TEMA 3
(1º Bac): A LINGUA GALEGA NA IDADE MEDIA
3.1.
Contexto histórico e situación sociolingüística
Como dixemos no tema anterior, a
partir da decadencia do Imperio romano e das invansións xermánicas, pérdese a
unidade do latín e as diferentes variantes territoriais do latín vulgar
evolucionan rapidamente cara ás novas linguas románicas.
O galego é unha destas novas
linguas románicas de uso común entre toda a poboación, sen distinción de clases
sociais, dun territorio algo máis extenso cá actual Galicia. É unha lingua
oral, pois para os usos escritos aínda se utiliza o latín. Pouco a pouco os
textos en latín empezan a incluír as formas romances, ben para facilitar a
comprensión ou ben porque o coñecemento do latín entre os escribáns era xa
deficitario. Entre finais do s. XII e principios do s. XIII aparecen os
primeiros textos escritos en romance galego tanto ao sur coma ao norte do río
Miño. Galicia e o novo reino de Portugal comparten a mesma lingua que, nos
séculos seguintes e ata o remate da Idade Media, será a lingua lírica por
excelencia da Península Ibérica.
Este é un dos primeiros textos que se conservan escritos na nova lingua romance, o galego, ou se preferides o galego-portugués. Trátase dun documento xudicial, unha especie de denuncia contra un delicto. Coñecese como Noticia de torto, pois é así como comeza o texto, e está datado contra 1112. Consérvase no Arquivo da Torre do Tombo de Lisboa.
É importante ter en conta que,
tanto politica como culturalmente, Galicia é na baixa Idade Media un territorio
moi importante entre os reinos cristiáns: Santiago de Compostela é unha das
tres cidades santas da cristiandade e atrae a moitos peregrinos; a sé
compostelá será o lugar onde se coroen varios reis de Galicia e León e, aínda
que Galicia deixou de ser un reino independente a principios do s. XII, a
nobreza galega conserva o seu poder e influencia.
Santiago é tamén un importante
núcleo educativo e cultural e a elección do galego como lingua da nova
expresión poética cortés (a lírica trobadoresca) importada de Francia ten moito
que ver co enorme prestixio cultural que na época tiña Galicia. Temos que
pensar, polo tanto, nunha situación ben diferente á actual en que o galego era
a lingua de expresión normal para todos os estratos sociais en calquera
circunstancia, vehículo de expresión dunha importante tradición literaria que
se exporta alén das súas fonteiras lingüísticas e que é capaz de atraer a
poetas estranxeiros que se suman a esta corrente.
Códice rico das Cantigas de Santa María
Durante a Idade Media escribíanse
en galego textos de todo tipo, tanto de índole práctica (documentos de
compra-venta, doazóns, sentenzas xudiciais, regulamentos gremiais, tratados de
veterinaria, textos didácticos, de historia) como de índole literaria (lírica
trobadoresca, narrativa).
A finais da Idade Media pouco a
pouco foise introducindo o uso do castelán nos documentos escritos, alternando
co galego, pero desde mediados do s. XV unha serie de circunstancias políticas
acelera a substitución do galego polo castelán como lingua escrita ao tempo que
se vai introducindo unha nova clase dirixente vida de fóra que non coñece o
galego. É o primeiro paso para o establecemento dunha diglosia social entre
galego e castelán. O proceso culmina coa política uniformadora e
centralizadora dos Reis Católicos.
Se che interesa esta película podes vela aquí: Lingua do pobo 1, aquí: Lingua do pobo 2 e aquí: Lingua do pobo 3.
3. 2.
Características lingüísticas fundamentais
A lingua galega medieval presenta unhas características
que a diferencian bastante da lingua actual. As principais dificultades radican
en que o galego medieval tiña algúns fonemas (sibilantes, vogais nasais) que
desapareceron no galego moderno, as grafías utilizadas tamén varían, así como a
representación dos encontros vocálicos entre dúas palabras. Imos facer un
pequeno resume das diferenzas que podemos atopar que nos axude na lectura dos
textos medievais.
- Abundancia de hiatos resultado da desaparición de consoantes intervocálicas latinas: veer, seer, leer. O galego moderno simplificou estes hiatos nunha soa vogal: ver, ser, ler.
- Un sistema de seis sibilantes: vejo, peixe, vossa, casa, lança, lazerar que no galego moderno quedou reducido a tres: vexo, peixe, vosa, casa, lanza, lacerar.
- Uso de diferentes grafías para representar o ñ e o ll: nh, lh, ni, li,ny, ly, nn, ll.
- Vacilación ortográfica entre b/v.
- O substantivos rematados en –or, -ol, -és e –ante non tiñan unha forma específica para o feminino: a mia senhor, ua pastor.
- Moitos verbos que hoxe son da 3ª conxugación eran na Idade Media da 2ª conxugación: viver, sofrer.
- Utilizábanse tempos compostos: avia feito.
- O verbo haber (aver) tiña tamén o significado de “ter”: “non ey barqueiro nen remador”.
- Léxico que xa non se usa: vegada (vez), solaz (prazer), garcetas (trenzas), assaz (bastante), guisa (maneira), fossado (guerra), toller (quitar)...
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.