lunes, 27 de mayo de 2013

TEMA 13 (1º DE BACH): ROSALÍA DE CASTRO


TEMA 13 (1º DE BACH): ROSALÍA DE CASTRO



Rosalía de Castro naceu en 1837 dunha muller solteira pertencente a unha familia fidalga de Padrón. Esta orixe “ilexítima” fixo que as circunstancias do seu nacemento e os primeiros anos da súa vida quedasen envoltos na confusión e o misterio. O certo é que Rosalía tivo unha estreita relación coa súa nai e coa familia materna, polo que as lendas acerca do seu abandono quedan, cando menos, en dúbida. Sendo unha adolescente trasládase a vivir coa nai a Santiago, onde recibe a educación propia dunha señorita da época: leccións de música, debuxo. Frecuenta o Liceo de la Juventud onde coñece xoves con inquietudes literarias como Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre e participa en actividades teatrais. A vocación literaria de Rosalía maniféstase moi axiña en diversos xéneros (narrativa, ensaio, poesía) e nas dúas linguas que dominaba: o galego e o castelán. Velaquí as obras publicadas da autora ordenadas cronoloxicamente:

  • La flor (1857) poesía
  • “Lieders” (1858) ensaio
  • La hija del mar (1859) novela
  • Flavio (1861) novela
  • Varios poemas, entre eles, “Adiós ríos, adiós fontes” publicados en Album de la Caridad (1861)
  • Cantares gallegos (1863) poesía
  • A mi madre (1863) poesía
  • “Conto gallego” (1864) publicado postumamente en 1924
  • “Las literatas” (1865) ensaio
  • Ruinas (1866) novela
  • El caballero de las botas azules (1867)
  • “Elexía a John Moore” (1877) poema
  • Follas novas (1880) poesía
  • El primer loco (1881) novela
  • En las orillas del Sar (1884) poesía

A simple enumeración dunha obra tan ampla,variada e complexa serve para desmontar a idea de que Rosalía era unha escritora con pouca formación intelectual e artística ou intuitiva e descoidada. Só a lectura atenta da súa obra pode mostrar ata que punto é unha obra complexa, profunda, innovadora e cada vez máis valorada. Nós imos fixar a nosa atención nas súas dúas obras poéticas en galego: Cantares gallegos e Follas novas.

Cantares gallegos (1863) é un libro que resume perfectamente o espírito do Rexurdimento:
  • Defensa de Galicia como unha entidade política fronte á hexemonía de Castela.
  • Dignificación do pobo galego, obxecto de burlas e estereotipos negativos na cultura española. Denuncia da situación de miseria e das súas causas.
  • Defensa da cultura galega popular e da lingua galega como vehículo de expresión axeitado, tanto para a expresión desa cultura popular como para usos cultos e formais.
A maneira escollida para levar a cabo este programa non puido ser máis acertado: Rosalía cede a súa voz a diversos personaxes populares, fundamentalmente mulleres, que expoñen en monólogos e diálogos diversos aspectos da súa vida cotiá, as súas precarias condicións materiais e as dolorosas consecuencias do subdesenvolvemento económico e da inxustiza social: a emigración e separación forzosa, a marxinación, etc.
Só nuns cantos poemas a autora recupera a súa propia voz, como acontece na resposta ao poema de Ruíz Aguilera “La gaita gallega” ou o poema 32 “Como chove miudiño...”
A descrición, que se anuncia no prólogo desta obra, de “algunhas das nosa poéticas costumes [que] aínda conservan certa frescura patriarcal e primitiva” Rosalía faina desde un punto de vista crítico e non dubida botar man do humor e do sarcasmo: pensemos na costureiriña do poema nº 5 que lle pide á Santa que lle aprenda a bailar e, despois de soportar de mal xorne a negativa desta acompañada de moralina, lonxe de mostrarse resignada e submisa, retira as promesas anteriores e atrévese a insultar á Santa.
Cantares gallegos é unha obra cunha estrutura ben pensada: o primeiro poema “Has de cantar...” e o último “Eu cantar cantar cantei...” supoñen o principio e o final dun círculo perfectamente coherente. Do mesmo xeito, ao longo do libro vanse alternando poemas máis descritivos con poemas máis líricos, poemas de intención política con poemas festivos, poemas cunha forma máis popular con poemas cun estilo máis clásico. Todos eles responden ao programa inicial exposto no prólogo de claras intencións renovadoras no ámbito político e cultural.

Follas novas (1880) é un libro máis heteroxéneo que recolle poemas feitos en épocas moi diferentes da vida da autora. Está formado por cinco partes: I Vaguedás, II ¡Do íntimo!, III Varia, IV Da terra, V As viúdas do vivos e as viúdas dos mortos. A 1ª e a 2ª parte están compostas por poemas que tratan temas intimistas e reflexións acerca da propia creación poética. A 3ª parte contén poemas intimistas e poemas sociais, ben de ton humorístico, ben de ton grave. A 4ª 5ª parte desenvolven, por unha parte poesía costumista, moi na liña de Cantares gallegos, e por outra poesía social que presenta diversas circunstancias dramáticas frecuentes na vida das clases traballadoras galegas, especialmente as que afectan ás mulleres, tal e como indica o título da última parte.

Un dos acertos deste libro é misturar a perspectiva obxectiva (costumista, social) coa subxectiva (intimista, existencial, metaliteraria). A poesía galega enriquécese con novos temas e e perspectivas. A poesía subxectiva explora na propia alma da escritora e reflexiona acerca do sentido da vida, da relación coa morte, da experiencia da soedade, do desengano, do excepticismo relixioso e, tamén, sobre o sentido da creación literaria.
A poesía obxectiva mostra o compromiso da autora coa súa terra e o momento histórico que lle tocou vivir, tal e como expresa no prólogo: “menos pode o poeta prescindir do medio en que vive, e da natureza que o rodea; ser alleo ao seu tempo e deixar de reproducir, hastra sin pensalo, a eterna e laiada queixa que hoxe eisalan tódolos labios”. Se este compromiso xa era explícito en Cantares gallegos, neste libro adquire dimensións épicas como no longo poema “Prá Habana” ou en “A xusticia pola man”, poema no que se defende o uso da violencia para defender a propia dignidade humana e defender a xustiza nunha estrutura social que ignora aos máis débiles.

Por último quero resaltar a importancia da irrupción das voces femininas na literatura galega e con elas unha particular visión das relacións sociais e íntimas que rexen o mundo. As mulleres son o sector máis marxinal dentro dos sectores marxinais, pois ademais de sufrir a marxinación de clase, a marxinación de pertencer a unha cultura subalterna, sofren a constante marxinación por causa do seu sexo. Isto é o que nos mostra Rosalía nos dous libros que estudamos a través das múltiples voces das mulleres populares ás que ela abre as súas páxinas, pero tamén a través da súa propia voz de muller culta e solidaria, dedicada á difícil tarefa de crear unha obra literaria nun mundo dominado polos homes. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.