TEMA 7
(2º BACH): AS FUNCIÓNS SOCIAIS DA LINGUA. CONFLITO E DIGLOSIA. ESTEREOTIPOS E
PREXUÍZOS LINGÜÍSTICOS: A SÚA REPERCUSIÓN NOS USOS
A lingua é un código de signos
verbais que permite aos humanos comunicarse entre si. A comunicación verbal é
un tipo de comunicación privilexiada que ofrece moitas vantaxes fronte a outros
tipos de comunicación que se dan entre os animais e pódese dicir que é un
factor básico na evolución da humanidade. Deste xeito, a lingua cumpre
diferentes funcións sociais que teñen
que ver co desenvolvemento de cada ser humano en particular para chegar a
formar parte dalgunha das diferentes comunidades humanas, desde as máis
elementais e cercanas (familia) ata as máis complexas e xerais (estado).
Poderiamos exemplificar esta idea mediante a metáfora dunha cebola, formada por
unha serie de capas concéntricas cada vez máis afastadas do núcleo que sería
cada identidade individual.
Función de identidade: a lingua articula o noso pensamento e, polo tanto, a
partir dunha determinada lingua construímos interiormente o mundo que nos
rodea.
Función familiar: A familia é o primeiro paso da socialización. No
entorno familiar os nenos e nenas aprenden a súa primeira lingua, que é a
estrutura básica de todas as aprendizaxes posteriores. A lingua galega foi
durante moito tempo a lingua familiar da maioría dos fogares galegos.
Función local: É a que cumpre a lingua que se emprega no entorno
de veciñanza que rodea o ámbito familiar. En Galicia os últimos 50 anos
supuxeron un cambio de domicilio para moitas familias, tanto pola emigración
interior (abandono da aldea pola cidade ou vila) como pola emigración exterior
(ao extranxeiro ou a outros puntos do estado), o cal supuxo que a lingua
familiar e a lingua local xa non son a mesma.
Función laboral: Moitas veces o ámbito laboral impón uns hábitos
lingüísticos diferentes aos imperantes no ámbito familiar ou local. Ata hai
pouco, nos traballos que supuxesen un trato co público impoñíase o castelán
Función institucional: Ata a entrada en vigor da Lei de Normalización
Lingüística de 1983, en Galicia as funcións institucionais (que teñen que ver
con todos aqueles organismos dependentes das administracións do estado)
correspondían exclusivamente ao castelán. Aínda hoxe en día, en determinados
ámbitos como o xudicial adoita haber atrancos para o uso do galego, como se
puido ver recentemente no xuízo do Prestige.
Función cultural: Cando unha lingua ten prestixio é porque a
comunidade que o fala tamén o ten debido a factores económicos, políticos e
culturais positivos. Nestas circunstancias, desexará ser aprendido por persoas
alófonas (falantes doutras linguas), ben para falalo ou ben para utilizalo nas
súas creacións artísticas. Nestas circunstancias estivo o galego no século
XIII. Na nosa época a lingua con máis prestixio é o inglés.
Contacto de linguas
É moi frecuente que nunha
sociedade convivan diferentes linguas debido a un conxunto de motivos variados:
a colonización, a inmigración, o turismo... O castelán, o portugués, o inglés
ou o francés impuxéronse en moitos territorios en todo o mundo como resultado
da expansión colonial e imperialista que se levou a cabo desde finais do século
XV; calquera das grandes metrópoles do mundo acolle a grupos étnicos moi
diversos que, en grande medida, conservan a súa lingua e cultura nun medio
totalmente alleo. O mundo segue a ser diverso e, malia a globalización, as
diferentes culturas chegaron a adoptar recursos para manter os seus trazos
mesmo moi lonxe do seu territorio orixinal.
Neste contexto de convivencia de
diferentes linguas, cada unha delas tende a asumir funcións de acordo coa
importancia que teña o grupo humano que a fala dentro da sociedade. Por
exemplo, en Estados Unidos o español é unha lingua falada por millóns de
persoas, pero en ningún caso é usada nos mesmos ámbitos nin ao mesmo nivel có
inglés (a lingua das clases dominantes e o vehículo de expresión dunha cultura
de gran prestixio e influencia internacional).
Tendo en conta o anterior,
seranos moi útil o termo
diglosia. A primeira utilización de
diglosia corresponde ao lingüista Ferguson, quen a definiu como o reparto de
funcións e usos que se fai entre as variantes dunha lingua: as variantes altas
(A) utilizaríanse en situacións formais considerados importantes e as variantes
baixas (B) en situacións informais e orais. Fishman ampliou as acepcións do
termo utilizándoo tamén para o reparto de funcións e usos entre linguas
diferentes (xa non só entre variantes da mesma lingua). Dentro desta nova
definición de diglosia cabería considerar o caso galego desde finais da Idade
Media: a lingua alta (A), o
castelán, era a lingua das clases dominantes, dos contextos formais e públicos, a lingua escrita que
se ensinaba na escola e a que tiña o prestixio social; a lingua baixa
(B) era o galego, durante séculos reducida
a lingua oral e de uso entre a poboación máis desfavorecida económica e
culturalmente, con escaso ou nulo nivel de escolarización e predominantemente
rural. O seu uso espontáneo na escola era severamente castigado e ridiculizado,
producindo nos nenos complexo de inferioridade e vergonza.
A situación de convivencia
desigual entre dúas (ou máis) linguas pode ser estable, e de feito parece ser
que o foi en Galicia durante varios séculos, pero desde o momento en que os
falantes da lingua B intentan cambiar o
estatus da súa lingua e loitan porque esta teña visibilidade social e uso en
contextos que estaban reservados unicamente á lingua A xorde un conflito de intereses: un conflito
lingüístico. Trátase dunha disputa polos
espazos sociais prestixiados, pero non só iso. Trátase tamén do cuestionamente
duns valores prevalentes durante un tempo na sociedade. A lingua é unha das
características identitarias asociadas aos grupos humanos e a súa
reivindicación é unha mostra dos esforzos dese grupo humano por saír da
marxinalidade e acadar igualdade e recoñecemento social. Esta situación de
inestabilidade propia de todo conflito pode resolverse mediante un complicado
proceso de normalización lingüística. A normalización lingüística implica a posta en marcha dunha serie de
medidas políticas e sociais que procuren que a lingua B dunha sociedade adquira
un estatuto de normalidade. Deste xeito, a Lei de Normalización Lingüística de
1983 declara que o galego é a lingua propia de Galicia e que será obxecto de
especial protección por parte do goberno autónomo, ao mesmo que asegura a súa
introdución no sistema educativo, na administración autonómica e local de
Galicia, nos medios de
comunicación e na xudicatura. A lexislación protectora é un paso moi importante,
pero non o único necesario para levar a cabo unha normalización eficaz dunha
lingua que estivo durante moito tempo marxinada do ámbito público e dos usos
formais. É necesario tamén un importante labor de educación e
concienciación social que axude a
superar os prexuízos e estereotipos negativos que sempre van asociados ás
linguas B.
Os prexuízos son xuízos de valor negativos que non poden ser
demostrados racionalmente. Os prexuízos caen plenamente dentro do escuro mundo
do medo, dos desprezo e da violencia latente que tende a manter aos grupos humanos
na súa posición tradicional (dominadores e dominados). Así, non hai maneira
racional de demostrar que unha lingua sexa máis bruta ou máis fina ca outra,
pero iso non quere dicir que non sexa un prexuízo universalmente estendido moi
difícil de erradicar. Non é necesario que busquemos exemplos moi lonxe de nós:
o galego a certas persoas en Galicia sóalles mal e, polo contrario, o castelán
sóalles moi ben. Porén este “gusto lingüístico” tan especial como pouco
razonable é o resultado dunha constante construción cultural que comezou
arredor do século XVII.
A continua influencia de
prexuízos dá lugar á creación de estereotipos acerca dunha lingua e dos seus
falantes. Aos vellos estereotipos da rudeza, ruralidade, pobreza e falta de
educación dos falantes de galego engádense novos estereotipos que os asocian ao
redicalismo político nacionalista. O falante de galego, e non digamos aqueles
que sempre falan galego, preséntase como alguén afastado da normalidade, ou ben porque polas súas precarias condicións
sociais está por debaixo, ou ben porque pasou da raia e tende a unha especie de extremismo cultural e
político. Como é evidente, ninguén conscientemente desexa ser sinalado como becho
raro e sexa cal sexa o seu grao de
coñecemento, afecto e familiaridade coa lingua galega, intetará modular o seu
comportamento lingüístico ao contexto social en que se vexa obrigado a
interactuar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.