na década dos 50 agroman simultaneamente en Galicia poetas pertencentes a diferentes xeracións:

  • Xeración do 36: nacidos entre 1910 e 1920, é unha xeración que ve truncada a súa traxectoria polo trauma da Guerra Civil. Algúns deles xa publicara antes da guerra como Aquilino Iglesia Alvariño ou Álvaro Cunqueiro, outros ven retrasada a súa incorporación ás letras galegas polas inexistentes condicións para publicar en galego despois da guerra. Fórmanse na II República ao abeiro dos escritores da Xeración Nós e do galeguismo de preguerra e participan nos seus proxectos culturais: revistas, editoriais, seminarios... Por esta razón algúns membros destacados desta xeración exercen a función de ponte na tradición literaria galega entre os máis vellos e os máis novos.

    • Aquilino Iglesia Alvariño: fórmase no Seminario de Mondoñedo e seguirá na Universidade de Santiago estudos de Filosofía e Letras. Dedicouse ao ensino e, desde 1948, foi catedrático de latín. Despois da guerra mantense afastado das actividades culturais da súa xeración. Morreu en 1961. Publicou dous libros en galego antes da guerra: Señardá (1930) e Corazón ao vento (1933). A guerra decántao polo bando fascista e cambia a súa lingua poética, do galego ao castelán. O seu libro fundamental é Comaros verdes (1947) que resume o mellor da súa poesía: un tratamento clasicista do mundo rural onde a paisaxe serve para tratar temas íntimos (a saudade do paraíso perdido da infancia, a harmonía do movemento temporal cíclico da natureza, a vivencia amorosa). O ruralismo de Iglesia Alvariño dialoga cos poetas clásicos como Virxilio e empápase do saudosimo dos poetas portugueses.

    • Álvaro Cunqueiro: a guerra faino escoller e comprometerse co fascismo, colaborando en xornais que apoiaban o golpe de estado. Un problema nunca ben aclarado lévao ao pouco tempo a abandonar Madrid e a desterrarse a Mondoñedo, a súa vila natal, onde vive varios anos e retoma a actividade literaria en galego, tanto en poesía ,Dona do corpo delgado (1950), como en narrativa e teatro. A partir dos anos 60 entra a traballar como redactor no xornal Faro de Vigo. Foi durante toda a súa vida escritor en galego e castelán. O seu último libro de poesía Herba aquí e acolá (1979) recolle a súa produción ao longo de varias décadas. En Dona do corpo delgado convive o neotrobadorismo cunha poesía de gran intensidade lírica onde se manexan diferentes influencias de figuras excepcionais da poesía universal. En Herba aquí e acolá esta última tendencia que podemos definir como culturalismo é a predominante. Cunqueiro demostra ser un poeta maduro que sabe utilizar sabiamente imaxes sorprendentes e xogar coa lingua para crear universos literarios envolventes, pero, ao mesmo tempo, non queda no simple xogo poético, senón que logra unha voz lírica profunda para falar do amor, da morte e da mesma esencia da poesía. É un dos poetas que máis influirá nas xeracións da fin de século.

    • Celso Emilio Ferreiro: antes da guerra participa en actividades políticas galeguistas e literarias. Despois da guerra participa na creación de revistas literarias e editoriais que van publicar textos en galego como Finisterre, Alba e a colección de poesía Benito Soto. Participa na fundación do nacionalismo marxista nos anos 60 e emigra a Venezuela, onde ten unha experiencia amarga coa emigración galega establecida alí. Os seus poemarios máis importantes son O soño sulagado (1954) e Longa noite de pedra (1962). No primeiro distínguense dúas tendencias: unha lírica centrada na súa experiencia existencial próxima á confesión (reflexións sobre o paso do tempo, o paraíso da infacia perdido, a dor de vivir) e outra social centrada nos problemas da colectividade (a emigración, a guerra). Unha novidade que achega Ferreiro neste libro son os poemas satíricos nos que se ridiculiza usando o sarcasmo a sociedade técnica e burocrática. En Longa noite de pedra predomina a denuncia social e política que acada unha dimensión internacional (non se limita a criticar a situación concreta da ditadura franquista). O punto de vista crítico é o marxismo: aparece o proletariado, xunto con outros moitos termos da filosofía marxista como plusvalía, como suxeito poético na poesía galega. Formalmente, este libro supón unha renovación na linguaxe poética que se fai máis coloquial, rico en recursos que apelan directamente ao lector con repeticións, enumeracións, onomatopeias que lembran a linguaxe efectiva das narracións orais ou das conversas.

    • Xosé María Díaz Castro: Foi un poeta senlleiro, que non cultivou a relación con outros poetas, e de escasa produción. O seu único libro, Nimbos (1961), ofrécenos poesía de temática relixiosa, un delicado ruralismo moi ligado á saudosa lembranza da infancia (o vello tema do paraíso perdido), á vivencia do paso do tempo cíclico (lembrade o poema Penélope) fronte ao tempo histórico.

  • Promoción de Enlace: nacidos entre 1920 e 1930, edúcanse xa nun clima cultural e social empobrecido e na represión política. A súa formación cultural verase limitada por estas condicións ambientais (e económicas) e algúns deles son autodidactas. Carecen de mestres e de referentes culturais galeguistas, polo que a súa incorporación ao galego faise de maneira dubidosa e insegura. Por outra parte, a penas podemos afirmar que se trate dun grupo homoxéneo, posto que non participan en proxectos de grupo e non teñen relación entre si. Trátase dunha suma de individualidades que comparte as condicións adversas para a creación literaria. Contra os anos 60 a súa produción virará de xeito decidido cara ao galego.

    • Luz Pozo Garza: o seu primeiro libro en galego O paxaro na boca (1952) ten moito que ver co intimismo de Luís Pimentel e o surrealismo. A poesía de Luz Pozo é, por riba de todo, unha creación estética de alta calidade: toque o tema que toque, a forma poética vén sendo un medio para achegarse á beleza.

    • Manuel Cuña Novás: o seu libro máis influínte é Fabulario novo (1951), onde atopamos unha poesía surrealista plagada de imaxes oníricas escuras que queren expresar unha angustia existencial radical, moi de moda na literatura europea da época. Inicia así unha corrente que se chamaría Escola da Tebra que tería continuadores nos poetas da xeración das Festas Minervales.

  • Xeración da Festas Minervales: os escritores nacidos entre 1930 e 1940 non viviron a Guerra Civil ou eran moi pequenos e a súa experiencia vital e educativa transcorre integramente no réxime franquista. A súa conexión co galeguismo cultural faise a través da Xeración do 36 cando inician os seus estudos universitarios na USC. Moi novos participan en proxectos de recuperación da cultura galega deseñados pola Xeración do 36: a recuperación das Festas Minervales, o suplemento cultural do diario La Noche e a publicación na colección Illa Nova da editorial Galaxia. Levan adiante tamén iniciativas propias como o grupo e a editorial Brais Pinto. Recuperan o espírito cosmopolita da Xeración Nós: viaxan a Europa, coñecen a literatura e as tendencias vangardistas da arte da súa época e intentan integralas na literatura galega. Parte desta xeración protagonizará unha ruptura co galeguismo cultural do grupo Galaxia e participará na fundación de partidos nacionalista revolucionarios na década dos 60.

    • Manuel María: Ten unha obra extensa que vai tocando, sempre un pasiño por diante dos demais, as diferentes tendencias da época en que é escrita: Muiñeiro de brétemas (1950) é unha das primeiras obras poéticas da posguerra en galego e nela xa aparece o surrealismo onírico e existencialista da Escola da Tebra. En Documentos persoaes (1958) adiántase tamén ao socialrrealismo formalmente coloquial que vai campar, a partir do enorme éxito de Longa noite de pedra de Celso Emilio, durante toda a década seguinte. En Terra Cha (1954) anticipa o paisaxismo renovador de Uxío Novoneyra. A partir de Libro de pregos (1962) volve ao socialrrealismo e nel demórase por moito tempo.

    • Uxío Novoneyra: Os Eidos (1955), Elexías do Caurel e outros poemas (1966), Os Eidos 2 (1974), a poesía de Novoneyra expresa a experiencia da relación do home e a natureza. Máis alá do paisaxismo é unha poesía que nos achega a unha especie de sentimento místico de unión do home e da natureza que nos sobrecolle: a inmensidade das serras, a soedade e o silencio, a existencia e a ética da nosa relación co que nos rodea (tanto do ámbito natural como social). Formalmente é unha poesía concentrada (conténtanse con nomear e mesmo enumerar os elementos da paisaxe se necesidade de adxectivación) que foxe do ton coloquial e ama o ton declamativo, coma para dirixirse a unha asemblea. Experimenta co fonosimbolismo e o simbolismo visual das letras (Poemas caligráficos (1979)).

    • Xohana Torres: É unha escritora de poucos libros pero moi influíntes. O primeiro é o poemario de xuventude Do sulco (1959) onde ofrece unha poesía intimista de acusada personalidade. Estacións ao mar (1980) é un libro de madurez onde se trata o amor á súa terra, a nostalxia do pasado, e a íntima vivencia do mar.

    • Xosé Luís Méndez Ferrín: É un escritor cunha longa traxectoria e unha obra importante en poesía e narrativa, fundamentalmente. Como poeta iníciase con Voce na néboa (1957) que se adscribe á Escola da Tebra. Nas seguintes obras Antoloxía Poética (1972) e Poesía enteira de Herriberto Bens (1980) predomina o poeta de compromiso cívico e social, pero cunha poesía de gran preocupación formal que nunca chega a caer no coloquialismo predominante. Con pólvora e magnolias (1976) reivindica a poesía formal e culta sen renunciar ao compromiso político e social. Esta obra marca un antes e un despois na evolución da poesía galega. 

A POESÍA NO EXILIO
En varias cidades americanas, pero sobre todo en Buenos Aires, desenvólvese unha rica actividade cultural en galego durante os anos 40 cando en Galicia non era posible. Ao remate da guerra os intelectuais comprometidos coa II República vense obrigados a exiliarse e, xunto cos escritores que xa estaban instalados en América, fundan revistas como Galicia Emigrante e  editoriais como Citania. Os poetas máis destacados no exilio adiántanse aos do interior na creación dunha poesía socialrrealista, que en Lorenzo Varela e Luís Seoane adquire unha perspectiva épica na recreación de episodios da historia de Galicia (as loitas irmandiñas) que se relacionan co presente opresivo (a guerra, o fascismo e as súas consecuencias). O tema da emigración e o desexo por recuperar a terra e os amigos perdidos é outra constante nestes autores.
Lorenzo Varela: Catro poemas para catro gravados (1954), Lonxe (1954), Homaxes (1979).
Luís Seoane: Fardel e eisilado (1952), Na brétema, Sant Iago (1956), As cicatrices (1959).
Emilio Pita: Jacobusland (1942).

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.