TEMA 6 (1º Bac): A POESÍA TROBADORESCA GALEGO-PORTUGUESA
(II)
A POESÍA RELIXIOSA LÍRICA E NARRATIVA: AS CANTIGAS DE SANTA
MARÍA
Alfonso X e o equipo de poetas e músicos encargados da redacción das Cantigas de Santa María
As Cantigas de Santa María son unha colección de 427
composicións narrativas e de loor (líricas) dedicadas a enxalzar á Virxe María.
Foron feitas ao longo de varias décadas do século XIII por un equipo de
trobadores e artistas plásticos que traballaba ás ordes do rei Alfonso X, o
Sabio.
As cantigas narrativas teñen un propósito exemplarizante,
mostrando como os humanos sempre poden confiar na axuda da Virxe María por moi
grande que sexa o problema que os ameaza. A Virxe móstrasenos como unha nai
comprensiva disposta a perdoar os pecados e como unha intermediaria eficaz
entre os humanos e Deus.
As cantigas de loor son unha especie de cantigas de amor “ao
divino” nas que o papel da dama perfecta á que o poeta admira e promete servir
corresponde á Virxe María.
O Códice Rico do Escorial
A estrutura dos códices que conteñen as Cantigas de Santa
María é fixa: cada 10 cantigas unha, a décima, é de loor. Consérvanse catro
códices da época, algúns conteñen a letra e música das cantigas e outros,
ademais, engaden miniaturas narrativas de extraordinaria beleza: o Códice da
Biblioteca Nacional de Madrid (128 cantigas con notación musical), o Códice E
conservado na Biblioteca do Escorial (417 cantigas), o Cotice T, ou Códice
rico, (193 cantigas con notación musical e moitas miniaturas), Códice da
Biblioteca Nacional de Florencia (104 cantigas con miniaturas).
No seguinte link: http://cantigas.webcindario.com/index.htm atoparás unha selección de cantigas coas miniaturas e as músicas orixinais, ademais de información acerca do labor cultural do rei Afonso X
No seguinte link: http://cantigas.webcindario.com/index.htm atoparás unha selección de cantigas coas miniaturas e as músicas orixinais, ademais de información acerca do labor cultural do rei Afonso X
As Cantigas de Santa María son parte dunha corrente
literaria relixiosa que promociona o culto á Virxe dentro dunha tradición
relixiosa, a xudeo-cristiá, monoteísta e patriarcal, incorporando así en certa
medida os vellos cultos ás deusas de moitas relixións pagáns. En Europa estaban
de moda as coleccións de milagres marianos que o equipo redactor das Cantigas
de Santa María no dubida en adaptar. A estes milagres en latín e fracés,
engádense milagres da tradición oral ibérica e mesmo milagres baseados na
propia vida do rei Alfonso X. O rei quixo facer unha obra colosal e por esta
razón mantivo a colección aberrta a novas incorporacións e melloras artísticas
durante boa parte da súa vida.
Outra das características máis destacables da obra é a súa
riqueza métrica e estilística. Nela, ademais dos esquemas métricos presentes na
tradición poética europea, incorpora esquemas propios da poesía árabe-andalusí
como o zéxel, con diversas variacións, que será a estrofa básica das cantigas
narrativas: AA(refrán) bbb(mudanza) a(volta) AA(refrán), etc... No refrán atópase a razón
(ou argumento) onde se divulga o culto á Virxe constituíndo unha especie de
pílula ideolóxica. Nos versos da mudanza e volta vaise desenvolvendo ao longo
das sucesivas estrofas o exemplo, é
dicir, a anécdota concreta onde se demostra que o adiantado na razón se cumpre. Comeza presentando un personaxe nun marco
espazo-temporal cun conflito que semella insalvable pero que, despois da
fervorosa petición á Virxe e da intervención desta a través dun milagre, acaba
resolvéndose felizmente. Todas as cantigas rematan cunha loanza á Virxe a modo
de conclusión.
A farmacia do xudeu
A lectura das cantigas narrativas ofrece un retrato fresco e variadísimo da sociedade medieval ibérica, tanto literario (a letra das cantigas) como iconográfico (as miniaturas que as acompañan), pois nelas aparecen diversas clases sociais, persoas de diferentes xéneros, oficios, idades e circunstancias.
As Cantigas de Santa María son un dos cumes da literatura
medieval occidental e a súa existencia demostra ata que punto a lingua galega
era, no tempo en que foron escritas, unha lingua de enorme prestixio cultural e
dotada dunha gran capacidade estilística para todo tipo literatura.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.