TEMA
1 (1º Bac.): A COMUNICACIÓN E A LINGUAXE
A comunicación é a transmisión intencional de información mediante un
sistema de signos (código) coñecido tanto por quen emite a información (emisor)
como por que a recibe (receptor). O coñecemento do código pode ser de carácter
innato, como sucede no caso da comunicación animal, ou aprendido, como sucede
no caso da comunicación humana. A comunicación pode ir desde a simple emisión
dun estímulo que espera unha resposta por parte do receptor (comunicación
animal) a mensaxes de gran complexidade e abstracción, que é o que permite
facer a comunicación verbal, exclusiva dos seres humanos.
Elementos da comunicación: O lingüista ruso Roman Jakobson
estableceu en 1948 os factores ou elementos da comunicación e relacionounos
coas funcións da linguaxe como se pode ver no seguinte esquema:
CONTEXTO
Función referencial
EMISOR MENSAXE
RECEPTOR
Función
expresiva Función poética
Función conativa
CANLE
Función fática
CÓDIGO
Función metalingüística
O emisor é quen inicia o acto de comunicación
mediante a transmisión dunha mensaxe dirixida a un receptor utilizando un
código común a ambos os dous. O medio polo que se transmite esta mensaxe é a
canle e todas as circunstancias exteriores que rodean o acto comunicativo é o
contexto.
As funcións da linguaxe teñen moito que ver con
onde o emisor decide poñer o interese fundamental da súa comunicación, é dicir,
cal destes factores comunicativos cobra maior relevancia no acto de
comunicación. Así, se o foco de atención está nos sentimentos do emisor,
falamos de que predomina a función expresiva; se o que se pretende é lograr
unha reacción do receptor, falamos de función conativa; se o centro da
comunicación é o contexto estamos diante da función referencial; se a intención
é comprobar que a canle pola que circula a mensaxe funciona ben, estamos usando
a función fática; cando a forma da mensaxe é o principal o que predomina é a
función poética e, finalmente, cando nos centramos no propio código, función
metalingüística.
Empezamos falando da comunicación en xeral e
acabamos falando da comunicación específicamente humana, a comunicación verbal.
Os animais comunícanse entre si dunha maneira
innata, é dicir, nacen aprendidos, e os seres humanos, que despois de todo
somos tamén animais, sabemos comunicarnos tamén deste xeito, sen palabras,
mediante signos olfactivos, acústicos, táctiles e visuais. Pero a comunicación
verbal permítenos máis posibles mensaxes e máis complexos. Onde reside a
diferenza? Na natureza do signo lingüístico.
O signo lingüístico foi descrito polo
lingüista suízo Ferdinand de Saussure coas seguintes características:
–É biplano:
consta de dúas caras estreitamente relacionadas: o significante e o
significado. O significante é a parte material do signo, a sucesión de sons que
percibimos formando unha “imaxe acústica”. O significado é o concepto ao cal
asociamos esa secuencia sonora, é dicir, a “imaxe mental” que creamos ao
escoitar, por exemplo, unha palabra.
–É lineal:
Os sons que compoñen o significante desenvólvense linealmente e os signos vanse
encadeando, tamén linealmente, na cadea falada.
–É
arbitrario e inmotivado. A relación entre significado e significante non
responde a unha regra lóxica, é unha relación inmotivada, froito dun acordo
entre unha comunidade de falantes que o acepta de maneira arbitraria. A
dimensión social da linguaxe humana cobra aquí relevancia.
–É
articulado: As unidades lingüísticas son susceptibles de dividirse en unidades
máis pequenas que poden á súa vez ser reutilizadas na construción de novas
mensaxes. Así segmentando por medio dos procedementos de oposición e
combinación podemos falar de dobre articulación da linguaxe:
· A 1º articulación está
formada por unidades que teñen significante e significado.
· A 2ª articulación está
formada polas unidades máis pequenas que teñen significante pero non significado.
Dentro da 1ª articulación da linguaxe, polo
tanto, estarían unidades lingüísticas con significante e significado, de maior
a menor: texto, oración, frase, palabra, monema.
Dentro da 2ª articulación estaría a unidade máis
pequena, con significante pero sen significado: fonema.
Deste xeito, a partir de 26 fonemas, combinados
entre si, podemos construír innumerables signos lingüísticos que, á súa vez,
combinados entre si, son capaces de crear infinitas mensaxes.
Os estudos lingüísticos especilizáronse no
estudo do funcionamento destas unidades lingüística que acabamos de distinguir,
desde a gramática do texto (textos), a sintaxe (oracións e frases), a
morfoloxía (palabras e monemas) ata a fonoloxía (fonemas).
Para rematar co tema, imos definir tres
conceptos básicos que utilizaremos máis dunha vez ao longo do curso:
Linguaxe: é a capacidade humana de comunicarse
mediante signos lingüísticos.
Lingua ou idioma: cada unha das
manifestación sociais concretas da linguaxe. Cada lingua é un sistema de signos
(un código) e as regras que permiten combinalos.
Fala: é a utilización que cada individuo pertencente
a unha comunidade lingüística fai da súa lingua.
Grazas por estos apuntes profesora.
ResponderEliminarServiume de moito, grazas, agora e mais facil estudar.
ResponderEliminargrazas por isto, porque pareceume que o entendera a primeira, pero agora si que o entendo ben. son uns apuntes fantasticos
ResponderEliminar