TEMA 7 (1º BACH): SUBSTANTIVO E
ADXECTIVO: XÉNERO E NÚMERO, O GRAO DO ADXECTIVO, AS CONXUNCIÓNS COMPARATIVAS
Os substantivos e os adxectivos
pertencen á mesma clase morfolóxica de palabras, os nomes, que se caracteriza
por ter morfemas de xénero e número (no caso do substantivo son propias e no
caso do adxectivo dependen da concordancia co substantivo ao que acompañan).
Semanticamente os substantivos
denotan entidades (seres vivos, cousas inanimadas ou conceptos abstractos)
mentres que os adxectivos fan referencia a cualidades dos substantivos.
A función do substantivo é a de
núcleo da frase ou sintagma nominal e a do adxectivo de modificador do núcleo
da frase nominal ou, dentro da oración, como atributo ou predicativo.
- Clasificación semántica dos substantivos
concretos
/ abstractos
(esperanza, fermosura)
propios (Ferrol, María, Eume) / comúns (mesa, can, nena)
incontables (auga, fariña) / contables
(mazá, pedra, casa)
individuais
(soldado, abella)/colectivos
(exército, enxame)
- Clasificación morfolóxica: o xénero e o número
O morfema de
xénero indica unha oposición entre masculino e feminino que serve para
distinguir os substantivos por certas características como sexo (coello/coella), tamaño (leiro/leira) ou feitura (coitelo/coitela).
Pero é moi
frecuente que un substantivo pertenza a un xénero ou outro sen ningún tipo de
motivación semántica (a casa). Pódense
enunciar unha serie de regras prácticas:
a) Os
nomes das froitas son femininos na maior parte dos casos e, coincidindo con
esta regra, tamén os nomes das árbores froiteiras correspondentes: a
cereixa, a cerdeira, a mazá, a maceira, a laraxa, a laranxeira. Se o nome da froita é masculino, tamén o será o
nome da árbore: o pexego, o pexegueiro, o limón, o limoeiro. A única excepción é: o figo, a figueira. O resto das árbores non froiteiras son maiormente
de xénero masculino: o carballo, o loureiro, o piñeiro.
b) Os
substantivos que designan as letras do alfabeto son masculinos: o be, o
ceta, o hache....
c) Os
nomes dos números son masculinos: o dez, o sete...
d) Os
nomes dos ríos, montes, cabos, océanos, mares e puntos cardinais son
masculinos: o Sil, o Pacífico, o Norte, o Pedroso, o Prior.
En moitos
substantivos que están adscritos a un ou outro xénero, a terminación pode
servirnos de orientación, aínda que cómpre ter coidado coas numerosas
excepcións:
a) En xeral a terminación
–o correspóndese co masculino e –a co feminino. Excepcións: a líbido, o día,
o mapa, o clima, o cometa, o problema.
b) Os que rematan en –e
presentan máis problemas:
·
Son femininos os rematados en –axe: a paisaxe, a
homenaxe, a friaxe, a quilometraxe, a vendaxe... agás o traxe, o paxe e o
garaxe.
·
Son femininos os que rematan en –se e –ite: a crise,
a análise, a parálise, a hepatite, a apendicite.
·
Son femininos os que rematan en –dade: a liberdade, a
facultade, a verdade, a bondade.
·
Son masculinos os que rematan en –ote: o lote, o
dote, o amorote.
·
Son masculinos os que rematan en –ume e -me: o fume,
o lume, o estrume, o volume, o legume, o costume, o cume, o acedume, o
queixume, o vagalume... o exame, o ligame, o nome, o rexime, o vexame, o
verme...
·
Outros son simplemente inclasificables: o aceite, a
árbore, a canle, a carne, o couce, o dente, a fame, a febre,a suor, o leite, a
nube, a orde, o peixe, a ponte, a sebe, a sede, a ubre.
Hai algúns substantivos que,
mantendo a oposición masculino/feminino, presentan a mesma forma e o xénero
márcase a través do determinante que o acompañe: o atleta/a atleta, o
herexe/a herexe, o suicida/a suicida, o camarada/a camarada, o artífice/a
artífice, etc.
Nos substantivos que presentan oposición maculino/feminino, o
masculino é a forma non marcada e o feminino fórmase a partir dela das
seguintes maneiras:
a) Substantivos
que na forma masculina rematan en
–o ou –e, perden a última letra e engaden –a: o fillo/a filla, o parente/a
parenta, o infante/a infanta. Os
xentilicios rematados en –ao fan o feminino en –a: o meirao/a meirá.
b) Os
substantivos que rematan en vogal tónica engaden a esta un –a: o avó/a avoa.
c) Os
substantivos que rematan en –s, -z, -l ou –r engaden –a: deus/deusa,
francés/francesa, doutor/doutora, rapaz/rapaza.
d) Os
substantivos que rematan en –n teñen varias posibilidades:
bailarín/bailarina
ladrón/ladroa
alemán/alemá
americano/americana
lerchán/lerchana
e) Os substantivos que forman o
feminino mediante un morfema derivativo: galo/galiña, sacerdote/sacerdotisa,
abade/abadesa/ heroe/heroína, rei/raíña, actor/actriz.
O número
A categoría de número indica a
oposición entre o termo non marcado, o singular (indica unha especie ou
individuo dunha especie) e o termo marcado, o plural (máis dun individuo da
especie).
Algúns substantivos só se usan en
plural: os lentes (distinto de a
lente/as lentes), os cartos, os
víveres, as cóxegas, as tebras, as entrañas, as nupcias, as exequias, os
parabéns, as feces, as témporas, as vituallas, os matíns. En certos casos casos pode usarse o singular ou o
plural indistintamente : a tesoira
ou as tesoiras, o
pantalón ou os pantalóns. Tamén se dá algún caso en que a utilización do
singular ou do plural implica un cambio global de significado: o
miolo (a parte branda e interior do pan) / os
miolos (a masa encefálica dos animais).
O morfema de número presenta as
seguintes variantes: -s, -es, -is ou –Ø:
a) Os
substantivos que rematan en vogal forman o plural engadindo –s: silva/silvas,
zulú/zulús, rei/reis.
b) Os
substantivos que rematan en –n tamén forman o plural engadindo –s: can/cans,
xamón/xamóns.
c) Os
substantivos que rematan en –l presentan varias solucións:
·
Os monosílabos engaden –es: mol/moles, tul/tules,
mel/meles, sol/soles, fol/foles. Esta regra
aplícase tamén cando unha palabra monosílaba forma parte duha palabra composta:
ollomoles, chuchameles, parasoles, cartafoles.
·
Os polisílabos non agudos engaden –es: cónsul/cónsules,
réptil/réptiles, téxtil/téxtiles, fácil/fáciles, túnel/túneles.
·
As palabras polisílabas agudas forman o plural
engadindo –is e modificando a base que perde o –l: animal/animais,
papel/papeis, caracol/caracois. Os rematados en –il perden ademais o –i: funil/funís,
garda civil/gardas civís.
·
Os substantivos que rematan nunha consoante distinta de
–n ou –l fan o plural xeralmente engadindo –es: mar/mares, compás/compases,
vez/veces.
·
En extranxeirismos e cultismos que rematan nunha
consoante distinta das xa vistas engádese –s: club/clubs, album/albums,
anorak/anoraks.
·
Algúns substantivos presentan sincretismo entre
singular e plural, polo que o número indícase mediante os determinantes: o
luns/os luns, o lapis/os lapis, o oasis/os oasis.
O plural de chuchamel é chuchameles
Como dixemos, o adxectivo é igual
morfoloxicamente có substantivo (coa salvedade de que nel o xénero e o número
non son inherentes, senón que están motivado polos do substantivo ao que
acompaña) e, polo tanto, segue as
mesmas regras de formación de xénero e de número que acabamos de repasar. Porén
o adxectivo ten unha característica morfolóxica que o diferencia do
substantivo: o grao.
O grao do adxectivo permite
expresar a intensidade da calidade que indica mediante dous procedementos
morfolóxicos:
a)
Sintético: consiste na aplicación de morfemas (prefixos ou sufixos) que se
engaden ao lexema: super-divertido, divertid-ísimo, celeb-érrimo
b) Analítico: consiste en
empregar unha estrutura sintáctica na que se integra o adxectivo con adverbios
e preposicións ou conxuncións: A
rapaza máis alta da clase, A
rapaza é máis alta cás irmás.
Os graos do adxectivo son tres:
- Positivo: o adxectivo aparece sen indicar a súa intensidade en ningún grao: vello
- Comparativo: a calidade do adxectivo aparece comparada en relación con outros elementos: Manuel é máis/menos vello ca María, Manuel é tan vello coma o seu amigo.
- Superlativo : indícase que a calidade do adxectivo presenta o seu máis alto grao.
- Absoluto: Manuel é vellísimo
- Relativo: Manuel é o máis vello dos que están aquí
As conxuncións utilizadas nas
oracións e frases comparativas de inferioridade e superioridade son: ca, que
e do que.
- ca: obrigatoria cando a continuación vai un pronome persoal tónico e usual cando vai unha oración temporal, condicional ou de relativo:
Es máis
alto ca min
Cando se
foi parecía máis contento ca cando chegou
Este
pantalón foi máis barato ca se o comprase hai un mes
Ten máis
culpa quen o mandou ca quen o fixo
A conxunción ca contrae cos artigos determinantes:
Gústanme máis as mazás cás uvas
É menos rápido o meu coche có
teu
- do que: obrigatoria cando a continuación vai un verbo:
Chove máis
do que parecía
As conxuncións utilizadas nas
oracións e frases comparativas de igualdade son coma e como e
a súa distribución correspóndese ao xa explicado con respecto ás comparativas
de superioridade e inferioridade: coma úsase con carácter obrigatorio nos mesmos casos que ca e como
nos mesmos casos que do que. No
resto dos casos o uso é opcional.
Polo significado que achegan os adxectivos
poden ser:
- Cualificativos: indican propiedades dos substantivos
- Adxectivos explicativos: indican unha cualidade propia e permanente do substantivo: mar salgado, neve fría.
- Adxectivos especificativos: indican unha cualidade que particulariza o individuo designado polo substantivo dentro dun abano de posibilidades: chaqueta verde, casa grande, can manso.
- Relacionantes: Sinalan diferentes relacións cos substantivos a partir dos que se formaron (que teñen que ver coa obra ou actos dunha persoa, un oficio, unha activide): oteriano (que ten que ver coa obra do escritor Otero Pedrayo), educacional (que ten que ver coa educación), medicinal (que ten que ver coa medicina).
- Xentilicios: Sinalan a orixe xeográfica ou nacional dunha persoa ou produto: os queixos galegos, un músico cubano.