TEMA 4
(1º Bac): A LITERATURA: A LITERATURA CULTA DE TRADICIÓN ESCRITA E A LITERATURA POPULAR DE TRADICIÓN ORAL. CRONOLOXÍA XERAL DA
HISTORIA DA LITERATURA GALEGA
4.1. A literatura: as diferentes tradicións literarias
Se buscamos no dicionario o
significado da palabra literatura
atoparemos definicións semellantes a esta: “1. Arte que utiliza a palabra
escrita ou oral como medio de expresión. 2. Conxunto de producións literarias
dun país, época, autor. 3. Conxunto de obras escritas con finalidade estética
por un pobo, durante unha época, nunha lingua. 4. Ciencia que estuda esa arte e
as súas producións. 5. Conxunto de obras escritas que tratan sobre unha materia
determinada, mesmo con finalidade didáctica e non estética.”
A palabra literatura vén do étimo
latino LITTERATURAM que, á súa vez, vén da palabra LITTERA, que significa
letra. A literatura era o que se representaba con letras, é dicir, o que se
escribía, nun sentido que ía máis alá da mera finalidade estética. Así, para un
latino, a exposición escrita dos feitos históricos, o que hoxe para nós é a
historia, era literatura. Algo deste uso consérvase na 5ª das acepcións que
demos arriba para literatura.
No mundo antigo só se escribía o
que se consideraba que pagaba a pena ser conservado para a memoria. Así,
escribíronse leis, narracións que recollían as crenzas colectivas (mitos),
narracións de feitos importantes (historia), xenealoxías... pero tamén aquilo
que emocionaba esteticamente como poesía, textos teatrais...
Non todas as culturas
desenvolveron unha maneira de escribir. Porén, as culturas ágrafas tamén tiñan
gusto por crear e gozar da literatura. Esta transmitíase oralmente xeración
tras xeración e gardábase na memoria. Os individuos con boa memoria capaces de
transmitir este legado eran moi aprezados nas culturas tradicionais. Preme aquí e atoparás un bo exemplo.
Tanto nun caso (culturas con
tradición escrita) coma noutro (culturas ágrafas) a literatura cumpría unha
importante función social axudando a crear vínculos entre o colectivo que
compartía un territorio, unha experiencia común de adaptación a ese territorio,
unha organización do tempo e un conxunto de crenzas e afinidades estéticas.
Todo isto, escribírase ou non, será o material imaxinario que está na base de
calquera literatura e que lle dá personalidade con respecto a outras. Por iso,
aínda que durante moito tempo só se lle chamou literatura á que acadaba forma
escrita, paralelamente sempre existiu unha literatura oral fóra dos libros, dos
pazos e mosteiros. En Europa esta rica tradición cultural non escrita empezou a
tomarse en serio a finais do século XVIII co Romanticismo.
Dicíavos o outro día na clase que
cando a literatura culta de tradición escrita se achegaba á fonte fresca da
literatura popular de tradición oral producía obras de arte marabillosas
que semellan eternas, pois non deixan de emocionarnos na súa perfecta e simple
beleza xeración tras xeración. Un bo exemplo son as cantigas de amigo, que aínda serven de inspiración a artistas como Amancio Prada, que as interpretan cunha sensibilidade contemporánea.
A literatura galega responde
perfectamente a isto que acabamos de dicir: desde moi pronto tivo unha
literatura culta de carácter escrito, feita de acordo coas modas literarias que
rexían naquela época en Europa. Pero esta tradición culta axiña se achegou á
fonte da literatura oral autóctona e introduciu no mundo cortesán e nos
ambientes cultos as cantigas de amigo,
unha particular maneira de facer poesía que lle dá moita personalidade á Escola Trobadoresca Galego-Portuguesa.
A literatura escrita en galego
decaeu desde finais do século XV ata o século XIX, pero a literatura popular de
carácter oral seguiu viva e vizosa, polo que vai servir de punto de partida
para que Rosalía de Castro inicie o Rexurdimento na Idade Contemporánea co seu
libro Cantares gallegos. Non hai dúbida,
a poesía popular é unha arma poderosa que conmove a propios e estraños.
Escoitade, se non, á famosa cantante estadounidense Joan Báez.
A literatura galega actual
arrinca do Rexurdimento do s. XIX. Nos primeiros tempos despois do seu
renacemento na época contemporánea tivo un importante cultivo na poesía. Os xéneros en prosa (narrativa e ensaio) e mais o xénero dramático tardaron un
pouco máis en consolidarse: no 1º terzo do século XX. Hoxe en día escríbese en
galego en todos os xéneros e a narrativa está a ter un auxe extraordinario.
O programa deste curso, que
abrangue desde a Idade Media ata finais do s. XIX, vainos centrar, sobre todo,
na poesía.
4.2. Cronoloxía xeral da
Historia da Literatura Galega
- Idade Media (s. XIII – XV)
- Séculos Escuros (s. XVI-XVIII)
- Rexurdimento (mediados XIX)
- 2º Rexurdimento: 1º Terzo do s. XX (ata 1936)
- Posguerra
- Desde 1939 ata finais de 50
- Décadas de 60 e 70
- Transición e Autonomía: anos 80 ata a actualidade
A literatura galega, intimamente
ligada as vicisitudes do pobo que co seu alento lle deu forma, tivo momentos de
esplendor e momentos de escuridade. Quero que vaiades descubrindo todo o que
hai arredor de que unha muller ou un home se sente e empece a escribir desde
unha tradición, dándolle unha determinada forma literaria ao que ten na cabeza
coa esperanza de que alguén o lea. Empezamos o noso percorrido pola literatura
galega coa esperanza de chegar a saber máis de nós mesmos, mentres gozamos xuntos
das súas belezas.
que es literatura autonoma?
ResponderEliminarSeñor ou señora Anónimo:
EliminarAs miñas alumnas e alumnos saben escribir (e falar) en galego. Tamén saben ler, ou iso creo. Despois de reler tres veces o texto que nos precede para saber que hei de responder a esta pregunta chego á conclusión de que vostede confunde "autónoma" con "autóctona". Se aínda non sabe o que significa "literatura autóctona", permítame que lle recomende uns libriños moi prácticos que pode atopar en bibliotecas e librerías que se chaman "dicionarios".