TEMA 5 (1º Bac): A POESÍA TROBADORESCA GALEGO-PORTUGUESA (I)
Introdución
Entendemos por poesía
trabadoresca galego-portuguesa a produción poética medieval feita en lingua
galega (ou galego-portuguesa) entre finais do século XII e mediados do século
XIV. Consta dun conxunto de 1680 cantigas de tema profano transmitidos por tres
cancioneiros manuscritos e 427 cantigas de tema relixioso, as Cantigas de Santa
María, recollidas en catro códices.
5. 1. A poesía profana
A poesía trobadoresca nace no sur
da actual Francia, a Occitania, como o produto cultural máis requintado das
ricas cortes feudais. É unha arte laica, á marxe do control eclesiástico, que
exalta o amor heterosexual e o servizo ás damas como un camiño de perfección do
ser humano. Esta cultura aristocrática cortesá, literaria e musical, axiña se
estendeu por toda Europa. Nalgúns lugares prendeu e chegou a ter un
desenvolvemento propio, como é o caso das cortes reais e aristocráticas do
occidente da Península Ibérica: a escola trobadoresca galego-portuguesa.
A nosa lírica medieval, polo
tanto, é de carácter trobadoresco. Nace entre finais do século XII e principios
do século XIII, inspirada na literatura que estaba de moda en Europa: a lírica
trobadoresca occitana. Dela toma o
tema fundamental, o amor cortés, así como as formas poéticas e musicais.
Porén, a escola trobadoresca
galego-portuguesa axiña adquirirá personalidade propia, tanto na súa
interpretación do amor cortés a través do xénero da Cantiga de amor, como na
adaptación ao estilo trobadoresco da tradición autóctona da canción de muller a
través das Cantigas de amigo. Polo que respecta ás Cantigas de escarnio e
maldicir, se ben ten relación co xénero occitano do sirventés, presenta temas e
tratamentos formais característicos.
Dos tres xéneros que acabamos de
mencionar, dous teñen como tema fundamental a expresión do amor entre un home e
unha muller: as cantigas de amor e as cantigas de amigo. O terceiro, as
cantigas de escarnio e maldicir, teñen como obxecto a crítica burlesca dunha
gran variedade de temas: sociais, políticos, literarios, etc. A maioría das
cantigas que se conservaron pertencen a un destes tres xéneros, pero tamén hai
exemplos doutros xéneros como a alba, a pastorela ou o pranto.
A cantiga de amor traspón as relacións sociais xerárquicas que
ordenaban o mundo feudal ás relacións amorosas. Deste xeito o poeta, na cantiga de amor a voz poética é sempre a do
poeta namorado, considérase un vasalo ao servizo da dama á
que nomea como senhor. A
senhor aparece como un ser idealizado,
inalcanzable na súa perfección e o poeta sabe que non é merecedor dela, polo
que o servizo amoroso é unha fonte de sufrimento que chama coita de
amor. Porén, a súa perseveranza é
considerada como un camiño de perfección que o achega a Deus. A coita de amor é
o tópico fundamental sobre o que xiran estas cantigas. O único que queda por
saber é como afronta con resignación ou se rebela contra el o poeta. Outros
aspectos complementarios que se adoitan tratar son: a descrición da amada, o
amor (forzado) a primeira vista, o amor non correspondido e a perseveranza do
poeta perante o desdén da dama, a necesidade de manter en segredo o amor, o
pesar da señor polo amor do poeta e a obsesión amorosa do poeta.
A cantiga de amigo presenta a relación amorosa desde o punto de vista
feminino. A voz poética, polo tanto, é a dunha muller (raramente é unha voz en
3ª persoa que narra o que sucede entre os namorados) que nos fala, a nós ou a
outro interlocutor, da súa experiencia amorosa. Trátase dun amor correspondido,
ou con moitas probabiblidades de selo, non só espiritual senón tamén
físicamente. En moitos casos a cantiga de amigo é o reverso da cantiga de amor
pero humanizada: aparecen todos os tópicos do amor cortés, pero a dama que
agora fala xa non é aquel ser frío e inaccesible, moitas veces cruel, da
cantiga de amor, senón unha muller que padece tamén o sufrimento do amor.
Noutro tipo de cantigas de amigo,
chamadas popularizantes, a amiga ten un papel moi activo na relación amorosa,
preséntase rodeada da natureza, disposta para un encontro amoroso que pode
producirse, colmando aos amantes de felicidade, ou non, causando unha gran frustración.
Tanto nun caso coma no outro, os elementos da natureza escollidos na ambientación cobran un importante valor
simbólico, dándonos información acerca do
que pasou ou vai pasar. Temas frecuentes nas cantigas de amigo son: a concordia
amorosa, o amor prohibido, a indiscreción do amigo, a ruptura, a separación e a
coita da amiga.
As cantigas de escarnio e
maldicir teñen unha finalidade lúdica,
pois buscan facer rir ao público utilizando a burla e a ironía para criticar
variados aspectos da sociedade e dos acontecementos políticos e literarios
contemporáneos. A sátira política
foi utilizada en ocasións para intervir en conflitos que tiveron moita
importancia histórica intentando influír na opinión pública. Un exemplo disto
serían as cantigas onde Alfonso X critica a covardía dos seus cabaleiros na
guerra de Granada das que temos un exemplo en O genete. A
sátira social, persoal e de costumes
critica as faltas e excesos de personaxes e grupos sociais, moitas veces a partir
de personaxes arquetípicos: Ex. as sátiras contra os infanzóns e cabaleiros da
baixa nobreza, os cabaleiros que non gardan o decoro, etc. Un grupo importante
de cantigas utiliza unha temática abertamente obscena na súa crítica contra as
soldadeiras, os clérigos viciosos, os homosexuais, pedófilos, onanistas, etc. A
sátira literaria mostra a estreita
relación e interacción que existía entre os trobadores e xograis: críticas ás
composicións dos outros, sátiras sobre certos tópicos do amor cortés, debates
dialogados, acusacións de plaxio ou incompetencia, etc. Máis escasos son os
exemplos de sátira moral con intención de queixarse da perda xeral de valores
no mundo e a defensa polos bos costumes e a virtude dos tempos pasados, un
subxénero que se remonta á antigüidade clásica.
Recursos formais
Dous apuntamentos sobre a
métrica: os versos adoitan se de igual medida, se o número de sílabas é
diferente entre os versos dunha estrofa esa diferenza debe repetirse nas
seguintes. Entre estrofas pode haber variación métrica. A variación tamén pode
darse na rima nas diferentes estrofas.
A maioría dos recursos formais da
poesía galego-portuguesa teñen que ver coa repetición, algúns deles son
específicos desta escola:
Dobre: repetición dunha palabra dúas ou máis veces na mesma
estrofa, en todas as estrofas e no mesmo lugar.
Mordobre: é un artificio similar ao dobre pero no canto da
mesma palabra usa palabras da mesma familia léxica.
Palabra rima: unha palabra ou secuencia de palabras repetida en
posición de rima no mesmo verso de todas as estrofas.
Rima derivada: o mesmo cá palabra rima pero en vez de tratarse
dunha palabra trátase de palabras da mesma familia léxica.
O paralelismo: o paralelismo
literal dáse entre versos que se repiten
case idénticos cunha pequena variación como o cambio dunha palabra por un
sinónimo. O leixa-pren consiste en repetir o 2º verso da 1ª
estrofa como 1º verso da 3ª estrofa, o 2º verso da 2ª estrofa como 1º verso da
4ª estrofa e asísucesivamente.
Procedementos de ligazón entre
estrofas: Ademais do leixa-pren,
utilízanse outros procedementos que facilitarían a memorización das cantigas
para os intérpretes.
-Cobras
capcaudadas: O primeiro verso dunha estrofa retoma a rima do último verso da
anterior.
-Cobras
capfinidas: o 1º verso da 2ª estrofa retoma un lexema, palabra ou frase do
último verso da estrofa anterior.
-Cobras
capdenals: son as que teñen versos que comezan pola mesma palabra ou grupo de
palabras.
Cantigas atehudas: son aquelas nas que o sentido dunha estrofa non se
completa ata a estrofa seguinte e así sucesicamente vanse encadeando as
estrofas. Ao final poden ter uns versos finais, a fiinda, onde remataría o
sentido a última estrofa e chegariamos á conclusión. Esta posibilidade chámase cantiga
de ata fiinda.
Polo que respecta ás figuras
literarias de pensamento, as máis frecuentes son:
O paradoxo: é unha figura que se basea en atentar contra a
lóxica, por exemplo, na afirmación de dúas sentencias que se contradín: ex. Ora
non moiro, nen vivo, nen sei(...)
A perífrase: consiste en empregar unha frase ou oración alusiva
no canto de usar a palabra directamente: ex. a que me sempre desamou
no canto de a minha senhor.
A comparación: moitas veces funcionan como simples estereotipos
(son sempre as mesmas): ex. a mais fremosa de quantas Deus fez.
A hipérbole: É unha figura moi importante na poética
trobadoresca, tanto para os xéneros amorosos como os burlescos: ex. acusar a
Deus de pecar por permitir que os seus vasalos se namoren sen esperanza.
Hiperbólica é toda a narración que fai Eanes Coton sobre a ansia de quedar ben
sen gastar de Don Fagundo.
A metáfora: o xénero que máis utiliza este recurso é o de
escarnio: ex. na cantiga de Pero da Ponte, a maeta ferrada que
perdeu o cadeado é unha clara metáfora
dos órganos sexuais de María Balteira, accesibles a calquera.
O símbolo: presente nun pequeno pero importante grupo de
cantigas de amigo. Son elementos da natureza (fonte, auga, auga avolta, cervo,
lavar cabelos, mar, ondas, flores, aves cantoras) ou obxectos (anel, cinta,
rachar a tea do vestido, brial, camisa).
A ironía: consiste en afirmar o contrario do que se pensa
con intención de burlarse desa afirmación. O xénero que máis a utiliza é o de
escarnio, ex: a 1ª cantiga de Pero da Ponte, Quen a sesta quiser dormir,
baséase nesta figura.
O equívoco: é unha figura que xoga cos dobres sentidos das
palabras, provocando ambigüidade e un sentido oculto (ás veces difícil de
descubrir) que agacha unha crítica feroz. é o caso da 2º cantiga de Pero da
Ponte, María Pérez, nossa cruzada.
BIBLIOGRAFÍA: Arias Freixedo, X.B. (2003). Antoloxía da lírica galego-portuguesa, Vigo, Ed. Xerais