lunes, 12 de noviembre de 2012

TEMA 5 (1º Bac): A POESÍA TROBADORESCA (I)



TEMA 5 (1º Bac): A POESÍA TROBADORESCA GALEGO-PORTUGUESA (I)

Introdución

Entendemos por poesía trabadoresca galego-portuguesa a produción poética medieval feita en lingua galega (ou galego-portuguesa) entre finais do século XII e mediados do século XIV. Consta dun conxunto de 1680 cantigas de tema profano transmitidos por tres cancioneiros manuscritos e 427 cantigas de tema relixioso, as Cantigas de Santa María, recollidas en catro códices.



5. 1. A poesía profana
A poesía trobadoresca nace no sur da actual Francia, a Occitania, como o produto cultural máis requintado das ricas cortes feudais. É unha arte laica, á marxe do control eclesiástico, que exalta o amor heterosexual e o servizo ás damas como un camiño de perfección do ser humano. Esta cultura aristocrática cortesá, literaria e musical, axiña se estendeu por toda Europa. Nalgúns lugares prendeu e chegou a ter un desenvolvemento propio, como é o caso das cortes reais e aristocráticas do occidente da Península Ibérica: a escola trobadoresca galego-portuguesa.

A nosa lírica medieval, polo tanto, é de carácter trobadoresco. Nace entre finais do século XII e principios do século XIII, inspirada na literatura que estaba de moda en Europa: a lírica trobadoresca occitana.  Dela toma o tema fundamental, o amor cortés, así como as formas poéticas e musicais.

Porén, a escola trobadoresca galego-portuguesa axiña adquirirá personalidade propia, tanto na súa interpretación do amor cortés a través do xénero da Cantiga de amor, como na adaptación ao estilo trobadoresco da tradición autóctona da canción de muller a través das Cantigas de amigo. Polo que respecta ás Cantigas de escarnio e maldicir, se ben ten relación co xénero occitano do sirventés, presenta temas e tratamentos formais característicos.

Dos tres xéneros que acabamos de mencionar, dous teñen como tema fundamental a expresión do amor entre un home e unha muller: as cantigas de amor e as cantigas de amigo. O terceiro, as cantigas de escarnio e maldicir, teñen como obxecto a crítica burlesca dunha gran variedade de temas: sociais, políticos, literarios, etc. A maioría das cantigas que se conservaron pertencen a un destes tres xéneros, pero tamén hai exemplos doutros xéneros como a alba, a pastorela ou o pranto.

 

A cantiga de amor traspón as relacións sociais xerárquicas que ordenaban o mundo feudal ás relacións amorosas. Deste xeito o poeta, na cantiga de amor a voz poética é sempre a do poeta namorado, considérase un vasalo ao servizo da dama á que nomea como senhor. A senhor aparece como un ser idealizado, inalcanzable na súa perfección e o poeta sabe que non é merecedor dela, polo que o servizo amoroso é unha fonte de sufrimento que chama coita de amor. Porén, a súa perseveranza é considerada como un camiño de perfección que o achega a Deus. A coita de amor é o tópico fundamental sobre o que xiran estas cantigas. O único que queda por saber é como afronta con resignación ou se rebela contra el o poeta. Outros aspectos complementarios que se adoitan tratar son: a descrición da amada, o amor (forzado) a primeira vista, o amor non correspondido e a perseveranza do poeta perante o desdén da dama, a necesidade de manter en segredo o amor, o pesar da señor polo amor do poeta e a obsesión amorosa do poeta.



A cantiga de amigo presenta a relación amorosa desde o punto de vista feminino. A voz poética, polo tanto, é a dunha muller (raramente é unha voz en 3ª persoa que narra o que sucede entre os namorados) que nos fala, a nós ou a outro interlocutor, da súa experiencia amorosa. Trátase dun amor correspondido, ou con moitas probabiblidades de selo, non só espiritual senón tamén físicamente. En moitos casos a cantiga de amigo é o reverso da cantiga de amor pero humanizada: aparecen todos os tópicos do amor cortés, pero a dama que agora fala xa non é aquel ser frío e inaccesible, moitas veces cruel, da cantiga de amor, senón unha muller que padece tamén o sufrimento do amor.
Noutro tipo de cantigas de amigo, chamadas popularizantes, a amiga ten un papel moi activo na relación amorosa, preséntase rodeada da natureza, disposta para un encontro amoroso que pode producirse, colmando aos amantes de felicidade, ou non, causando unha gran frustración. Tanto nun caso coma no outro, os elementos da natureza escollidos na ambientación cobran un importante valor simbólico, dándonos información acerca do que pasou ou vai pasar. Temas frecuentes nas cantigas de amigo son: a concordia amorosa, o amor prohibido, a indiscreción do amigo, a ruptura, a separación e a coita da amiga.



As cantigas de escarnio e maldicir teñen unha finalidade lúdica, pois buscan facer rir ao público utilizando a burla e a ironía para criticar variados aspectos da sociedade e dos acontecementos políticos e literarios contemporáneos. A sátira política foi utilizada en ocasións para intervir en conflitos que tiveron moita importancia histórica intentando influír na opinión pública. Un exemplo disto serían as cantigas onde Alfonso X critica a covardía dos seus cabaleiros na guerra de Granada das que temos un exemplo en O genete. A sátira social, persoal e de costumes critica as faltas e excesos de personaxes e grupos sociais, moitas veces a partir de personaxes arquetípicos: Ex. as sátiras contra os infanzóns e cabaleiros da baixa nobreza, os cabaleiros que non gardan o decoro, etc. Un grupo importante de cantigas utiliza unha temática abertamente obscena na súa crítica contra as soldadeiras, os clérigos viciosos, os homosexuais, pedófilos, onanistas, etc. A sátira literaria mostra a estreita relación e interacción que existía entre os trobadores e xograis: críticas ás composicións dos outros, sátiras sobre certos tópicos do amor cortés, debates dialogados, acusacións de plaxio ou incompetencia, etc. Máis escasos son os exemplos de sátira moral con intención de queixarse da perda xeral de valores no mundo e a defensa polos bos costumes e a virtude dos tempos pasados, un subxénero que se remonta á antigüidade clásica.

Recursos formais
Dous apuntamentos sobre a métrica: os versos adoitan se de igual medida, se o número de sílabas é diferente entre os versos dunha estrofa esa diferenza debe repetirse nas seguintes. Entre estrofas pode haber variación métrica. A variación tamén pode darse na rima nas diferentes estrofas.
A maioría dos recursos formais da poesía galego-portuguesa teñen que ver coa repetición, algúns deles son específicos desta escola:
Dobre: repetición dunha palabra dúas ou máis veces na mesma estrofa, en todas as estrofas e no mesmo lugar.
Mordobre: é un artificio similar ao dobre pero no canto da mesma palabra usa palabras da mesma familia léxica.
Palabra rima: unha palabra ou secuencia de palabras repetida en posición de rima no mesmo verso de todas as estrofas.
Rima derivada: o mesmo cá palabra rima pero en vez de tratarse dunha palabra trátase de palabras da mesma familia léxica.
O paralelismo: o paralelismo literal dáse entre versos que se repiten case idénticos cunha pequena variación como o cambio dunha palabra por un sinónimo. O leixa-pren  consiste en repetir o 2º verso da 1ª estrofa como 1º verso da 3ª estrofa, o 2º verso da 2ª estrofa como 1º verso da 4ª estrofa e asísucesivamente.
Procedementos de ligazón entre estrofas: Ademais do leixa-pren, utilízanse outros procedementos que facilitarían a memorización das cantigas para os intérpretes.
-Cobras capcaudadas: O primeiro verso dunha estrofa retoma a rima do último verso da anterior.
-Cobras capfinidas: o 1º verso da 2ª estrofa retoma un lexema, palabra ou frase do último verso da estrofa anterior.
-Cobras capdenals: son as que teñen versos que comezan pola mesma palabra ou grupo de palabras.

Cantigas atehudas: son aquelas nas que o sentido dunha estrofa non se completa ata a estrofa seguinte e así sucesicamente vanse encadeando as estrofas. Ao final poden ter uns versos finais, a fiinda, onde remataría o sentido a última estrofa e chegariamos á conclusión. Esta posibilidade chámase cantiga de ata fiinda.

Polo que respecta ás figuras literarias de pensamento, as máis frecuentes son:
O paradoxo: é unha figura que se basea en atentar contra a lóxica, por exemplo, na afirmación de dúas sentencias que se contradín: ex. Ora non moiro, nen vivo, nen sei(...)
A perífrase: consiste en empregar unha frase ou oración alusiva no canto de usar a palabra directamente: ex. a que me sempre desamou no canto de a minha senhor.
A comparación: moitas veces funcionan como simples estereotipos (son sempre as mesmas): ex. a mais fremosa de quantas Deus fez.
A hipérbole: É unha figura moi importante na poética trobadoresca, tanto para os xéneros amorosos como os burlescos: ex. acusar a Deus de pecar por permitir que os seus vasalos se namoren sen esperanza. Hiperbólica é toda a narración que fai Eanes Coton sobre a ansia de quedar ben sen gastar de Don Fagundo.
A metáfora: o xénero que máis utiliza este recurso é o de escarnio: ex. na cantiga de Pero da Ponte, a maeta ferrada que perdeu o cadeado é unha clara metáfora dos órganos sexuais de María Balteira, accesibles a calquera.
O símbolo: presente nun pequeno pero importante grupo de cantigas de amigo. Son elementos da natureza (fonte, auga, auga avolta, cervo, lavar cabelos, mar, ondas, flores, aves cantoras) ou obxectos (anel, cinta, rachar a tea do vestido, brial, camisa).
A ironía: consiste en afirmar o contrario do que se pensa con intención de burlarse desa afirmación. O xénero que máis a utiliza é o de escarnio, ex: a 1ª cantiga de Pero da Ponte, Quen a sesta quiser dormir, baséase nesta figura.
O equívoco: é unha figura que xoga cos dobres sentidos das palabras, provocando ambigüidade e un sentido oculto (ás veces difícil de descubrir) que agacha unha crítica feroz. é o caso da 2º cantiga de Pero da Ponte, María Pérez, nossa cruzada.

BIBLIOGRAFÍA: Arias Freixedo, X.B. (2003). Antoloxía da lírica galego-portuguesa, Vigo, Ed. Xerais

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.