lunes, 11 de febrero de 2013

TEMA 8 (1º Bach): O TEXTO DESCRITIVO


TEMA 8 (1º Bach): O TEXTO DESCRITIVO

INTENCIÓN COMUNICATIVA

Describir é explicar como é o mundo que nos rodea –o espazo, o ambiente, os seres e obxectos que o ocupan, os sentimentos e sensacións que nos provocan– representándoo mediante palabras.
A intención comunicativa da descrición ten que ver coa postura que adopte o emisor da descrición:
  • Emisor obxectivo: dá prioridade aos datos obxectivos (todas aquelas circunstancias e características que poden ser comprobadas) e á exhaustividade (intentando que a descrición sexa completa e precisa). As descricións obxectivas son propias dos textos académicos, técnicos e científicos. Predominan a función referencial e o significado denotativo.

  • Emisor subxectivo: pon por diante a súa propia visión persoal influída polos sentimentos, gustos, inclinacións, prexuízos... Aquí fidelidade á realidade, a exhaustividade e a orde lóxica son substituídas pola interpretación persoal e a elección arbitraria dos aspectos que se consideran relevantes. A descrición subxectiva é propia de textos literarios e publicitarios. Predomina a función emotiva, conativa e poética. Faise un uso intensivo do significado connotativo.

PASOS PARA FACER UNHA DESCRICIÓN

  • Elixir un punto de vista: O primeiro que debemos de considerar é que tipo de descrición queremos facer e que pretendemos con ela. O punto de vista determina dúas maneiras diferentes de observar o mundo que nos rodea: obxectiva ou subxectiva.
  • Seleccionar o que imos describir: A decisión do punto de vista vai determinar que elementos debemos escoller para a descrición. A selección debe ser exhaustiva de acordo con criterios de claridade nos textos obxectivos, mentres que nos subxectivos tende a ser caprichosa, primando uns elementos por riba doutros para conseguir unha determinada expresividade.
  • Ordenar os elementos seleccionados: a orde determina a importancia que van ter no conxunto os elementos escollidos. Nos textos obxectivos procurarase unha orde lóxica. Nos textos subxectivos a lóxica racional é substituída pola lóxica intuitiva.
  • Redactar: supón escoller os recursos lingüísticos adecuados ao punto de vista escollido e á intención do texto. Se a descrición é obxectiva a linguaxe terá un significado denotativo, usaremos termos precisos (sen posibles dobres significados), optaremos pola concisión eliminando todo o superfluo (adxectivos especificativos). Se a descrición é subxectiva potenciaremos a expresividade buscando as posibilidades do significado connotativo das palabras, os dobres sentidos, a ambigüidade, a esaxeración, a capacidade da linguaxe para espertar sensacións emocionais e sensuais no oínte/lector.

CARACTERÍSTICAS LINGÜÍSTICAS

Neste proceso de representación con palabras en primeiro lugar debemos nomear os elementos que forman parte da realidade que queremos describir (para iso utilizamos os substantivos), indicar as súas cualidades (para o que utilizamos os adxectivos) e situalos no espazo (valéndonos dos adverbios ou demostrativos).
Substantivos, adxectivos (e outras unidades equivalentes como frases preposicionais e oracións de relativo), adverbios e demostrativos son os elementos lingüísticos centrais na descrición. Os verbos teñen un papel máis secundario: o tempo –a acción– na descrición pasa a un segundo plano e, unha vez situada nun plano temporal a descrición (presente ou pasado) apenas ten máis relevancia. Cómpre sinalar a importancia dos verbos copulativos (ser, estar, parecer) neste tipo de textos.
Nos textos obxectivos é frecuente o uso de enumeracións e comparacións. Nos textos subxectivos abundan todo tipo de figuras retóricas que xogan coas desviacións de significado: comparacións, metáforas, metonimia, hipérbole, sinestesia.

 Este é o polémico retrato que Lucien Freud realizou da raíña Elizabeth II. Cal cres que foi o punto de vista escollido polo autor do retrato para a súa representación? Cal é a primeira reacción que che produce a visión desta pintura? Intenta expresalo con palabras. 
Por que cres que á raíña non lle gustou o cadro?

TIPOS DE DESCRICIÓN

  • Prosopografía: Descrición física de seres vivos.
  • Etopea: Descrición psíquica de seres vivos.
  • Retrato: Descrición física e psíquica de seres vivos.
  • Caricatura: Descrición deformante con intención crítica ou humorística.
  • Topografía: Descrición de espazos, paisaxes ou ambientes.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.