jueves, 30 de mayo de 2013

TEMA 15 (1º BACH): MANUEL CURROS ENRÍQUEZ

TEMA 15 (1º BACH): MANUEL CURROS ENRÍQUEZ

Curros pasou á historia da literatura galega como o poeta cívico, cuxa obra (e vida) está fondamente comprometida coas súas conviccións ideolóxicas e políticas. Naceu en Celanova en 1851 e desde moi novo deu mostras dunha vontade propia para rebelarse contra as inxustizas e así deixa a casa dos pais aos 15 anos e marcha a Madrid onde estuda o bacharelato e inicia a carreira de Dereito. Desta época é o primeiro poema en galego que se conserva: a “Cántiga” (1869). Entre 1870 e 1871 vive en Londres, exiliado por causas políticas, e gaña a vida ensinando castelán. De volta a Madrid casa e traballa para un xornal ao tempo que participa no movemento político que levará á proclamación da I República en 1873.
En 1877 preséntase a un certame literario convocado en Ourense con tres composicións costumistas: “Unha boda en Einibó”, “A Virxe do Cristal” e “O gueiteiro”. Gaña o premio e fama como poeta en galego e decide instalarse en Ourense cun posto na Facenda que compaxina coa dirección  do periódico El Trabajo e colaboracións xornalísticas en El Heraldo Gallego. Este período de estabilidade remata a raíz da publicación do seu primeiro libro: Aires da miña terra (1880), pois é denunciado polo mesmo bispo de Ourense, quen pedía ao gobernador que impedise a venda e circulación dun libro que atacaba á Igrexa e aos seus dogmas. Houbo xuízo e Curros recibiu unha dura condena que incluía o cárcere e unha cuantiosa multa. O caso foi recorrido á Audiencia Territorial e seguido con gran interese. Finalmente o poeta foi absolto e o proceso converteu a Curros nun personaxe público moi famoso, asociado para sempre a un feroz anticlericalismo. En 1888 publica O divino sainete. En 1894 emigra a Cuba onde desenvolverá traballos xornalísticos e levará adiante, xunto co ferrolán Xosé Fontenla Leal, as xestións necesarias para a creación da Real Academia Galega. Morreu na Habana en 1908 e os seus restos foron trasladados á Coruña onde se celebrou un enterro multitudinario.

A poesía de Curros está fondamente implicada nos problemas sociais e cívicos do seu tempo: no poema “Mirando ó chau” expresa o seu rexeitamento pola pena de morte, que se debatía nas Cortes durante 1869; as nefastas consecuencias do sistema de servizo militar, “as quintas”, que inxustamente recaía sobre as familias máis pobres aparece tratado en “O maio”; o problema da miseria do campesiñado galego, gravado con rendas de foro e demais impostos civís e eclesiásticos, está presente en moitos poemas como “Nouturnio”; a emigración masiva fuxindo da miseria está presente desde os inicios da súa traxectoria poética na “Cántiga” ou “As dúas pragas”; o entusiasmo polo progreso e os avances tecnolóxicos quedan patentes en “Na chegada a Ourense da primeira locomotora”. Curros cre a utilidade da poesía para loitar contra a inxustiza (“a tiranía”) e reclamar o ben común como defende en “Crebar as liras”.

Outra liña da poesía do autor é a costumista, representada nas tres composicións coas que en 1877 gañou o Certame de Ourense: “Unha voda en Einibó”, “A Virxe do Cristal” e “O gueiteiro”. Pero mesmo neste tipo de composicións podemos atopar referencias críticas ao problemas sociais do momento, como acontece en “O gueiteiro” onde se di que  “Tocaba..., e cando tocaba, o vento que do roncón polo canuto fungaba, dixeran que se queixaba da gallega emigración”, ou “No maio”.

Os poemas líricos chaman a atención no conxunto da obra de Curros pola súa aparente sinxeleza e a sinceridade con que transmiten os sentimentos máis íntimos do poeta, en ocasións relacionados con episodios tráxicos da súa vida: “Na morte da miña nai”, ¡Ai!. Especial mención polo seu simbolismo merece “A Rosalía”.

Por último, O divino sainete recupera a liña burlesca que fora profusamente cultivada na lírica trobadoresca nas cantigas de escarnio e maldicir. Curros ataca aos seus enemigos mediante unha parodia moderna da famosa obra do S. XIII A divina comedia de Dante. Así, mentres Dante se fai acompañar do poeta Virxilio nun percorrido polo inferno, o purgatorio e o paraíso, Curros déixase guiar polo poeta galego Francisco Añón polos vagóns do tren dos sete pecados capitais nunha viaxe delirante que mostra cruamente os vicios da sociedade e sinala aos seus adeptos. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.