martes, 22 de enero de 2013

TEMA 7 (1º BACH): SUBSTANTIVO E ADXECTIVO: XÉNERO E NÚMERO, O GRAO DO ADXECTIVO, AS CONXUNCIÓNS COMPARATIVAS

 
TEMA 7 (1º BACH): SUBSTANTIVO E ADXECTIVO: XÉNERO E NÚMERO, O GRAO DO ADXECTIVO, AS CONXUNCIÓNS COMPARATIVAS

Os substantivos e os adxectivos pertencen á mesma clase morfolóxica de palabras, os nomes, que se caracteriza por ter morfemas de xénero e número (no caso do substantivo son propias e no caso do adxectivo dependen da concordancia co substantivo ao que acompañan).
Semanticamente os substantivos denotan entidades (seres vivos, cousas inanimadas ou conceptos abstractos) mentres que os adxectivos fan referencia a cualidades dos substantivos.
A función do substantivo é a de núcleo da frase ou sintagma nominal e a do adxectivo de modificador do núcleo da frase nominal ou, dentro da oración, como atributo ou predicativo.

  1. Clasificación semántica dos substantivos

               concretos                  /           abstractos (esperanza, fermosura)

propios (Ferrol, María, Eume)       /    comúns (mesa, can, nena)

   incontables (auga, fariña)   /    contables (mazá, pedra, casa)

          individuais (soldado, abella)/colectivos (exército, enxame)


  1. Clasificación morfolóxica: o xénero e o número

O morfema de xénero indica unha oposición entre masculino e feminino que serve para distinguir os substantivos por certas características como sexo (coello/coella), tamaño (leiro/leira) ou feitura (coitelo/coitela).
Pero é moi frecuente que un substantivo pertenza a un xénero ou outro sen ningún tipo de motivación semántica (a casa). Pódense enunciar unha serie de regras prácticas:
a)     Os nomes das froitas son femininos na maior parte dos casos e, coincidindo con esta regra, tamén os nomes das árbores froiteiras correspondentes: a cereixa, a cerdeira, a mazá, a maceira, a laraxa, a laranxeira. Se o nome da froita é masculino, tamén o será o nome da árbore: o pexego, o pexegueiro, o limón, o limoeiro. A única excepción é: o figo, a figueira. O resto das árbores non froiteiras son maiormente de xénero masculino: o carballo, o loureiro, o piñeiro.
b)    Os substantivos que designan as letras do alfabeto son masculinos: o be, o ceta, o hache....
c)     Os nomes dos números son masculinos: o dez, o sete...
d)    Os nomes dos ríos, montes, cabos, océanos, mares e puntos cardinais son masculinos: o Sil, o Pacífico, o Norte, o Pedroso, o Prior.

En moitos substantivos que están adscritos a un ou outro xénero, a terminación pode servirnos de orientación, aínda que cómpre ter coidado coas numerosas excepcións:
a) En xeral a terminación –o correspóndese co masculino e –a co feminino. Excepcións: a líbido, o día, o mapa, o clima, o cometa, o problema.
b) Os que rematan en –e presentan máis problemas:
·      Son femininos os rematados en –axe: a paisaxe, a homenaxe, a friaxe, a quilometraxe, a vendaxe... agás o traxe, o paxe e o garaxe.
·      Son femininos os que rematan en –se e –ite: a crise, a análise, a parálise, a hepatite, a apendicite.
·      Son femininos os que rematan en –dade: a liberdade, a facultade, a verdade, a bondade.
·      Son masculinos os que rematan en –ote: o lote, o dote, o amorote.
·      Son masculinos os que rematan en –ume e -me: o fume, o lume, o estrume, o volume, o legume, o costume, o cume, o acedume, o queixume, o vagalume... o exame, o ligame, o nome, o rexime, o vexame, o verme...
·      Outros son simplemente inclasificables: o aceite, a árbore, a canle, a carne, o couce, o dente, a fame, a febre,a suor, o leite, a nube, a orde, o peixe, a ponte, a sebe, a sede, a ubre.

Hai algúns substantivos que, mantendo a oposición masculino/feminino, presentan a mesma forma e o xénero márcase a través do determinante que o acompañe: o atleta/a atleta, o herexe/a herexe, o suicida/a suicida, o camarada/a camarada, o artífice/a artífice, etc.
 Nos substantivos que presentan oposición maculino/feminino, o masculino é a forma non marcada e o feminino fórmase a partir dela das seguintes maneiras:
a)    Substantivos que na forma masculina  rematan en –o ou –e, perden a última letra e engaden –a: o fillo/a filla, o parente/a parenta, o infante/a infanta. Os xentilicios rematados en –ao fan o feminino en –a: o meirao/a meirá.
b)    Os substantivos que rematan en vogal tónica engaden a esta un –a: o avó/a avoa.
c)    Os substantivos que rematan en –s, -z, -l ou –r engaden –a: deus/deusa, francés/francesa, doutor/doutora, rapaz/rapaza.
d)    Os substantivos que rematan en –n teñen varias posibilidades:
bailarín/bailarina
ladrón/ladroa
alemán/alemá
americano/americana
lerchán/lerchana
      e) Os substantivos que forman o feminino mediante un morfema derivativo: galo/galiña, sacerdote/sacerdotisa, abade/abadesa/ heroe/heroína, rei/raíña, actor/actriz.

O número
A categoría de número indica a oposición entre o termo non marcado, o singular (indica unha especie ou individuo dunha especie) e o termo marcado, o plural (máis dun individuo da especie).
Algúns substantivos só se usan en plural: os lentes (distinto de a lente/as lentes), os cartos, os víveres, as cóxegas, as tebras, as entrañas, as nupcias, as exequias, os parabéns, as feces, as témporas, as vituallas, os matíns. En certos casos casos pode usarse o singular ou o plural indistintamente : a tesoira ou as tesoiras, o pantalón ou os pantalóns. Tamén se dá algún caso en que a utilización do singular ou do plural implica un cambio global de significado: o miolo (a parte branda e interior do pan) / os miolos (a masa encefálica dos animais).

O morfema de número presenta as seguintes variantes: -s, -es, -is ou –Ø:
a) Os substantivos que rematan en vogal forman o plural engadindo –s: silva/silvas, zulú/zulús, rei/reis.
b) Os substantivos que rematan en –n tamén forman o plural engadindo –s: can/cans, xamón/xamóns.
c) Os substantivos que rematan en –l presentan varias solucións:
·    Os monosílabos engaden –es: mol/moles, tul/tules, mel/meles, sol/soles, fol/foles. Esta regra aplícase tamén cando unha palabra monosílaba forma parte duha palabra composta: ollomoles, chuchameles, parasoles, cartafoles.
·    Os polisílabos non agudos engaden –es: cónsul/cónsules, réptil/réptiles, téxtil/téxtiles, fácil/fáciles, túnel/túneles.
·    As palabras polisílabas agudas forman o plural engadindo –is e modificando a base que perde o –l: animal/animais, papel/papeis, caracol/caracois. Os rematados en –il perden ademais o –i: funil/funís, garda civil/gardas civís.
·    Os substantivos que rematan nunha consoante distinta de –n ou –l fan o plural xeralmente engadindo –es: mar/mares, compás/compases, vez/veces.
·    En extranxeirismos e cultismos que rematan nunha consoante distinta das xa vistas engádese –s: club/clubs, album/albums, anorak/anoraks.
·    Algúns substantivos presentan sincretismo entre singular e plural, polo que o número indícase mediante os determinantes: o luns/os luns, o lapis/os lapis, o oasis/os oasis.


O plural de chuchamel é chuchameles



Como dixemos, o adxectivo é igual morfoloxicamente có substantivo (coa salvedade de que nel o xénero e o número non son inherentes, senón que están motivado polos do substantivo ao que acompaña)  e, polo tanto, segue as mesmas regras de formación de xénero e de número que acabamos de repasar. Porén o adxectivo ten unha característica morfolóxica que o diferencia do substantivo: o grao.
O grao do adxectivo permite expresar a intensidade da calidade que indica mediante dous procedementos morfolóxicos:
a) Sintético: consiste na aplicación de morfemas (prefixos ou sufixos) que se engaden ao lexema: super-divertido, divertid-ísimo, celeb-érrimo
b) Analítico: consiste en empregar unha estrutura sintáctica na que se integra o adxectivo con adverbios e preposicións ou conxuncións: A rapaza máis alta da clase, A rapaza é máis alta cás irmás.
Os graos do adxectivo son tres:
  • Positivo: o adxectivo aparece sen indicar a súa intensidade en ningún grao: vello
  • Comparativo: a calidade do adxectivo aparece comparada en relación con outros elementos: Manuel é máis/menos vello ca María, Manuel é tan vello coma o seu amigo.
  • Superlativo : indícase que a calidade do adxectivo presenta o seu máis alto grao.
    • Absoluto: Manuel é vellísimo
    • Relativo: Manuel é o máis vello dos que están aquí


As conxuncións utilizadas nas oracións e frases comparativas de inferioridade e superioridade son: ca, que e do que.
  • ca: obrigatoria cando a continuación vai un pronome persoal tónico e usual cando vai unha oración temporal, condicional ou de relativo:
Es máis alto ca min
Cando se foi parecía máis contento ca cando chegou
Este pantalón foi máis barato ca se o comprase hai un mes
Ten máis culpa quen o mandou ca quen o fixo
A conxunción ca contrae cos artigos determinantes:
Gústanme máis as mazás cás uvas
É menos rápido o meu coche có teu
  •  do que: obrigatoria cando a continuación vai un verbo:
Chove máis do que parecía
As conxuncións utilizadas nas oracións e frases comparativas de igualdade son coma e como e a súa distribución correspóndese ao xa explicado con respecto ás comparativas de superioridade e inferioridade: coma úsase con carácter obrigatorio nos mesmos casos que ca e como nos mesmos casos que do que. No resto dos casos o uso é opcional.

Polo significado que achegan os adxectivos poden ser:
  • Cualificativos: indican propiedades dos substantivos
    • Adxectivos explicativos: indican unha cualidade propia e permanente do substantivo: mar salgado, neve fría.
    • Adxectivos especificativos: indican unha cualidade que particulariza o individuo designado polo substantivo dentro dun abano de posibilidades: chaqueta verde, casa grande, can manso.
  • Relacionantes: Sinalan diferentes relacións cos substantivos a partir dos que se formaron (que teñen que ver coa obra ou actos dunha persoa, un oficio, unha activide):  oteriano (que ten que ver coa obra do escritor Otero Pedrayo), educacional (que ten que ver coa educación), medicinal (que ten que ver coa medicina).
  • Xentilicios: Sinalan a orixe xeográfica ou nacional dunha persoa ou produto: os queixos galegos, un músico cubano.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.