sábado, 29 de septiembre de 2012

O TEXTO E AS PROPIEDADES TEXTUAIS


TEMA 1 (2º Bac.): O TEXTO E AS PROPIEDADES TEXTUAIS


O texto é a unidade lingüística maior. Constitúe unha mensaxe completa e acabada (non integrada nunha unidade superior) Está dotada de unidade entre os diferentes elementos que a compoñen.
Os distintos enunciados que poden compoñer un texto deben presentar unidade con respecto ao tema, estar ordenados formando unha estrutura lóxica e presentar mecanismos de ligazón léxica e gramatical entre si.

Na definición que acabamos de dar xa están implícitas as principais propiedades textuais: a coherencia e cohesión (as que fan que un texto poida ser considerado texto). A estas hai que engadir outras dúas que fan posible que un texto cumpra a súa función e non naufrague nun mar de malentendidos: refírome á adecuación e á corrección. Imos ir definindo unha por unha:

  • A adecuación: é a propiedade que ten que ver coa observación do contexto en que se produce o texto. Dito en poucas palabras, o emisor debe ter en conta a quen (receptor) dirixe o texto e en que circunstancias (lugar, tempo, contexto social) para que este cumpra a intención para a que foi feito. Se o texto é adecuado, o receptor entenderá a mensaxe e minimízase a posibilidade de que sexa mal interpretado, molesto e provoque nel unha reacción contraria á que se pretendía.
  • A corrección: ten que ver co respecto ás normas ortográficas e aos correctos usos morfolóxicos e sintácticos da lingua. Se o texto é oral tamén hai que incluír a “posta en escena” do texto: mudulación da voz, xestualidade, etc. Se o texto é escrito cómpre ter en conta a presentación formal (marxes, espazos...).
  • A coherencia: é unha propiedade fundamental, pois dota ao texto de unidade, orde e lóxica. A coherencia permite que percibamos un texto como unha unidade e que o comprendamos.
  • A cohesión: intimamente ligada á coherencia, esta propiedade permite que a percepción de unidade e sentido lóxico sexan posibles a través de mecanismos gramaticais e semánticos.

Imos desenvolver un pouco máis estas dúas propiedades, a coherencia e a cohesión, e os seus mecanismos:

Un texto posúe coherencia cando hai un tema central arredor do cal se van organizando as ideas expresadas nas distintas partes. A información seleccionada debe ter que ver co tema central, debe ser suficiente para entendelo, pero non excesiva.
Todas as partes dun texto están relacionadas entre si e organízanse nunha estrutura informativa ben ordenada que permita que se vaia dando unha progresión temática. Isto conséguese alternando gradualmente a información coñecida (tema) e a información nova (rema).
A continuación imos poñer exemplos moi sinxelos para explicar as diferentes maneiras que se adoitan empregar para que se cumpra a progresión temática:

  • Progresión de tema constante: o tema (ou información coñecida) repítese ao longo das diferentes partes que compoñen o texto: O río era caudaloso. No seu primeiro tramo discorría en estreitos vales e cerca da desembocadura abríase como un abano entre amplos campos de cultivo. Toda a información nova refírese ao mesmo tema: o río.

  • Progresión de tema lineal: a información nova nun enunciado convértese en información coñecida no seguinte, e así sucesivamente: O río Miño nace na Serra de Meira. Alí, nun impresionante lugar chamado Pedregal de Irimia sitúan moitos xeógrafos as súas fontes. Estas fontes teñen sido motivo de discordia cun lugar cercano, situado un pouco máus abaixo: Fonmiñá. Fonmiñá foi, durante moito tempo, considerado o lugar de nacemento do Miño. Unha vez introducida unha información nova, pasamos a desenvolvela no seguinte enunciado, como se seguísemos engadindo novos elos a unha cadea.

  • Progresión de temas derivados: o tema xeral é desenvolto a través de diferentes subtemas: O río Miño é o máis longo de Galicia. O seu caudal é moi importante e aprovéitase para xerar enerxía hidroeléctrica. O Sil é o seu principal afluente, pero tamén podemos citar o Avia. O último tramo do seu percorrido forma a fronteira política entre Galicia e Portugal. Cada un destes subtemas relaciónase co tema principal (O río Miño) e á súa vez constitúen o tema do seu propio enunciado.

A isotopía  é a repetición de conceptos que axudan a crear un núcleo informativo  xeral que fan posible que se perciba no texto un tema unitario. A isotopía ten que ver coa coherencia do texto (entre as partes debe existir relación temática e os contidos de cada parte non deben ser contraditorios) pero tamén coa cohesión (as repeticións axudan a crear vínculos entre as partes).

A cohesión é a propiedade que asegura a ligazón mediante procedementos semánticos e gramaticais dos elementos que compoñen un texto. Os mecanismos mediante os que se consegue son os seguintes:
  • A repetición semántica: repetindo a mesma palabra ou grupo de palabras ou substituíndoa por un termo equivalente (sinónimo, termo xeral ou termo específico).
  • A deíxe: substituír elementos do texto utilizando aquelas formas (pronomes, adverbios, demostrativos) que sinalan e sitúan no tempo e no espazo capaces de adquirir un significado diferente dependendo do contexto. A substitución pode ser dun elemento que xa se nomeou (anáfora) ou que se vai nomear (catáfora).
  • A elipse: consiste en eliminar algún elemento do texto que non é necesario porque apareceu con antelación e xa se sobreentende.
  • A conexión: é a utilización de certas palabras (conxuncións) ou expresións (locucións conxuntivas) que funcionan como nexos entre as oracións e os parágrafos e indican unha relación lóxica (causalidade, finalidade, concesión, adición...).
  • Os marcadores discursivos: axudan ao receptor a interpretar o sentido da mensaxe xa que informan sobre a actitude do emisor con respecto ao enunciado. Ex. Afortunadamente, todo fora un malentendido.
      Malia todo, nunca acabei de fiarme del.
                  Por último, quero insistir no que se dixo ao principio.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.