TEMA 12 (1º DE BACH): O
REXURDIMENTO II
A literatura do Rexurdimento
O Rexurdimento é un movemento
intelectual, cultural e político que ten como centro da súa preocupación a
reivindicación de Galicia como unha entidade cultural e política posuidora
dunha identidade propia e diferenciada dentro do estado español. O Rexurdimento
literario non pode entenderse sen o previo desenvolvemento dun movemento
político coñecido como Provincialismo. O Provincialismo reivindica a Galicia
como unha entidade política e cultural diferenciada desde unha ideoloxía de
carácter liberal progresista. Nel participaron activamente moitos dos
escritores en galego anteriores a Rosalía de Castro como Xoán Manuel Pintos,
Francisco Añón ou Alberto Camino. O Provincialismo rematou co fracaso do
levantamento militar de Solís (1846) e o fusilamento de moitos dos
participantes. A partir dese momento a reivindicación e a defensa de Galicia
convertirase nun movemento literario: o Rexurdimento. Na década dos 50 o
Rexurdimento cultural articúlase arredor do Liceo de la Juventud de Santiago e
os xornais da época. É no Liceo onde Rosalía entra en contacto con ese ambiente
intelectual que promove a cultura e a lingua galegas.
En 1861 organízase na Coruña un
certame poético coñecido como os Xogos Florais a instancias dun rico indiano
chamado José Pascual López Cortón. Nas bases do certame establécense premios
para composicións en galego e en castelán. As composicións presentadas foron
recollidas nun volume chamado o Album de la caridad (1862) que foi completado cun “Mosaico de nuestros
vates gallegos contemporáneos”. No “Mosaico” atopamos unha nutrida
representación de poemas en galego, algúns deles firmadas por escritores que
protagonizarán o Rexurdimento anos despois, como Rosalía e Pondal. O trascendente
deste episodio é que mostra como a lingua galega empeza a estar presente nos
ambientes cultos por medio da literatura. Podemos afirmar que inicia así a
loita polo prestixio, imprescindible para chegar a ser recoñecida como o
principal sinal de identidade dos galegos. A literatura convértese, pois, nun
instrumento fundamental, e moi eficaz, para recoller o imaxinario galego (as
imaxes, crenzas e experiencias colectivas dos galegos) e ir construíndo a idea
de Galicia.
Os temas que dominan a literatura
galega do Rexurdimento xiran arredor de dous asuntos fundamentais:
- O problema da identidade cultural diferenciada: aquí entraría tanto a descrición e defensa da cultura tradicional galega na que ocupa un lugar moi importante a lingua (Rosalía e Curros) como a recreación dunha mitoloxía galega (Pondal).
- Os problemas sociais que afectaban ás clases populares: entre eles o problema da posesión da terra, as inxustas relacións económicas e de poder entre as clases dirixentes e as clases populares que son a causa da emigración masiva a América.
Adóitase dicir que a 1ª obra en
galego de Rosalía de Castro, Cantares gallegos (1863), inaugura o Rexurdimento. A obra é moi importante no
desenvolvemento do Rexurdimento, sen dúbida ningunha, pero Rosalía non partiu
da nada, senón que se inscribe nunha tradición que daba os seus primeiros
pasos. O éxito e as expectativas que abre esta obra son realmente
extraordinarias e converten á súa autora na referencia inexcusable dos que
veñan despois. Porén cada un dos poetas que imos estudar teñen unha
personalidade vital e literaria moi acusada, como imos ver a continuación, e
por iso lles dedicaremos un capítulo á parte. Meréceno.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.