TEMA 14 (1º DE BACH): EDUARDO PONDAL
Eduardo Pondal
naceu en Ponteceso en 1835 no seo dunha familia fidalga acomodada. A súa orixe
permitiulle acceder a unha educación formal completa: aprendizaxe das linguas e
as culturas clásicas desde a súa infancia e estudos universitarios en Santiago
na súa mocidade. A folgada situación económica da que gozou permitiulle vivir
case toda a súa vida dedicado ao seu traballo literario. A súa etapa en
Santiago serviulle para entrar en contacto co movemento Provincialista no
círculo intelectual do Liceo de la Juventud e a participar nalgúns actos con
simpatizantes de ideoloxías socialistas, como o Banquete de Conxo (1854) (acto
de confraternización entre obreiros e estudantes) no que Pondal pronunciou un
discurso no que arremete contra as distincións de clase social.
Foi moi amigo
de Rosalía de Castro e Manuel Murguía e, xunto con este, foi un asiduo
participante nunha famosa tertulia intelectual na Coruña coñecida como “A Cova
Céltica”. Cos seus amigos historiadores, como Murguía, comparte a idea de que
Galicia é unha nación de orixe celta con fortes vínculos históricos e culturais
con outras nacións da Europa atlántica (celtismo).
Baséanse tanto nos restos arqueolóxicos das antigas culturas que aínda quedaban
no territorio galego como en vellos textos como o Lebor Gabala Erenn (ou Libro das invasións de Irlanda do s. XII)
onde se atopa a lenda da conquista de Irlanda por parte do fillo do caudillo
galego Breogán. Neste ambiente cultural Pondal asume o papel de “bardo” e
imponse a tarefa de crear un mundo poético onde recrea unha mitoloxía desa antiga
Galicia de raíces celtas (bardismo).
Para facelo inspírase na poesía dun poeta escocés do século XVIII, James
Macpherson, quen publicou uns supostos vellos poemas dun suposto bardo gaélico
do S. III: Poemas de Ossian (ossianismo). Só queda por comentar
outro dos ingredientes básicos da poesía de Pondal: o seu gusto pola poesía
épica grega, a súa exaltación da ética guerreira dos pobos antigos (clasicismo) e mesmo a reprodución dunha
estética machista onde a fortaleza,
a dureza e os valores asociados ao mundo masculino son exaltados e contrapostos
á molicie e debilidade feminina.
Debemos
entender a poesía de Pondal como unha rama singular do Rexurdimento: comparte o
obxectivo de defender os intereses de Galicia e de denunciar a situación de
marxinación en que se atopa, pero a diferenza de Rosalía, non o fai mediante a
análise crítica da realidade, senón afastádose dela e creando un mundo poético
á marxe (fóra do seu tempo histórico) onde a voz do bardo vai lanzando as súas
mensaxes sentenciosas ao pobo desde un plano de superioridade ética (nada que
ver coa proximidade e solidariedade compasiva de Rosalía ou Curros).
Segundo un dos
seus estudosos, X.L.Méndez Ferrín, a poesía de Pondal caracterízase fronte aos
seus contemporáneos polo seu idealismo
(creación dun mundo poético afastado da realidade da que foxe poor considerala
vulgar) e formalismo (a preocupación
pola lingua literaria á que el intenta elevar e dignificar seguindo o modelo
dos poetas clásicos (violentos hipérbatons, abundancia de epítetos, introdución
masiva de termos cultos) e o seu particular estilismo que evita a referencia
directa e busca fórmulas que tenden á inconcreción, á vaguidade: ex. substituír
un substantivo por un adxectivo ao que se une mediante unha relación non
demasiado evidente como os rumorosos
polos pinos, as vagamundas polas andoriñas.
Para Méndez
Ferrín, de Pondal parte a poesía galega do S. XX e a súa achega á creación
dunha lingua literaria foi decisiva.
Obras:
A campana de Anllóns
(1862)
Rumores de los pinos (1877),
21 poemas bilingües
Queixumes dos pinos
(1886), reelaboración do poemario anterior
Os Eoas (póstumo):
trátase dun longo poema épico onde se canta a conquista de América. Traballou
nel ao longo de moitos anos, pero nunca se decidiu a publicalo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.