TEMA 6
(2º BACH): A LITERATURA DO 1º TERZO DO S. XX: A XERACIÓN DO 25. AS VANGARDAS NA
LITERATURA GALEGA: POESÍA
6.
1. A Xeración do 25: o cambio dentro da tradición
Diciamos nos temas anteriores que
o 1º terzo do século XX gravita arredor da Xeración Nós, que ocupa o centro
indiscutible en todo o traballo cultural e político de signo galeguista. Para
os escritores máis novos, os membros da Xeración Nós son unha especie de
mestres que teñen un coñecemento moi valioso dos camiños de renovación que eles
queren transitar: posúen unha formación cultural profunda e ampla, coñecen ben a
literatura europea e están ao día das últimas novidades. Os escritores da
Xeración do 25 pídenlles información, aprenden deles, e, finalmente, buscan os
seus propios camiños, pero non chega a haber unha ruptura xeracional senón un
espírito de colaboración. Un bo exemplo do que acabamos de dicir atopámolo na
correspondencia de Manuel Antonio, onde o xove poeta de Rianxo escribe a
Vicente Risco para pedirlle información sobre as novidades da literatura
europea das vangardas:
Sr. Risco:
Eu sei que
é vostede conecente d´os fundamentos teóricos das máis novas tendenzas
literarias. Teño intrés en poder xuzgar por min mesmo os derradeiros –ismos. E
sendo isto case imposible nunha aldea, a trasmán de todo movemento cultural,
coidei axeitado molestal-o, e perdoe, pra lle facer istas perguntas:
Onde
poderei adiquirir o Manifesto futurista catalán, pubrigado fai pouco, y-o seu
libro Preludio a toda Estética Futura?
Cales obras, e de quen, poderanme informar sinteticamente do que sexa
futurismo, cubismo, dadaísmo, ultraísmo, unanimismo, imaxinismo etc.?
Que revistas dan producións d´isa clas?
Que libros e de quen fan literatura d´isa?
E se a todo isto quixera engadir algún dato que coide comenente,
medrará o intenso agradecemento a que ficarei obrigado pol-a sua resposta.
Seu e ás suas ordes
Manoel-Antonio
O primeiro poema vangardista da literatura galega é de Vicente Risco e foi publicado en A Nosa Terra en xaneiro de 1920.
Para Risco este poema debeu ser máis ou menos un divertimento que non tivo
continuación na súa obra, pero a súa publicación ofrece no panorama literario
galego algo radicalmente novo que non vai pasar desapercibido entre os máis
novos. Vemos que uns meses despois Manuel Antonio pídelle información a Risco e
este respóndelle amablemente cunha longa carta onde, como un paciente profesor,
lle ofrece unha sintética exposición sobre as vangardas e promete enviarlle
material relacionado. Manuel Antonio será o poeta que mellor conecte co
espírito das vangardas, como veremos máis adiante.
A Xeración do 25 está formada por
escritores nados arredor de 1900 que se incorporan á literatura galega moi
novos nos anos 20. Son fundamentalmente poetas, aínda que atopamos tamén
narradores e dramaturgos como Rafael Dieste. Caracterízanse por buscar unha
expresión literaria nova, máis ou menos rupturista coa tradición, que pretende
incorporar á literatura galega os experimentos na arte literaria dos ismos.
6.2.
A literatura de vangarda
É o momento de definir que
entendemos por vangarda e cales son os cambios que promovían na creación
artística e na literaria.
O termo vangarda tén a súa orixe
na terminoloxía militar: a avant garde
eran as tropas que marchaban nunha posición avanzada, dispostos a asumir os
riscos e entrar na batalla antes ca ninguén. Na Europa da 1ª e 2ª década do
século XX que se prepara para a guerra (1ª Guerra Mundial 1914-1918) os
artistas de vangarda asumen nas súas disciplinas esa posición avanzada e chea
de riscos, dispostos á experimentación e á ruptura violenta con calquera tipo
de conformismo. Son os creadores rebeldes que provocan á sociedade coas súas
propostas radicalmente innovadoras. O 1º terzo do século XX foi en toda
Europa unha época de gran efervescencia artística onde esta actitude rupturista
das vangardas se propaga con rapidez en diferentes propostas (ismos) que se
suceden ou conviven entre si: futurismo, cubismo, dadaísmo, creacionismo,
surrealismo... Aquí tes unha caracterización da arte de vangarda e información sobre todos estes -ismos.
Os ismos son movementos artísticos de vangarda que se opoñen
á arte convencional e expoñen os seus ideais estéticos en manifestos. Os únicos textos que podemos considerar manifestos
na literatura galega saíron da pluma de Manuel Antonio: Prólogo dun libro de
poemas que ninguén escribiu e Manifesto Máis Alá (este último firmado tamén
polo debuxante Álvaro Cebreiro).
6.
2. As vangardas na literatura galega
Na literatura galega, como vimos
a penas se produciu unha ruptura, como era preceptivo nos movementos
vangardistas europeos que antes que nada desexaban romper coa tradición. Mais a
tradición, no que respecta á literatura galega era demasiado recente e aínda
non estaba totalmente consolidada: romper coa tradición podía ser unha especie
de suicidio. O único que adopta esta posición iconoclasta é Manuel Antonio,
pero, como veremos, esta actitude non tivo no seu momento moitos seguidores. A
maioría dos poetas opta por unha renovación desde a tradición.
O afán de apertura ás novas
correntes artísticas europeas aprézase no nacemento de novas revistas
literarias en Galicia, ademais de Nós e A
Nosa Terra, onde publicarán os seus textos
autores galegos e estranxeiros como Alfar na Coruña, Ronsel e
Yunque en Lugo, Resol en Santiago, Cristal en Pontevedra e Galiza e Papel de color en Mondoñedo.
6.
2. 1. Poesía
6.
2. 1. 1. A vangarda matizada
É a opción maioritaria e consiste
en misturar aspectos formais (rima, metrica popularizante, mecanismos de
repetición) e temáticos (atención á paisaxe, costumismo) consolidados na
tradición con outros de raíz vangardista (utilización de imaxes audaces,
ruptura da linearidade e da lóxica) .
Hilozoísmo: poesía paisaxística que mistura imaxes
creacionistas con recursos da lírica popular (versos octosílabos, rima
asoante). O poeta máis destacado desta corrente é Luís Amado Carballo: Proel
(1927) e O galo (1928).
Neotrobadorismo: concilia temas e técnicas formais da lírica
medieval (especialmente das cantigas de amigo) con imaxes e metáforas
creacionistas. Dentro desta liña escribiron Fermín Bouza Brey: Nao senlleira
(1933) e Álvaro Cunqueiro: Cantiga nova que se chama riveira (1933). Foi unha tendencia que naceu ao son da
divulgación nos medios académicos galegos da lírica trobadoresca
galego-portuguesa medieval. Tivo un grande éxito e desenvolveuse durante varias
décadas desde os anos 30 ata ben avanzada a posguerra.
6.
2. 1. A vangarda plena
As obras encadradas nesta
tendencia pretenden romper coa tradición, creando universos poéticos
singulares, diferentes e cun alto grao de abstracción. O poeta procura
distanciarse do mundo concreto que o rodea, da súa propia experiencia vital
ofrecéndonos un produto artístico deshumanizado. O poema é unha serie de imaxes
que se xustapoñen sen un fío condutor, sen unha liña sucesiva lóxica, despegado
do mundo real. A cuestión é se, mesmo desde esta postura radical, os poetas
galegos conseguen romper efectivamente co sentimentalismo e rachar coa
representación da vivencia persoal. Isto decidirédelo cando leades os seus
poemas.
Creacionismo:
para os creacionistas o poeta é un deus
capaz de crear un mundo autosuficiente nas súas creacións artísticas. Foxen da
arte como imitación da realidade, da arte como medio para calquera outro fin
que non sexa a propia arte. Os poemas constrúense con imaxes que non necesitan
a lóxica do mundo real. O máximo representante galego é Manuel Antonio que só
publicou unha obra en vida: De catro a catro (1928).
Cubismo
e Surrealismo: Cunqueiro é o outro
representante da vangarda plena en dous poemarios onde introduce con gran
mestría o cubismo: Mar ao norde (1932) imaxes xustapostas,
abstracción, sintetismo; e o surrealismo Poemas do si e non (1933) onde, influído por Paul Éluard utiliza versos
libres longos con rupturas sintácticas que quebran a orde lóxica do discurso e
imaxes irracionais.
O espírito desta vangarda plena podemos atopalo neste texto de Manuel Antonio:
PRÓLOGO DE UN LIBRO
DE POEMAS QUE NINGUÉN ESCRIBIU
Quero no prólogo desprestixiar o autor deste libro. Inda que
as miñas verbas limiares lle concedan creto diante de alguén –ese alguén que
sempre atopa razóns pra se arredar do senso común– polo menos diante de outros,
que serán os mais, desmerecerá d'abondo coa miña presentación.
O autor deste libro, a diferenza dos poetas da súa terra,
tan humildosos devotos da Santa, do Bardo e do Rebelde, non por asomellarse a
ninguén, e moito menos ó consabido trío, fixo da súa independencia un sagro
fanatismo, e velaquí o tendes só, ergueito e orgulloso.
Ten, ademais, a súa arte resonancias futuristas,
creacionistas, dadaístas e non sei que máis, todas elas anarquicamente
escolmadas e autocraticamente peneiradas. El di, a pesar disto, que a súa arte
é máis racial que moitos dos que campan a rentes do noso chan, polo temor de
ver na estética do pobo o espírito e non a letra (onde non marrará algún
moderno impio que lle chame retardado por ir de acordo co vello aforismo
bíblico).
Botouse ó traballo de facer un molde propio para o seu
lirismo, sen reparar no celeiro de moldes feitos que nos deixaron os
inesquecentes Precursores. Esta renuncia ó valioso herdo das frases consabidas
non deixa de o por ás vegadas en camiños de apreto: ben veredes nas follas
deste volume os seus poemas latexantes, indecisos, incorrectos. Mais el aínda
ten o arroallo de gabarse disto cando di:
Poeta de intencións propias, pero non de realizacións alleas.
Parodiando a Xulio Camba, xa lle chamou alguén arredista de
acción literaria: nunca foi a Madrid nin escribiu en castelán. Nin quere
"triunfar" (na conxugación madrileña do verbo) nin claudicar nun
idioma mais fácil e mercadeiro, pero alleo. Encol disto, pensa que someter a arte
ás necesidades da vida, en troques de someter a vida ás necesidades da arte, é
a forma mais engullosa de filisteísmo.
O ritmo dos seus versos non se pode levar cos pés no piso
nin cos cotelos encol da táboa; e el quixera facelos decote de tal xeito que
non puideran ser declamados nin aprendidos de memoria. Isto somentes, xa o leva
dereito a perder a admiranza das amables mociñas románticas e dos amenos
diletantes de segunda man.
Teñen en troques estes poemas unha antiburguesa
incomodidade. Inútiles como pasatempo, requiren certa colaboración auditiva,
inda que non pertenzan esclusivamente a "aristocratie nevropathique"
do profesor Babinski.
Esquenceu a gramática lóxica e a lóxica gramatical; os temas
consagrados, as formas invioladas. A sua única páxina romántica e o suicidio do
seu sentimentalismo.
Entende a honradeza literaria escribindo somentes para sí. E
tería pola máis alta razón do seu aristocratismo que ninguén fose quen a
recoller por enteiro a sua espontánea expresión.
Recoméndovos entre os seus poemas o "Madrigal á Lúa
preñada", onde o poeta oferta o seu amor seisual a Lúa, pobre nena
burguesa a quen volveron histérica todos os castos poetas do mundo; a
"Balada imprevista dos pinos solteiros", "O sorriso dos (o)llos
axionllados", e o "Poema para ler pasado mañán".
Comencei decindo que desexaba desprestixiar o autor deste
libro; non sei se o conseguín, mais contando co gusto das nosas xentes, coido
que si.
Trato de desprestixialo por que coido que as persoas para
quen ten prestixo o prestixo non deben ler este libro. Aínda así e todo, os
tres centos por cen dos que o lean non o deberan ler. Isto derradeiro dío o
autor; el saberá por qué. Mais, ó paso que levamos, poida que teña razón en
coidar que o seu libro está máis alá de tres xeneracións.
Santiago do 1924.
Publicado no xornal Galicia, Vigo, 25 de xullo de 1924
6.
2. 2. Prosa (continuaremos no seguinte post)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Por favor, só comentarios que veñan a conto. É moi lamentable pero vinme obrigada a restrinxir comentarios a usuarios rexistrados.