TEMA 5
(2º BAC): A LITERATURA DO 1º TERZO DO S. XX
5.1.
A Xeración Nós
Por Xeración
Nós enténdese normalmente o grupo
fundador da revista Nós en 1920: Vicente Risco, Ramón Otero
Pedrayo, Florentino Cuevillas, Antón Losada Diéguez e Alfonso Castelao. A este
grupo ourensán-pontevedrés pode engadirse un grupo coruñés no que estarían
Villar Ponte e Xohán Vicente Viqueira. Funcionan como un grupo coherente que comparte uns ideais políticos e culturais e non
dubidan en poñer en marcha, ou participar activamente, en diversos proxectos
para levalos a cabo. Aínda que esta inicial unidade de acción acabará rachando,
pois non todos se integran no nacionalismo político, si podemos afirmar que
consiguen dotar ao nacionalismo dun entramado organizativo cultural e que, malia
a ruptura, tamén conseguen articular un proxecto político, que culminará na
fundación do Partido Galeguista (1931) e a aprobación do Estatuto de Autonomía.
Desde o punto de vista literario
o seu papel é fundamental: son os creadores da prosa moderna en galego, tanto
narrativa como ensaística. Son capaces de crear cada un deles un estilo persoal
inconfundible e cunha vontade clara de contemporaneidade, deixando atrás as
formas decimonónicas. Asemade, desde a súa rigorosa formación intelectual,
poñen en contacto a literatura galega coas diferentes culturas europeas, os
movementos artísticos e abren debates moi interesantes acerca do que debe ser
unha “arte nacional galega”, que resultan moi estimulantes para a nova xeración
de escritores. Centrarémonos en repasar as principais contribucións desta
xeración na prosa narrativa e no teatro dun xeito sintético.
–Prosa
narrativa:
Vicente Risco: autor dunha prosa nerviosa, aparentemente casual,
acumulativa. Baséase na esaxeración e a ironía para conseguir un efecto
humorístico nas súas acedas críticas da sociedade burguesa e mercantil que
predominaba nas vilas e cidades galegas da súa época. Outra liña temática
importante nos relatos é o recreación de mitos tradicionais galegos.
Relatos breves: Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros
(1919)
O
lobo da xente (1925)
Novela: O porco de pé (1928)
Ramón Otero Pedrayo: autor dunha gran obra narrativa tanto en forma de
relatos como de novelas longas. Os temas fundamentais que trata son, por unha
parte, a explicación da evolución histórica de Galicia, desde os momentos de
esplendor aos de decadencia, e, por outra parte, a exploración do proceso
psicolóxico de descubrir Galicia e chegar a un compromiso profundo coa súa
terra que fai cambiar o sentido da vida dos protagonistas. El mesmo e os seus
compañeiros de xeración experimentaron esta “conversión” aos ideais do
nacionalismo. A súa maneira de escribir prosa poderiamos comparala á dun gran
río que avanza lentamente recollendo a cada paso diferentes regatos de
diferente importancia que se van engadindo ao seu abundante caudal. Oracións
longas que se ramifican en ramas subordinadas, ricas en adxectivación e
recursos que xogan cos nosos sentidos.
Os camiños da vida, triloxía de 1928
Arredor de si (1930)
Castelao:
a obra narrativa de Castelao é un exemplo de contención e aparente sinxeleza.
Unha lingua elegante sen perder a súa raíz popular nos diálogos vivos, nas
frases feitas, na lingua marcada dialectalmente nalgunhas secuencias. Explora
con éxito os xéneros narrativos máis breves, moitas veces combinados con
debuxos seus, chegando ás veces a construír pequenas obras de arte de intensa
beleza. En Castelao temos unha narrativa que busca conmover ao lector cos
agudos problemas sociais da Galicia da súa época.
Un ollo de vidro, memorias dun esquelete (1922)
Cousas
(1926)
Retrincos
(1934)
Os dous de sempre (1934), a súa única novela.
–Teatro: Conciben o teatro como
un espectáculo artístico, non só como un diálogo literario. Trátase dunha concepción
que busca retomar a tradición do “teatro da arte” onde se aproveitan recursos
plásticos de luz, cor, máscaras, música e personaxes arquetípicos.
Vicente Risco
O bufón d´El rei
(1928)
Otero Pedrayo
A lagarada (1929)
Teatro
de máscaras (1934)
Castelao
Os vellos non deben de
namorarse, aínda que foi escrita nos anos 30, non foi publicada e
representada ata 1941 en Buenos Aires.
En definitiva, a partir da
Xeración Nós quedou perfectamente claro que o galego non só era unha lingua apta
para a poesía ou para tratar temas costumistas relacionados coa Galicia rural,
senón unha lingua adaptable a calquera tipo de tema e no rexistro adecuado
tanto no uso escrito (correspondencia persoal, artigos de xornais, ensaios
sobre temas académicos, novelas e relatos...) como oral (conferencias e discursos...) e isto foi posible
grazas a unha planificación completa do seu traballo cultural e ao seu esforzo
por dignificar e darlle presenza na vida pública ao galego.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.