TEMA 2 (1º Bac): A FORMACIÓN DA LINGUA GALEGA
2.1.
A familia lingüística do galego. O latín vulgar e a súa evolución no NO da
Península Ibérica.
Como
vimos no tema anterior a lingua, cada lingua ou idioma dos que hoxe se falan no
mundo, é a particular concreción que un grupo de seres humanos realiza da súa
capacidade para comunicarse verbalmente. Unha lingua non é cousa de unha
persoa, é cousa dunha sociedade humana. Unha lingua non é froito dunha
improvisación dun momento, é resultado do asentamento e aceptación colectiva
dunha maneira de expresarse con palabras, capaz de transmitir as experiencias
individuais e e as comúns, as presentes, as pasadas e, mesmo,capaz de anticipar
as futuras.
No caso
galego esa comunidade humana capaz de darlle forma a unha particular maneira de
expresarse lingüísticamente existe desde hai moito tempo. Canto? Iso xa é máis
difícil de determinar, entre outras cousas porque estamos falando de
comunidades prehistóricas que non deixaron testemuños escritos. O que sabemos
deles coñecémolo polos restos arqueolóxicos e polo que nos contaron os romanos:
eran guerreiros, coñecían as técnicas metalúrxicas, non cultivaban os típicos
produtos mediterráneos como o aceite ou o trigo...
Castro de Viladonga
O que
si é certo é que desde que foi invadido e colonizado polos romanos o territorio
Noroccidental da Península Ibérica, que chamaron Gallaecia, e o latín vulgar
empezou a ser coñecido e asimilado pola poboación autóctona, ese latín empezou
a cambiar dun xeito especial e diferente ao latín que se falaba noutras partes
do inmenso Imperio Romano. Nalgúns destes territorios do imperio, entre os que
se encontra a Gallaecia, o latín vulgar conseguiu impoñerse ás linguas
autóctonas e iniciou un intenso proceso de evolución que daría lugar ás linguas
románicas. Por iso podemos afirmar que “a historia da lingua galega que hoxe
falamos comeza no tempo en que os colonizadores romanos trouxeron o idioma
latino ata o NO ibérico” (Mariño Paz, R. 1998: 17).
O Imperio Romano e os territorios que foi
anexionando en diferentes datas
A Gallaecia romana dividíase en tres zonas administrativas: conventus
lucensis, conventus asturicensis e conventus bracarensis, que conservan aínda moitas
peculiaridades culturais e lingüísticas
2.2.
Substrato e superestrato
2.2.1.
Substrato
Chamámoslles
substratos ás linguas dos habitantes da Gallaecia prerromana. A elas
superpúxose o latín vulgar e acabaron desaparecendo, deixando nel a súa pegada.
A
substitución das linguas prerromanas polo latín vulgar non foi inmediata. Temos
que pensar nun longo período de convivencia entre as variedades autóctonas e a
lingua dos romanos que favorecese a influencia, interferencia e hibridación de
moitas formas lingüísticas.
É moi
posible que os hábitos articulatorios dos falantes das linguas autóctonas
influísen nos cambios fonéticos que se foron producindo no latín galaico, pero
iso é imposible de comprobar. O único nivel lingüístico no que é relativamente
fácil determinar a influencia destas linguas no latín é o léxico: perviven
moitas palabras no galego actual, comúns ás linguas ibéricas ou exclusivas do
galego e portugués, que non existen nas demais linguas románicas. A maior parte
deste léxico son substantivos que designan realidades concretas e
características do contorno: o relevo xeográfico, as plantas, os animais, as
construcións domésticas... A presenza de elementos prerromanos é especialmente
abundante na toponimia, tanto por conservar o nome orixinal nos asentamentos
existentes antes da romanización como por adoptar, no caso das novas
fundacións, o nome común con que se designaba na lingua autóctona.
Distínguense
diferentes substratos correspondentes a pobos que foron asentándose na
Gallaecia ao longo de sucesivas etapas históricas:
·
Substrato preindoeuropeo: moi antigo, localizado na Idade de Pedra e ata o 3º
milenio a. C.: cosco, mata, queiroga, carqueixa, carrapucho, carrasca,
balsa, carambelo, meda, coto, amorodo, arando, gándara, etc.
·
Substrato indoeuropeo: arredor do 800 a. d. C: cabana, páramo, galego (e todo
o que leve o sufixo –ego), berce, billa, brizo, buraco, lama, lousa, bidueiro,
camba, canga, cheda, croio, goro, greña, maniño, tona, virar, laxe, beizo, terco,
tranca, etc.
2.2.2.
Superestrato
As
linguas dos pobos que se estableceron ou exerceron unha influencia no latín
vulgar galaico despois da caída do Imperio Romano constitúen o superestrato.
Son fundamentalmente dous: o xermánico e o árabe.
- Superestrato xermánico: son os restos das linguas dos pobos xermánicos que se estableceron no territorio da Gallaecia cando o Imperio Romano sufría unha gran decadencia. De feito, o primeiro reino xermánico establecido no imperio foi o dos suevos na parte sur do que hoxe é Galicia e no norte de Portugal a principios do s. V. Este reino foi absorbido polo dos visigodos século e medio despois. A consecuencia principal das invasións xermánicas foi a de acentuar as diferenzas que xa había entre os distintos dialectos latinos e acelerar o proceso de evolución que daría lugar ás diferentes linguas romances. Consérvanse restos de superestrato xermánico no léxico común relacionadas co estilo de vida deste pobo (roupa, adobar, frecha, guerra, orgullo, galardón, rico, pantalón), pero, sobre todo, na antroponimia (Fernando, Alberte, Luís, Ramiro, Elvira, Gonzalo) e na toponimia (Mondariz, Allariz, Guitiriz, Sande, Castromil, Boimil, Gomesende, Abegondo...).
- Superestrato árabe: A invasión musulmana produciuse no ano 711. A batalla de Guadalete, coa vitoria por sorpresa dos africanos, supuxo o fin do reino visigótico e o inicio dunha nova configuración política da Península Ibérica, que foi prácticamente ocupada na súa totalidade en poucos anos polos musulmáns. Galicia (denominada polos invasores musulmáns Jalîkîya) é o único territorio que se mantén á marxe da invasión. A influencia directa do árabe no galego é reducida (palabras como argola, albarda, alforxa, aceite, laranxa, arroba, quintal, maquía, acea, albeite, a expresión de balde), pero os arabismos chegáronnos constantemente a través do castelán en cantidade importante en séculos posteriores.
No
século VIII xa podemos falar de linguas romances ben diferenciadas faladas de
maneira común por toda a poboación dos territorios romanizados e, aínda que
nesta época segue a escribirse en latín, é moi común que nos textos se vaian
coando termos en romance (meio, vila, rego, couto) que nos deixan ver que xa, nin sequera os que sabían
escribir en latín o falaban de maneira habitual e moito menos podían escribilo
correctamente.
2.3.
Principais evolucións fonéticas do latín ao galego.
Algúns
dos cambios fonéticos máis importante que se produciron na evolución do latín
vulgar cara ao galego son os seguintes:
- Evolución do PL- inicial latino: PLUVIAM > chuvia
- Evolución do CL- inicial latino: CLAVEM > chave
- Evolución do FL- inicial latino: FLAMMA > chama
- Desaparición de -N- e -L- latinos entre vogais: LUNAM > lúa; CAELUM > ceo
- Simplificación das consoantes dobres latinas –NN- e –LL-: CANNAM > cana; PELLAM > pela
- Evolución do grupo consonántico latino –CT-: NOCTEM > noite
- Sonorización das consoantes xordas intervocálicas latinas: -P-, -T-, -K- > -b-, -d-, -g-: APICULAM > abella, METUM > medo, LACUM > lago
2.4.
Cultismos, semicultismos e palabras patrimoniais. As familias léxicas
irregulares
As
palabras que sufriron todos os cambios fonéticos que se produciron no latín
vulgar ata converterse en galego chámanse palabras patrimoniais. As palabras patrimoniais son as máis antigas e sufriron
ao longo do tempo un maior desgaste, polo que a súa forma presenta notables
diferenzas con respecto á palabra latina da que proceden (étimo).
Ex.: cheo,
chuvia, chave, ceo, chama, lago, noite, artello...
Pero a
lingua está constantemente renovándose e incorporando novas palabras que fagan
fronte ás novas necesidades que van xurdindo. As linguas romances, e en xeral
todas as linguas europeas, acudiron ao latín para ampliar o seu léxico a medida
que estas linguas se foron utilizando para a actividade intelectual e
administrativa que antes era exclusiva do latín. Estas palabras tomadas do
latín máis tardiamente e utilizadas en ámbitos moi conservadores e cultos
apenas cambiaron formalmente con respecto ao étimo latino: chámanse cultismos.
Ex.: pluviosidade,
clave, celeste, inflamable, lacustre, noctámbulo, regular, artículo...
Algunhas
palabras están a medio camiño, é dicir, foron incorporadas tardiamente, usadas
en ámbitos intermedios (non demasiado cultos) e víronse afectadas parcialmente
polo proceso de evolución do latín ao galego: estamos a falar das palabras
semicultas.
Ex.: crego,
artigo, caravilla, regra, preamar, cravo...
Non é
raro que dun mesmo étimo latino teñamos hoxe na lingua palabras que
evolucionaron totalmente (patrimoniais), palabras que o fixeron só parcialmente
(semicultas) e palabras que se manteñen practicamente idénticas á forma da que
proceden (cultas): a estas familias de palabras chamámoslles familias
léxicas irregulares.
Ex.: persoa,
persoal, personaxe, personalizar
dor,
doente, doenza, doloroso, indoloro
chave,
caravilla, clavícula
artello,
artigo, artículo
crego, clerical
Substrato indoeuropeo: arredor do 800 a. d. C, aqui non me quedou moi claro, e no 800 a .C ou no 800 d.C?
ResponderEliminarIso por unha parte, e por outra, os celtas, iberos etc. que entran no substrato preindoeuropeo ou no indoeuropeo?
Tes razón, armeime un lío coas abreviaturas: debes ler 800 a.C (pensa que é substrato prerromano). Dos íberos eu en realidade non falo, supoño que a confusión virá desta oración: "perviven moitas palabras no galego actual, comúns ás linguas ibéricas ou exclusivas do galego e portugués, que non existen nas demais linguas románicas" na que por linguas ibéricas entendo as actuais linguas que se falan na Península Ibérica. Os celtas son parte dos pobos indoeuropeos que empezan a entrar no occidente europeo contra o 800 a.c. En todo caso, se queres profundizar no tema, podes consultar: Historia da lingua galega de Ramón Mariño Paz, ed. Sotelo Blanco, onde se analiza a importancia "do elemento celta" no galego actual.
ResponderEliminar