TEMA 3 (2º BAC): O GALEGO NO 1º
TERZO DO S. XX
3. 1. Contexto histórico
A
comezos do século XX España estaba sumida nunha profunda depresión política,
económica e social cuxa data simbólica é 1898, ano no que perde as derradeiras
posesións do seu antigo e inmenso imperio: Cuba.
O
período que agora estudamos abarca tres etapas ben diferenciadas:
- A Restauración borbónica (1874-1931): trátase dun réxime de monarquía parlamentaria no que se van sucedendo no goberno de maneira pactada liberais conservadores e progresistas nun sistema que acusa un importante déficit democrático. A estrutura do estado centralista vese cada vez máis cuestionada desde as zonas periféricas industrializadas e prósperas como Cataluña e o País Vasco, pero tamén Galicia.
- A II República (1931-1936): Os anos 30 caracterízanse por un clima xeral en toda Europa de gran violencia e malestar social que favorece a extensión e a aparición de movementos políticos totalitarios: comunismo, fascismo, nacismo... A II República española foi unha época de grandes avances democráticos e intentos de reformas sociais profundas que non acabaron de ser asumidas por sectores sociais de moito peso que acabaron apoiando o golpe de estado militar que rematou nunha longa ditadura fascista.
- A Guerra Civil (1936-1939): Adóitase dicir que a Guerra Civil española foi o ensaio da II Guerra Mundial. Aquí, díxose, librouse a batalla contra o comunismo e outras ideoloxías de extrema esquerda que poñían en perigo os intereses económicos e ideolóxicos da burguesía. Iso, polo menos, foi o que viron as potencias europeas que deixaron que a República española se fundise, sen decatarse da ameaza totalitaria do fascismo e do nacismo que pouco despois provocaría unha guerra de dimensións descoñecidas.
Galicia
era unha rexión atrasada con respecto a outras zonas industrializadas de España
e cuns medios de comunicación escasos e deficitarios. Porén había algunhas
zonas cunha industrialización importante como Vigo, Ferrol ou A Coruña. A
maioría da poboación dedicábase á agricultura e á pesca artesanal e grandes
masas excedentes destas ocupacións víronse obrigadas a emigrar a América desde
mediados do s. XIX. O trauma da emigración será un dos temas constantes da
literatura galega desde o
Rexurdimento. A emigración será, tamén, como veremos, un fenómeno moi
importante para a institucionalización da lingua e da literatura galega, pois
as comunidades de emigrantes darán o impulso necesario para a creación da Real
Academia Galega na Habana en 1906 e, máis tarde, serán o soporte da literatura
galega no exilio cando, despois da guerra, sexa imposible escribir en galego en
Galicia.
Os
videos que a continuación enlazo axudarán a comprender o contexto:
3. 2. Situación
sociolingüística
A nivel cultural Galicia continúa
o camiño emprendido polo Rexurdimento de mediados do século XIX que producira
un florecemento literario e cultural, pero que non chegou a callar nun proxecto
político importante como aconteceu en Cataluña, por exemplo. Será nas primeiras
décadas do s. XX cando aparezan movementos sociais como o agrarismo e
asociacións culturais como as Irmandades da Fala que vaian abrindo o camiño
para a constitución dun proxecto galeguista, tanto político como
cultural, coherente.
O agrarismo nace como un movemento de reivindicación de mellora
das condicións de vida dos campesiños. O agrarismo organiza protestas
virulentas que serán reprimidas con dureza en 1909 e 1922. O seu principal
logro foi a Lei de redención de foros en 1926, que lles permitiu acceder á
compra das terras que traballaban.
As Irmandades da Fala son asociacións fundadas en 1916 que teñen como
obxectivo principal a recuperación e promoción do idioma galego na sociedade
galega. A 1ª Irmandade foi a da Coruña, pero axiña foron fundadas en diversas
vilas e cidades de Galicia en pouco tempo grazas ao esforzo divulgador de Antón
Villar Ponte. Pódese dicir que son o xermolo do nacionalismo galego actual, pois
é a través das súas redes por toda Galicia polas que se organizan xuntanzas e
congresos onde acabará tomando forma un proxecto político e cultural que
reivindica a Galicia como entidade nacional diferenciada e con ansias de autogoberno.
A partir de 1922 prodúcese a 1ª
división entre os partidarios da acción política e os partidarios da acción
cultural. Esta última tendencia, politicamente moi conservadora, artéllase
arredor de Vicente Risco e o a revista Nós.
En 1931 fúndase o Partido
Galeguista, que terá un importante papel
político durante a II República na elaboración e defensa do 1º
Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado
en plebiscito maioritariamente uns días antes do golpe de estado de 1936. Non
cabe dúbida de que a idea que temos hoxe de Galicia é herdeira do inmenso
traballo multidisciplinar do galeguismo desta época para definila e darlle unha categoría instituciona. Os seguintes videos axudaranvos a comprendelo:
Hai moitos textos da época que
nos mostran, desde unha visión crítica, a tremenda situación de desigualdade
social e cultural que existía entre as distintas clases sociais galegas: as
clases altas e medias urbanas renegaban da cultura tradicional expresada en
lingua galega, mentres as clases baixas, a inmensa maioría da poboación, vivía
en condicións económicas de precariedade, a penas tiña acceso á educación e
expresábase en galego. A lingua era unha marca de clase e expoñente de
discriminación social.
Os membros das Irmandades da Fala
esforzaranse por rachar cos estereotipos negativos contra o galego, promovendo
o seu uso oral e escrito en ámbitos nos que estaba condenada a súa utilización
e esixindo a súa presenza na vida pública oficial e no ensino.
A partir das Irmandades da Fala
organízanse publicacións periódicas en galego como A Nosa Terra, voceiro da asociación, ou a revista Nós, dirixida en Ourense por Vicente Risco, fúndanse
editoriais como Céltiga, Lar e Nós
e impúlsase a creación en galego de xéneros literarios como a narrativa e o
teatro. A xeración Nós, formada por Vicente Risco, Florentino
Cuevillas, Ramón Otero Pedrayo e Afonso Castelao asumirá en boa medida o
proxecto de poñer ao día a literatura e a cultura galegas tanto coas súas obras
literarias como cos seus ensaios e artigos xornalísticos. A esta xeración
súmaselle outra máis nova, a xeración do 25, que empeza a publicar nos anos 20
e 30.
O Seminario de Estudos Galegos fúndase en 1923 co obxecto de crear grupos de
traballo que investiguen e divulguen diferentes aspectos da realidade galega,
desde a historia, a xeografía, a arte, a antropoloxía... Aspira a atraer a
estudosos do ámbito universitario que sexan capaces de crear dinámicas de
traballo científico que teñan como tema central Galicia. O resultado das súas
pesquisas foron publicados nos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos.
En definitiva: a cultura galega
aséntase, incrementa notablemente a súa produción, modernízase diversifícándose
en diferentes xéneros, temas e formas nun intento de chegar á maior parte da
sociedade galega. Os galeguistas desta época son conscientes de que é necesario
dar o salto da anécdota folclorista a unha presenza social constante e regulada
legalmente que faga do galego unha lingua digna de respecto e motivo de
orgullo.
3.3. Características
lingüísticas fundamentais dos textos da época
O galego escrito desta época
presenta unha vontade de diferencialismo con respecto ao castelán que moitas
veces o fan difícil para un lector actual. Querer diferenciar o galego do
castelán leva aos escritores a preferir termos dialectais de escasa extensión
ou mesmo a deformar moitas palabras para darlle unha aparencia “máis galega”. O
resultado é a creación de formas que nunca existiron en galego feitas de acordo
cunha interpretación moi pouco científica das regras de evolución da lingua.
Estas deformacións chámanse hiperenxebrismos (aitual, primaveira,
crase por actual, primavera, clase) ou pseudoevolucións (cadeirádego,
outamente, mourado por catedrático,
altamente, morado) , ás que con frecuencia
se engaden arcaísmos (nascer, cibdade, tiduo por nacer, cidade, título) e lusismos (proprio por propio)
que desprazan a formas galegas perfectamente tradicionais e en uso.
En xeral, o galego desta época
pretende non identificarse con ningnha variedade dialectal concreta, é, polo
tanto, supradialectal. Desexa evitar o castelán, aínda que ás veces cometendo o
exceso de identificar calquera palabra culta cun castelanismo e deformándoa
para darlle unha forma “máis galega” mediante hiperenxebrismos e pseudoevolucións.
Volve os ollos ao portugués, lingua irmá, na que atopa un modelo de lingua culta cunha importante e
prestixiosa tradición literaria o que, en ocasións, leva aos escritores a abusar
dos lusismos.
O "-bre" de "posibre" non é un hiperenxebrismo. Nas NOMIG do ILG-RAG do ano 2003 dise que: "A solución -BRE usouse moito na literatura desde o século XIX (*posibre, *amabre), debido á tendencia popular a mudar en 'r' o 'l' agrupado en consoante. Esta, en troques, é a única solución correcta para 'nobre', palabra coñecida así desde a Idade Media".
ResponderEliminarhttp://www.avogacia.org/w3/IMG/pdf/Acordo-RAG-NOMIG_2003_adaptado.pdf
En NOMIG anteriores, -BRE fora considerado un hiperenxebrismo, mais dende a normativa do 2003 non xa non o é, sendo considerado un vulgarismo, non un hiperenxebrismo.
Aquí tamén tendes máis información sobre o -BRE: http://sli.uvigo.es/DdD/ddd_pescuda.php?pescuda=bre&tipo_busca=lema
Moitas grazas pola súa achega.
ResponderEliminar