CONTINUACIÓN DO TEMA 6 (2º BACH):
A PROSA E O TEATRO NA XERACIÓN DO
25: A OBRA EN GALEGO DE RAFAEL DIESTE
Aínda que a maior parte da produción literaria desta
xeración antes da guerra foi no xénero poético, a produción de prosa narrativa
e teatro é tamén moi interesante e, como no caso da poesía, pódese aprezar, por
unha parte a superación definitiva do costumismo (aínda presente na xeración
Antre dous séculos) e o intento de actualización seguindo criterios artísticos
modernos.
Os terribles acontecementos históricos marcaron a vida desta
xeración, truncando violentamente a actividade cultural e o proceso creativo
desenvolvido ata 1936. Deste xeito o único narrador desta xeración que
estudaremos será Rafael Dieste. Outros narradores (ademais de poetas) desta
xeración, como Álvaro Cunqueiro ou Ricardo Carballo Calero, non retomarán a
creación literaria en galego ata a década dos 50. No caso de Eduardo
Blanco-Amor, asentado en Buenos Aires desde había anos, a guerra e o
establecemento da ditadura imposibilitou as fecundas relacións culturais que
mantiña coa intelectualidade galega e española antes da guerra e que deran como
froito o achegamento de García Lorca á poesía galega e mesmo a publicación dos
seus famosos Seis poemas galegos.
A prosa
Dos arquivos do trasno
vainos servir, pois, de exemplo dos experimentos a tradición e a vangarda dos
prosistas galegos da xeración máis nova da preguerra. Publicado en 1926, no mesmo ano que Cousas de Castelao, vai compartir con este libro algunhas
características: a brevidade, a tensión lírica, a elección do material
narrativo entre os ambientes populares dunha vila mariñeira galega, a vontade
de captar a “experiencia colectiva do pobo galego” trascendendo o mero conto
baseado nunha anécdota de carácter costumista, a dignificación da vida das
clases populares, mostrando como no humilde e no cotián están presentes as
preocupacións existenciais máis elevadas, a apariencia de sinxeleza no estilo
literario, conseguida grazas a un incansable esforzo de depuración estética.
Nos seus escritos dos anos 20 Dieste concibe a cultura como
unha conciliación entre a tradición e a o progreso e a arte como un exercicio
de implicación co pobo, aínda que isto non implique en ningún caso caer no
costumismo nin no naturalismo ou buscar o pintoresco. Trátase de captar a
psicoloxía colectiva e buscar a través da observación dos personaxes populares
e dos obxectos e acontecementos cotiás aos que están ligadas estas existencias
anónimas o carácter misterioso da existencia.
É moi interesante ler con atención o “Limiar” que precede
aos relatos de Dos arquivos do trasno,
pois alí atoparemos unha importante teorización do que para Dieste debía ser
esta forma breve, condensada e intensa de narración. No Limiar tense en conta a
importancia do lector e do acto actualizador da lectura, de cada lectura, na
cal entende que se remata o proceso narrativo do relato. Os principais valores
do relato son a unidade emotiva e
a relevancia do final: “o remate ha ter a virtude de facer simultáneas no
espírito as imaxes que foron sucesivas”. O final é a culminación da lectura e
non necesariamente porque se nos presente un feito novo que peche
definitivamente a historia, senón porque nos descobre algún aspecto no que non
reparáramos ou se lle dera pouca importancia ata ese momento acerca da maneira
en que se contou a historia. Isto acontece, por exemplo, en “O vello que quería
ver o tren” e “De como se condanou Ramires”: o final non achega información
nova ou inesperada que poña o peche final (o vello viu o tren e Ramires
condenouse como xa se prevía desde o título), senón que o final convértese no
momento en que nos vemos obrigados a reconsiderar as voltas do discurso ata
chegar a este final predecible, facendo simultáneas as experiencias previas. A
importancia que Dieste lle outorga ao traballo do lector é un trazo
profundamente innovador: o traballo de darlle sentido ao relato despois destes
finais en certa maneira desconcertantes correspóndelle ao lector, que debe
facer unha recapitulación de todas as “pistas” que o autor foi deixando no
entramado do relato.
Outro aspecto que dota de complexidade á narrativa de Dieste
é a modalización narrativa. Aínda que predomina un narrador en 3ª persoa, xa
non temos un único narrador autorizado (e autoritario), a súa voz dilúese en
múltiples narradores, algúns preséntanse dubidosos, pouco fiables como o
narrador que aproveita o embelesamento do público da taberna para marchar sen
pagar en “O neno suicida”. En “O vagabundo” e “O vello que quería ver o tren”
teriamos un autor implícito (o narrador
identifícase co autor); en “A volta”, “Historia dun xoguete”, “O neno suicida”,
“Na morte de Estreliña”, “O grandor do mundo”, “Espanto de nenos” e “Nova York
é noso” estariamos diante dunha omnisciencia neutral (sen rastro da voz do autor) que nalgúns casos cede
ante a perspectiva dalgúns personaxes; en “De como se condenou Ramires”
atopamos omnisciencia selectiva,
que presenta o relato a través do que din (ou pensan) diferentes personaxes e
mesmo a través do monólogo interior do moribundo; narrador en 1º persoa está
presente en “Encol da morte de Bieito”, “O vello moreno”, “A luz en silenzo”,
“Na ponte de ferro”, “Un conto de reis”, “O caso dos tres fornos”, “Once mil
novecentos vinte e seis” e “De como veu a Rianxo una balea”; o modo dramático
atopámolo en “O cabalo de axedrez”. Todos estes xogos nas voces narrativas
conectan coas inquietudes e experimentos dos máis importantes renovadores da
narrativa do século XX.
O teatro
Rafael Dieste é autor dunha obra de teatro, A fiestra
valdeira, publicada por primeira vez en
1927. Antes desta data o teatro galego tiña dúas liñas temáticas consolidadas:
a histórico-lendaria con obras como O mariscal de Cabanillas e Antón Villar Ponte e a
rural-costumista, na que se encadrarían a maioría das pezas dos escritores
rexionalistas e tamén dos vinculados ás Irmandades da Fala como Manuel Lugrís
Freire. A fiestra valdeira de
Dieste xunto con A man da santiña
de Cabanillas e Alén de Xaime
Quintanilla intentan abrir novos horizontes na tradición teatral en galego: os
tres son textos que apostan pola depuración estética fronte á acción: o
discurso dramático cobra importancia tanto na utilización de elementos
simbólicos na linguaxe e como na composición escénica. A fiestra
valdeira trascende o asunto local e costumista
(un emigrante enriquecido, en contra da súa familia, teima en ser representado
nun retrato como o mariñeiro que foi e que segue a ser no fondo de si mesmo)
para acadar unha dimensión universal: a posta en valor da identidade individual
en harmonía coa identidade colectiva.
A primeira representación da obra tivo lugar varios anos
despois, en 1935, dun xeito espontáneo en Rianxo a petición dos mariñeiros da
vila, dirixida polo propio autor coa axuda de Castelao. A obra tería que
esperar a 1994 para ser obxecto dunha montaxe profesional.
A historia desta peza de teatro debería facernos reflexionar
sobre o valor que se lle dá á literatura e, en xeral, aos produtos culturais
feitos en galego: non había público na época interesado en asistir á
representación de A fiestra valdeira?
Tiña algo importante que comunicar esa obra? Tivo interese en 1994 para o
publico que asistiu ás representacións en Galicia? Ten valor universal máis alá
do asunto concreto que trata?
BIBLIOGRAFÍA: Casas, Arturo, (1994). Rafael Dieste e a súa obra en galego, Vigo, Ed. Galaxia
BIBLIOGRAFÍA: Casas, Arturo, (1994). Rafael Dieste e a súa obra en galego, Vigo, Ed. Galaxia
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.