jueves, 7 de febrero de 2013

TEMA 10 (2º BACH): SEMÁNTICA: CAMPOS SEMÁNTICOS. AS RELACIÓNS E OS CAMBIOS SEMÁNTICOS. DEFINICIÓNS DE PALABRAS

 
TEMA 10 (2º BACH): SEMÁNTICA: CAMPOS SEMÁNTICOS. AS RELACIÓNS E OS CAMBIOS SEMÁNTICOS. DEFINICIÓNS DE PALABRAS

A semántica é unha disciplina lingüística que ten como obxecto de estudo o significado dos signos lingüísticos. No código lingüístico ponse en relación un significante (a maneira de expresar ) cun significado (o concepto que se quere expresar) e estes cun referente extralingüístico (os obxectos, accións, características, ideas ...). A semántica explica a particular maneira que ten cada lingua de expresar (representar simbolicamente) a realidade extralingüística a partir da descrición das relacións de significado entre os signos lingüísticos.

O léxico dunha lingua non é un conxunto caótico, senón que aparece estruturado polas relacións de afinidades e oposicións que manteñen entre si as unidades que o compoñen. Faremos unha primeira distinción de dúas maneiras de organización do léxico: a primeira aparece intimamente emparentada coa morfoloxía (baséase nos xogos combinatorios dos morfemas léxicos: lexemas, sufixos e prefixos) e a segunda entra plenamente no campo, máis abstracto, da semántica.

Familia léxica: é o conxunto de palabras que comparten un mesmo lexema, e polo tanto a parte substancial do seu significado, grazas ao funcionamento dos procedementos habituais de formación de palabras: derivación e composición: seguir, seguimento, perseguir, perseguidor, perseguido... Foron xa obxecto de atención no tema anterior de Formación de palabras.

Campo semántico: é unha estrutura na que participan todas aquelas palabras que comparten unha zona común de significación e que, á súa vez, manteñen entre si relacións de oposición. Así, luns, martes, mércores, xoves, venres, sábado e domingo son palabras que comparten o significado de “días da semana” e á vez opóñense entre si polo número de orde que ocupan dentro do conxunto. Trátase dunha estrutura xerárquica: “días da semana” ocupa un lugar máis alto (hiperonimia) ca “luns, martes, mércores...” que se manteñen subordinados (hiponimia). Ao mesmo tempo cada un dos termos subordinados, hipónimo, oponse por algún trazo aos demais hipónimos, nunha relación entre iguais chamada cohiponimia. Á súa vez, “días da semana” entraría a formar parte como hipónimo doutro campo semántico xunto a, por exemplo, “meses do ano” e “festividades do ano”, “partes do día”, etc. cos que mantería relacións de cohiponimia dentro do campo semántico de “denominacións da organización do  tempo”.


A continuación imos facer unha breve clasificación das principais relacións semánticas, é dicir, relacións de afinidade e oposición que se establecen entre as palabras polo seu significado.

Antonimia: É a relación que se establece entre palabras de significado oposto. Podemos distinguir entre diferentes tipos de antonimia:
  • antónimos graduais: permiten unha graduación, de tal maneira que cada un dos termos considerados antónimos ocupan o polo oposto da graduación: quente/(morno)/frío, grande/(mediano)/pequeno, ancho/(axustado)/estreito.
  • antónimos complementarios: a afirmación dun elemento implica necesariamente a negación do outro: vivo/morto, par/impar, coñecido/descoñecido.
  • antónimos recíprocos ou inversos: a afirmación dun implica a existencia do outro: dar/recibir; tío/sobriño, anfitrión/convidado, comprar/vender.

Sinonimia: é a relación que se dá entre aquelas palabras (sempre da mesma clase, ex. subs., adx. vbos...) que teñen o mesmo significado: felgo/fieito/fento; cachola/cacheira/cachucha. A sinonimia total dáse, sobre todo, entre palabras pertencentes a diferentes variedades lingüísticas. Os dous exemplos que acabamos de poñer, por exemplo, son tres palabras que se refiren exactamente ao mesmo concepto pero pertencen a variedades xeográficas distintas: nos lugares onde se di felgo non se di fieito nin fento, aínda que no contexto os falantes comprendan o significado. Se no canto de variedades xeográficas temos en conta variedades sociais ou contextuais veremos que, aínda que as palabras sinónimas fagan alusión ao mesmo concepto, o seu significado adquire matices expresivos moi acusados, o que fai que non se nos ocurra utilizar estes termos indistintamente. Poñeremos un exemplo moi claro: pito/carallo/pene son sinónimos, pero de ningún xeito intercambiables en calquera contexto, ou correremos o risco de dar unha impresión non desexada de ridiculez, brutalidade ou pedantería.
Cómpre ter en conta, tamén, que en ocasións poden funcionar como sinónimos o termo xeral (hiperónimo) e calquera dos termos específicos (hipónimos) dun campo semántico: ex. Por favor, colle un asento / Por favor, colle unha cadeira.
O uso da sinonimia con habilidade pode dotar á nosa fala ou á nosa escrita diso que se coñece como estilo, multiplicando a capacidade expresiva da mensaxe. O uso tosco de sinónimos pode facer dos nosos textos (orais ou escritos) un instrumento para molestar, ou aburrir aos demais, o que, evidentemente, diminúe moito o seu potencial comunicativo.

Polisemia: é a relación semántica en que unha mesma palabra pode adquirir diferentes significados, parcialmente coincidentes ou relacionados entre si. En realidade a polisemia é a mesma palabra que foi adquirindo novos significados por extensión da súa significación inicial. No dicionario cada un destes significados que pode ter a palabra aparecerá como acepción: ex: ollo: 1. órgano da vista; 2. burato dunha agulla;  3. apertura dunha ponte para que pase a auga; 4. xermolo das patacas.

Homonimia: en principio, poderiamos definir a homonimia de maneira semellante á polisemia: unha palabra con varios significados, pero sabemos que no caso da homonimia non se trata da mesma palabra, senón de dúas palabras diferentes que por razóns de evolución fonética hoxe en día presentan o mesmo significante. No dicionario aparecerán como entradas diferentes: ex. 1queixo: (do latín CASEU) alimento lácteo, 2 queixo: (do latín CAPSU) parte da mandíbula.

Cambios semánticos
As palabras poden adquirir novos significados mediante certos procedementos de asociación de ideas por semellanza ou contigüidade. Estes cambios semánticos son a orixe de moitos dos casos de sinonimia e de polisemia que se dan na lingua cotiá.

Metáfora: baséase nunha asociación por semellanza entre dous termos A=B; ex. Grazas pola túa axuda, es un sol!; Os ollos da ponte; Para de chorar, brétema!
Metonimia: é una relación baseada na contigüidade que pode ser de diversos tipos: causa/efecto ou viceversa (gañar algo con suor = gañar algo con traballo), continente/contido (tomar dous pratos de caldo = tomar a cantidade de caldo que conteñen dous pratos),  instrumento/profesión (É una das plumas máis recoñecidas = É un dos escritores máis recoñecidos ).
Elipse: dáse en palabras que forman parte de expresións que, por ser repetidas con frecuencia, acaban por simplificarse nunha soa palabra que adquire o significado do conxunto: ex. móbil = teléfono móbil.
Eufemismo: os eufemismos son palabras que pasan a adquirir un novo significado para evitar utilizar outras que se considera que fan referencia demasiado directamente a realidades que entran dentro das fronteiras do tabú. En todas as sociedades a prohibición do tabú está relacionado con aqueles aspectos da vida social considerados ou demasiado elevados por sagrados (a relixión, a morte) ou demasiado baixos por vergonzantes e desagradables (o sexo, os excrementos).  Ex. as diferentes maneiras (todas elas eufemísticas) de referirse ao lugar onde realizamos as nosas función excretoras; as diferentes maneiras que utilizamos para referirnos ao exceso de peso dunha persoa sen dicir gordo ou gorda. Lembrade o efecto cómico (e incómodo) que produce ler calquera das cantigas obscenas da lírica galego-portuguesa medieval na aula polo feito de que os órganos e actividades sexuais son nomeadas polo seu termo directo, non eufemístico.
Definición de palabras
En primeiro lugar deberemos ter en conta o tipo de palabras que queremos definir, pois non é o mesmo definir un substantivo, un adxectivo, un adverbio ou un verbo: os substantivos designan entidades concretas ou abstractas, os adxectivos características, os adverbios circunstancias e os verbos accións ou procesos.
En segundo lugar deberemos procurar que a definición que fagamos poida ser intercambiable coa palabra que definamos: ex. unha rapaza baixa = una rapaza de pequeña estatura.
A definición lóxica parte do xénero de cousas ou conceptos ao que pertence a palabra para logo facer una especificación: ex. pantalón: prenda de vestir que cobre o corpo de cintura para abaixo e separadamente cada una das pernas.
Na definición nocional o significado constrúese con respecto a outra palabra coa que pode gardar una relación de contigüidade tipo parte/todo: ex. pé: parte terminal das pernas do ser humano; exército: conxunto de persoas armadas para combater.






No hay comentarios:

Publicar un comentario

Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.