TEMA 12 (1º BAC): O REXURDIMENTO I
- A lingua galega no século XIX: contexto histórico e situación sociolingüística. Características lingüísticas fundamentais.
Podemos deducir dos testemuños da época acerca
dos usos e hábitos lingüísticos en Galicia que a inmensa
maioría da poboación desenvolvía a súa vida en galego. O castelán era a lingua
do mundo oficial, das clases altas e instruídas que habitaban maiormente nas
cidades e nas vilas. Cómpre ter en conta que existiría unha porcentaxe de
persoas bilingües con capacidade para desenvolverse total ou parcialmente na outra lingua (castelán ou galego) pero este bilingüismo sempre
estaba condicionado polo contexto, clase social e hábitat. É dicir, o uso dunha
ou outra lingua aparecía ligado ás relacións de poder que rexían a sociedade,
de maneira que falar galego estaba valorado negativamente e falar castelán
estaba valorado positivamente.
Con todo, como vimos no tema
anterior, o galego chegou ao século XIX como a lingua maioritaria de Galicia,
gozando dunha gran vitalidade a nivel popular. No contexto político, social e
cultural da Europa desa época a cultura popular vai experimentar unha constante
revalorización e en Galicia a lingua galega será pouco a pouco recuperada para
o seu uso no ámbito público e nos usos cultos e formais, entre eles a
literatura.
Os primeiros textos en galego
deste século son narracións de intención propagandística: antinapoleónica,
xurdidas no contexto da Guerra da Independencia: Proezas de Galicia (1810) de José Fernández y Neyra; antiabsolutista e
moi crítico coa Inquisición: Rogos dun gallego (1813) de Manuel Pardo de Andrade, chegou a ter unha
difusión extraordinaria no seu tempo. O carácter de “lingua do pobo” do galego
é tamén aproveitado pragmaticamente nos “diálogos e coloquios” de tendencia
liberal que foron moi populares nos anos 20 durante o Trienio Liberal e na
restauración constitucional do 1936: Diálogo entre dos labradores
gallegos (1823) ou Tertulia de
Picaños (1836).
Nas décadas seguintes é frecuente
que aparezan textos nos que se reflexione sobre a marxinación do galego no seu
propio territorio e se argumente a favor da súa recuperación pública e
rehabilitación na súa valoración social: así o fai Xoán Manuel Pintos en A
gaita gallega (1853) e Rosalía de Castro no
prólogo de Cantares gallegos
(1863). O Rexurdimento reivindica o galego como lingua propia de Galicia e fai
un esforzo importante por volverlle a dar o brillo e o prestixio necesario, a
través da literatura, para que se convirta nun dos elementos simbólicos máis
importantes da nación.
O uso literario dunha lingua
popular axiña evidenciou a necesidade de ter un modelo de lingua culto polo que
guiarse: que formas son xenuinamente galegas e cales non? cal das diferentes
variedades de galego utilizar? Como representar as particularidades fonéticas
do galego coa ortografía habitual no español? Rosalía declara no prólogo de
Cantares gallegos que se deixa guiar polo seu oído e tenta representar o galego
que escoitou desde a cuna; Pondal somete
o galego da súa terra de Bergantiños a un intenso labor de depuración e
enriquecemento por medio de cultismos latinos e gregos; Curros baséase tamén no
seu galego de Celanova, non renuncia á expresividade popular pero depurándoo de
castelanismos.
- É frecuente o uso de apóstrofes e guións: Tal com´as nubes qu´impele o vento; nun-ha
- Atopamos vacilacións do vocalismo átono propias da lingua oral popular: delor, préstemos, miniña, sintindo, afertunada...
- Ás veces palabras galegas, pero que teñen unha forma moi semellante á castelá, son deformadas para conseguir un aspecto máis galego. A estas alteracións chámanselles hiperenxebrismos: primadeira, brilan, estranas.
- Uso de castelanismos: hermosa, dichoso, soledad.
Cara a 1860 aparecen os primeiros
dicionarios e gramáticas de lingua galega e a Historia de Galicia (1865-66) de Manuel Murguía adícalle un capítulo ao galego. Algunhas destas
gramáticas do XIX, ademais do interese pola lingua, preséntansse a si mesmas
como guías útiles para que os forasteiros que viñesen a Galicia solventasen os
problemas de comprensión cunha poboación maioritariamente monolingüe en galego.
En definitiva, a lingua galega
ocupa un lugar importante dentro das reivindicacións do galeguismo, como
símbolo fundamental da identidade nacional. Paralelamente vaise consolidando
como lingua literaria, primeiro poética e máis tarde na prosa narrativa e o
teatro, aínda que os prólogos escritos por Rosalía de Castro para as súas obras
en galego, Cantares gallegos e Follas
novas son un magnífico exemplo de ensaio en
galego. A literatura galega contemporánea estaba ao final do século XIX
plenamente asentada e o seu cultivo será de gran importancia para a
recuperación do prestixio perdido pola lingua galega ao longo dos Séculos
Escuros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.